Francisco Miguel
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 25 de setembro de 1897 A Coruña, España |
| Morte | 29 de setembro de 1936 Queo de Arriba, España |
| Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo |
| Lugar de sepultura | Bértoa (1936–2023) cemiterio de Santo Amaro da Coruña |
| Actividade | |
| Ocupación | pintor |
| Familia | |
| Cónxuxe | Syra Alonso |
| Descrito pola fonte | Enciclopedia Galega Universal Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Dicionario biográfico de Galicia |
Francisco Miguel Fernández Díaz[1] (noutras fontes Francisco Miguel Fernández Moratinos[2][3][4] e mesmo Francisco Miguel Moratinos Fernández-Díaz), de nome artístico Francisco Miguel, nado na Coruña o 25 de setembro de 1897[5] e finado no Campo de Morgade,[1] Queo de Arriba (Bértoa, Carballo), o 28 de setembro de 1936, foi un pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro galego. A súa pintura é de carácter surrealista, e cultivou as naturezas mariñas.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi fillo ilexítimo de Román Moratinos Ventosa, industrial natural de Briones (A Rioxa), e da ferrolá Marcelina Fernández Díaz. Casou con Syra Alonso o 19 de novembro de 1920, co poeta e cónsul uruguaio Julio José Casal como testemuña[6]. Tivo ao seu cargo a Librería de Arte, na rúa Real da Coruña, e colaborou activamente coas revistas Casa de América e Alfar, da que foi director artístico.[7] Participou nos parladoiros da librería da súa propiedade e do café La Peña.[3]

Autodidacta, ao longo da súa vida realizou múltiples viaxes e cambios de residencia: Montparnasse (París), en 1923, onde se formou na arte do batik; Cuba e México (1926-33), onde naceron os fillos Juan Ramón e Sandro e onde traballou co muralista David Alfaro Siqueiros[9], o que contribuíu a poñelo en contacto directo coas vangardas artísticas do momento (Diego Rivera, Blanca Luz Brum…); foi tamén foi amigo de Alejo Carpentier, Luis Seoane, de León Felipe e de Picasso, de quen quixo expór a súa obra da etapa coruñesa nos anos 30 pouco antes de ser asasinado. Francisco Miguel tamén foi ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges e de Gabriela Mistral.[10]
En 1933 volveron a España. Tras un ano en Madrid regresaron a Galicia, instalándose na "Casa da Dicha" (Casa da Felicidade) no Porto de Santa Cruz, Liáns, Oleiros.[11]
O 3 de agosto de 1936 foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime militar golpista. Saíu en liberdade, pero o 19 de setembro prendérono de novo. O 28 de setembro apareceu o seu cadáver fusilado en Bértoa, coa cara fendida e as mans amputadas,[11] xunto cos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, e foron enterrados no cemiterio da localidade. Os seus restos foron localizados e identificados en setembro de 2023.[12][13]
En 1942, Syra e os tres fillos volveron definitivamente a México, exiliados.[14]
Tras unha solicitude dos seus descendentes, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica desenvolveu un proceso que conduciu á exhumación dos seus restos no cemiterio de Bértoa o 19 de setembro de 2023[15] e culminou, o 29 de setembro de 2025, co seu enterro no cemiterio de Santo Amaro da Coruña, nun acto en que participaron algúns dos seus familiares e un amplo cortexo cívico.[16]
Homenaxes
[editar | editar a fonte]En 1999 a cidade da Coruña dedicoulle unha rúa.[17] No ano 2000 abriu no Quiosco Alfonso a exposición "Entre Vanguardias: Francisco Miguel pintor galego e Mexicano" que previamente estivera no Círculo de Belas Artes de Madrid.[18]
En 2015 foille dedicado o Día da Galiza Mártir.
No ano 2025, houbo unha campaña apoiada por varias organismos, persoeiros da cultura e entidades sociais para dedicarlle o Día das Artes Galegas 2026,[19][20] que finalmente recaeu no fotógrafo José Suárez.
Nese mesmo ano, a Deputación da Coruña impulsou a celebración dun ciclo de conferencias ao redor da vida e da obra do pintor e a súa dona en 12 concellos da provincia,[21] e o Concello da Coruña, como preámbulo do seu enterro no cemiterio de Santo Amaro, impulsou unha exposición de obras de Francisco Miguel de titularidade municipal.[22]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Debuxo de Syra a liña, dos moitos que Francisco Miguel elaborou.
-
Syra, Francisco Miguel e os seus tres fillos.
-
Tumba sen nome, de Francisco Miguel, no cemiterio de Bértoa.
-
Tumba de Francisco Miguel en Santo Amaro
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Francisco Miguel na base de datos do proxecto Nomes e voces.
- ↑ 2,0 2,1 "Fernández Moratinos, Francisco Miguel". Diccionario enciclopédico galego universal 27. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 76. ISBN 84-7680-429-6.
- ↑ 3,0 3,1 "Fernández Moratinos, Francisco Miguel". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo. 2010-2011. p. 76.
- ↑ Casas, Arturo (2000). "Syra Alonso: Diarios" (PDF). A Trabe de Ouro (41): páx. 115–120. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19/06/2015. Consultado o 27/10/2010.
- ↑ Inscrición na súa lápida: Francisco Miguel 25-IX-1897 29-IX-1936
- ↑ Repertorio biobibliográfico do exilio galego 2001, CCG.
- ↑ "O pintor Francisco Miguel é homenaxeado en Bértoa" Arquivado 06 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 27/9/2000.
- ↑ "Memoria de Santa Cruz" La Opinión Coruña, 16/8/2015.
- ↑ Artistas plásticos en la Guerra Civil española Sociedad Benéfica de Historiadores Aficionados y Creadores
- ↑ "Francisco Miguel e Syra Alonso, figuras para a lembranza". Nós Diario. Consultado o 2022-02-24.
- ↑ 11,0 11,1 "A Casa da Felicidade de Santa Cruz" La Opinión Coruña, 18/2/2013.
- ↑ Ramos Lavandeira, José Manuel (20/9/2024). "Carballo recupera a figura do pintor Francisco Miguel no cabodano da exhumación en Bértoa" El Correo Gallego (en castelán).
- ↑ "Memoria contra el olvido en Carballo, con el pintor Francisco Miguel en el centro" (28/9/2024). La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ Syra Alonso Arquivado 22 de novembro de 2010 en Wayback Machine. no Álbum de Mulleres do CCG.
- ↑ Pérez Pena, Marcos (11 de abril de 2025). "Historia, memoria e dignidade: as familias de tres asasinados polo franquismo reciben á fin os seus restos". Praza.gal. Consultado o 1 de outubro de 2025.
- ↑ Pérez Pena, Marcos (29 de setembro de 2025). "Cunchas e buguinas despediron a Francisco Miguel, "artista creador de beleza asasinado polo fascismo"". Praza.gal. Consultado o 1 de outubro de 2025.
- ↑ Reiriz Rey, Jesús María; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2004). Tiempos republicanos (en castelán). A Coruña: Ateneo Republicano de Galicia. ISBN 84-933103-2-8.
- ↑ "El círculo de Bellas Artes coproducirá actos culturales en A Coruña". La Voz de Galicia. 13 de xaneiro de 2000.
- ↑ V, M. (22/5/2025). "«Francisco Miguel é o pai artístico de Lugrís, un pintor internacional»". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 3/10/2025.
- ↑ "A CRMH da Coruña solicita que se lle adique ao pintor Francisco Miguel Fernández Díaz, o Día das Artes Galegas 2026". Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. 17/4/2025. Consultado o 3/10/2025.
- ↑ Piñeiro, Sergio (9/9/2025). "Una serie de conferencias recordarán la figura del pintor Francisco Miguel en 12 concellos de la provincia de A Coruña". Cadena SER (en castelán). Consultado o 3/10/2025.
- ↑ "Una exposición pone en valor en A Coruña la figura de Francisco Miguel Fernández". La Voz de Galicia (en castelán). 3/9/2025. Consultado o 3/10/2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Miguel |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Díaz Pampín, María América (2005). "Francisco Miguel". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Entre vanguardias: Francisco Miguel, pintor gallego y mexicano (1897-1936) (en castelán). México: Instituto Nacional de Bellas Artes, Consejo Nacional para la Cultura y las Artes; Museo Casa Estudio Diego Rivera y Frida Kahlo; Círculo de Bellas Artes de Madrid. 1999. ISBN 9701829883. LCCN 00315225. OCLC 44420671.