Aldonza de Galicia e León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aldonza de Galicia e León (tamén escrito Aldonça segundo a grafía da época, ou Dulce), nada cara a 1195 e finada cara a 1245, foi unha nobre galega, raíña de Galicia e León de iure durante escaso período de tempo en 1230, en conxunto coa súa irmá máis vella Sancha II, aínda que de feito non exercese calquera funcións gobernativas.

Aldonza era filla de Afonso VIII de Galiza e León e da súa primeira esposa, a princesa portuguesa Tareixa Sanches, filla do rei Sancho I de Portugal. Dese casamento resultou tamén o nacemento de máis unha filla, Sancha, e dun rapaz, Fernando (falecido en 1214), príncipe de Galicia e León, e quen tería sido herdeiro de Afonso VIII. Con todo, o matrimonio viría a ser declarado inválido polo Papa, en virtude da consanguinidade dos esposos.

Afonso VIII volveu casar, por segunda vez, coa raíña Berenguela de Castela, da cal tivo, entre outros fillos, o futuro Fernando III de Castela. Tamén este casamento sería anulado.

Non obstante, en Castela, por morte de Henrique I, sucédelle no trono a súa irmá Berenguela, a cal pronto abdicou en favor do fillo, Fernando III (1217). Afonso VIII, como rei consorte de Castela polo casamento con Berenguela, esixiu os dereitos de rei que Berenguela unilateralmente lle concedera ao seu fillo, provocando isto un conflito bélico que finalmente remataría o 26 de agosto de 1218, nun pacto asinado en Toro, e no que pai e fillo selaban as paces definitivamente. Por ese pacto, prevíase que ambos os soberanos renunciarían perpetua e mutuamente á coroa do outro reino, así Afonso VIII abandonaba os seus dereitos como rei consorte de Castela, e Fernando III non podería reclamar o goberno de Galiza e León.

Efectivamente, ao morrer (1230), Afonso VIII lega os reinos en testamento ás súas fillas Aldonza I e Sancha II. Non obstante aproveitando a febleza política do momento, e rompendo o tratado de Toro, Fernando III, instigado pola súa nai así coma polos sectores aristocráticos do reino de Castela, decídese a usurpar os reinos de Galiza e León ás súas irmás, coa fin de incorporalos ós seus dominios. Tras un convulso momento bélico entre os leais a Aldonza e Sancha, e os seguidores de Fernando III, a maioría da aristocracia leonesa así coma o clero galego-leonés decántase pola unión con Castela a cambio de terras e favores.

Baixo a ameaza de guerra e con defensores do rei castelán no propio reino, Fernando III conseguiu premer para que as dúas herdeiras do primeiro casamento do pai renunciasen ao trono no seu favor, en troco dunha significativa contía en diñeiro, foi o que se chamou o «Tratado das Tercerias». Desta forma uníronse durante un tempo e por primeira vez os reinos de Galiza e León con Castela e Toledo na persoa de Fernando III, pasando Castela a deter a hexemonía no conxunto dos reinos, e máis tarde motivado pola súa grande extensión acadada, na Península Ibérica.

Aldonza decidiu entón acompañar a súa nai para Portugal, téndose recollido con ela ao mosteiro do Lorvão, onde viría a falecer cerca de 1243.