Saltar ao contido

Fernando Álvarez de Sotomayor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFernando Álvarez de Sotomayor

(1905) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Fernando‏ Álvarez de Sotomayor y Zaragoza Editar o valor en Wikidata
25 de setembro de 1875 Editar o valor en Wikidata
Ferrol, España Editar o valor en Wikidata
Morte17 de marzo de 1960 Editar o valor en Wikidata (84 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacamposanto de San Isidro Editar o valor en Wikidata
Procurador nas Cortes
16 de maio de 1958 – 17 de marzo de 1961 – Antonio Gallego Burín →
Director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando
28 de decembro de 1953 – 26 de decembro de 1955 (renuncia)
← Aniceto MarinasModesto López Otero →
Director do Museo do Prado
22 de setembro de 1939 – 1960
← Pablo PicassoFrancisco Javier Sánchez Cantón →
Alcalde da Coruña
1939 – 1939
← Juan González RegueralJosé Pérez-Ardá López Valdivieso →
Membro da Asemblea Nacional Consultiva
10 de outubro de 1927 – 15 de febreiro de 1930
Vogal da Xunta para Ampliación de Estudos e Investigacións científicas
1926 –
Académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando
2 de xaneiro de 1922 – 21 de marzo de 1960
← José Villegas CorderoDaniel Vázquez Díaz →
Director do Museo do Prado
1922 – 1931
← Aureliano de Beruete y MoretRamón Pérez de Ayala → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónReal Academia de España en Roma
Instituto Cardenal Cisneros Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor, político Editar o valor en Wikidata
Membro de
AlumnosJorge Letelier Núñez, Julio Ortiz de Zárate, Marisa Roesset Velasco e Rosario de Velasco Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosMaría del Rosario Álvarez Editar o valor en Wikidata
PaiPedro Álvarez de Sotomayor y Flores Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Enciclopedia Galega Universal: 72697 BNE: XX1000828 BUSC: sotomayor-fernando-1875-1960 Dialnet: 2520251 Arquivo Histórico de Deputados: 4920

Fernando Álvarez de Sotomayor Zaragoza, nado en Ferrol o 25 de setembro de 1875 e finado en Madrid o 17 de marzo de 1960, foi un pintor académico galego.

Como pintor destaca polos seus cadros costumistas de tema galego, como Comida de voda en Bergantiños.[1] Foi tamén moi solicitado como retratista, chegando a executar varios retratos de Afonso XIII. Desde o punto de vista técnico afastouse das vangardas e mantivo unha gran preocupación pola precisión formal, moi en especial no coidado da composición e da cor, na reprodución da indumentaria e da expresión dos rostros.

De ideoloxía monárquica e máis tarde adepto ao franquismo, exerceu como director do Museo do Prado en dúas etapas (1922-1931 e 1939-1960). Así mesmo, foi designado alcalde da Coruña entre agosto de 1938 e marzo de 1939.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Sotomayor naceu no seo dunha familia da nobreza. O avó paterno, por exemplo, era mordomo de Afonso XII. O pai, tenente de navío, nacera en Cuevas de Vera (Almería), e estaba destinado en Ferrol como instrutor na fragata Numancia. O pintor, segundo de tres irmáns, naceu no domicilio familiar do 132 da rúa Real de Ferrol. O pai morreu cando Fernando contaba catro anos e a familia trasladouse a Madrid, cidade natal da nai.[2]

En 1884 conseguiu unha praza no Real Colexio de El Escorial, onde iniciou estudos de Bacharelato. En 1887 a familia trasladouse a Toledo, onde continuou estudos de Bacharelato e seguiu desenvolvendo a súa vocación cara a pintura ao carón do profesor de debuxo José Gutiérrez e do paisaxista José Vera. A consecuencia dun novo traslado familiar a Madrid iniciou en 1892 os seus estudos universitarios. Inscribiuse en Dereito e despois de dous anos en Filosofía e Letras, sen rematar ningunha carreira. En paralelo traballou no obradoiro do pintor Manuel Domínguez e acudía a clases na Escola Superior de Pintura, Escultura e Gravado.[3]

Pensionado en Roma, primeiros éxitos profesionais

[editar | editar a fonte]

En 1899 gañou unha pensión da Escola de San Fernando para a Academia de Belas Artes de Roma, á que se incorporou a inicios de 1900. Dende a cidade italiana viaxou a París, Países Baixos e Bélxica. Iso permitiulle coñecer aos impresionistas franceses e á pintura flamenga e holandesa. A obra de Frans Hals e a de Joaquín Sorolla serían decisivas na súa obra.[4]

De retorno a Madrid na primavera de 1904, logrou unha medalla de ouro de segundo clase na Exposición Nacional de Belas Artes, cun cadro de tema mitolóxico, Orfeo perseguido polas bacantes [5]. Na Exposición de 1906 logrou o primeiro premio con Os avós [6]. Nesta obra, unha das súas primeiras aproximacións ao mundo agrario tradicional, retrata unha parella de campesiños segovianos, froito dunha estadía en El Paular no verán de 1905. Con posterioridade obtén outros recoñecementos como o primeiro premio na Exposición Internacional de Barcelona de 1907 ou a medalla de ouro da Exposición Internacional de Múnic de 1909.[7]

Regreso a Galicia

[editar | editar a fonte]

No outono de 1905 regresou a Galicia para asistir na Coruña ao casamento do seu irmán máis novo. Na voda coñeceu Pilar Castro Gómez, irmá da noiva, con quen acabaría casando na igrexa de Santiago da Coruña o 11 de xullo de 1907. O matrimonio pasaría longas estadías en Galicia, en especial nos pazos de Mende e Sergude. Seducido polo ambiente sinxelo da vida aldeá, o pintor preparou a súa serie de temas galaicos. Nesta etapa figuran obras como O segador, Saíndo de misa no pazo de Mende e Comida de voda en Bergantiños.[8]

Comezou a pintar personaxes populares, como labregos galegos, cun estilo moi influenciado pola pintura do Século de ouro neerlandés, que provocou unha gran polarización na valoración das súas obras, pois a xente mostrábase entusiasmada ou moi en contra do seu xeito de pintar.[9] Pola súa maneira de recoñecer a cultura do pobo e por introducir un xeito novo de pintar (aínda que moi afastado das vangardas) foi un dos precursores dos Renovadores da arte galega do século XX.

Profesor e Director da Escola de Belas Artes de Santiago de Chile

[editar | editar a fonte]

Na primavera de 1908 naceu a súa primeira filla, María del PIlar, e asinou un contrato como profesor de Composición e colorido da Escola de Belas Artes de Santiago de Chile, onde arribaron en agosto. As complicacións derivadas do parto da segunda filla do matrimonio, María del Carmen, motivaron o regreso a España en decembro de 1910. O regreso a Chile, xa nomeado director da escola, demorouse até febreiro de 1912.

En Chile destacou como retratista da alta sociedade, con obras como o Retrato de dona Luísa Mendeville Valdés. Promoveu a adquisición de pintura española e a representación de temas populares. Foron alumnos ou discípulos seus varios pintores do que en Chile se coñece como Xeración do 13[10].

Éxito artístico e dirección do Museo do Prado

[editar | editar a fonte]

A inicios de 1915 o matrimonio regresou de maneira definitiva. Estabeleceuse entre Madrid e A Coruña, onde nacería en 1915 a terceira filla, Ana María, e en 1917 o primeiro varón, Fernando. Ese mesmo ano presentou dez obras na Segunda Exposición de Arte Galega da Coruña, entre elas Comida de voda en Bergantiños ou o Retrato de Carlos Servet.[11]

O éxito dos seus retratos e obras costumistas convertérono nun dos personaxes máis relevantes do medio artístico oficial. A finais de 1918 foi nomeado subdirector do Museo do Prado. No segundo semestre de 1920 realizou un retrato de Afonso XIII por encargo do ministerio de Instrución Pública. Pouco despois recibiu do ministerio da Guerra o encargo dun retrato da raíña Vitoria Uxía, ben que a conclusión do cadro demorouse polos sucesivos relevos no ministerio.

En xuño de 1922 relevou a Aureliano de Beruete na dirección do Prado. Con Francisco Javier Sánchez Cantón como subdirector, traballou na reorganización das coleccións, na ampliación do museo ou na conmemoración do centenario da morte de Goya.

Ao longo da década Sotomayor tivo ocasión de viaxar por distintas capitais europeas, ampliando o mercado para os seus cadros. En 1929, con ocasión da Exposición Internacional de Barcelona, dedicóuselle unha ampla retrospectiva.[12]

A II República e a Guerra Civil

[editar | editar a fonte]

Sotomayor recibiu numerosos encargos en Londres, onde estivera por primeira vez en 1922. En febreiro de 1931 regresou á capital británica, onde o sorprendeu a proclamación da República. Poucos días despois dimitiu do cargo de director do Museo do Prado.

Ante a nova situación política Sotomayor trasladou a súa residencia a Lamastelle, en Oleiros, onde tiña unha casa de veraneo, e despois ao número 2 da rúa coruñesa de Linares Rivas. Case sen encargos e desgustado coa evolución política, viaxa a Buenos Aires, París e outras capitais mirando de vender os seus cadros.[13]

O 21 de decembro de 1935, de regreso de Madrid, sufriu un accidente de automóbil en Pedrafita. Fracturou dúas vértebras e tivo que ser trasladado de urxencia a Madrid. Como resultado, pasou varios meses sen poder pintar.[14]

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo Rubio, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo.

Sotomayor manifestaba abertamente o seu apoio á monarquía. En marzo de 1935 asistiu á voda de Xaime de Borbón en Roma, a quen entregou en nome de Renovación Española un libro de sinaturas e un cadro da Virxe das Dores que el mesmo realizara. Así mesmo, frecuentou a políticos como Calvo Sotelo, con quen estivo pouco antes do seu asasinato.[14]

Sotomayor recibiu a nova da súa morte en Lamastelle. Temoroso dun atentado, marchou ao balneario de Guitiriz. Ao producirse a sublevación militar refuxiouse nunha casa que o seu cuñado José Castro tiña en Curtis.[14]

Regresou á Coruña en canto soubo que estaba baixo o control dos militares. Decontado se ofreceu ás autoridades, exercendo tarefas como a presidencia da Comisión Provincial de Monumentos Históricos ou ocupándose en tarefas de aprovisionamento das tropas. Ademais, o seu fillo Fernando morreu na toma de Bilbao en maio de 1937.[15]

Como mostra da súa adhesión ao franquismo, en declaracións ao xornal lisboeta Diário de Notícias recollidas na portada do xornal lugués El Progreso o 30 de marzo de 1937, difunde que o Cristo crucificado de Velázquez, localizado no Museo do Prado, puido ser destruído pola "furia insana, iconoclasta" dos "marxistas" (algo falso, pois o cadro aínda existe) e afirma que volverá ser artista cando "España sea enteramente nuestra, nacionalista, esto es española".[16]

Designado alcalde da Coruña, tomou posesión o 11 de agosto de 1938. Durante o seu mandato logrouse do Goberno de Burgos a cesión da Casa do Real Consulado para a creación do Museo de Belas Artes da Coruña. O seu mandato chegou até o 9 de marzo de 1939, cando foi designado para a dirección do Museo do Prado.[17]

O franquismo

[editar | editar a fonte]

Ao pouco de acceder ao cargo, Sotomayor trasladouse a Xenebra para dirixir unha exposición coas obras do museo depositadas en custodia ante a Sociedade de Nacións. A exposición permaneceu aberta até o 30 de agosto, polo que a repatriación das pezas coincidiu co inicio da II Guerra Mundial.

Nomeado pola República Pablo Picasso para a dirección do Museo, o pintor malagueño nunca chegou a exercer o cargo. A xestión directa do museo seguiu en mans de Sánchez Cantón, o que posibilitou a continuidade dos proxectos emprendidos no seu primeiro mandato.

Co novo réxime ocupouse na organización de varias exposicións de arte español no estranxeiro (a de Berlín de 1942 ou a de Buenos Aires de 1947) ou da I Bienal Hispanoamericana de Arte, celebrada en Madrid en 1951. Nesta última opúxose con rotundidade á inclusión de obras de vangarda, o que provocou unha sonada polémica pública.

Como pintor centrouse no retrato, pois recibiu múltiples encargos, tanto públicos como privados. Entre os encargos públicos cabe destacar varios retratos de Franco ou os retratos de Eva e o xeneral Perón. Estes encargos, moi cotizados, proporcionáronlle unha sólida posición económica.

Finou o 17 de marzo de 1960, dun infarto.

Obra pictórica

[editar | editar a fonte]

Soportes e temática

[editar | editar a fonte]

Case toda a produción de Sotomayor está realizada en óleo sobre lenzo, aínda que tampouco é extraordinario encontrar a táboa como soporte. Os cadros máis relevantes adoitan estar en mediano formato. Consérvanse tamén bastante debuxos a lapis sobre papel, case todos eles apuntamentos de figuras ou escenas.

Desde o punto de vista temático, predominan en Sotomayor os retratos e os cadros de costumes de tema galego:

  • Retrato por encargo. Os retratos por encargo foron unha das principais fontes de ingresos para o autor, en especial a partir do seu regreso de Chile en 1915. Como retratista, Sotomayor destácase pola solemnidade e o interese en transmitir a posición social da persoa retratada, de maneira que se converteu nun retratista cobizado pola alta nobreza e a burguesía da Restauración e o primeiro franquismo.
  • Retrato privado. Sotomayor realizou numerosos retratos de carácter privado, en especial da súa muller e dos seus fillos. Nestes retratos o pintor puido experimentar con actitudes máis desenvoltas do que nos retratos por encargo.
  • Cadros de costumes de tema galego. Desde que na primavera de 1906 Sotomayor asina O gaiteiro, os seus cadros de costumes serán sempre tema galego, quizais a parte máis persoal e coñecida da súa produción.

Sotomayor tratou eventualmente outros temas:

Retratado na década de 1920
  • Mitoloxía. Ademais do xa mencionado Orfeo perseguido polas bacantes, realizado como exercicio obrigatorio durante a súa estadía en Roma, Sotomayor achegouse en varias ocasións ao tema mitolóxico, como O rapto de Europa que obtivo a medalla de ouro na Exposición Internacional de Barcelona de 1907 ou a Leda e o cisne (1918) por encargo do Casino de Madrid. Estes cadros adoitan inspirarse nas Metamorfoses de Ovidio e revelan un atento estudo da escola veneciana, tanto na composición como no colorido.
  • Cadros de costumes de tema non galego. Durante a súa bolsa de estudos, Sotomayor realizou varios cadros de costumes, como Pescadores en Chioggia (1901), resultado dunha viaxe a Venecia, Gitanos de Vera (1902), pintado no cortijo de Cuevas de Vera do seu avó paterno, ou Baile nun staminet, resultado dunha viaxe de estudos a Holanda e Flandres en 1902. No verán de 1905 deu cabo a media ducia de cadros que retratan campesiños segovianos, entre os cales está o xa mencionado Os avós.
  • Relixión. Sotomayor cultivou ocasionalmente o tema relixioso, sempre por encargo ou como forma de agasallo, en especial durante franquismo. Desta temática pode destacarse A éxtase de Ostia (1911), que representa a Santo Agostiño e Santa Mónica, ou a Virxe do Rosario (1946), pintada para o concello da Coruña.
  • Paisaxe. Apenas están catalogados unha ducia de cadros con paisaxes, todos en pequeno formato. A factura é solta e rápida, con forte influencia de Sorolla. Entre os máis interesantes están os que retratan o porto do Berbés, en Vigo, realizados durante unha estadía nas Rías Baixas no verán de 1931.

Estilo e cadros principais

[editar | editar a fonte]

Polo seu papel na arte española como director do Museo do Prado, o furibundo rexeitamento das vangardas artísticas e o seu preciosismo formal, Sotomayor adoita etiquetarse como un pintor academicista ou ecléctico. Alén de etiquetas, a pintura de Sotomayor caracterízase por unha linguaxe tradicional, naturalista e idealizada.

O pintor quere emparentarse coa pintura da segunda metade do XVIII, en especial con mestres como Mengs, Goya ou os retratistas ingleses, coa escola veneciana no manexo da cor e coa pintura barroca española e flamenga.

A maior concesión á modernidade na obra de Sotomayor foi influxo do impresionismo, que absorbeu a través de Joaquín Sorolla. Ao cabo Sorolla alcanzou a fama na última década do XIX, o momento no que o artista ferrolán iniciaba a súa formación como pintor en Madrid. A influencia de Sorolla síntese especialmente no tratamento da paisaxe e na pincelada solta.

Partindo destes referentes, a pintura de Sotomayor mostra unha gran atención ao debuxo, a composición e a cor e a preocupación pola transmisión das calidades dos obxectos. A sensibilidade pola cor obsérvase aínda nos retratos oficiais. Así é no Afonso XIII que pintou contra 1920 por encargo do Ministerio de Instrución Pública. Vestido co uniforme militar ante a paisaxe da serra de Madrid, o monarca está de pé sobre a terra de tons vermellos. Detrás do rei esténdese un campo de tons alaranxados e dourados e máis arriba un ceo cargado de nubes en distintas gamas de azul.

A atención á composición pódese ver en retratos como O pintor Helsby (1908), elaborado ao pouco de chegar a Chile. O rostro do retratado disponse de fronte, lixeiramente ladeado, mentres os brazos, cruzados sobre o peito, marcan un pronunciado escorzo. Vestido de negro, a luz incide no seu rostro e nos seus dedos, dos que apenas nos distrae o ceo nubrado do atardecer.

Pon tamén extremo coidado na composición dos seus cadros de costumes. Un exemplo temperán é Interior en Mende. Vista en contrapicado, unha criada descende as escaleiras do sobrado coa súa carga na cabeza. É a diagonal da caixa de escaleiras e da varanda a que organiza o cadro, xunto cos contrastes de luz e sombra

Outro cadro de costumes cunha composición lograda é Segador galego (Montaña de Arzúa, Galicia), datado en 1907. Un campesiño, de intensos ollos azuis, sostén a ollada do espectador, mentres a súa cabeza queda enmarcada pola gadaña que porta ao lombo. A coitela e o mango crúzanse nunha violenta diagonal no extremo superior esquerda. O segador aparece nun primeiro plano moi acusado, desprazado cara as esquerda de imaxe. O seu peito e os seus ombros, captados de tres cuartos levan a nosa ollada cara ao fondo, onde se albiscan os prados. O encadramento corta a gadaña e o sombreiro; nada máis deixa adiviñar un anaco da parede dunha vivenda. Este cadro, depositado polo Prado no Museo de Belas Artes da Coruña, é a maior aproximación á linguaxe da vangarda na carreira de Sotomayor.

As composicións con diagonais e acentuados contrastes lumínicos son recorrentes na súa obra. Comida de voda en Bergantiños organízase a partir da diagonal que describe a mesa, onde refulxe o mantel branco. Nos extremos do cuarto a luz esmorece, até acabar nunha forte penumbra.

O colorido é outra das habilidades do pintor. Nos cadros de costumes está especialmente presente nos traxes femininos. Os panos, os dengues e os mandís coloréanse nunha variada gama de laranxas, amarelos ou encarnados. No traxe dos homes adoita usar brancos e pardos.

A preocupación polas calidades das telas trasládase tamén aos obxectos, como a louza ou as froitas. Nos retratos as calidades poñen de manifesto o status social do retratado. Tanto nos retratos como nos cadros de costumes aténdese con esmero á pose, que realza a dignidade da figura.

O colorido e as calidades teñen moito que ver cun atento estudo dos cadros da escola veneciana. A vinculación cos mestres do pasado reitérase na súa obra, tanto na técnica como na aparencia dos personaxes. Un exemplo claro, aínda que sutil, pode ser Filipe e Antón (1906), onde a expresión e os cacharros que sosteñen ambos personaxes remiten ao borracho central de O triunfo de Baco, de Velázquez.

Por suposto, presta moita atención á fisonomía, que reproduce con fidelidade, aínda que sempre de modo compracente para o retratado. Todos estes detalles fan que os seus retratos acaben sendo ríxidos e repetitivos.

É nos retratos privados onde se libera da solemnidade. Sotomayor retratou con frecuencia á súa muller e fillos. Como exemplo da espontaneidade pode mencionarse o retrato da súa muller que asinou en 1913, hoxe propiedade do Raíña Sofía. Nesta obra, o corpo de Pilar aparece de perfil, coa cabeza xirada cara o espectador en tres cuartos.

Este xiro crea un gran dinamismo, completado pola diagonal que forma o brazo remangado e o rostro da muller. O vestido, unha sinxela blusa branca, sen máis xoias que unha pulseira de ouro, o sorriso franco e a pincelada solta, a manchas nas sombras da blusa, completan a sensación de apuntamento do natural. A mesma idea pode apreciarse nos retratos dos fillos, en especial nos que lles adicou cando nenos.

Recepción crítica e principais exposicións

[editar | editar a fonte]

Sotomayor comezou a ser un pintor estimado trala súa estadía en Roma. Con todo a súa consagración definitiva chegou ao seu regreso de Chile. O éxito de Comida de voda en Bergantiños deu pé ao entusiasmo cos seus cadros de costumes. Nunha carta datada en 1919 Castelao noméao, xunto de Francisco Llorens e Antonio Palacios, como a santa trindade da arte galega. Como retratista o seu Afonso XIII de 1920 marca o seu éxito definitivo entre a alta sociedade española.

Secasí, ao longo da década dos anos vinte xurdiron numerosas voces críticas co seu traballo. Nesa década gañaron sona obras máis audaces na representación do campesiñado galego, como poden ser as esculturas de Asorey, os debuxos do propio Castelao ou os primeiros óleos de Colmeiro. Estes artistas, máis novos que Sotomayor, deixaban en evidencia a súa linguaxe artística reaccionaria e a visión idealista e romantizada da vida labrega.

Algo semellante sucedería cos seus retratos. A repetición de fórmulas conservadoras e a énfase no status social dos retratados deron lugar a que os retratos de Sotomayor se identificasen coa sensibilidade das elites, desprestixiadas pola crise social e política do final da Restauración e a ditadura de Primo de Rivera.

Situado nunha posición reitora durante o franquismo, converteuse nun dos abandeirados da linguaxe plástica tradicional. En 1950 opúxose por completo á selección de obras de vangarda para a I Bienal de Arte Hispanoamericano. Malia todo, viuse obrigado a matizar as súas críticas ante a presión das autoridades, que desexaban facer da mostra un exemplo da apertura e modernidade do réxime.

Todas estas cuestións, xunto cunha evidente fosilización do estilo a partir dos anos vinte, fan que Sotomayor fose desprezado nos círculos artísticos renovadores. Con todo, continuou recibindo cuantiosos encargos até a súa morte. A partir dos anos oitenta do século XX, coa recuperación da figuración, a súa pintura foi obxecto dunha renovada atención. Amais de valorarse a súa calidade técnica, os cadros de Sotomayor percibíronse como documentos de gran valor histórico. Así mesmo, púxose de relevo que se tratou do primeiro artista en cultivar de modo sistemático as escenas protagonizadas polo campesiñado galego, contribuíndo de maneira decisiva a consolidar o imaxinario da seguinte xeración de artistas galegos.

Nesta liña de crecente apreciación da súa pintura o Concello da Coruña expuxo en 1990 unha selección dos seus cadros de costumes. Xa no 2004, o Concello de Ferrol en colaboración coa Fundación Caixa Galicia organizaron unha retrospectiva no Centro Cultural Torrente Ballester. A animación chegou tamén ao mercado privado: en novembro de 2007 Orando á Dolorosa poxouse en Sotheby’s até acadar un valor de máis de cento trinta mil libras.[18]

Ao tempo, foise precisando o lugar de Sotomayor na historia da arte. Nun estudo publicado no 2007, a profesora Susana Cendán non dubida en cualificar o seu estilo de anacronismo pictórico, sen negar a súa calidade técnica. A profesora remarcaba que a Galicia que retrataba Sotomayor pouco tiña que ver coa auténtica realidade social e económica, séndolle máis práctico refuxiarse en temas agradables. Así mesmo, non dubidaba en rexeitar que a súa pintura se poida asociar á literatura de Emilia Pardo Bazán, como era costume entre numerosos críticos. Para a profesora Cendán, a visión implacable, crítica e mordaz da autora, así como a súa querenza polas novidades artísticas afastábao absolutamente de Sotomayor. Por último, máis que os cadros definitivos, apreciaba os esbozos preparatorios por atopalos menos forzados.

Un resumo ponderado da posición de Sotomayor na arte galega actual poderá atoparse en Unha historia da arte galega. O historiador Carlos Bernárdez adica nesta obra un espazo significativo ao pintor ferrolán para calificalo de pintor academicista e próximo ao gusto da burguesía. Ao tempo que destaca a súa habilidade técnica, non dubida en sinalar a súa visión do campesiñado galego como estetizante, enxebrista e paternal, onde os grupos sociais tradicionais conviven en plena harmonía. Como retratista, non dubida en emparellalo con James Whistler e John Singer Sargent.

Xa polo seu valor histórico, xa pola calidade artística, a obra de Sotomayor goza dunha alta estimación. Unha boa mostra é a retrospectiva que a Fundación Barríé lle adicou na Coruña no outono do 2025 para conmemorar os cento cincuenta anos do seu nacemento. A exposición, comisariada polo conservador de pintura decimonónica do Prado, Javier Barón, reuniu un cento de obras arredor do artista, entre óleos, debuxos e documentos relativos á súa vida, como fotografías, postais e cartas e convites ás súas exposicións.[19]

Sotomayor é autor dunhas memorias manuscritas, Recuerdos de un viejo pintor. Esta autobiografía custodiouse no arquivo familiar até ser editada no 2016 pola Universidade de Santiago de Compostela.[20]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

A causa da súa estadía como profesor en Chile e dos seus éxitos na Arxentina, onde expuxo en varias ocasións, boa parte da súa obra atópase en América. Secasí é tamén considerábel o número de óleos, acuarelas e debuxos reunidos pola Fundación Caixa Galicia. Así mesmo, moitos dos seus cadros máis valiosos están en mans de museos e organismos oficiais, como o museo do Prado ou a Real Academia de San Fernando.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Juan González Regueral
 
Alcalde da Coruña
 
1939
Sucesor:
José Pérez-Ardá