Cristovo Colón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Cristovo Colón
Cristovo Colón
Cristovo Colón
Nacemento: 1451
c. Xénova?
Falecemento: 20 de maio de 1506
Banner of arms crown of Castille Habsbourg style.svg Valladolid
Nacionalidade: Descoñecida
Ocupación: Navegante e cartógrafo. Almirante, vicerrei e gobernador xeral das Indias
Cónxuxe(s): Felipa Moniz
Beatriz Enríquez de Arana
Sinatura: Columbus Signature.svg
Estatua de Cristovo Colón en Pontevedra.

Cristovo Colón, naceu en Xénova [1][2] en 1451 e finado en Valladolid o 20 de maio de 1506, foi un navegante e explorador do século XV e XVI ao servizo dos Reis Católicos, famoso polo denominado descubrimento de América para a civilización occidental en 1492, tras emprender unha viaxe a través do Océano Atlántico co obxectivo de aportar na India, malia que en troques chegou ás illas do Caribe na América Central.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Hai dubidas sobre o seu lugar de nacemento e existen teorías que o fan nacer en Poio, Barcelona, Chios, Sardeña ou Portugal. De moi novo viaxou polo Mediterráneo Occidental e permaneceu algún tempo en Savona. A chegada de Colón a Portugal débese a que era o representante dos Centurione, que tiñan negocios cos países atlánticos. Viviu moito tempo na Madeira, e entrou nunha familia de mariñeiros polo seu casoiro con Filipa Moniz, filla de Bartolomeu Perestrelo. É durante a súa estadía en Portugal cando se corresponde con Paolo del Pozzo Toscanelli, e pénsase que o relato das viaxes do seu sogro influenciouno na idea de acadar a terra das especias navegando cara Occidente. Mudouse para España en 1486, voltando a Portugal dous anos despois. Colón procurou que os Reis Católicos aprobasen o proxecto da súa viaxe, o que conseguiu a través do confesor da raíña. Asinou o contrato e foi nomeado almirante dos mares e gobernador e vicerrei das terras a descubrir.

Lingua de Colón[editar | editar a fonte]

O desembarco en S. Salvador
Faciana de Cristovo Colón nunha pintura de 1505-1536.

Como se indicou, sobre a lingua nai de Colón tamén existe controversia xa que, segundo os investigadores, é un importante apoio para unha ou outra teoría sobre a súa cidade natal. Para tratar de fixar as súas orixes reais, déronse diversas razóns en todos os sentidos. Malia estaren a meirande parte dos seus escritos en castelán[3], estes evidentes xiros lingüísticos procedentes doutras linguas da Península Ibérica que, seguindo a Menéndez Pidal, moitos coinciden en sinalar como portuguesismos[3] [4]. Hai varios investigadores e lingüistas, tanto de Galicia como de Cataluña ou de Baleares, que apoian a hipótese de que son galeguismos ou catalanismos[5][6].

Semella que non existiron escritos en italiano realizados por Colón, agás algunha nota marxinal, ao parecer cunha redacción deficiente. O latín tampouco parecía dominalo, escribíndoo con influencia hispánica e non italiana.[3]

Historiadores como Consuelo Varela ou Arranz Márquez opinan que Colón foi un típico home de mar que se expresaba en diversas linguas sen chegar a dominar ben ningunha, ou que quizais falase a lingua franca ou xerga levantisca.[6]

A patria de Colón[editar | editar a fonte]

Algúns investigadores -como Rodrigo Cota, Alfonso Philippot ou Manuel Doval- consideran que Colón e Pedro Madruga eran a mesma persoa[7][8], baseándose por exemplo en que Colón bautizou portos de América co nome de máis de 80 localidades da ría de Pontevedra, en que os nomes dos fillos de ambos os dous se chamaban igual, na similitude da comparación da letra de Colón e Pedro Álvarez (feita pola perito calígrafo e grafopsicolóxico Teresa Torres) e en que o cronista Francesillo de Zúñiga menciona xa no século XVI a Diego de Soutomaior (fillo de Pedro Madruga) como fillo de Colón.

Outros historiadores, como Celso García de la Riega, defenden que Colón puido nacer en Pontevedra debido a que no século XV había veciños nesta localidade con este apelido, e tamén a que Pontevedra contaba con embarcacións que facían a ruta do norte ata Inglaterra e Flandres, e a do sur ata a illa de Sicilia. Este investigador afirma que Colón puido nacer en Pontevedra no ano 1436 ou 1437, e seus pais foron Domingo de Colón, O Mozo, e Susana Fonterosa.

Expedicións[editar | editar a fonte]

Réplicas da Pinta, a Niña e a Santa María no porto de Palos de la Frontera.

Parte para a súa primeira viaxe en 1492, con dúas carabelas (a Pinta e a Niña) e unha nao (a Santa María) do porto de Palos de la Frontera. A nao Santa María foi construída en Galicia e levaba como piloto a un galego de Baiona: Cristobal García Sarmiento, por este motivo quizais sexa o porto elixido para regresar.

A expedición toca a illa de Gran Canaria e pon rumbo ao suroeste; tres meses despois chega a un illeo das Bahamas ao que deu o nome de San Salvador. Continua navegando e costeou Cuba, para despois chegar ao Haití á lle que deu o nome de Hispaniola. Convencido de ter chegado á India, deixa alá unha pequena colonia e regresa á Europa o 1 de Marzo de 1493, tocando en primeiro lugar o porto de Baiona a carabela Pinta coa seguinte tripulación: Martín Alonso Pinzón, Capitán; Francisco Martín Pinzón, Mestre; Cristobal García Sarmiento, Piloto; Juan Quintero de Algruta, Contramestre; García Hernández, Despenseiro; Juan Reynal, Alguacil; Maestre Diego, Cirurxián; Juan Rodríguez Bermejo (Rodrigo de Triana), Cristobal Quintero, Gómez Rascón, Diego Martín Pinzón, Francisco García Vallejo, Juan Verde de Triana, Antón Calabrés, Álvaro Pérez, Gil Pérez, Sancho de Rama e Juan Veçano, mariñeiros; Pedro de Arcos, Fernando Medel, Francisco Medel, Alonso de Palos, Juan Quadrado, Pedro Tegero, Juan Arias e Bernal, grumetes.

Christopher Columbus5.jpg

A súa segunda viaxe iniciouse en 1493, con tres naos e 14 carabelas, avista as Antillas e aborda a Martinica. Pón rumbo despois ao norte e chega a Porto Rico. Vai a Hispaniola onde a pequena colonia fora morta polos indíxenas, deixa outro continxente de homes e, virando para Occidente, chega á Xamaica.

Na terceira viaxe, parte en 1498, con seis naos, e chega a Trindade despois dunha atribulada viaxe. Voltando ao sur chega a unha gran terra que pensou que era unha illa e chamoulle Gracia. Rumbo ao norte chega a Santo Domingo, cidade formada por Fr. Bartolomeu. Entra en conflito co gobernador e el e mailo irmán son presos e enviados para España.

Na cuarta viaxe, sae de Cádiz con catro naus en 1502, propóndose chegar ao Oriente. Avista a Xamaica e, despois dunha gran tempestade, chega á Isla de Pinos (Honduras). Avistou despois as costas da Nicaragua, Costa Rica e Panamá. Debido ao pésimo estado das naos ten que regresar a Hispaniola, de onde volta a España.

Cristovo Colón morreu en Valladolid, en 1506.

Relacións cos indíxenas[editar | editar a fonte]

Seguindo as costumes vixentes naquela época, as relaciones de Colón con outros pobos e terras rexíanse polas posibilidades de conquistalas para el reino ao que representaban.

Pensando que se atopaba nas terras do Gran Kan, intentaron tomar posicións militares defensivas e establecer contacto con algún rei, pero non atoparon nada parecido e comprobaron pouco a pouco que posuían unha gran superioridade armamentística sobre os indíxenas e que estes descoñecían as palabras "Gran Kan". Atribuíron ese descoñecemento a un baixo nivel cultural dos indíxenas e asumiron a facilidade de conquista do novo territorio.

O goberno dos irmáns Colón na Española non cumpriu cas expectativas dos reis españois. Non só se enfrontaron aos españois da illa, senón que, ao non conseguir as riquezas que pensaran, agrediron aos indíxenas y venderon a algúns como escravos, desobedecendo así as ordes expresas de Isabel a Católica, que deixara clara a súa vontade de que se tratara aos indíxenas como súbditos de Castela.[9] Por este motivo, o primeiro Vicerrei, Almirante e Gobernador de América foi arrestado e enviado con cadeas ante a reina polo gobernador Francisco de Bobadilla.[10] O comportamento de Colón non correspondía co que España propoñía nas súas leis,[11] aínda que a distancia, entre outros motivos, propiciaron condutas similares á de Colón cos indíxenas, as cales denunciou Fray Bartolomé de las Casas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Phillips, William D., and Carla Rahn Phillips. The Worlds of Christopher Columbus. Cambridge: Cambridge University Press, 1992. Page 9.
    "Even with less than a complete record, however, scholars can state with assurance that Columbus was born in the republic of Genoa in northern Italy, although perhaps not in the city itself, and that his family made a living in the wool business as weavers and merchants ... The two main early biographies of Columbus have been taken as literal truth by hundreds of writers, in large part because they were written by individual closely connected to Columbus or his writings. ... Both biographies have serious shortcomings as evidence."
  2. http://books.google.es/books?id=4DWBNjs8iwEC&pg=PA81&lpg=PA81&dq=autenticidad+del+documento+fundación+del+mayorazgo+Génova+colón&source=bl&ots=wqOvqm1xfV&sig=XKjZjI-IUFXYj2tMRiFFSFeF2xU&hl=es&sa=X&ei=QIIwUoOqA4Sp0QWfhoDICw&ved=0CEsQ6AEwBTgK#v=onepage&q=autenticidad%20del%20documento%20fundación%20del%20mayorazgo%20Génova%20colón&f=false
  3. 3,0 3,1 3,2 ARRANZ MÁRQUEZ, Luis. Págs. 108-110.
  4. "A língua de Colom", artigo de José Martinho Montero Santalha na web do Portal Galego da Língua, 12 de outubro de 2009.
  5. VERDERA, Nito. "El catalán, lengua de Colón". www.cristobalcolondeibiza.com. http://www.cristobalcolondeibiza.com/esp/esp08.htm. 
  6. 6,0 6,1 ARRANZ MÁRQUEZ, Luis. Pág. 110.
  7. "Pedro Madruga y Colón: ¿la misma persona?", artigo en Faro de Vigo, 15 de outubro de 2009 (en castelán).
  8. "Tras un peritaje caligráfico 80 expertos indican que Colón y Pedro Madruga son la misma persona", artigo de Susana Regueira en Faro de Vigo, 6 de outubro de 2013 (en castelán)
  9. IRVING, Washington (1832). Vida y viajes de Cristobal Colon. p. 151. http://books.google.es/books?id=MsUjjRTlDGoC. 
  10. "Cristóbal Colón", entrada na Enciclopedia Católica (en castelán).
  11. Tamén para o profesor da Universidade de Salamanca, Francisco de Vitoria, un dos principios fundamentais recoñecidos n a Carta Constitucional dos Indios, como teoloxía alternativa, era o dereitos destes a ser homes e ser tratados como seres libres (véxase Derechos y Deberes entre Indios y Españoles en el nuevo mundo según Francisco de Vitoria. Salamanca, Universidad Pontificia de Salamanca, 1992: p. 10.[1]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cristovo Colón

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]