Saltar ao contido

Gabriel Schürrer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGabriel Schürrer

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento16 de agosto de 1971 Editar o valor en Wikidata (54 anos)
Rafaela Editar o valor en Wikidata
Altura184 cm Editar o valor en Wikidata
Peso78 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista, adestrador de fútbol Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1988–1996 Club Atlético Lanús (23)
1989–1990 cesión:  Asociación Mutual Social y Deportiva Atlético de Rafaela
1996–1998   Racing de Santander 68(5)
1998–2000   Deportivo da Coruña 47(3)
2000–2002   UD Las Palmas 64(4)
2002–2004   Real Sociedad 56(1)
2004–2006 Olympiakos FC 40(1)
2006–2007 Málaga Club de Fútbol 9(0)
  Selección nacional Número de eventos xogados
1995–1995   Arxentina 4(0)
  Adestrador Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2010–2012 Club Atlético Lanús
2012–2013   Argentinos Juniors
2014–2015 Club Mutual Crucero del Norte (pt) Traducir
2015–2015 Club Atlético Gimnasia y Esgrima de Jujuy (pt) Traducir
2016–2016 Club Atlético Sarmiento (pt) Traducir
2017–2017 Club Deportivo Cuenca
2018–2018 Club Social y Deportivo Independiente José Terán (pt) Traducir
2019–2019 Sociedad Deportiva Aucas (pt) Traducir
2020–2020 Club Social, Cultural y Deportivo Blooming (pt) Traducir
2021–2021 Mitre
2022–2022 Club Deportivo Cuenca
2023–2023 Panetolikos F.C. (pt) Traducir
2025–2025 Mitre
2025–2025 Vinotinto del Ecuador Fútbol Club (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
Papeis de Panamá Editar o valor en Wikidata

Gabriel Francisco Schürrer Peralta, nado en Rafaela (Santa Fe) o 16 de agosto de 1971, é un exfutbolista e actual adestrador arxentino. Xogaba de defensa central e formouse na canteira do Lanús, debutando co primeiro equipo en 1989. Disputou 243 partidos co club da provincia de Buenos Aires, conseguindo dous ascensos á Primeira División, e en 1996 deu o salto ao fútbol europeo, onde destacou nas filas do Racing de Santander e o Deportivo da Coruña, gañando con este un título de liga de Primeira División na tempada 1999/00. Tras pasar tamén pola UD Las Palmas e a Real Sociedad fichou polo Olympiacos, co que conquistou en dous anos dúas ligas gregas e dúas Copas de Grecia. Foi 14 veces internacional coa selección arxentina.

Como adestrador dirixiu o propio Lanús, co que conseguiu un subcampionato arxentino, e varios clubs máis do seu país, así como de Ecuador e Bolivia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como xogador

[editar | editar a fonte]

Naceu en Rafaela, na provincia de Santa Fe, o 16 de agosto de 1971, sendo o maior dos tres fillos dun supervisor da construción e unha empregada dunha fábrica (seus irmáns son Alejandro e Soledad Schürrer).[1] Comezou a xogar ao fútbol aos oito anos no principal equipo da súa cidade natal, o Atlético de Rafaela, ata que con 15 anos ingresou nas categorías inferiores do Lanús.[2] Pasou tres anos na pensión "Beto Colaciatti" do club e en setembro de 1989 debutou co primeiro equipo na Nacional B, da man de Miguel Ángel Russo. Disputou 44 partidos durante esa tempada 1989/90, na que o equipo conseguiu o ascenso á Primeira División despois de derrotar na final do Torneo Reducido ao Quilmes, cunha quenda de penaltis na que Schürrer anotou o seu lanzamento.[3]

Na tempada 1990/91 debutou na máxima categoría, pero acabou descendendo ao remate da mesma. Na seguinte campaña proclamouse campión da Nacional B, conseguindo así o ascenso directo. No Torneo Apertura de 1993 formou unha destacada dupla de centrais xunto a Néstor Fabri, e o equipo ocupou durante varias xornadas o liderado da táboa, acabando o campionato a só dous puntos do campión, o River Plate.

Militou un total de sete tempadas no equipo "granate", xogando 243 partidos e marcando 29 goles.

Racing de Santander

[editar | editar a fonte]

En 1996 desembarcou no fútbol europeo, fichando como novo xogador do Racing de Santander, da Primeira División de España. Debutou na primeira xornada de liga contra o Valencia no Sardinero, substituíndo nos últimos minutos a Álvaro Cervera. Unha semana despois o adestrador Marcos Alonso deulle a titularidade, na que se afianzou o resto da tempada 1996/97, que completou cun total de 41 partidos (40 deles saíndo como titular). Marcou ademais cinco goles, o primeiro deles nun empate a dous contra o Real Madrid. Na seguinte campaña xogou 37 encontros, saíndo en todos eles dende o once inicial e foi o xogador máis expulsado da liga, con tres cartóns vermellos.

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

O seu gran rendemento no Racing levou a que fose contratado en 1998 polo Deportivo da Coruña. Ás ordes de Javier Irureta, formou habitualmente no centro da defensa xunto a Naybet e disputou 37 partidos na súa primeira tempada. Na 1999/00 perdeu protagonismo no equipo, disputando só 22 partidos, pero contribuíu a que o club gañase a primeira e única liga da súa historia.[4] Pechou o seu paso pola Coruña cun total de 59 partidos e 3 goles.

Las Palmas

[editar | editar a fonte]

En 2000 fichou pola UD Las Palmas, tamén da Primeira División. Con Sergije Krešić como adestrador, xogou 32 partidos na súa primeira tempada nas illas, marcando dous goles, cifras case idénticas ás que obtivo na seguinte tempada, xa co galego Fernando Vázquez no banco (34 partidos e 2 goles). Con todo, non puido evitar o descenso do equipo á Segunda División, sendo esta a maior decepción da súa carreira como futbolista.[2]

Real Sociedad

[editar | editar a fonte]

Tralo descenso deixou As Palmas e mudouse a Donostia, onde fichou pola Real Sociedad. Na súa primeira tempada na Real, xogou 24 partidos ás ordes do francés Raynald Denoueix, formando defensa habitualmente con Aitor López Rekarte, Jáuregui e Aranzábal, e logrou un meritorio subcampionato de liga, quedando a só dous puntos do campión, o Real Madrid, e conseguindo a clasificación para a Liga de Campións despois de máis de dúas décadas.

Na súa segunda tempada xogou un total de 40 partidos e debutou na Liga de Campións, competición na que marcou o seu primeiro gol coa camiseta txuri-urdin, ante o Olympiacos grego. Contribuíu así á clasificación do equipo para a fase eliminatoria, na que quedaron emparellados en oitavos de final co Olympique de Lión. No encontro de ida en Anoeta, Schürrer foi o protagonista do único gol do partido, nunha desafortunada acción na que introduciu involuntariamente o balón na portería do seu propio gardameta, o neerlandés Sander Westerveld.[5] O conxunto vasco non foi quen de remontar a eliminatoria en Lión e caeu eliminado por un resultado global de 2-0.

Pechou o seu paso pola Real cun total de 64 partidos, todos como titular, e 2 goles.

Olympiacos

[editar | editar a fonte]

En 2004 puxo rumbo a Grecia, onde asinou como novo xogador do Olympiacos. Chegou ao club grego xunto a outras destacadas fichaxes, como a de Antonios Nikopolidis ou a do gañador do Balón de Ouro e tamén ex do Deportivo Rivaldo. Na súa primeira tempada no club ateniense, ás ordes do serbio-bosníaco Dušan Bajević, conquistou tanto a liga grega como a Copa de Grecia. Disputou ademais seis partidos na Liga de Campións, na que o conxunto grego quedou preto de pasar á segunda rolda, tras ser encadrado nun duro grupo xunto a Liverpool, Monaco e Deportivo da Coruña. Contra o equipo monegasco marcou o seu único gol en Grecia, dándolle a vitoria ao seu equipo (1-0).

Na tempada 2005/06, con Trond Sollied como adestrador, o Olympiacos volveu gañar o título de liga, vencendo ademais por segunda vez na súa historia os catro derbis contra os seus máximos rivais (Panathinaikos e AEK Atenas). Schürrer foi titular na final da Copa de Grecia ante o AEK, na que o club branco e vermello revalidou o título e o dobrete nacional.

En 2006 regresou ao fútbol español, fichando polo Málaga, recentemente descendido á Segunda División. Co equipo andaluz disputou 10 partidos, retirándose ao final da tempada.

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

Schürrer foi internacional coa selección arxentina en 14 ocasións. Debutou o 13 de maio de 1995, da man de Daniel Passarella, nun partido amigable ante Suráfrica no Ellis Park de Xohanesburgo. Saltou ao terreo de xogo nos minutos finais, como substituto de Omar Asad.[6] Ese mesmo ano participou coa súa selección na Copa América, disputando un só partido contra os Estados Unidos no estadio Parque Artigas de Paysandú.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada como futbolista regresou á Arxentina, onde en 2009 aceptou a oferta do seu primeiro club, o Lanús, para adestrar o seu equipo da quinta división. O 14 de novembro de 2010 foi nomeado adestrador do primeiro equipo de Lanús, trala saída de Luis Zubeldía. No Torneo Clausura de 2011, conseguiu o subcampionato da liga arxentina, só por detrás do Vélez Sarsfield de Ricardo Gareca, e clasificouse para a Copa Libertadores 2012. Na fase de grupos do torneo continental, logrou unha histórica goleada por 6-0 sobre o Olimpia paraguaio,[7] e finalmente conseguiu o primeiro posto do seu grupo, antes de caer nos oitavos de final contra o Vasco da Gama de Cristóvão Borges.[8]

Tralo remate do Torneo Clausura de 2012, Schürrer deixou o seu posto no Lanús, cun balance de 73 partidos dirixidos, 31 vitorias, 23 empates e 19 derrotas.[9]

Argentinos Juniors

[editar | editar a fonte]

En novembro de 2012 colleu as rendas do Argentinos Juniors, tamén na máxima categoría. Empatou sen goles ante River Plate no seu primeiro partido, pero a continuación sumou seis derrotas consecutivas, polo que acabou dimitindo do seu posto en febreiro de 2013.[10]

Crucero del Norte

[editar | editar a fonte]

En marzo de 2014 foi anunciado como novo adestrador do Crucero del Norte, equipo da Primeira B Nacional, segunda categoría do fútbol arxentino.[11] Oito meses despois, levou o club ao logro máis importante da súa historia, conseguindo o ascenso á Primeira División tras unha vitoria por 3-0 sobre Patronato.[12] Conseguiu así meter un equipo da provincia de Misiones na máxima categoría do fútbol arxentino despois de case 30 anos.[13] Dirixiu o club durante o comezo da tempada 2015, pero deixou o cargo en abril.[14]

Gimnasia y Esgrima (Jujuy)

[editar | editar a fonte]

En xullo de 2015 foi presentado como adestrador do Gimnasia y Esgrima de San Salvador de Jujuy.[15] Dirixiu o club durante só catro meses, ata que anunciou a súa saída en novembro, alegando motivos familiares.[16]

Sarmiento

[editar | editar a fonte]

Para tempada 2016/17 fichou polo Sarmiento, da Primeira División, ao que adestrou ata novembro, período no que logrou unha soa vitoria en oito partidos.[17]

Primeira etapa en Ecuador

[editar | editar a fonte]

En decembro de 2016 iniciou a súa primeira etapa en Ecuador, fichando como adestrador do Deportivo Cuenca, da máxima categoría do país.[18] Durante a tempada 2017 debutou a nivel continental na Copa Suramericana, caendo na primeira rolda ante o Oriente Petrolero de Eduardo Villegas.[19] No campionato de liga acabou na sétima praza, clasificando así o equipo de novo para a Copa Suramericana.[20]

En decembro de 2017 cambiou outra vez de club e asinou co Independiente del Valle.[20] Con este equipo participou na Copa Libertadores 2018, ingresando na segunda fase, pero caeu eliminado ante Banfield. Foi destituído en xullo.[21]

En maio de 2019 fichou polo Aucas de Quito, ao que adestrou ata decembro.[22]

En outubro de 2020 colleu as rendas do Blooming boliviano, trala marcha do técnico chileno Miguel Ponce.[23] Adestrou o club de Santa Cruz de la Sierra ata o final da tempada 2020 da Primeira División de Bolivia.

Mitre (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2021 dirixiu o Mitre de Santiago del Estero na Primeira Nacional.

Segunda etapa en Ecuador

[editar | editar a fonte]

En decembro de 2021 regresou a Ecuador para adestrar por segunda vez o Deportivo Cuenca.[24] Do mesmo xeito que na súa primeira etapa, rematou a tempada 2022 na sétima praza, logrando así unha nova clasificación para a Copa Suramericana.

Panetolikos

[editar | editar a fonte]

En xuño de 2023 volveu ao fútbol grego despois de 17 anos para poñerse á fronte do Panetolikos.[25] Con todo, foi destituído o 3 de outubro, co equipo clasificado na penúltima posición da Superliga.[26]

Mitre (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En xuño de 2025 púxose por segunda vez á fronte do Mitre, trala dimisión de Mario Sciaqua.[27] Só dous meses despois, cun balance de tres vitorias e dous empates en dez partidos, tamén el dimitiu do cargo.[28]

Terceira etapa en Ecuador

[editar | editar a fonte]

Uns días despois de deixar o Mitre foi anunciado como novo técnico do Vinotinto de Ecuador, substituíndo no posto ao seu compatriota Juan Grabowski.[29] Colleu o equipo na penúltima posición da táboa e non conseguiu salvar o descenso de categoría, deixando o club ao remate da tempada.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Lanús
Deportivo da Coruña
Olympiacos
  1. Holgado, José Manuel (26 de outubro de 2010). "GABRIEL FRANCISCO SCHURRER PERALTA" (en castelán). Consultado o 20 de xullo de 2025.
  2. 1 2 "Gabriel Schurrer, en primera persona". El Gráfico (en castelán). 21 de outubro de 2011. Consultado o 20 de xullo de 2025.
  3. "Un 28 de julio pero de 1990, Lanús lograba el ascenso a Primera División en la vieja cancha de Quilmes" (en castelán). 27 de xullo de 2009. Consultado o 20 de xullo de 2025.
  4. Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (19 de maio de 2025). "Dépor campeón. La crónica del año en el que todo fue extraordinario". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 20 de xullo de 2025.
  5. "El Lyon profana Anoeta en Champions" (en castelán). 25 de febreiro de 2004. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  6. "Suráfrica 1-1 Arxentina". Transfermarkt (en castelán). Consultado o 25 de xullo de 2025.
  7. "Lanús humilla a Olimpia: 6-0" (en castelán). 3 de abril de 2012. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  8. "En los penales, Vasco da Gama eliminó a Lanús y pasó a cuartos" (en castelán). 9 de maio de 2012. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  9. "Los números de Schurrer" (en castelán). 25 de xuño de 2012. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  10. "Gabriel Schurrer renunció a Argentinos Jrs." (en castelán). 23 de febreiro de 2013. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  11. "“Continuar el trabajo”" (en castelán). 5 de marzo de 2014. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  12. "Crucero del Norte venció a Patronato y ascendió a la Primera División" (en castelán). 30 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 2 de decembro de 2014. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  13. "Misiones volvió a la Primera División, Crucero logró el ascenso" (en castelán). 1 de decembro de 2014. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  14. "Gabriel Schurrer dejó su cargo de entrenador de Crucero del Norte" (en castelán). 22 de abril de 2015. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  15. "Gabriel Schürrer es el nuevo DT del Lobo" (en castelán). 13 de xullo de 2015. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  16. "Schürrer: “Quiero tener revancha en Gimnasia”" (en castelán). 15 de novembro de 2015. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  17. "Gabriel Schurrer dejó de ser el DT de Sarmiento de Junín" (en castelán). 1 de novembro de 2016. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  18. "El nuevo DT del Deportivo Cuenca fue presentado con una videoconferencia" (en castelán). 12 de decembro de 2016. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  19. "Deportivo Cuenca, eliminado de la Sudamericana tras caer 7-8 en penales con Oriente Petrolero" (en castelán). 1 de xuño de 2017. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  20. 1 2 "Schurrer, técnico de Independiente del Valle" (en castelán). 14 de decembro de 2017. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  21. "Schürrer fue cesado como DT de Independiente, Recalvo lo reemplaza" (en castelán). 28 de xuño de 2018. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  22. "Gabriel Schurrer no sigue más en Aucas" (en castelán). 9 de decembro de 2019. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  23. "Schürrer es el nuevo DT de Blooming" (en castelán). 22 de outubro de 2020. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  24. "Deportivo Cuenca confirmó a Gabriel Schürrer como nuevo DT" (en castelán). 17 de decembro de 2021. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  25. "El ex amarillo Schurrer da el salto a un banquillo europeo" (en castelán). 24 de xuño de 2023. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  26. "Panetolikos, Schürrer dejaría de ser el entrenador" (en castelán). 3 de outubro de 2023. Consultado o 25 de xullo de 2025.
  27. "Chucho Schurrer vuelve a Mitre de Santiago del Estero" (en castelán). 10 de xuño de 2025. Consultado o 21 de maio de 2026.
  28. "Mitre se queda sin entrenador: Gabriel Schürrer renunció" (en castelán). 20 de agosto de 2025. Consultado o 21 de maio de 2026.
  29. "El argentino Gabriel Schurrer fue anunciado como nuevo DT de Vinotinto" (en castelán). 22 agosto de 2025. Consultado o 21 de maio de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]