Alfredo Suárez Ferrín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alfredo Suárez Ferrín
Alfredo Suárez Ferrín
Nacemento outubro de 1881
Lugar A Coruña
Falecemento 31 de agosto de 1936
Lugar A Coruña
Nacionalidade Galicia Galicia
Ocupación Industrial e político

Alfredo Suárez Ferrín, nado na Coruña en outubro de 1881[1] e fusilado na Coruña o 31 de agosto de 1936, foi un industrial e político galego. Na Coruña unha rúa dos Rosais leva o seu nome. O Instituto de Estudos Políticos e Sociais convoca o premio literario "Alfredo Suárez Ferrín", un traballo de difusión dos valores cívicos, morais e democráticos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou Químicas e Profesorado Mercantil. Exerceu como industrial, sendo propietario xunto co seu irmán Julio dunha ferraxería na rúa Sánchez Bregua e, posteriormente, dunha fábrica de caldos concentrados.

Destacou desde novo polas súas ideas republicanas. O 12 de abril de 1931, nas eleccións municipais que supuxeron o alzamento da II República, foi elixido concelleiro polo Partido Republicano Radical-Socialista. En maio de 1932 asistiu ao congreso do seu partido, celebrado en Santander, representando á Coruña.

En xaneiro de 1934 foi elixido alcalde da Coruña, substituíndo a Manuel Iglesias Corral. Trala revolución de outubro abandonou o posto por decisión gobernativa. Coa creación de Unión Republicana uniuse ao partido, sendo vogal da liga de Dereitos do Home e socio do Casino Republicano.

Alfredo Suárez Ferrín, alcalde da Coruña, fusilado en 1936.jpg

Coa vitoria da Fronte Popular en febreiro de 1936, foi elixido de novo alcalde, tomando posesión o día 20 en substitución de Atanagildo Pardo de Andrade. Tralo Alzamento Nacional do 18 de xullo foi detido e axiña liberado, pero o día 21 pola tarde foi detido de novo. Tras realizar o acto de traspaso da alcaldía o 22 pola mañá ao capitán de Intendencia, José Fuciños Gayoso, foi enviado de novo a prisión.

Os días 26 e 27 de agosto foi xulgado no Pazo de Xustiza da Coruña, canda o secretario do concello Joaquín Martín Martínez, o secretario do goberno civil Leovigildo Taboada, o deputado Manuel Guzmán García, os líderes socialistas Ramón Maseda e Francisco Mazariegos Martínez e outros catro acusados. O fiscal pediu para os dez a pena de morte, sendo seis deles condenados.

Segundo as súas fillas, Elisa e Sofía Suárez Chacón, horas antes do fusilamento chegou da Xunta de Defensa Nacional de Burgos un indulto, que non chegou a ser aplicado. O motivo do indulto puido deberse a que Suárez Ferrín intercedera ante Casares Quiroga cando era ministro da Guerra e presidente do Goberno, a favor do coronel Martín Alonso e do tenente coronel Nevado de Bouza cando estes foron denunciados como golpistas no Ministerio por militantes de esquerdas.

Está soterrado no cemiterio civil da Coruña. O 31 de agosto de 1986 erixiuse un busto na súa memoria nos xardíns de Méndez Núñez.

Suárez Ferrín aparece mencionado nas novela Mazurca para dos muertos (1983) de Camilo José Cela e Os libros arden mal (2006) de Manuel Rivas

Xardíns Méndez Núñez.
Predecesor:
Manuel Iglesias Corral
Escudo de A Coruña.svg
Alcalde da Coruña

1934
Sucesor:
Atanagildo Pardo de Andrade
Predecesor:
José Fandiño Arrojo
Escudo de A Coruña.svg
Alcalde da Coruña

1936
Sucesor:
José Fuciños Gayoso

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O DBdG e a EGU dan 1881 como ano de nacemento. Porén, Fernández, aquí, da 1891.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]