Lingua inglesa

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Inglés
English
Pronuncia:ˈɪŋɡlɪʃ[1]
Falado en: Países anglófonos
Rexións: Orixinalmente Inglaterra, hoxe internacional
Total de falantes: 300 - 400 millóns (2006)[2]
400 millóns (segunda lingua)
600 - 700 millóns (como lingua estranxeira)[2]
Posición: 3
Familia: Indoeuropea
 Xermánico
  Xermano occidental
   Anglofrisón
    Ánglico
     Inglés
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: 67 países
21 entidades non soberanas
Regulado por: Non está regulado
Códigos de lingua
ISO 639-1: en
ISO 639-2: eng
ISO 639-3: eng
SIL: 52-ABA
Mapa
Status

O inglés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

A lingua inglesa ou inglés[4] é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global.[5][6] Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.[7] O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia.[8] É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán.[9] É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.

O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisóns, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés.[10] O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica.[11] A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.[12]

O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Árbore filoxenética amosando as relacións entre as linguas da póla occidental das linguas xermánicas.
As linguas xermánicas en Europa.
"EN" é o código de lingua común para o inglés (segundo o estándar ISO 639-1).

O inglés é unha lingua indoeuropea, e pertence ó grupo occidental das linguas xermánicas.[13] As máis achegadas ó inglés son as frisoas, e xuntos forman o subgrupo anglofrisón das linguas xermánicas. O saxón antigo e o seu descendente o baixo alemán tamén están moi relacionados, e ás veces o baixo alemán, o inglés e o frisón son agrupados xuntos como linguas ingvaeónicas ou linguas xermánicas do mar do Norte.[14] O inglés moderno descende do inglés medio, que á súa vez descende do inglés antigo.[15] Algúns dialectos do inglés antigo e medio tamén se desenvolveron nun número de linguas ánglicas, incluíndo o escocés[16] e os extintos fingalés e yola falados en Irlanda.[17]

O inglés clasifícase como unha lingua xermánica porque comparte elementos novos (diferentes doutras linguas indoeuropeas) con outras linguas xermánicas como o neerlandés, o alemán ou o sueco.[18] Estes elementos innovadores amosan que estas linguas descenden dun mesmo antergo común, que os lingüistas chaman protoxermánico. Algúns elementos comúns das linguas xermánicas son o uso de verbos modais, a división dos verbos en fortes ou febles, e os cambios de son que afectan ás consoantes protoindoeuropeas, coñecidos como Lei de Grimm e de Verner. Segundo a lei de Grimm, a palabra foot (pé) comeza con /f/ nas linguas xermánicas, pero o seu cognado noutras linguas indoeuropeas comeza con /p/. O inglés clasifícase como lingua anglofrisoa porque comparten características comúns, como a palatalización de consoantes que eran velares no protoxermánico.[19]

  • Inglés sing, sang, sung; neerlandés zingen, zong, gezongen; alemán singen, sang, gesungen (verbo forte)
Inglés laugh, laughed; neerlandés e alemán lachen, lachte (verbo feble)
  • Inglés foot, neerlandés voet, alemán Fuß, noruegués e sueco fot (inicial /f/ derivada do protoindoeuropeo *p segundo a lei de Grimm).
Latín pes, ped-; grego moderno πόδι pódi; ruso под pod; sánscrito पद् pád (orixinal protoindoeuropeo *p)
  • Inglés cheese, frisón tsiis (ch e ts por palatalización)
Alemán Käse e neerlandés kaas (k sen palatalización)

O inglés, ó igual que outras linguas xermánicas insulares como o islandés e o feroés, desenvolveuse independentemente das lingas xermánicas continentais e as súas influencias. O inglés non é mutuamente intelixible con ningunha lingua xermánica continental, diferindo en vocabulario, sintaxe e fonoloxía, malia que algunhas, como o neerlandés, teñen fortes afinidades co inglés, especialmente nas fases iniciais.[20]

Debido a que o inglés cambiou considerablemente ó longo da súa historia por mor do contacto con outras linguas, en especial nórdico antigo e o normando francés, algúns estudosos sinalaron que o inglés pode considerarse unha lingua mesturada ou unha lingua crioula – unha teoría chamada hipótese do inglés medio crioulo. Malia o alto grao de influencia doutras linguas no seu vocabulario e gramática do inglés moderno é moi coñecido, moitos especialistas en contacto das linguas non consideran ó inglés como unha verdadeira lingua mesturada.[21][22]

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia da lingua inglesa.

Do protoxermánico ó inglés antigo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Inglés antigo.
O poema épico en inglés antigo Beowulf, escrito a man en escrita medio uncial:
Hƿæt ƿē Gārde/na ingēar dagum þēod cyninga / þrym ge frunon....

A forma máis antiga do inglés é chamada inglés antigo ou anglosaxón (c. 550–1066). O inglés antigo desenvolveuse a partir dunha serie de dialectos xermánicos do mar do Norte orixinalmente falados ó longo da costa de Frisia, Baixa Saxonia, Xutlandia e o sur de Suecia polas tribos xermánicas coñecidas como anglos, saxóns e xutos. No século V, os anglosaxóns asentáronse en Gran Bretaña, e os romanos abandonaron Britania. No século VII, a lingua xermánica dos anglosaxóns converteuse na dominante en Britania, substituíndo ás linguas da Britania romana (43–409): as linguas britónicas, de orixe celta, e o latín, levado a Britania pola ocupación romana.[23][24][25] Inglaterra e inglés (orixinalmente Englaland e englisc) reciben o seu nome polos anglos.[26]

O inglés antigo estaba dividido en catro dialectos: dous dialectos anglos, o de Mercia e Northumbria, e dous dialectos saxóns, o de Kent e Wessex.[27] A través das reformas educativas de Alfredo o Grande no século IX e a influencia do reino de Wessex, o dialecto saxón occidental converteuse no variedade escrita estándar.[28] O poema épico Beowulf está escrito en saxón occidental, e o poema máis antigo en inglés, Cædmon's Hymn, está escrito no dialecto de Northumbria.[29] O inglés moderno desenvolveuse principalmente do dialecto de Mercia, pero a lingua escocesa desenvolveuse do de Northumbria. Unhas poucas inscricións curtas do período máis antigo do inglés foron escritas empregando escrita rúnica.[30] No século VI, foi adoptado o alfabeto latino, escrito coa grafía medio uncial. Inclúe as letras rúnicas wynn ƿ e thorn þ, e as letras latinas modificadas eth ð, e ash æ.[30][31]

O inglés antigo é moi diferente do inglés medio e é moi difícil de entender para os falantes de inglés do século XXI. A súa gramática era semellante á do moderno alemán, e o seu parente máis achegado era o frisón antigo. Os nomes, adxectivos, pronomes e verbos tiñan moitas máis formas terminacións flexivas, e a orde das palabras era moito máis libre que a do inglés moderno. O inglés moderno ten formas de caso nos pronomes (he, him, his) e poucas terminacións verbais (I have, he has), pero o inglés antigo tiña formas de caso nos nomes, e os verbos tiñan máis terminacións de persoa e número.[32][33][34]

A tradución de Mateu 8:20 do ano 1000 amosa exemplos de terminacións de caso (nominativo plural, acusativo plural e xenitivo singular) e de verbo (presente plural):

Foxas habbað holu and heofonan fuglas nest
Fox-as habb-að hol-u and heofon-an fugl-as nest-∅
fox-NOM.PL have-PRS.PL hole-ACC.PL and heaven-XEN.SG bird-NOM.PL nest-ACC.PL
"Foxes have holes and the birds of heaven nests"[35]
"Os raposos teñen buratos e os paxaros do ceo, niños" (tradución ó galego)

Inglés medio[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Inglés medio.
Englischmen þeyz hy hadde fram þe bygynnyng þre manner speche, Souþeron, Northeron, and Myddel speche in þe myddel of þe lond, … Noþeles by comyxstion and mellyng, furst wiþ Danes, and afterward wiþ Normans, in menye þe contray longage ys asperyed, and som vseþ strange wlaffyng, chyteryng, harryng, and garryng grisbytting.

Aínda que, dende o principio, os ingleses tivesen tres xeitos de falar, o do sur, o do norte e a fala do interior do país, ... Porén, a través da mestura, primeiro cos daneses e despois cos normandos, entre moitas outras xurdiu a lingua do país, e algúns empregan estraños tatabexos, parolas, gruñidos e renxidos.
John Trevisa, ca. 1385[36]

No período que vai dende o século XVIII até o XII, o inglés antigo transformouse gradualmente en inglés medio a través do contacto lingüístico. A orixe do inglés medio é definida a miúdo arbitrariamente co comezo da conquista de Inglaterra por Guillerme o Conquistador en 1066, mais desenvolveuse no período entre os anos 1200–1450.

Primeiro, as ondas de colonizadores nórdicos que chegaron ó norte das Illas Británicas nos séculos VIII e IX puxeron ó inglés antigo nun contacto intenso co nórdico antigo, unha xermánica do norte. A influencia do nórdico foi forte nas variedades do inglés antigo faladas na área de Danelaw arredor de York, que foi o centro da colonización nórdica; hoxe eses trazos están particularmente presentes no escocés e inglés do norte. Porén, o centro do inglés nórdico semellan ter sido as terras interiores arredor do Reino de Lindsey, e despois do ano 920, cando Lindsey foi reincorporado á política anglosaxoa, os trazos do nórdico espalláronse as variedades do inglés que non tiveran un contacto intenso cos falantes nórdicos. Algúns elementos da influencia nórdica que persisten en tódalas variedades do inglés moderno son os pronomes que comezan por th- (they, them, their) que substituíron os pronomes anglosaxóns con h- (hie, him, hera).[37]

Coa conquista normanda de Inglaterra en 1066, o inglés antigo con trazos nórdicos foi suxeito do contacto co normando antigo, unha lingua románica estreitamente relacionada co francés moderno. A lingua normanda en Inglaterra evolucionou eventualmente no anglonormando. Como o normando era falado principalmente polas elites e os nobres, mentres que as clases baixas continuaron falando anglosaxón, a influencia do normando consistiu na introdución dun gran número de préstamos relacionados coa política, coa lexislación e os dominios sociais de prestixio.[38] O inglés medio simplificou amplamente o sistema de inflexión, probablemente para conciliar o nórdico antigo co inglés antigo, que tiñan inflexións diferentes pero morfoloxías semellantes. A distinción entre os casos nominativo e acusativo perdeuse agás nos pronomes persoais, o caso instrumental desapareceu e o uso do caso xenitivo foi limitado a describir posesión. O sistema de inflexión regulou moitas formas inflexionais irregulares,[39] e gradualmente simplificou o sistema de acordo, facendo a orde das palabras menos flexible.[40] Na Biblia de Wycliffe de 1380, a pasaxe de Mateu 8:20 foi escrito así:

Foxis han dennes, and briddis of heuene han nestis[41]

Aquí o sufixo plural -n no verbo have aínda se conserva, pero ningunha das terminacións dos casos sobre os substantivos está presente.

No século XII, o inglés medio estaba completamente desenvolvido, integrando trazos nórdicos e normandos; continuou a ser falado até a transición ó inglés moderno arredor do 1500. A literatura en inglés medio inclúe Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer e Le Morte d'Arthur de Thomas Malory. No período do inglés medio proliferou o uso de dialectos rexionais e os trazos dialectais foron utilizados como efectos por autores tales como Chaucer.

Inglés moderno temperán[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Inglés moderno temperán.
Representación gráfica do gran desprazamento vocálico, amosando como a pronunciación das vogais longas mudou gradualmente, coas vogais i: e u: rompendo en ditongos e as vogais inferiores cada unha cambiando a súa pronunciación por un nivel.

O seguinte período na historia do inglés foi o inglés moderno temperán (1500–1700). Esta lingua caracterizouse polo gran desprazamento vocálico (1350–1700), que supuxo unha simplificación das inflexións e unha estandarización lingüística.

O gran desprazamento vocálico afectou ás vogais longas do inglés medio. Foi un cambio en cadea, o cal implicou que cada cambio tivo un cambio subsecuente no sistema vocálico. As vogais medias e abertas foron elevadas, e as pechadas romperon en ditongos. Por exemplo, a palabra bite (trabada) foi orixinalmente pronunciada como a palabra actual inglesa beet, e a segunda vogal da palabra about (sobre) foi pronunciada como a palabra inglesa boot. O gran desprazamento vocálico explica moitas das irregularidades no deletreo, xa que o inglés mantén moitas formas escritas dende o inglés medio, e iso tamén explica porque as vogais inglesas teñen pronunciacións tan diferentes para as mesmas letras noutras linguas.[42][43]

O inglés comezou a medrar en prestixio durante o reinado de Henrique V. Arredor do ano 1430 a Court of Chancery de Westminster comezou a empregar o inglés en documentos oficiais, e unha nova forma de inglés medio, coñecido como "Chancery Standard", foi desenvolvido a partir dos dialectos de Londres e das terras interiores do leste. En 1476 William Caxton introduciu a imprenta en Inglaterra e comezou a publicar os primeiros libros impresos en Londres, estendendo a influencia desa forma do inglés.[44] A literatura deste período moderno temperán inclúe as obras de William Shakespeare e a tradución da Biblia encargada polo rei Xacobe I. Mesmo despois do cambio vocálico, a lingua aínda soa diferente do inglés moderno: por exemplo, os grupos consonánticos /kn ɡn sw/ en knight, gnat e sword aínda se pronunciaban. Moitas das características gramaticais que un lector moderno de Shakespeare podería atopar pintorescas ou arcaicas representan as características distintas do inglés moderno temperán.[45]

Na versión de 1611 da Biblia do Rei Xacobe, escrita en inglés moderno temperán, Mateu 8:20 di:

The Foxes haue holes and the birds of the ayre haue nests[35]

Isto exemplifica a perda do caso e o seu efecto na estrutura da oración (substituído coa orde de palabras suxeito-verbo-obxecto, e o emprego de of no canto do xenitivo non posesivo), e a introdución de préstamos do francés como (ayre) e substitucións de palabras (bird substituíu a fugol).

Expansión do inglés moderno[editar | editar a fonte]

A finais do século XVIII, o Imperio Británico facilitou a expansión do inglés nas súas colonias e dominios xeopolíticos. O comercio, a ciencia, a tecnoloxía, a diplomacia, a arte e a educación formal contribuíron a que o inglés se convertese na primeira lingua verdadeiramente global. O inglés tamén facilitou a comunicación internacional en todo o mundo.[46][47] Ó tempo que Inglaterra continuou a formar novas colonias, outras foron acadando a independencia e desenvolvendo as súas propias normas de como falar e escribir o inglés. O inglés foi adoptado en América do Norte, a India, partes de África, Australasia e moitas outras rexións. No período poscolonial, algunhas das nacións acabadas de nacer que tiñan moitas linguas indíxenas optaron por continuar co inglés como lingua oficial para evitar as dificultades políticas de ter que promocionar unha das linguas indíxenas por riba das outras.[48][49][50] No século XX o crecemento económico e a influencia cultural dos Estados Unidos de América e o seu rol como superpotencia despois da segunda guerra mundial, sumado á emisión mundial en inglés da BBC[51] acelerou significativamente o espallamento da lingua en todo o planeta.[52][53] No século XXI o inglés foi máis amplamente falado e escrito que ningunha outra lingua na historia.[54]

O principal logro no desenvolvemento temperán do inglés moderno foi a codificación de normas explícitas e a súa diseminación a través dos medios de comunicación oficiais, como a educación pública e as publicacións subvencionadas polo estado. En 1755 Samuel Johnson publicou A Dictionary of the English Language que introduciu un estándar de escrita e normas de uso. En 1828 Noah Webster publicou American Dictionary of the English language nun esforzo por estabelecer unha norma para a fala e a escrita do inglés americano que era independente da forma británica. Dentro de Gran Bretaña os dialectos e as falas de clase baixa foron cada vez máis estigmatizados, o que levou a difusión rápida das variedades de prestixio entre a clase media.[55]

En termos de evolución gramatical, o inglés moderno acadou un punto no que a perda do caso está case completada (o caso só se pode atopar hoxe nos pronomes, como he e him, she e her, who e whom), e no que a orde das palabras suxeito-verbo-obxecto está totalmente fixada.[55] Algúns cambios, como o uso do "do-support" convertéronse en universais da lingua. (o inglés temperán non empregaba a palabra "do" como auxiliar do xeito que o fai o inglés moderno; nun comezo só era empregado en construcións interrogativas, nas cales non era obrigatorio.[56] Hoxe, do-support co verbo have estase convertendo cada vez máis na forma estandarizada). O uso de formas progresivas en -ing semella estar creando novas construcións, e formas como had been being built estanse facendo máis comúns. A regularización de formas irregulares tamén continúa paseniño (por exemplo dreamed no canto de dreamt), e as alternativas analíticas nas formas inflexivas estanse facendo máis comúns (por exemplo more polite no canto de politer). O inglés británico está a cambiar baixo a influencia do inglés americano, que conta cunha presenza máis forte nos medios e un maior prestixio asociado cos Estados Unidos como unha potencia mundial. [57][58][59]

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

No ano 2016 400 millóns de persoas falaban inglés como lingua materna e 1 000 millóns fálano como segunda lingua.[60] O inglés é probablemente a terceira meirande lingua por número de falantes, despois do mandarín e o castelán.[9] Porén, cando se xuntan os falantes nativos cos non nativos, e dependendo das estimacións, pode ser a lingua común máis falada do mundo.[54][61][62][63] O inglés é falado por comunidades en tódolos continentes e nas illas de tódolos grandes océanos.[64] Os países nos que se fala o inglés poden ser agrupados en diferentes categorías polo xeito no que o inglés é empregado en cada país. Os países do "círculo interior"[65] con falantes nativos comparten unha forma estándar de escribir e de falar. O inglés non pertence só a un país, nin ós descendentes dos colonos ingleses. O inglés é unha lingua oficial de países poboados por algúns descendentes de falantes nativos. Tamén se converteu na máis importante lingua na comunicación internacional entre persoas que comparten unha lingua non nativa en calquera parte do mundo.

Os tres círculos dos países anglófonos[editar | editar a fonte]

Braj Kachru distingue os países nos que se fala o inglés cun modelo de tres círculos.[65] Neste modelo, os países do "círculo interno" son países con grandes comunidades de falantes nativos de inglés, os países do "círculo exterior" teñen pequenas comunidade de falantes nativos de inglés pero o seu uso está a medrar como segunda lingua na educación, nos medios ou con propósitos oficiais locais, e os países do "círculo en expansión" son os que teñen moitas persoas aprendendo inglés como lingua estranxeira. Kachru basea o seu modelo na historia, en como o inglés se espallou en diferentes países, en como os usuarios adquiren o inglés e o alcance de uso do inglés en cada país. A pertenza a algún destes tres círculos pode cambiar co tempo.[66]

Os tres círculos do inglés de Braj Kachru.

Entre os países con grandes comunidades de falantes nativos (o círculo exterior) inclúense o Reino Unido, os Estados Unidos de América, Australia, o Canadá, Irlanda e Nova Zelandia, onde a maioría fala inglés, e Suráfrica, onde un significante minoría fala inglés. Os países con maior número de falantes nativos son, en orde descendente, os Estados Unidos (cuns 231 millóns),[67] o Reino Unido (60 millóns),[68][69][70] o Canadá (19 millóns),[71] Australia (con 17 millóns),[72] Suráfrica (4,8 millóns),[73] Irlanda (4,2 millóns), e Nova Zelandia (3,7 millóns).[74] Neses países os nenos aprenden o inglés dos seus pais, e os locais que falan outra lingua ou os novos inmigrantes aprenden inglés para comunicarse cos seus veciños e nos seus postos de traballo.[75] Os países do círculo interno achegan a base sobre a que o inglés se estende ós outros países do mundo.[66]

As estimacións do número de falantes de inglés como segunda lingua e os falantes estranxeiros varían moito, entre os 470 millóns até máis de 1 000 millóns, dependendo de como se defina a súa competencia na lingua.[8] O lingüista David Crystal estima que os falantes non nativos superan ós nativos nunha relación de 3 non nativos por cada nativo.[61] No modelo dos tres círculos de Kachru, os países do "círculo exterior" inclúen a Filipinas,[76] Xamaica,[77] India, Paquistán, Singapur,[78] e Nixeria[79][80] cunha proporción pequena de falantes nativos pero un grande uso do inglés na educación, no goberno, nos negocios e onde inglés emprégase rutineiramente para a instrución escolar e as interaccións oficiais co goberno.[81] Estes países teñen millóns de falantes nativos dun continuo dialectal que vai dende o crioulo baseado no inglés até unha versión máis estándar do inglés. Teñen moitos máis falantes de inglés que adquiren a lingua nun proceso de progresión diaria e que escoitan a radiodifusión, especialmente se asisten a escolas onde o inglés é o medio de instrución. As variedades do inglés aprendido polos falantes que non son nativos poden estar influenciadas, especialmente na gramática, polas outras linguas faladas por estas persoas.[75] Moitas destas variedades de inglés inclúen palabras pouco usadas por falantes nativos de inglés nos países do círculo interno,[75] e poden ter diferenzas gramaticais e fonolóxicas tamén. O inglés estándar dos países dos círculo interno é tomado como referencia e norma de uso polos países dos círculos externos.[75]

No modelo dos tres círculos, países como Polonia, a China, o Brasil, Alemaña, o Xapón, Indonesia, Exipto e outros países onde o inglés é considerado como unha lingua estranxeira, forman parte do "círculo en expansión".[82] A distinción entre o inglés como primeira lingua, como segunda lingua e como lingua estranxeira é a miúdo debatible e pode cambiar en países particulares ó longo do tempo.[81] Por exemplo, nos Países Baixos e noutros países de Europa, o coñecemento do inglés como segunda lingua é case universal, con máis do 80% da poboación sendo quen de usalo,[83] e por iso o inglés emprégase acotío para comunicarse cos estranxeiros e na educación superior. Neses países, malia que o inglés non se empregue en entidades gobernamentais, o uso xeneralizado colócaos na fronteira entre o "círculo exterior" e o "círculo en expansión". O inglés é pouco frecuente entre as linguas do mundo tendo en conta o número gran número de falantes que non son nativos senón que o teñen como segunda lingua ou lingua estranxeira.[84] Moitos usuarios de inglés no círculo en expansión úsano para comunicarse con outras persoas do círculo en expansión polo que a interacción con outros usuarios nativos non xoga ningún papel na súa decisión de falar inglés.[85] As variedades non nativas do inglés son amplamente empregada para a comunicación internacional, e a miúdo os falantes dunha variedade atopan trazos en común con outras variedades.[86]




Gráfico que a amosa a porcentaxe de falantes nativos de inglés que viven en países do "círculo interior".      Estados Unidos (64.3%)     Reino Unido (16.7%)     Canadá (5.3%)     Australia (4.7%)     Suráfrica (1.3%)     Irlanda (1.1%)     Nova Zelandia (1%)     Outros (5.6%)


Inglés pluricéntrico[editar | editar a fonte]

O inglés é unha lingua pluricéntrica, o cal significa que ningunha autoridade nacional ten un estándar de uso para a lingua.[87][88][89][90] Porén, o inglés non é unha lingua dividida,[91] a pesar da brincadeira atribuída a George Bernard Shaw segundo a cal o Reino Unido e os Estados Unidos son "dous países separados por unha lingua común".[92] Tanto o inglés falado como o inglés empregado nas emisións empregan estándares de pronunciación nacionais que se estabelecen máis por costume que por regulación. As emisoras internacionais son identificadas polo país de procedencia máis que polo acento,[93] e as versións escritas compóñense a partir da forma estándar internacional do inglés. As normas do inglés escrito estándar mantéñense puramente polo consenso dos falantes educados en inglés de todo o mundo, sen ningún tipo de supervisión por parte de ningún goberno ou organización internacional.[94] Os oíntes estadounidenses comprenden xeralmente a maioría da radiodifusión británica, e os oíntes británicos comprenden doadamente a maioría da radiodifusión estadounidense. A maioría dos anglofalantes de todo o mundo poden entender programas de radio, programas de televisión e filmes de moitas partes do mundo de fala inglesa.[95] Tanto as variedades estándar como as no estándar de inglés poden incluír estilos formais ou informais, que se distinguen pola escolla de palabras e sintaxe e empregan tanto rexistros técnicos como non técnicos.[96]

A historia colonial dos países do círculo interno fóra de Gran Bretaña axudou ás distincións a nivel dialectal e a producir unha forma koiné en Suráfrica, Australia e Nova Zelandia.[97] A maioría dos inmigrantes que chegaron ós Estados Unidos e que non eran británicos adoptaron axiña o inglés despois de chegar. Hoxe, a maioría da poboación dos Estados Unidos é monolingüe en inglés,[98][67] malia que o inglés só ten o status oficial en 30 dos 50 estados norteamericanos.[99][100]

O inglés como unha lingua global[editar | editar a fonte]

O inglés deixou de ser a "lingua dos ingleses" no senso de pertencer só ó pobo que é etnicamente inglesa.[101][102] O emprego do inglés está medrando en tódolos países para comunicacións internas e internacionais. A maioría da xente aprende o inglés por razóns prácticas máis que por razóns ideolóxicas.[103] Moitos dos falantes de inglés en África convertéronse en parte dunha comunidade "afrosaxoa" que une ós africanos de diferentes países.[104]

A medida que a descolonización proseguiu en todo o Imperio Británico nos anos 1950 e 1960, as antigas colonias non rexeitaron o inglés senón que continuaron a usalo como estados independentes coas súas propias políticas lingüísticas.[49][50][105] Por exemplo, a visión que moitos indios tiñan do inglés pasou da asociación co colonialismo ó progreso económico e o inglés continúa a ser unha lingua oficial da India.[106] O inglés tamén é amplamente empregado nos medios e na literatura, e o número de libros publicados en inglés anualmente na India é o terceiro meirande do mundo despois dos Estados Unidos e o Reino Unido.[107] Porén, o inglés é raramente falado como primeira lingua, contando só arredor dun par de centos de miles de persoas e menos do 5% da poboación fala inglés con fluidez na India.[108][109] David Crystal argumentou no 2004 que, combinando os falantes nativos e non nativos, a India tería hoxe máis xente que fala e entende o inglés que calquera outro país do mundo.[110] Mais, o número de falantes é realmente incerto e moitos estudosos sosteñen que os Estados Unidos teñen aínda máis falantes que a India.[111]

O inglés moderno, ás veces descrito como a primeira lingua franca global,[52][112] é tamén considerada como a primeira lingua mundial.[113][114] É a lingua máis empregada do mundo na publicación de xornais e de libros, nas telecomunicacións internacionais, nas publicacións científicas, no comercio internacional, no entretemento de masas e na diplomacia.[114] O inglés é, por tratado internacional, a base da lingua controlada[115] de Seaspeak e Airspeak, empregada como lingua auxiliar da navegación[116] e da aviación.[117] No pasado, adoitaba estar ó nivel do francés e do alemán no campo das investigacións científicas pero hoxe é a lingua franca ou dominante.[118] Acadou paridade co francés como lingua da diplomacia nas negociacións do Tratado de Versalles en 1919.[119] Na fundación das Nacións Unidas a finais da segunda guerra mundial, foi a lingua prominente [120] e hoxe é a lingua principal na diplomacia e nas relacións internacionais en todo o mundo.[121] É unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.[122] Moitas outras organizacións mundiais e internacionais, incluíndo o Comité Olímpico Internacional, especifican o inglés como lingua de traballo ou lingua oficial da organización.

Moitas organizacións rexionais e internacionais como a Asociación Europea de Libre Comercio, a Asociación de Nacións do Sueste Asiático,[53] e a Cooperación Económica Asia-Pacífico teñen o inglés como única lingua de traballo da organización mesmo tendo en conta que a moitos países non teñen maioría de falantes de inglés. Malia que a Unión Europea permite ós seus estados membros designar calquera das linguas nacionais como lingua oficial da Unión, na práctica o inglés é a principal lingua de traballo da organización.[123]

Malia que en moitos países o inglés non é lingua oficial, é a lingua máis escollida como lingua estranxeira.[52][53] Entre os países da Unión Europea, o inglés é a lingua estranxeira máis estendida en dezanove dos vinte e cinco estados onde non é oficial (isto é, os países que non son o Reino Unido, Irlanda e Malta). Nunha enquisa de 2012 do Eurobarómetro, o 38% dos europeos dos países non anglófonos son quen de ter unha conversa nesta lingua. A seguinte lingua máis mencionada como lingua estranxeira, o francés, pódena empregar o 12% dos que responderon a enquisa.[124]

Un coñecemento profesional do inglés converteuse nun requisito cada vez máis común nun gran número de postos de traballo e profesións, como en medicina[125] ou informática. Converteuse tamén nunha ferramenta moi importante nas publicacións científicas, con máis do 80% dos artigos xornalísticos indexados por Chemical Abstracts en 1998 escritos en inglés, o 90% dos artigos en ciencias naturais en 1996 e o 82% dos artigos de humanidades en 1995.[126]

O crecemento do uso do inglés globalmente tivo un efecto noutras linguas, o que levou que algunhas verbas inglesas fosen asimiladas no vocabulario doutras linguas. Esta influencia do inglés suscitou preocupacións pola morte doutras linguas,[127] e acusacións de imperialismo lingüístico,[128] e isto provocou unha resistencia á difusión do inglés. Porén, o número de falantes continúa a medrar porque moita xente en todo o mundo pensa que o inglés proporciona oportunidades para atopar emprego e mellorar as súas vidas.[129]

Malia que algúns estudosos sinalaron a posibilidade dunha futura diverxencia dos dialectos ingleses cara a linguas mutuamente inintelixibles, a maioría coidan que é máis probable que continúe a funcionar como unha lingua koiné no que a forma estándar unifica ós falantes de todo o mundo.[130] O inglés emprégase como a lingua para unha comunicación máis ampla en países de todo o mundo.[131] Por iso, o inglés medrou internacionalmente moito máis que calquera das linguas construídas propostas como lingua auxiliar, incluído o esperanto.[132][133]

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Fonoloxía do inglés.

A fonética e a fonoloxía do inglés difire entre os dialectos, mais polo xeral non interfire na comprensión mutua. A variación fonolóxica afecta ó inventario de fonemas (sons da fala que distinguen o significado), e a variación fonética é a diferenza na pronunciación de fonemas.[134] Esta visión xeral describe a pronunciación estándar no Reino Unido e nos Estados Unidos: Pronunciación recibida (PR) e General American (GA) (véxase a sección "Dialectos, acentos e variedades"). Os símbolos fonéticos empregados abaixo son do Alfabeto Fonético Internacional (AFI).[135][136][137]

Consoantes[editar | editar a fonte]

A maioría dos dialectos ingleses comparten os mesmos 24 fonemas consonánticos. O inventario de consoantes amosado abaixo é válido para o inglés californiano,[138] e para PR.[139]

Fonemas consonánticos
Labial Dental Alveolar Post-
alveolar
Palatal Velar Glotal
Nasal m n ŋ
Oclusiva p b t d k ɡ
Africada
Fricativa f v θ ð s z ʃ ʒ h
Aproximante ɹ* j w
Lateral l

* Convencionalmente transcrito /r/.

Na táboa, cando as obstruíntes (oclusivas, africadas e fricativas) aparecen en parellas, como /p b/, /tʃ dʒ/ e /s z/, a primeira é forte e a segunda é feble. As obstruíntes fortes, como /p tʃ s/ pronúncianse con máis tensión muscular e forza do alento que as febles, como /b dʒ z/, e son sempre xordas. As consoantes febles son pronunciadas parcialmente ó comezo e ó remate dos enunciados, e completamente pronunciados entre vogais. As oclusivas fortes como /p/ teñen unha articulación engadida na maioría dos dialectos do inglés: son aspiradas [pʰ] cando aparecen soas no comezo dunha sílaba acentuada, a miúdo noutros casos non son aspiradas, e ás veces son oclusivas [p̚ ] ou pre-glotalizadas [ˀp] no remate da sílaba. Nunha palabra dunha soa sílaba, a vogal anterior a unha oclusiva forte é acurtada: segundo isto, nip ten unha destacable vogal curta (foneticamente, pero non fonemicamente) e non nib [nɪˑp̬].[140]

  • oclusivas febles: bin [b̥ɪˑn], about [əˈbaʊt], nib [nɪˑb̥]
  • oclusivas fortes: pin [ˈpʰɪn], spin [spɪn], happy [ˈhæpi], nip [ˈnip̚ ] ou [ˈniˀp]

En PR, a aproximante lateral /l/ ten dous alófonos principais (variacións de pronunciación): a clara ou plana [l], como en light, e a escura ou velar [ɫ], como en full.[141] GA ten o l escuro en moitos casos.[142]

  • claro l: PR light [laɪt]
  • escuro l: PR e GA full [fʊɫ], GA light [ɫaɪt]

Tódalas sonoras (líquidas /l, r/ e nasais /m, n, ŋ/) desonorizan cando van despois dunha obstruínte xorda e son silábicas cando van despois dunha consoante ó final dunha palabra.[143]

  • sonoras xordas: clay [ˈkl̥ɛɪ̯] e snow [ˈsn̥oʊ]
  • sonoras silábicas: paddle [pad.l̩], e button [bʌt.n̩]

Vogais[editar | editar a fonte]

A pronunciación das vogais varía amplamente entre os diferentes dialectos e é un dos trazos máis salientables do acento dos falantes. A que se amosa embaixo lista dos fonemas vocálicos da Pronunciación Recibida (RP) e General American (GA), con exemplos de palabras nos que se producen. As vogais están representadas con símbolos do Alfabeto Fonético Internacional; aquelas sinaladas en RP son as estándar nos dicionarios británicos e outras publicacións.

monotongacións
RP GA verba
i need
ɪ bid
e ɛ bed
æ back
monotongacións
RP GA verba
ɪ ɨ roses
ə comma
ɜː ɜr bird
ʌ but
monotongacións
RP GA verba
u food
ʊ good
ɔː ɔ paw
ɒ cloth
ɑ box
ɑː bra
ditongos
RP GA verba
bay
əʊ road
cry
cow
ɔɪ boy

En RP, a duración da vogal é fonémica; as vogais longas están marcadas con dous puntos ː na táboa superior, como na vogal de need [niːd] e de xeito oposto a bid [bɪd]. GA non ten vogais longas.

Nas dúas clases de pronunciación, as vogais son foneticamente acurtadas antes de consoantes fortes na mesma sílaba, como /t tʃ f/, pero non antes de consoantes febles como /d dʒ v/ ou en sílabas abertas: deste xeito, a vogal de rich [rɪ̆tʃ], neat [niˑt], e safe [sĕɪ̆f] son considerablemente máis curtas que as de ridge [rɪdʒ], need [niːd], e save [seɪv], e a vogal de light [lăɪ̆t] é máis curta que a de lie [laɪ]. Xa que moitas consoantes febles son mudas ó final dunha sílaba, a lonxitude dunha vogal é un sinal de se a consoante seguinte é feble ou forte.[144]

As vogais /ɨ ə/ só aparecen en sílabas non acentuadas e son o resultado dunha redución vocálica. Algúns dialectos non as distinguen, polo que roses e comma rematan na mesma vogal, un trazo dialectal chamado fusión de vogais febles. GA ten un r sen acentuar-/ɚ/, como en butter [ˈbʌtɚ], que en RP ten a mesma vogal que en comma.

Fonotáctica[editar | editar a fonte]

Unha sílaba inglesa inclúe un núcleo de sílaba que consiste nun son de vogal. O inicio da sílaba e a coda (inicio e fin) son opcionais. Unha sílaba pode comezar con até tres sons de consoante, como en sprint /sprɪnt/, e rematar en até catro, como en texts /teksts/. Isto dálle á sílaba inglesa a segiunte estrutura, (CCC)V(CCCC) onde C representa unha consoante e V unha vogal. As consoantes que poden aparecer xuntas nas codas están restrinxidas, como é a orde na que poden aparecer. Os comezos só poden ter catro tipos de consoantes: unha oclusiva e aproximante, como en play; unha fricativa xorda e aproximante, como en fly ou sly; s e unha oclusiva xorda, como en stay; e s, unha oclusiva xorda e unha aproximante, como en string.[145] Os grupos de nasais e oclusivas só se permiten en codas. Os grupos de obstruíntes sempre están de acordo coa voz, e os grupos de sibilantes e de plosivos co mesmo punto de articulación están prohibidos. Ademais, varias consoantes teñen distribucións limitadas: /h/ só pode aparecer na posición inicial da sílaba, e /ŋ/ só na posición final da sílaba.[146]

Acento, ritmo e entoación[editar | editar a fonte]

O acento xoga un importante papel no inglés. Certas sílabas son acentuadas mentres que outras non o son. O acento é unha combinación de duración, intensidade, calidade vogal e algúns cambios no ton. As sílabas acentuadas son pronunciadas máis longas e intensas que as non acentuadas, e as vogais en sílabas sen acentuar adoitan neutralizarse, mentres que as acentuadas non o fan.[147] Algunhas palabras, principalmente palabras de función curta, pero tamén algúns verbos modais como can, teñen formas fortes e febles dependendo da súa posición acentuada ou non acentuada dentro da oración.

A acentuación en inglés é fonémica, e algúns pares de palabras distínguense polo acento. Por exemplo, a palabra contract é acentuada na primeira sílaba (ˈkɒntrækt) cando é un substantivo, pero acentúase a derradeira sílaba (kənˈtrækt) cando é un verbo.[148][149][150] Neste caso, a acentuación está relacionada coa neutralización vocálica: no substantivo "contract" a primeira sílaba está acentuada e ten unha vogal non neutralizada /ɒ/, pero no verbo "contract" a primeira sílaba non está acentuada e ten a vogal neutralizada /ə/. O acento tamén se emprega para diferenciar entre palabras e oracións, para que unha palabra composta reciba unha soa unidade de esforzo, pero a frase correspondente ten dous: e.g. to búrn óut versus a búrnout, e a hótdog versus a hót dóg.[151]

En termos de ritmo, o inglés é descrito polo xeral como unha ligua isocrónica, o que quere dicir que a cantidade de tempo entre as sílabas acentuadas adoita ser o mesmo. As sílabas acentuadas son pronunciadas máis longas, mais as sílabas non acentuadas (as sílabas entre os acentos) son máis curtas. As vogais en sílabas non acentuadas son máis curtas, e a redución vocálica provoca cambios na calidade vocálica: neutralización.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "English Adjective". Oxfordadvancedlearnersdictionary.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2011. Consultado o 20 de abril de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Crystal 2006, pp. 424–426.
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para inglés.
  5. Crystal 2003a, p. 6.
  6. Wardhaugh 2010, p. 55.
  7. Finkenstaedt, Thomas; Dieter Wolff (1973). Ordered profusion; studies in dictionaries and the English lexicon. C. Winter. ISBN 3-533-02253-6. 
  8. 8,0 8,1 Crystal 2003b, pp. 108–109.
  9. 9,0 9,1 Ethnologue 2010.
  10. Crystal 2003b, p. 30.
  11. "How English evolved into a global language". BBC. 20 de decembro de 2010. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  12. The Routes of English 2015.
  13. Bammesberger 1992, pp. 29–30.
  14. Bammesberger 1992, p. 30.
  15. Robinson 1992.
  16. Romaine 1982, pp. 56–65.
  17. Barry 1982, pp. 86–87.
  18. Durrell 2006.
  19. König & van der Auwera 1994.
  20. Harbert 2007.
  21. Thomason & Kaufman 1988, pp. 264–265.
  22. Watts 2011, Chapter 4.
  23. Collingwood & Myres 1936.
  24. Graddol, Leith & Swann et al. 2007.
  25. Blench & Spriggs 1999.
  26. Bosworth & Toller 1921.
  27. Campbell 1959, p. 4.
  28. Toon 1992, Chapter: Old English Dialects.
  29. Donoghue 2008.
  30. 30,0 30,1 Gneuss 2013, p. 23.
  31. Denison & Hogg 2006, pp. 30–31.
  32. Hogg 1992, Chapter 3. Phonology and Morphology.
  33. Smith 2009.
  34. Trask & Trask 2010.
  35. 35,0 35,1 Lass 2006, pp. 46–47.
  36. Hogg 2006, pp. 360–361.
  37. Thomason & Kaufman 1988, pp. 284–290.
  38. Svartvik & Leech 2006, p. 39.
  39. Lass 1992.
  40. Fischer & van der Wurff 2006, pp. 111–13.
  41. Wycliffe, John. "Bible" (PDF). Wesley NNU. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de febreiro de 2017. Consultado o 27 de xaneiro de 2017. 
  42. Lass 2000.
  43. Görlach 1991, pp. 66–70.
  44. Nevalainen & Tieken-Boon van Ostade 2006, pp. 274–79.
  45. Cercignani, Fausto, Shakespeare's Works and Elizabethan Pronunciation, Oxford, Clarendon Press, 1981.
  46. How English evolved into a global language 2010.
  47. The Routes of English.
  48. Romaine 2006, p. 586.
  49. 49,0 49,1 Mufwene 2006, p. 614.
  50. 50,0 50,1 Northrup 2013, pp. 81–86.
  51. Baker, Colin (agosto de 1998). "Encyclopedia of Bilingualism and Bilingual Education, page CCCXI". Multilingual Matters Ltd. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  52. 52,0 52,1 52,2 Graddol 2006.
  53. 53,0 53,1 53,2 Crystal 2003a.
  54. 54,0 54,1 McCrum, MacNeil & Cran 2003, pp. 9–10.
  55. 55,0 55,1 Romaine 1999, pp. 1–56.
  56. Romaine 1999, p. 2.
  57. Leech et al. 2009, pp. 18–19.
  58. Mair & Leech 2006.
  59. Mair 2006.
  60. "Which countries are best at English as a second language?". World Economic Forum. Consultado o 29 de novembro de 2016. 
  61. 61,0 61,1 Crystal 2003a, p. 69.
  62. "English". Ethnologue. Consultado o 29 de outubro de 2016. 
  63. "Chinese, Mandarin". Ethnologue. Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2016. Consultado o 29 de outubro de 2016. 
  64. Crystal 2003b, p. 106.
  65. 65,0 65,1 Svartvik & Leech 2006, p. 2.
  66. 66,0 66,1 Kachru 2006, p. 196.
  67. 67,0 67,1 Ryan 2013, Table 1.
  68. Office for National Statistics 2013, Key Points.
  69. National Records of Scotland 2013.
  70. Northern Ireland Statistics and Research Agency 2012, Table KS207NI: Main Language.
  71. Statistics Canada 2014.
  72. Australian Bureau of Statistics 2013.
  73. Statistics South Africa 2012, Table 2.5 Population by first language spoken and province (number).
  74. Statistics New Zealand 2014.
  75. 75,0 75,1 75,2 75,3 Bao 2006, p. 377.
  76. Rubino 2006.
  77. Patrick 2006a.
  78. Lim & Ansaldo 2006.
  79. Connell 2006.
  80. Schneider 2007.
  81. 81,0 81,1 Trudgill & Hannah 2008, p. 5.
  82. Trudgill & Hannah 2008, p. 4.
  83. European Commission 2012.
  84. Kachru 2006, p. 197.
  85. Kachru 2006, p. 198.
  86. Bao 2006.
  87. Trudgill & Hannah 2008, p. 2.
  88. Romaine 1999.
  89. Baugh & Cable 2002.
  90. Trudgill & Hannah 2008, pp. 8–9.
  91. Ammon 2008, p. 1539.
  92. Marsh, David (26 de novembro de 2010). The Guardian (UK), ed. "Lickety splits: two nations divided by a common language". Consultado o 26 de decembro de 2015. 
  93. Trudgill 2006.
  94. Ammon 2008, pp. 1537–1539.
  95. Svartvik & Leech 2006, p. 122.
  96. Trudgill & Hannah 2008, pp. 5–6.
  97. Deumert 2006, p. 130.
  98. Deumert 2006, p. 131.
  99. Crawford, James (1 de febreiro de 2012). "Language Legislation in the U.S.A.". languagepolicy.net. Consultado o 29 de maio de 2013. 
  100. "States with Official English Laws". us-english.org. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2013. Consultado o 29 de maio de 2013. 
  101. Romaine 1999, p. 5.
  102. Svartvik & Leech 2006, p. 1.
  103. Kachru 2006, p. 195.
  104. Mazrui & Mazrui 1998.
  105. Mesthrie 2010, p. 594.
  106. Annamalai 2006.
  107. Sailaja 2009, pp. 2–9.
  108. "Indiaspeak: English is our 2nd language – The Times of India". The Times of India. Consultado o 5 de xaneiro de 2016. 
  109. "Human Development in India: Challenges for a Society in Transition" (PDF). Oxford University Press. 2005. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de decembro de 2015. Consultado o 5 de xaneiro de 2016. 
  110. Crystal 2004b.
  111. Graddol 2010.
  112. Meierkord 2006, p. 165.
  113. Brutt-Griffler 2006, p. 690–91.
  114. 114,0 114,1 Northrup 2013.
  115. Wojcik 2006, p. 139.
  116. International Maritime Organization 2011.
  117. International Civil Aviation Organization 2011.
  118. Gordin 2015.
  119. Phillipson 2004, p. 47.
  120. ConradRubal-Lopez 1996, p. 261.
  121. Richter 2012, p. 29.
  122. United Nations 2008.
  123. Ammon 2006, p. 321.
  124. European Commission 2012, pp. 21, 19.
  125. Alcaraz Ariza & Navarro 2006.
  126. Brutt-Griffler 2006, p. 694–95.
  127. Crystal 2002.
  128. Jambor 2007.
  129. Svartvik & Leech 2006, Chapter 12: English into the Future.
  130. Crystal 2006.
  131. Brutt-Griffler 2006.
  132. Li 2003.
  133. Meierkord 2006, p. 163.
  134. Wolfram 2006, pp. 334–335.
  135. Carr & Honeybone 2007.
  136. Bermúdez-Otero & McMahon 2006.
  137. MacMahon 2006.
  138. International Phonetic Association 1999, pp. 41–42.
  139. König 1994, p. 534.
  140. Collins & Mees 2003, pp. 47–53.
  141. Trudgill & Hannah 2008, p. 13.
  142. Trudgill & Hannah 2008, p. 41.
  143. Brinton & Brinton 2010, pp. 56–59.
  144. Collins & Mees 2003, pp. 46–50.
  145. Brinton & Brinton 2010, p. 60.
  146. König 1994, pp. 537–538.
  147. International Phonetic Association 1999, p. 42.
  148. Oxford Learner's Dictionary 2015, Entry "contract".
  149. Merriam Webster 2015, Entry "contract".
  150. Macquarie Dictionary 2015, Entry "contract".
  151. Brinton & Brinton 2010, p. 66.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]