Alfredo Vicenti
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de novembro de 1850 Santiago de Compostela, España |
Morte | 30 de setembro de 1916 (65 anos) |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, autor, escritor, político |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | Eulalia Vicenti |
Alfredo Vicenti Rey, nado en Santiago de Compostela o 20 de novembro de 1850 e finado en Madrid o 30 de setembro de 1916, foi un médico, poeta, xornalista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou Medicina e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, carreiras nas que nunca exerceu, pois dedicouse pronto ao xornalismo e á política.
En 1875 comezou a redactar en Santiago o texto de A orillas del Ulla, que publicou no xornal ourensán El Heraldo Gallego dirixido polo seu amigo Valentín Lamas Carvajal. Xa era redactor xefe de El Diario de Santiago cando se produciu o levantamento cantonal de Ferrol en 1872. En 1878 é xa director deste diario, cuxa cabeceira foi substituída logo pola de Gaceta de Galicia.
O cardeal Payá y Rico excomungouno ese mesmo ano e en 1880 marchou a Madrid. Alí substituíu a Manuel Murguía na dirección de La Ilustración Gallega y Asturiana de Alejandro Chao (1880-1882); tamén foi unha peza importante na progresión de El Globo, o gran diario de Emilio Castelar (1880-1895).
Aínda o dirixía, cando logrou convocar representantes de máis de vinte xornais e seis axencias de distintas tendencias políticas para crear a Asociación de la Prensa de Madrid (15 de febreiro de 1895).[1] Cedeu a Miguel Moya a presidencia e, descontento coa deriva política de Castelar, abandonou El Globo e grazas a Moya introduciuse como redactor xefe de El Liberal do que foi director de 1907 ata que morreu en 1916.
En 1910 participou en mitins agrarios en Galiza e chegou a ser candidato republicano-agrario a Cortes polo distrito de Becerreá nas eleccións de 1910, sendo derrotado por Antonio Goicoechea Cosculluela; porén foi elixido deputado polo distrito de Santa Cruz de Tenerife. Volveu ser elixido deputado polo distrito de Ordes nas eleccións de 1914 e polo de Arzúa en 1916.
O seu ideario era o do partido demócrata e sostivo unha ideoloxía republicana e federal, partidaria da autonomía galega, iberoamericanista, anglófila e lusitanista. Anticlerical, defendeu con todo a liberdade de cultos. Foi amigo de Galdós, de Ramón María del Valle-Inclán, a quen descubriu, e de Castelao.
Casado con Emília Díez de Tejada e Hurtado de Mendoza, foi pai adoptivo de Eulalia Vicenti Díez de Tejada, xornalista e figura importante na loita feminista española, e tataravó do barítono internacional Jorge Chaminé, Medalla de Dereitos Humanos da Unesco e Músico para a Paz, nomeado en novembro de 2011.
Obra
[editar | editar a fonte]Pertenceu á chamada xeración do 68 ou xeración de Fonseca xunto cos irmáns Jesús e Andrés Muruais, e Rafael Villar (avogado do cura Cayetano Galeote).
Foi famoso polas súas descricións e perfís biográficos, os seus artigos de fondo e os seus editoriais. Pero foi tamén un extraordinario reporteiro, que cubriu a grave enfermidade de Afonso XII, a cuestión das Illas Carolinas, a presenza do protestantismo, a prerrevolución rusa de 1905 ou o asasinato do bispo de Madrid. Deu conferencias no Ateneo. En Madrid defendeu e divulgou as ideas do movemento agrario Acción Gallega.
Escribiu un volume titulado Recuerdos, (1868-1875): colección de poesías (Ourense: Estab. Tipográfico da Propaganda Galega, 1876), que tivo segunda edición en 1878 e está prologado por Manuel Murguía. Tamén publicou Dioses menores: A orillas del Ulla (Perfiles gallegos) (1875-1881). Imprimiuse o seu Discurso pronunciado por Alfredo Vicenti no Congreso dos Deputados o día 2 de xuño con motivo da discusión dos orzamentos, (Madrid, 1887).
A Asociación de la Prensa de Madrid, o Consello da Cultura Galega e a Deputación Provincial de Pontevedra recuperaron a través do historiador José Antonio Durán a figura de Vicenti e moitos dos seus escritos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aneiros (2007), p. 77
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfredo Vicenti |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Vicenti Rey, Alfredo". Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "Vicenti Rey, Alfredo". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Vicenti Rey, Alfredo". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Aneiros Díaz, Rosa (2007). Xornalistas con opinión: 20 biografías. Vigo: Galaxia / Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-8288-807-1.
- Cores Trasmonte, Baldomero (2009). Alfredo Vicenti, vida y obra de un gran periodista (PDF) (en castelán). Madrid: APM. ISBN 978-84-87641-40-4.
- Curros Enríquez, Manuel (1911). Hijos ilustres de Galicia. Obras Completas v. IV (en castelán). Madrid: Sucesores de Hernando.