Juan Díaz Porlier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Infotaula de personaJuan Díaz Porlier

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1788 Editar o valor em Wikidata
Cartaxena de Indias, Colombia Editar o valor em Wikidata
Morte3 de outubro de 1815 Editar o valor em Wikidata (26/27 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteEnforcamento Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rango militarXeneral Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra da Independencia española Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeJosefa Queipo de Llano


Juan Díaz Porlier, nado en Cartaxena de Indias, Colombia, en 1788 e finado na Coruña o 3 de outubro de 1815, foi un militar español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

No comezo da Guerra da Independencia foi coñecido polo alcume do "Marquesito" por terse feito pasar, para reunir voluntarios, por sobriño de Pedro Caro Sureda, terceiro marqués de La Romana e heroe do regreso a España da división española destinada en Dinamarca.

Con 27 anos, un despois da concesión do título de mariscal pola súa actuación na Guerra da Independencia, desconforme coa vulneración da Constitución gaditana e por non lle gustar o réxime saído do Manifiesto de los Persas, inicia conversacións con outros liberais. Traizoado polo seu propio secretario, foi detido en Madrid e condenado a catro anos de cadea no Castelo de San Antón, na Coruña. De alí saíu en prisión atenuada para tomar baños medicinais no veciño concello de Arteixo, polo que pasou a residir na casa de Andrés Rojo del Cañizal, en Pastoriza, onde seguiu conspirando. Contactou así mesmo con Sinforiano López quen o conectou co grupo liberal da Coruña, formado por burgueses e intelectuais, e cunha parte importante dos oficiais dos batallóns acuartelados na Coruña. Cando as autoridades tiveron noticia destes contactos detiveron e executaron a Sinforiano López en abril de 1815.

Estatua de Porlier na Coruña.

Porlier decidiu convocar o pronunciamento en favor da Constitución do 1812 na noite do 19 de setembro de 1815. Esa noite foi detido o Capitán Xeneral e publicáronse tres proclamas dirixidas ao exército, ao pobo e á oficialidade de Santiago. Despois, a fronte dos batallóns sublevados dirixiuse a Santiago de Compostela con intención de que as autoridades e corpos militares alí acuartelados se unisen ao pronunciamento, pero nun descanso no camiño, no Mesón de Deus, ou de Viqueira, como tamén é coñecido, sito á entrada da vila de Ordes, namentres escribe a carón do lume, foi traizoado por un grupo de sarxentos do 6º Rexemento de Mariña.

Levado primeiro a Santiago de Compostela, pasou posteriormente á Real Audiencia e Capitanía Xeneral da Coruña, onde o capitán xeneral Felipe de Saint Marq o someteu a un encausamento no que xa entraba condenado a morte. Foi conducido ata o patíbulo montado nun asno cunha levita verde e executado na forca que elevaran no Campo da forca (posteriormente Campo da leña e actual Praza de España, onde existe unha estatua á súa memoria) o 23 de outubro de 1815, para posteriormente queimar os seus escritos e proclamas. Nos seus derradeiros días, escribiu unha carta á súa muller, dona Josefa Queipo de Llano, onde dicía:

"Nada te aflixa o xénero de morte que me dan, porque ela non deshonra senón aos malos, aos bos cóbreos de honor e gloria".[1]

Redactou así do seu puño e letra o epitafio que habería de colocarse sobre a súa sepultura. A viúva foi encerrada nunha cela dun pequeno Colexio de Orfas na cidade de Betanzos baixo a custodia de Vicente Feliciano Faraldo, pai de Antolín Faraldo, un dos absolutistas máis fanáticos, que levou o seu celo ao extremo de non lle permitir á esposa de Porlier abrir os baúis que conservaban as roupas e os obxectos persoais do seu marido ata cinco anos despois, cando o levantamento liberal o obrigou a fuxir e a liberar a viúva.

En 1820, tralo triunfo de Riego os seus restos foron inhumados con honra na capela de San Roque, preto da praza onde foi aforcado. En 1823 coa volta do absolutismo foi de novo exhumado e enterrado no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, mais non se sabe onde.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. “Nada te aflija el género de muerte que me dan, porque ella no deshonra sino a los malos, a los buenos les cubre de honor y gloria”. Orixinal en castelán
  2. O cemiterio de Santo Amaro. Memoria de dous séculos. Concello da Coruña, Fundación Emalcsa. 2012. ISBN 978-84-616-1077-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]