Pardo de Cela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pardo de Cela
Mariscal
Pero pardo de cela.jpg
Copia dun lenzo que representa a Pedro Pardo de Cela no Castelo da Frouxeira

Nome completo Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira
Nacemento c. 1425
Betanzos
Falecemento 3 de outubro de 1483
Mondoñedo
Rexente Reis Católicos
Consorte Isabel de Castro
Descendencia Constanza de Castro e Beatriz
Proxenitores Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello
Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar

Sinatura do mariscal Pardo de Cela nun documento do arquivo dos duques de Alba.jpg

Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, coñecido como don Pedro Pardo de Cela, nado en Betanzos cara ao 1425 e executado en Mondoñedo o 3 de outubro de 1483[1], foi un mariscal galego medieval, decapitado diante da catedral mindoniense por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Torre do castelo de Castrodouro, e ruínas das murallas ao fondo.

Segundo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello, comendeiro do bispado de Mondoñedo, e de Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar, ao falecer o seu irmán herdou as propiedades e privilexios da familia. A súa posición mellora ao casar coa filla do Conde de Lemos, Isabel de Castro, que viñera co seu tío, Pedro Enrique de Castro, bispo de Mondoñedo (1426-1445) á cidade episcopal, onde Pardo de Cela era meiriño, en representación da Casa de Lemos. O bispo deulle en dote de voda todas as rendas do bispado, agás as que necesitaba para o seu sustento. Falecido o bispo en 1445, Pedro Pardo trasládase a Viveiro, onde chega a ser alcalde (a mención máis antiga que se ten del é unha sentenza de 1464 en que se titula alcalde de Viveiro e comendeiro do bispado) e en 1474 xa ten o título de Mariscal. Merca a "casa do Carballo de Galdo", cabeza do seu morgado. Adquiriu moitos beneficios por herdanza, matrimonio e concesión real.

Pedro Pardo Mariscal, cuya casa era de muy buenas cinquenta lanças, y que ajuntaba quatro o çinco mil peones.[2]

Foi pai de Constanza de Castro e de Beatriz:

Desde que fue gran señor el mariscal Pedro Pardo, casó su hija Beatriz con Pedro de Bolaño, y sacóse toda la casa de Ribadeneyra,..[3]

A revolta irmandiña[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolta irmandiña.

A pesar de que a historiografía galeguista chega ao extremo de facer del un irmandiño, o certo é que foi un dos seus máis acérrimos inimigos e tivo que fuxir de Galiza até a restauración nobiliaria. Da súa ferocidade dá conta a famosa frase referida por Pedro Paxariño no preito Tabera - Fonseca, onde Pardo de Cela lle di ao Conde de Lemos que aforque todos os seus servos:

... e dize el dicho testigo que al dicho tiempo Pardo de Cela, mariscal, dixera al dicho Conde que inchiese los carballos de los dichos basallos, e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos[4]

Ao finalizar a revolta co restablecemento da nobreza e da Santa Irmandade, aínda ficaron preitos pendentes, en 1467 a Condesa de Santa Marta queixábase á irmandade:

... Pedro Pardo e Diego Dandrada, fijo de Ferán Peres Dandrada, injustamente e por fuerça e contra voluntad mia e del dicho conde, mi fijo, nos çercaron e tomaron la nuestra villa e fortalesa de Santa Marta de Hortigueira... e nos la tienen asy tomada...[5]

En 1469 o Concello de Viveiro envía unha relación ao rei, na que se queixan da violencia dos nobres:

...agora el Conde de Lemos ... et Pedro Pardo ... et otros algunos caballeros et comenderos, con favor de Juan de Vivero et de otros caballeros que fueron en desfacer la hermandad, fazen a la villa y vezinos della toda guerra et mal et daño, robandoles las iglesias et prendiendolos et rescatandolos.[6]

A guerra de sucesión[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Guerra de Sucesión Castelá.
A raíña Sabela era curmá de Isabel de Castro, a muller de Pedro Pardo.

Á morte de Henrique IV de Castela, a maioría da nobreza castelá apoiou a causa de Isabel de Castela, acusando á filla do rei, Xoana, de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva e alcumándoa la Beltraneja. A nobreza galega en xeral apoiou á herdeira máis lexítima que ademais supoñía a unión dos reinos de Castela e Portugal fronte á unión con Aragón. Pardo de Cela, xunto coa súa familia política e o bispo Alonso I de Fonseca, puxéronse da parte de Isabel, e parece que o mariscal chegou a combater en Zamora. Participou tamén xunto a Fonseca no cerco a Pontevedra de 1476.

O enfrontamento coa coroa[editar | editar a fonte]

O seu apoio a Isabel a Católica contra a pretendente lexítima Xoana a Beltranexa foi axiña recompensada pola nova raíña ratificando todos os seus privilexios e sendo confirmado no seu cargo de alcalde de Viveiro. Pero o mariscal non ía acomodarse á política de control da nobreza dos novos reis e logo entrou en conflito con eles. No 1476 é destituído da alcaldía polos Reis Católicos e o posto de alcalde pasa a ser para Xoán de Viveiro, quen xa fora alcalde antes de que Henrique IV nomeara a Pardo de Cela. A historia é moi curiosa xa que a muller de Xoán de Viveiro era María de Acuña, a madriña do casamento dos Reis Católicos. Pedro Pardo tiña o poder do Señorío de Viveiro xa que o rei Enrique IV recompensouno polo seu apoio. Pero cando este morreu, Pardo de Cela xa non tiña un valedor polo que o Señorío volveu ás mans de Xoán de Viveiro. Isto condicionou moito a relación de Pedro Pardo cos Reis Católicos. O 10 de xuño de 1478 os reis comínano a satisfacer as súas débedas coa coroa inmediatamente e o 26 dese mes Fernando de Aragón prohíbelle construír fortalezas, utilizar portos e entrar en Viveiro e na súa comarca, baixo pena de confiscación. Ese mesmo ano os Reis Católicos escriben aos concellos de Santa Marta de Ortigueira e Mondoñedo para que non o deixen entrar nas súas lindes. É neste clima de enfrontamento cos cidadáns e coa coroa que chega a Galiza en 1480 Fernando de Acuña con ordes claras de pacificar o reino e restabelecer os dereitos usurpados, como lle escribiu a raíña ese mesmo ano:

en el reino de Galicia ay muchas fortalezas roqueras e otras casas fuertes en que se an fecho muchos daños, e robos, e muertes... por ende mandamos que todas las fortalezas e casa fuertes que bos entendierades que son dañosas.. sin dilaçión alguna las tomedes e derribedes[7]

Asustado ante o perigo que corre a súa vida, pide unha carta de "seguro e amparo" aos Reis e refúxiase na Fortaleza da Frouseira, onde se fai forte e derrota decote ás tropas castelás e ás "hermandades", comandadas por Acuña e Luis de Mudarra. A raíña confirma en carta a Fernando de Acuña o 4 de novembro de 1480 a fidelidade do seu vasalo:

los buenos e leales serviçios que Pedro Pardo de Cela, mi vasallo, a fecho e face cada dia[8]

Aínda así a súa persecución continúa. En 1483 cae a fortaleza da Frouseira e o 7 decembro é detido na casa de Fonsa Yáñez en Castrodouro (no actual concello de Alfoz, Lugo) e lévano preso a Mondoñedo, onde dez días despois lle cortan a cabeza "por cruel e poderoso", segundo palabras do Poder Real.

Mapa dos reinos e territorios gobernados polos Reis Católicos arredor do ano 1500. A dúas cores os reinos que foron sometidos ou anexados no seu mandato; Galicia, Navarra e Granada.

A causa da súa morte non fica clara. A tradicional atribución a unha vontade explícita dos reis non está documentada, o que levou a algúns estudosos a atribuíla a enfrontamentos coa nobreza local que naquel momento apoiaba a Acuña (e que tiña moitos asuntos pendentes co mariscal). Xa as crónicas da época insinúan a situación de Acuña aínda que sen deixar claro quen apoiaba a quen:

442. Y don Fernando de Acuña arto tenia que haçer, porque tenia çercado a Pedro Pardo en Pena Frouseira... 443. Esto lo causaba que los señores eran todos a una, y teniendo por caveza mayor al conde viejo de Lemos don Pedro Alvarez de Cabreyra, que en toda cosa los ayudaba. Mas dende un año se fallesçió, que era lumbre y luz de los cavalleros de Galiçia. Y dende a seis meses cortaron la cabeça a Pedro Pardo o mariscal. Y todos los señores se reçelaban.[9]

Isto apoia a teoría de que Acuña, incapaz de controlar o territorio aproveitou un momento de debilidade dos seus opoñentes coa morte do Conde de Lemos para dar un golpe de forza e intentar subxugar a nobreza rebelde. Isto concorda co feito de que Fernando de Acuña foi deposto do seu cargo a comezos do ano seguinte, aínda que non perdeu a confianza dos reis e acabaría os seus días como vicerrei en Sicilia.

A Mariscala, cadea que a tradición di que mantivo preso a Pardo de Cela.

A figura do mariscal é unha das máis mitificadas da historia de Galicia. Moitas veces foi usada como símbolo de resistencia da nobreza galega fronte á castelá, visión que a historiografía deu como simplificada por demais. Da mesma forma, tamén o é a intención de facer do mariscal un criminal sen escrúpulos. Pardo de Cela era un personaxe normal no seu contorno. A nobreza galega da época dubidaba entre a unión con Portugal ou con Castela e intentaba extorsionar aos servos de tal forma que deu lugar ás revoltas irmandiñas.

A lenda[editar | editar a fonte]

Segundo a lenda os mandatarios reais tramaron a traizón da Frouseira ante a imposibilidade de poder conquistala. A Pardo de Cela teríano vendido os 23 criados que defendían a fortaleza. Os "cantares" din que o traidor foi Roi Cofano do Valadouro. A rexa loita durante tres anos na Frouseira, a traizón dos criados e a degolación, coas semellanzas á morte de Xesús, convérteno axiña en mito e comeza a ser trobado en feiras e mercados.

Per treyzón tamén vendido

Jesús, nosso Redentor,
e por questes treydores,

Pero Pardo, meu Señor.
Lamento da Frouseira[10].

A Ponte do Pasatempo[editar | editar a fonte]

A Ponte do Pasatempo en Mondoñedo.

Non obstante, a lenda máis tradicionalmente asentada en torno á execución do Mariscal di que a súa muller, Isabel de Castro, traía con ela o perdón real cando foi entretida no lugar desde entón coñecido como "Ponte do Pasatempo" polas xentes do bispo de Mondoñedo, inimigo do Mariscal. Porén, a execución xa se estaría a consumar, e a cabeza do mariscal, xa desprendida do corpo, estaría a rodar polos banzos do cadafalso, mentres os seus beizos pronunciaban as verbas "credo, credo, credo".[11]

Actualmente, a Ponte do Pasatempo é un lugar moi visitado de Mondoñedo, e a lenda en torno á morte do Mariscal ten feito correr ríos de tinta en forma de poemas, cancións, novelas, ensaios histórico-lendarios e análises científico-históricas destinados a esclarecer que parte podería ter de verdade.

A tumba do mariscal[editar | editar a fonte]

O único que sabemos dos últimos meses do Mariscal é grazas á chamada "Relazón da carta executoria" (da cal existen tres versións, dúas en galego e unha en castelán). Unha Relazón foi atopada no pazo dos Taboi, concello de Outeiro de Rei, e escrita con case toda seguridade por un membro da familia dos Saavedra, aló polo ano 1515.

Nese texto, exprésase a propósito do seu soterramento:

[...] o sepultaron junto a o Pulpito do Evangeo, é porta da Capela mor da Catredal, con grande autoridad. Degolaron juntamente co él á Pero de Miranda Saavedraa é Castro seo fillo, é da súa muller Dona Isabela de Castro.
Pero Pardo foi degolado publicamente na praza de Mondoñedo fronte á catedral

Parece que foi exactamente así como di a "Relazón" pois, ao facer unhas obras na catedral mindoniense o día 16 de marzo de 1965, quedou ao descuberto unha sepultura co escudo de armas do Mariscal e coa inscrición Pardo de Cela arno de Viveiro no mesmo sitio que sinala o documento. Levantada a lápida, apareceron tres cranios cos ósos correspondentes e, debaixo deles, os restos do citado arcediago [= arno], Xoán Pardo de Cela, que morrera no 1613.

Como sinala o doutor Enrique Cal Pardo no prólogo do libro "Mito do Mariscal", é evidente a relación familiar dos restos do Mariscal e do seu fillo coa tumba do arcediago se engadimos que ademais se atopou unha moeda coa efixie de Henrique IV –segundo testemuño do doutor D. F. Mayán, presente durante a apertura da tumba-. Evidentemente esta moeda non podía ser do arcediago.

Co gallo destas obras trasladouse a lápida do Mariscal a outro sitio da Catedral mindoniense. Concretamente púxose enfronte da capela da Virxe Inglesa. Durante este traslado deteriorouse a lápida: aínda hoxe ten cemento enriba e na actualidade é ilexible. A colocación orixinal da tumba era xunto ao Pulpito do Evangeo, e porta da Capela mor da Catedral segundo a familia Saavedra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Descobren o testamento de Pardo de Cela. O Mariscal morreu o 3 de outubro de 1483 e tiña un fillo ilexítimo". culturagalega.gal. 22 de xaneiro de 2013. 
  2. Vasco da Ponte. Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia. Parágrafo 180.
  3. Vasco da Ponte. Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia. Par. 114.
  4. Preito Tabera - Fonseca, Folio 341.
  5. Archivo Histórico Nacional, diversos, Colección diplomática, Ed. Pardo de Guevara y Valdés: Notas para una relectura del fenómeno hermandino de 1467.
  6. Archivo Histórico Nacional, diversos, Colección diplomática, Ed. Villaamil y Castro "El Mariscal Pardo de Cela", en Galicia Histórica, I, páxinas 83-98.
  7. Laura Fernández Vega, La Real Audiencia de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, 1982 pp 8-9.
  8. Historia de Galicia, Via Láctea Volume III páx. 317
  9. Vasco da Ponte. Recuento de las casas antiguas del reino de Galicia.
  10. O Marechal Pero Pardo de Cela.
  11. A execución do Marechal Pero Pardo de Cela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]