Saltar ao contido

Jacques Songo'o

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJacques Songo'o

(2022) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(mul) Jacques Célestin Songo'o Editar o valor en Wikidata
17 de marzo de 1964 Editar o valor en Wikidata (61 anos)
Sackbayene, Camerún Editar o valor en Wikidata
Altura182 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1988 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaCamerún Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoGardameta Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
Tonnerre Kalara Club de Yaoundé
1984–1989 Canon Sportif de Yaoundé
1989–1993 Sporting Toulon Var 22(0)
1992–1993 cesión Le Mans Football Club 22(0)
1993–1996 Football Club de Metz 101(0)
1996–2001   Deportivo da Coruña 150(0)
2001–2003 Football Club de Metz 26(0)
2003–2004   Deportivo da Coruña 1(0)
  Selección nacional Número de eventos xogados
1984–2002   Camerún 98(0)
Participou en
2002Mundial de Fútbol Corea/Xapón 2002
2002Copa de África de Nacións de 2002
10 de xuño de 1998Mundial de Fútbol Francia 1998
1998Copa de África de Nacións de 1998
1994Mundial de Fútbol Estados Unidos 1994
1992Copa de África de Nacións de 1992
1990Mundial de Fútbol Italia 1990
1988Copa de África de Nacións de 1988
28 de xullo de 1984Xogos Olímpicos de 1984
1984Copa de África de Nacións de 1984 Editar o valor en Wikidata
Familia
FillosFranck Songo'o, Yann Songo'o Editar o valor en Wikidata

Discogs: 2019945 FIFA: 154644 Editar o valor en Wikidata

Jacques Celestin Songo'o, nado en Sakbayenne (Pouma, Rexión do Litoral, Camerún) o 17 de marzo de 1964, é un exfutbolista camerunés, que xogaba de porteiro. Destacou especialmente nas filas do Metz, co que gañou unha Copa da Liga de Francia, e no Deportivo da Coruña, co que gañou o Trofeo Zamora en 1997 e do que foi o gardameta titular na histórica tempada 1999/00 na que o club galego conquistou o seu único título de liga. Internacional coa selección do Camerún, gañou tres veces a Copa de África e foi convocado para as catro Copas do Mundo que se disputaron entre as edicións de 1990 e 2002.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

Nacido en Sackbayémé, comezou a xogar ao fútbol na canteira do Canon de Yaoundé, un dos clubs máis importantes do Camerún e do continente africano. Xa co primeiro equipo, conquistou a liga camerunesa nas tempadas 1984/85 e 1985/86, así como a Copa do Camerún 1985/86, e as súas boas actuacións levárono á selección camerunesa.

Na tempada 1989/90 foi contratado polo SC Toulon, da Division 1 de Francia, co que debutou nun empate 1-1 ante o Metz o 24 de marzo de 1990.[1] Xogou ata 1992 no club de Toulon, onde coincidiu co seu compatriota Cyrille Makanaky e onde competiu polo posto de titular con Luc Borrelli.[2] Na campaña 1992/93 saíu cedido ao Le Mans, da Division 2, onde foi titular durante a maior parte da competición.

Metz (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Ao ano seguinte foi fichado polo Metz, no que xogou durante os seguintes tres anos. Titular indiscutible, disputou 120 partidos oficiais. Na súa terceira campaña na Lorena foi o gardameta menos goleado da liga e conquistou a Copa da Liga, despois de derrotar ao Olympique de Lyon na final do Parc dos Príncipes, deténdolle a Marcelo o lanzamento decisivo na quenda de penaltis.[3]

Deportivo da Coruña (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

As súas boas actuacións chamaron a atención do Deportivo da Coruña, que o contratou en xuño de 1996.[4] Na súa primeira tempada na Coruña, o equipo galego estaba a vivir un cambio de ciclo na portería, tralas marchas de Liaño e Elduayen, e contaba con outros tres gardametas (Canales, Kouba e Nuno).[5] Songo'o foi o elixido en case tódolos partidos por John Benjamin Toshack e polo seu sucesor no banco, Carlos Alberto Silva, disputando 37 partidos en liga nos que recibiu só 28 goles, gañando o Trofeo Zamora ao gardameta menos goleado do campionato, por diante de Bodo Illgner e César Sánchez.[6]

Continuou como indiscutible na portería coruñesa durante os seguintes tres anos, por diante de Kouba, Nuno, Rufai e Dani Mallo. Na tempada 1999/00 participou da conquista do primeiro e único título de liga na historia do Deportivo, contribuíndo con 36 partidos, nos que encaixou 40 goles. Foi o terceiro mellor rexistro do campionato, superado só por Martín Herrera e Juanmi.[7]

Esa mesma tempada, nun partido ante o Numancia en Soria no que o Deportivo perdía por 1-0, Songo'o subiu a rematar un córner no tempo de desconto, conseguindo cabecear á rede o centro de Djalminha. Teríase convertido así no primeiro gardameta na historia da liga española en marcar un gol en xogada (sen contar penaltis ou lanzamentos de falta), pero o seu tanto foi anulado inxustamente polo árbitro Pérez Lasa, debido a unha inexistente falta sobre o porteiro Urroz.[8]

Metz (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En 2001, Jacques abandonou o Deportivo para volver ao FC Metz. Co equipo da Lorena disputou 28 partidos durante a tempada 2001/02, pero non conseguiu evitar o descenso do equipo á Ligue 2. Non chegou a estrearse na seguinte campaña, na que o club volveu ascender, sendo os gardametas máis utilizados Ludovic Butelle e Kossi Agassa.

Deportivo da Coruña (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Para a tempada 2003/2004 regresou ao Deportivo, pero apenas tivo participación no equipo. Terceiro gardameta por detrás de Molina e Munúa, disputou só sete minutos na derradeira xornada contra o Racing de Santander, cando Irureta lle deu entrada no minuto 83 a xeito de homenaxe.[9] Nese encontro, no que foi ovacionado polo público do Sardinero, converteuse ademais no segundo futbolista de máis idade en vestir a camiseta do club coruñés, só por detrás de Donato.[9]

Trala súa retirada xogou ao fútbol indoor co Deportivo da Coruña de Veteranos, gañando a liga española e a Copa de España de 2008.

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

As súas actuacións no Canon de Yaoundé, levárono en 1983 á selección do Camerún, coa que acudiu o ano seguinte á Copa de África e aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles, formando parte do equipo adestrado polo iugoslavo Radivoje Ognjanović, que gañou o certame africano. Con todo, non chegou a disputar ningún minuto en ningún dos dous torneos, sendo o gardameta titular Joseph-Antoine Bell. O combinado camerunés, xa con Claude Le Roy como seleccionador, acadou a final africana de novo nas edicións de 1986 e 1988, proclamándose campión na última delas, pero de novo Songo'o estivo no banco de suplentes, exercendo como titulares Thomas N'Kono e Bell respectivamente.

Foi convocado polo soviético Valerii Nepomniashchii para o Mundial de 1990, onde a selección camerunesa deu a sorpresa acadando os cuartos de final, pero quedou no banco en todos os partidos, sendo N'Kono o titular na portería. En 1992 acudiu á súa cuarta Copa de África, celebrada en Senegal, onde finalmente puido disputar o seu primeiro partido na competición, no encontro polo terceiro posto ante Nixeria en Dakar.

No Mundial de 1994 ocupou a portería do equipo camerunés no terceiro partido da fase de grupos contra Rusia, onde apañou seis goles, cinco deles obra de Oleg Salenko. Converteuse así no primeiro e único gardameta na historia da Copa do Mundo en recibir cinco goles dun mesmo xogador.[10] Catro anos despois disputou a súa quinta Copa de África e o seu terceiro Mundial, xa como porteiro titular da selección. Xogou os tres partidos do Camerún nesa Copa do Mundo (ante Austria, Italia e Chile), pero non puido evitar a eliminación na fase de grupos.

Participou tamén na Copa Confederacións de 2001, xogando o terceiro encontro, unha vitoria por 2-0 sobre o Canadá. Ao ano seguinte proclamouse por terceira vez campión de África e foi convocado para a súa cuarta Copa do Mundo, pero foi suplente de Alioum Boukar en ambos torneos.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

En 2005 foi nomeado adestrador de porteiros da selección do Camerún, cargo que ocupou ata 2006.[11] Regresou ao mesmo posto en 2010, substituíndo nesa función a Thomas N'Kono.[12] No Mundial de 2010 formou parte do corpo técnico liderado por Paul Le Guen. Tralo torneo chegou a exercer como adestrador principal de xeito interino e dixiriu o equipo nacional na súa vitoria por 3-0 sobre Polonia, o primeiro triunfo do equipo en 10 partidos.

En setembro de 2019 volveu ser contratado como adestrador de porteiros do combinado nacional, con Toni Conceição como seleccionador, e ocupou o cargo ata 2022.[13]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Os seus fillos Franck and Yann foron tamén futbolistas.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Canon de Yaoundé
Metz
Deportivo
Selección do Camerún
Selección do Camerún

Notas

  1. "Sporting Club de Toulon et du Var 1-1 FC Metz". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  2. "François Zahoui : Toulon restera Toulon…" (en francés). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  3. "FCMOL : 5 matches qui ont fait l’histoire" (en francés). 2 de decembro de 2016. Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  4. "Llega el nuevo NKono". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de xuño de 1996. p. 51. 
  5. Bouzas, Fabián (18 de outubro de 2017). "El otro póker de porteros que alumbró Riazor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  6. "Primera División 1996-97". BDFutbol (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  7. "Primera División 1999-00". BDFutbol (en castelán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024. 
  8. Novo, Lois (13 de febreiro de 2025). "Songo’o, la gloria robada" (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2025. 
  9. 9,0 9,1 "El Dépor acaba la Liga de tercero con su justo triunfo en Santander". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de maio de 2004. p. 26. 
  10. Yoesting, Travis (3 de maio de 2018). "The Greatest Men's World Cup Records of All Time". The18. Archived from the original on 16 July 2018. Retrieved 16 July 2018.). "The Greatest Men's World Cup Records Of All Time" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2018. Consultado o 20 de xullo de 2025. 
  11. "Lions indomptables : Jacques Songo’o nommé entraîneur des gardiens" (en francés). 2 de abril de 2022. Consultado o 20 de xullo de 2025. 
  12. "Songo’o replaces N’Kono as Lions goalkeeping coach" (en inglés). 20 de febreiro de 2010. Consultado o 20 de xullo de 2025. 
  13. Enow, Njie (20 de setembro de 2019). "Cameroon name Portuguese coach Conceicao as Seedorf's replacement". BBC (en inglés). Consultado o 20 de xullo de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]