Gil Vicente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaGil Vicente

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1465 Editar o valor em Wikidata
Guimarães Editar o valor em Wikidata
Morte1536 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (70/71 anos)
Lisboa Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino de Portugal Editar o valor em Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndramaturgo , escritor , poeta , actor Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoFarsa e comedy (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua portuguesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FillosPaula Vicente (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 05bca286-d521-4862-99d9-1478a97073fb Discogs: 3679662 IMSLP: Category:Vicente,_Gil Find a Grave: 243612994 Editar o valor em Wikidata

Gil Vicente, nado cara a 1465 e finado cara a 1536, foi o primeiro gran dramaturgo portugués, alén de poeta de renome. En canto home de teatro, parece ter tamén desempeñado as tarefas de músico, actor e director. Puido ser tamén balanceiro e hai quen o identifica co ourive autor da Custodia de Belém e co mestre de Retórica do rei Manuel I de Portugal. É frecuentemente considerado o pai do teatro portugués, ou mesmo do teatro ibérico, xa que tamén escribiu en castelán, partillando a paternidade da dramaturxia española con Juan del Encina.

A obra vicentina tense como reflexo da mudanza dos tempos e da pasaxe da Idade Media para o Renacemento, transición entre unha época na que as xerarquías e a orde social se rexían por regras inflexíbeis e unha nova sociedade na se comeza a cuestionar e subverter a orde instituída. Foi, de feito, o principal representante da literatura renacentista portuguesa, anterior a Camões, incorporando elementos populares na súa escrita, a cal influenciou, pola súa vez, a cultura popular portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lugar e data de nacemento[editar | editar a fonte]

Guimarães: un dos lugares que reclama ser o berce do dramaturgo.

A pesar de se considerar que a data máis probábel para o seu nacemento fose en 1465 (Queiroz Veloso), hai aínda quen propón as datas de 1460 (Braamcamp Freire) ou entre 1470 e 1475 (Brito Rebelo). De feito, as informacións achegadas na propia obra do autor presentan contradicións. O Velho da Horta, a Floresta de Enganos ou o Auto da Festa, están datadas en 1452, 1470 e antes de 1467, respectivamente. Desde que se celebraron, en 1965, as festividades oficiais conmemorativas do quinto centenario do nacemento do dramaturgo, acéptase 1465 de forma case unánime.

Frei Pedro de Poiares localizaba o seu nacemento en Barcelos, mais as hipóteses de que así fose son poucas. Pires de Lima propuxo Guimarães como a súa terra natal, hipótese que estaría de acordo coa identificación do dramaturgo co ourive, xa que a cidade de Guimarães foi durante moito tempo berce privilexiado de xoieiros. A vila de Guimarães móstrase favorábel a esta hipótese, como se pode verificar na designación dada a unha das escolas do concello (en Urgeses), que homenaxea o autor. Lisboa é tamén moitas veces defendida. Outros[1], porén, indican as Beiras, pois na súa obra se verifican varias referencias a esta área xeográfica, tanto pola toponimia como pola forma de falar dos personaxes.

Un poeta ourive?[editar | editar a fonte]

Cada libro publicado sobre Gil Vicente é case sempre defensor dunha tese que identifica ou non o autor co ourive. A favor desta hipótese existe o feito de que o dramaturgo usou con propiedade termos técnicos de ourivaría na súa obra.

Algúns intelectuais portugueses polemizaron sobre o asunto. Camilo Castelo Branco escribiu, en 1881, o documento Gil Vicente, Embargos á fantasia do Sr. Teófilo Braga. Este último defendía que o ourive e o poeta eran unha soa persoa, en canto que Camilo sostiña que eran dúas persoas distintas. Teófilo Braga mudaría de opinión despois dun estudo de Sanches de Baena que mostraba a xenealoxía distinta de dous individuos de nome Gil Vicente, a pesar de que Brito Rebelo conseguira comprobar a inconsistencia histórica destas dúas xenealoxías utilizando documentos da Torre do Tombo.

Datos biográficos[editar | editar a fonte]

Sábese que casou con Branca Bezerra, de quen naceron Gaspar (c. 1488-1519) e Belchior Vicente (1504/1505-1552). Despois de enviuvar, casou con Melícia Roiz, de quen tivo a Paula Vicente (1519-1576), Luís Vicente (que organizou a compilación das súas obras) e Valéria. Presúmese que estudou en Salamanca.

O Monólogo do vaqueiro, como o representaría o propio Gil Vicente, de acordo coa visión do pintor portugués Roque Gameiro

O seu primeiro traballo coñecido, Auto da Visitação, tamén chamado Monólogo do Vaqueiro, foi representado nos apousentos de Dona Maria, muller de Manuel I de Portugal, para celebrar o nacemento de D. João III. Esta representación está considerada como o marco de partida da historia do teatro portugués. Ocorreu isto na noite de 8 de xuño de 1502, coa presenza, amais do rei e da raíña, de Dona Leonor, viúva de D. João II e Dona Beatriz, nai do rei.

Converteuse, entón, no responsábel da organización dos eventos palatinos. Dona Leonor pediu ao dramaturgo a repetición da peza nas mañás de Nadal, mais o autor, considerando que a ocasión pedía outro tratamento, escribiu o Auto pastoril castelhano. Con efecto, o Auto da Visitação ten elementos claramente inspirados na "adoración dos pastores", de acordo cos relatos do nacemento de Cristo. A escenificación incluía un ofertorio de prendas simples e rústicas, como queixos, ao futuro rei, ao cal se presaxiaban grandes feitos. Gil Vicente, que alén de escribir a peza tamén a dirixiu e representou, usou, con todo, o cadro relixioso natalicio nunha perspectiva profana. Perante o interese de Dona Leonor, que se tornou a súa gran protectora nos anos seguintes, Gil Vicente entendeu que o seu talento lle permitiría máis que simplemente adaptar a peza para ocasións diversas.

Se foi realmente ourive, terminou a súa obra mestra nesta arte —a Custodia de Belén, feita para o Mosteiro dos Jerónimos— en 1506, producida co primeiro ouro chegado de Mozambique. Tres anos despois, este mesmo ourive tornouse vedor do patrimonio de ourivaría no Convento de Cristo, en Tomar, Nossa Senhora de Belén e no Hospital de Todos-os-Santos, en Lisboa. Conséguese aínda apurar algunhas datas en relación a este personaxe que tanto pode ser un como múltiplo: en 1511 foi nomeado vasalo de el-Rei e sábese que un ano despois era representante do gremio dos ourives na "Casa dos Vinte e Quatro". En 1513, o balanceiro da Casa da Moeda, tamén de nome Gil Vicente (se é o mesmo ou non, como xa se dixo, non se sabe), foi elixido polos outros mestres de balanza para os representar no concello de Lisboa.

Dirixiu os festexos en honra de Dona Leonor, a terceira muller de Manuel I, en 1520, un ano antes de pasar a servir a João III de Portugal, conseguindo o prestixio do cal se valería para se permitir satirizar o clero e a nobreza nas súas obras ou mesmo para se dirixir ao monarca criticando as súas opcións. Foi o que fixo en 1531, a través dunha carta ao rei na que defendía os cristiáns novos.

Morreu en lugar descoñecido, talvez en 1536, porque a partir desta data non volve escribir e se deixan de encontrar referencias ao seu nome nos documentos da época.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

O teatro portugués antes de Gil Vicente[editar | editar a fonte]

Obras de Garcia de Resende, onde se inclúe a Miscelánea na que se defende para Gil Vicente a paternidade do teatro portugués.

O teatro portugués non naceu con Gil Vicente. Ese mito, creado por varios autores de renome, como Garcia de Resende, na súa Miscelânia, ou o seu propio fillo, Luís Vicente, con ocasión da primeira edición da "Compilação" da obra completa do pai, poderá xustificarse pola importancia innegábel do autor no contexto literario peninsular, mais non é de todo verdadeiro, xa que existían manifestacións teatrais antes da noite de 7 ao 8 de xuño de 1502, data da primeira representación do "Auto do vaqueiro" ou "Auto da visitação", nos apousentos da raíña.

Xa no reinado de Sancho I de Portugal, os dous actores máis antigos portugueses, Bonamis e Acompaniado, realizaran un espectáculo de "arremedilho" polo que foron pagos polo rei cunha doazón de terras. O arcebispo de Braga, Frei Telo, refírese nun documento de 1281 a representacións litúrxicas por ocasión das principais festividades católicas. En 1451, o casamento da infanta Dona Leonor co emperador Frederico III de Alemaña foi acompañado tamén de representacións teatrais. Segundo as crónicas portuguesas de Fernão Lopes, Zurara, Rui de Pina ou Garcia de Resende, tamén nas cortes de João I de Portugal, Afonso V de Portugal e João II de Portugal facíanse representacións espectaculares. Rui de Pina refírese, por exemplo, a un "momo", no que João II participou persoalmente interpretando o papel de "Cavaleiro do Cisne", nun escenario de ondas axitadas (formadas con panos), cunha frota de naos que causou espanto entrando na sala acompañado do son de trompetas, timbais, artillaría e música executada por menestreis, alén dunha tripulación composta por actores vestidos de forma espectacular.

Porén, pouco resta dos textos dramáticos pre-vicentinos. Alén das églogas dialogadas de Bernardin Ribeiro, Cristóvão Falcão e Sá de Miranda, André Dias publicou en 1435 un "Pranto de Santa Maria" considerado un esbozo razoábel de drama litúrxico. No Cancioneiro Geral de Garcia de Resende existen algúns textos tamén significativos, como o Entremez do Anjo (así designado por Teófilo Braga), de D. Francisco de Portugal, Conde de Vimioso, ou as trobas de Anrique da Mota (ou Farsa do alfaiate, segundo Leite de Vasconcelos) dedicados a temas e personaxes chocalleiros como "un crego sobre unha pipa de viño que se lle foi polo chan", entre outros episodios divertidos. É probábel que Gil Vicente asistise a algunhas destas representacións. Con todo, viría a superalas en mestría e en profundidade, tal como diría Marcelino Menéndez Pelayo ao consideralo a "figura máis importante dos primitivos dramaturgos peninsulares", chegando mesmo a dicir que non había "quen o excedese na Europa do seu tempo".

Obra[editar | editar a fonte]

Características principais[editar | editar a fonte]

Ilustración da edición orixinal do Auto da Barca do Inferno

A súa obra vén a seguir o teatro ibérico popular e relixioso que xa se facía, aínda que de forma menos profunda. Os temas pastorís, presentes na escrita de Juan del Encina, van influenciar fortemente a súa primeira fase de produción teatral e permanecerán esporadicamente na súa obra posterior, de maior diversidade temática e sofisticación de medios. De feito, a súa obra ten unha vasta diversidade de formas: o auto pastoril, a alegoría relixiosa, narracións bíblicas, farsas episódicas e autos narrativos. O seu fillo, Luís Vicente, na primeira compilación de todas as súas obras, clasificounas en autos e misterios (de carácter sagrado e devocional) e en farsas, comedias e traxicomedias (de carácter profano). Con todo, calquera clasificación é redutora, de feito, basta pensar na Trilogia das Barcas para verificar como elementos da farsa (as personaxes que van aparecendo, hai pouco saídas deste mundo) se mesturan con elementos alegóricos relixiosos e místicos (o Ben e o Mal).

Gil Vicente retratou, con refinada comicidade, a sociedade portuguesa do século XVI, demostrando unha capacidade aguda de observación ao trazar o perfil psicolóxico das personaxes. Crítico severo dos costumes, de acordo coa máxima que sería ditada por Molière ("Ridendo castigat mores" - rindo castíganse os costumes), Gil Vicente é tamén un dos máis importantes autores satíricos da lingua portuguesa. En 44 pezas, usa gran cantidade de personaxes extraídas do espectro social portugués da altura. É común a presenza de mariñeiros, xitanos, camponeses, fadas e demos e de referencias —sempre cun lirismo nato— a dialectos e linguaxes populares. Entre as súas obras están Auto Pastoril Castelhano (1502) e Auto dos Reis Magos (1503), escritas para a celebración do Nadal, e Auto da Sibila Cassandra (1503), anunciando os ideais renacentistas en Portugal. A súa obra mestra é a triloxía de sátiras Auto da Barca do Inferno (1516), Auto da Barca do Purgatório (1518) e Auto da Barca da Gloria (1519). En 1523 escribe a Farsa de Inés Pereira.

Auto de Mofina Mendes, onde se inclúe unha anunciación, de acordo cos temas marianos, gratos ao autor

Son xeralmente apuntados, como aspectos positivos das súas pezas, a imaxinación e orixinalidade evidenciadas; o sentido dramático e o coñecemento dos aspectos relacionados coa problemática do teatro.

Algúns autores consideran que a súa espontaneidade, aínda que reflectindo de forma eficaz os sentimentos colectivos e espremendo a realidade criticábel da sociedade á que pertencía, perde en reflexión e en requinte. De feito, a súa forma de expresarse é simple, chá e directa, sen grandes floreados poéticos. Por riba de todo, o autor exprésase de forma inspirada, dionisíaca, non sempre obedecendo a principios estéticos e artísticos de equilibrio. É tamén versátil nas súas manifestacións: se, por un lado, parece ser unha alma rebelde, temeraria, impiadosa no que toca en demostrar os vicios dos outros, case da mesma forma que se esperaría dun inconsciente e tolo bobo da corte, por outro lado, móstrase dócil, humano e tenro na súa poesía de cariz relixioso e cando se trata de defender aqueles a quen a sociedade maltrata. O seu lirismo relixioso, de raíz medieval e que demostra influencias das Cantigas de Santa María está ben presente, por exemplo, no Auto de Mofina Mendes, na escena da Anunciación, ou nunha oración dita por Santo Agostiño no Auto da Alma. Por esa razón é por veces designado como "poeta da Virxe".

O seu lirismo patriótico, presente en "Exortação da Guerra", Auto da fama ou Cortes de Júpiter, non se limita a glorificar en estilo épico e orgulloso a nacionalidade; de feito, amósase crítico e con preocupacións éticas, principalmente no que di respecto aos vicios nacidos da nova realidade económica, decorrente do comercio con Oriente (Auto da India). O lirismo amoroso, por outro lado, consegue aliar erotismo e algunha barrabasada con influencias máis eruditas (Petrarca, por exemplo).

Elementos filosóficos na obra vicentina[editar | editar a fonte]

Os temas de Nadal, moi presentes na obra de Gil Vicente desde a primeira encomenda de Dona Leonor, teñen tamén un significado fortemente simbólico e suxestivo. Aquí, unha pintura do contemporáneo Vicente Gil

A obra de Gil Vicente transmite unha visión do mundo que se asemella e se posiciona como unha perspectiva persoal do platonismo. Existen dous mundos: o Mundo Primeiro, da serenidade e do amor divino, que leva á paz interior, ao sosego e a unha "resplandecente gloria", como dá conta a súa carta a D. João III; e o Mundo Segundo, aquel que retrata nas súas farsas, un mundo "todo el falso", cheo de "canseiras", de desorde sen remedio, "sen firmeza certa". Estes dous mundos reflíctense en temas diversos da súa obra: por un lado, o mundo dos defectos humanos e das caricaturas, servidos sen gran preocupación de verosimilitude ou de rigor histórico. Moitos autores critican en Gil Vicente os anacronismos e as fallas na narrativa, mais para alguén que consideraba o mundo retratado como pleno de falsidades, eses serían só detalles sen importancia e sen dano para a mensaxe que se pretendía transmitir. Por outro lado, o autor valoriza os elementos míticos e simbólicos relixiosos do Nadal: a figura da Virxe Nai, do Deus Meniño, da Noiteboa, demostrando aí un celo lírico e unha vontade de harmonía e de pureza artística que non existe nas súas máis coñecidas obras de crítica social.

Sen as características do maniqueísmo que tantas veces se constatan nas pezas teatrais de quen defende unha tal visión do Mundo, si se presenta un forte contraste nos elementos escénicos usados por Gil Vicente: a luz contra a sombra, non nunha loita feroz, senón en convivencia case amigábel. A noite de Nadal tórnase tamén aquí a imaxe perfecta que resume a concepción cósmica de Gil Vicente: as grandes tebras enmarcan a gloria divina da maternidade, do nacemento, do perdón, da serenidade e da boa vontade. Mais sen a escuridade, que sería da claridade?

Legado[editar | editar a fonte]

Nótese que a obra de Gil Vicente non se reduce ao teatro, senón que tamén inclúe poesía. Podemos citar varios vilancicos e cantigas, aínda influenciadas polo estilo palaciano e temas dos trobadores.

Varios compositores traballaron con poemas de Gil Vicente na forma de lied (principalmente algunhas traducións para o alemán feitas por Emanuel von Geibel), como Max Bruch ou Robert Schumann, o que demostra o carácter universal da súa obra.

Os seus fillos, Paula e Luís Vicente, foron os responsábeis da primeira edición das súas obras completas. En 1586 sae do prelo unha segunda edición, con moitas pasaxes censuradas pola Inquisición. Só no século XIX se faría a redescuberta do autor, coa terceira edición de 1834, en Hamburgo, levada a cabo por Barreto Feio.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Auto do vaqueiro ou Auto da visitação (1502)
  • Auto pastoril castelhano (1502)
  • Auto dos Reis Magos (1503)
  • Auto de son Martinho (1504)
  • Quen ten farelos? (1505)
  • Auto da Alma (1508)
  • Auto da Índia (1509)
  • Auto da Fé (1510)
  • O velho da horta (1512)
  • Exortação da Guerra (1513)
  • Comédia do viúvo (1514)
  • Auto da Fama (1516)
  • Auto da barca do inferno (1517)
  • Auto da barca do purgatório (1518)
  • Auto da barca da glória (1519)
  • Cortes de Júpiter (1521)
  • Comédia de Rubena (1521)
  • Farsa de Inés Pereira (1523)
  • Auto pastoril português (1523)
  • Frágua de amor (1524)
  • Farsa do juiz da Beira (1525)
  • Farsa do templo de Apolo (1526)
  • Auto da nau de amores (1527; representada polo Centro Dramático Galego en 1995)
  • Auto da História de Deus (1527)
  • Tragicomédia pastoril da Serra da Estrela (1527)
  • Farsa dos almocreves (1527)
  • Auto da feira (1528)
  • Farsa do clérigo da Beira (1529)
  • Auto do triunfo do Inverno (1529)
  • Auto da Lusitânia, intercalado co entremés Todo-o-Mundo e Ninguém (1532)
  • Auto de Amadis de Gaula (1533)
  • Romagen de agravos (1533)
  • Auto da Cananea (1534)
  • Auto de Mofina Mendes (1534)
  • Floresta de Enganos (1536)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lopes da Silva, Alberto (2002). O mundo religioso de Gil Vicente. Covilhã: Universidade da Beira Interior. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]