Urbano Lugrís González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mural de Urbano Lugrís situado orixinalmente nun local da rúa Real da Coruña (c. 1950-1959).[1][2]

Urbano Lugrís González, nado na Coruña o 28 de xaneiro de 1908[3] e finado en Vigo o 23 de decembro de 1973, foi un pintor galego.

A súa vida está chea dunha actividade creadora pouco común, que lle permitirá plasmar as súas inquedanzas artísticas en medios tan diversos como a poesía, o teatro, a pintura e incluso a arquitectura (ermida do santuario dos Santos Reis, Bueu 1948-49).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega, e Purificación González, pianista de gran sensibilidade. No seu contorno familiar aprenderá a amar a música, a gozar da lectura, a dominar a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da cultura galega que influirán de forma importante na súa formación.

Desde neno sentiuse especialmente atraído polo mar azul da súa terra, no que decidirá mergullarse, facendo para sempre das súas augas e fonduras o seu lugar habitual de ensoñación.

Bohemio de vocación, tras iniciar estudos de perito mercantil en Santiago de Compostela, marchou a Madrid,[4] onde mantivo unha intensa vida cultural a carón de figuras relevantes da época como Federico García Lorca, Rafael Dieste, Rafael Alberti ou Álvaro Cunqueiro, participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista, e na publicación de revistas como Brétemas, da que foi o gran vertebrador.

Despois de ser encarcerado en 1930 polas súas actividades republicanas e ser membro da Xuventude Republicana de Santiago Casares Quiroga partipou na guerra civil española no bando nacional. Trala guerra comezou a dedicarse en exclusiva á pintura e na década de 1940 tiveron lugar as súas primeiras exposicións.[4]

De volta a Galiza seguirá movéndose en círculos literarios e pictóricos, dando renda solta a súa capacidade de gran falador; así tan pronto recitaba a un clásico facendo uso dunha memoria prodixiosa, como narraba unha das súas múltiples anécdotas coas que moitas veces foi fabulando a súa propia lenda. Na década de 1950 fundou a revista Atlántida.

En 1961 falece de cancro a súa muller, Paula,[4] coa que tivera o seu fillo, o tamén pintor Urbano Lugrís Vadillo. Este feito provocou que Lugrís se debatese nun ir e vir de fondas depresións. Con todo, entre unha e outra seguirá pintando coa mesma forza e riqueza imaxinativa que o caracterizou sempre, ata o mesmo ano da súa morte, no nadal de 1973 na cidade de Vigo.

Estilo[editar | editar a fonte]

Amais de pintor valente e rompedor, foi un grande ilustrador de libros e co seu labor de dirección e creación na revista Atlántida demostrou unha nova faceta do seu carácter: a súa capacidade de traballo. No seu estilo pictórico os críticos atopan semellanzas co metafísico de Chirico, co surrealismo de René Magritte nas súas visións oníricas e con Patinir, O Bosco, e Brueghel no seu barroquismo das formas e a súa minuciosidade. Dominou diversas técnicas: óleo, serigrafías, colaxe, muralista, tinta chinesa sobre papel...

Tematicamente a súa obra está chea de referencias ó mundo céltico e as profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

En 1997 organizouse a mostra máis ampla do pintor, Urbano Lugrís, viaxe ao redor do meu mundo, comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño. Tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

Antón Patiño Pérez publicou o libro Urbano Lugrís: Viaxe ao corazón do océano (Ed. do Castro, 2007), que abrangue a vida, obra e lenda de Urbano Lugrís. Análise da súa pintura e do seu labor literario asinado co alcume de Ulyses Fingal ao través de relatos e poemas vencellados ao mundo do mar.

Luís Rei Núñez publicou O señor Lugrís e a negra sombra (Xerais, 2007), novela baseada nos últimos anos da vida do pintor.

Descuberta[editar | editar a fonte]

A principios de decembro do 2008 foi descuberto nos baños dun restaurante da Coruña un mural seu durante as obras de reforma do local. A obra representa un reloxo de péndulo que marca as tres en punto e do que penduran dous chourizos, así como a frase "Unha cunca de viño e faise o camiño". A autoría da obra foi confirmada "sen a máis mínima dúbida" polo seu fillo Urbano.[5]

Vista da Coruña 1669[editar | editar a fonte]

Orixinalmente, o mural foi creado como decoración dunha sala de festas que houbo nos números 74-76 da rúa Real da Coruña, en 1952, baixo o título Vista da Coruña 1669. Para o deseño, Lugrís inspirouse no debuxo que naquela data fixera o artista italiano Pier María Baldi, que acompañaba a Cosme III de Médici na súa viaxe por Galicia e Portugal.

Nesta primeira localización, o mural ocupaba a parede da planta baixa e unha entreplanta (medía sobre 4 m de altura), pero nos anos 60 o local foi adquirido polo Banco Hispano-Suízo para a súa sede social, e unha redistribución dos espazos trouxo como consecuencia a destrución da metade superior, aínda que -polas fotografías que se conservan- non afectou significativamente ós motivos pictóricos representados. En 1997, o local pasou a ser adquirido pola cafetería Vecchio e o mural a decorar este establecemento. Finalmente, foi adquirido en 2016 por Afundación e trasladado á sede social de Abanca (rúa Olmos, 26)[6], onde foi restaurado para poder ser exposto ó público.

Trátase dunha vista onírica da península da Coruña, centrada no seu porto. Reflicte algúns dos elementos máis representativos da cidade, como a cidade vella, a torre de Hércules, o castelo de Santo Antón ou os muíños de vento de Monte Alto, hoxe desaparecidos. Evidentemente, contempla tamén diferentes motivos mariñeiros.

A obra, tras a restauración, ten unhas medidas de 9,10 por 2,45 [7] e está en proceso de ser declarada Ben de Interese Cultural.[2][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El mural de Lugrís deja el bajo del Vecchio en A Coruña
  2. 2,0 2,1 Cultura prevé que el mural de Lugrís ya será este año bien de interés cultural
  3. Descoñécese a data exacta do seu nacemento, que puido ser en 1902, 1906 ou, máis probablemente, 1908. O comisario da exposición antolóxica "Lugrís. Paredes soñadas" (A Coruña, 2017) dá por certa esta data.
  4. 4,0 4,1 4,2 Ventureira, Rubén (2017). Urbano Lugrís. Paredes soñadas. Afundación. 
  5. Un mural de Urbano Lugrís nun cuarto de baño
  6. "Arranca el traslado del mural de Lugrís de la calle Real de A Coruña", en La Voz de Galicia 30.11.2016. "El mural de Lugrís termina su viaje", en La Opinión 31.03.2017.
  7. Folleto da exposición "Paredes soñadas". A resolución da Xunta de Galicia de marzo de 2016 pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural, dá unhas medidas de 9,02 por 2,35.
  8. DOG do 30 de marzo de 2016

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]