José Villaverde Velo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José Villaverde Velo.

José Villaverde Velo, nado en Santiago de Compostela en 1894 e fusilado o 24 de setembro de 1936, foi un tallista de profesión e anarcosindicalista galego, Secretario Xeral da Confederación Rexional Galaica da CNT entre 1931 e 1933.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Traballou desde novo como tallista de imaxes relixiosas, estando presente xa desde mozo no movemento sindical. Con 15 anos foi un dos organizadores da Federación Local de Sociedades Obreiras de Santiago, e con 21 presidiu a Sociedad de Carpinteros y Ebanistas.

Entre 1918 e 1930 viviu en Vigo, onde intimou con Ricardo Mella. Convertido en carpinteiro de ribeira, exerceu cargos na UXT, sindicato no que estaba integrada a sociedade de resistencia do seu oficio. Ao pouco centrouse no desenvolvemento do semanario Solidaridad Obrera e na consolidación da CNT na cidade olívica. Ao tempo, dirixiu os voceiros El Despertar Marítimo e ¡Despertad!, e coincidiu no grupo libertario Solidaridad con Ángel Pestaña e Joan Peiró, partidarios coma el dun anarcosindicalismo moderado, lonxe dos ideais máis radicais da FAI. En 1930 escribiu o epílogo da obra Problemas del Sindicalismo y del Anarquismo, do propio Peiró.

Tumba de José Villaverde Velo no cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

Constituíu a Federación Nacional da Industria Pesqueira xunto co patrón coruñés Manuel Montes, e tras ser elixido director de Solidaridad Obrera, mudouse á Coruña.

Alí foi nomeado Secretario Xeral da CRG pouco despois da chegada da II República, pasando a Confederación durante o seu secretariado dos 13.000 aos 33.000 afiliados. Deixou o cargo en 1933, tras ser asexado pola militancia máis radical. En 1934 Ángel Pestaña intentou integralo no Partido Sindicalista, pero non quixo.

Coa chegada do Alzamento Nacional foi detido e encarcerado, sendo fusilado en setembro de 1936 ao negarse a liderar os novos sindicatos falanxistas.

Tamén colaborou cos periódicos La Calle, CNT, Solidaridad Obrera (de Barcelona) e Combate Sindicalista (de Valencia).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]