Xoán Montes
Xoán Montes | |
---|---|
![]() |
|
Nacemento | 13 de abril de 1840 |
Falecemento | 24 de xuño de 1899 |
Nacionalidade | España |
Ocupación | director de orquestra, compositor e pianista |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Xoán Montes Capón, nado en Lugo o 13 de abril de 1840 e finado o 24 de xuño de 1899, foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Ingresa con dez anos como interno no Seminario Conciliar de Lugo, onde estuda a carreira sacerdotal (Latinidade e Humanidade, Filosofía e Teoloxía, obtendo as máximas cualificacións). Foi un músico eminentemente autodidacta, xa desde a adolescencia, cando a supresión no Seminario da cátedra de solfexo o obriga a realizar pola súa conta os estudos de música, que simultanea cos relixiosos co consentimento dos seus profesores. O vicerreitor encoméndalle a creación dun coro de seminaristas, e empeza a compoñer as súas primeiras pezas: glosas, pregarias, himnos, motetes; entre eles Las siete palabras de Cristo en la Cruz, da que posteriormente (1889) fará un preludio instrumental.
Oposita á praza de organista da Catedral de Mondoñedo (1862), aínda que, ao non ter a idade requirida, só pode concursar a merito, isto é, sen dereito a praza.
Remata os estudos eclesiásticos no 1863 e renuncia á vida espiritual para dedicarse enteiramente á música, como pianista, compositor ou director, sendo con certeza un caso único en toda a historia da música galega, tanto pola cantidade como pola cualidade e variedade dos seus traballos.
Foi mestre de capela interino e organista da Catedral de Lugo, director da Escola de Música do concello, e, tras reorganizala, da banda municipal da cidade, coa que deu infinidade de concertos, divulgando a música sinfónica, a de cámara e a coral.
Fundou en 1879 o ''Orfeón Lucense'', posteriormente chamado Orfeón Galego, co que acadou grandes éxitos dentro e fóra de Galiza interpretando obras compostas por el mesmo sobre textos de poetas galegos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, e que dirixiu até a súa morte.
En 1886 foille concedida a condecoración de Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica, distinción que recusou con humildade. No final da súa vida aínda levou a termo a organización por encomenda do bispo da Schola Cantorum do Seminario.
Faleceu na cidade de Lugo dunha hemorraxia cerebral na madrugada do 24 de xuño de 1899.
Obra[editar | editar a fonte]
Entre os títulos máis importantes da súa vastísima obra religiosa pódese destacar: Oficio de Defuntos, Te Deum (para catro voces e orquestra), Misa de réquiem (a tres voces e orquestra ou órgano) ou Ofertorio-marcha sobre o himno 'Ave Maris Stella', así como varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, invitatorios, himnos e motetes.
Entre as obras profanas merecen especial mención as seis Baladas Galegas (“As lixeiras anduriñas”, “Doce sono” e “Negra sombra”, sobre textos de Rosalía de Castro, “Lonxe da terriña” e “O pensar do labrego” con letra de Aureliano J. Pereira e “Unha noite na eira do trigo” sobre o poema de Curros Enríquez) para canto e piano.
Por outro lado, Montes compuxo tamén unha Alborada galega para banda, Himnos a Calderón de la Barca e a Gutenberg, Serenata (a catro voces), O bico e Rapaciña se quixeres (muiñeiras para orfeón), Pasodobre de trompetas (para banda e orquestra), un arranxo para sexteto da Alborada, Habanera (para piano a seis mans) e o pasodobre Aires populares de Galicia, entre moitas outras pezas.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Cañada, Silverio (ed.) Gran Enciclopedia Galega.
- Diccionario de la música española e hispanoamericana. Sociedad cultural de autores y editores.
- Varela de Vega, Juan Bautista. Cinco séculos de música na Catedral de Lugo.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
|