Manuel Azaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Azaña
Manuel Azaña, 1933.jpg
Datos persoais
Nacemento10 de xaneiro de 1880
 Alcalá de Henares
Falecemento3 de novembro de 1940
 Montauban
OrganizaciónPartido Reformista, Acción Republicana, Izquierda Republicana
PaiEsteban Azaña
CónxuxeDolores Rivas Cherif
Alma máterUniversidade de Zaragoza e Universidad Central
ProfesiónPolítico e escritor
Manuel Azaña (1880-1940) firma.png

Manuel Azaña Díaz, nado en Alcalá de Henares (Madrid), o 10 de xaneiro de 1880 e finado en Montauban (Francia) o 3 de novembro de 1940, foi un político e escritor español, segundo presidente da Segunda República Española (1936-1939). Foi un dos políticos e oradores máis importantes da política española do século XX, ademais de ser un consolidado escritor (acadou o Premio Nacional de Literatura en 1926 por Vida de Juan Valera. As súas memorias son un documento moi importante para coñecer a sociedade da época.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de clase media-alta, seu pai Esteban Azaña Catarineu, home de negocios e propietario, foi alcalde da súa cidade natal e seu avó paterno fora un líder liberal progresista local. Orfo dende moi neno, en 1889 morreu súa nai (Josefina Díaz Gallo-Muguruza) e en 1890 seu pai, estudou desde os trece anos no Mosteiro do Escorial cos freires agostiños. Estudou dereito na Universidade de Zaragoza, e doctorouse na Universidade Central de Madrid coa tese titulada La responsabilidad de las multitudes, máis tarde oposita con éxito, foi o número dous da súa promoción, a letrado da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado. Pasou o curso 1911-1912 estudando na Sorbona de París grazas a unha bolsa de estudos da Xunta de Ampliación de Estudos.

Vida política[editar | editar a fonte]

Estandarte Presidencial de Manuel Azaña.

En 1914 afíliase ao Partido Reformista, liderado por Melquíades Álvarez, sendo elixido nese ano secretario do Ateneo de Madrid. Presentouse a Deputado as Cortes polo partido xudicial toledano de Puente del Arzobispo, presentouse dúas veces e en ningunha das dúas logrou o escano. Durante a Primeira Guerra Mundial visitou as frontes italiana e austríaca e fixo campaña a favor dos aliados. Nesa época colabora con El Sol e El Imparcial e fundou xunto a José Ortega y Gasset a Liga de Educación Política.

En 1920 funda a revista La pluma, e en 1920 pasa a dirixir o semanario España.

Moi crítico coa ditadura de Primo de Rivera, publica en 1924 un forte manifesto contra o ditador e o rei Alfonso XIII, fundando ao ano seguinte o partido Acción Republicana. En 1926 obtivo o Premio Nacional de Literatura por Vida de don Juan Valera.

En 1930 participa no Pacto de San Sebastián, de onde aparecería a futura república, que xurdiría tras as eleccións municipais do 12 de abril de 1931, polo que condena ao exilio ao rei Afonso XIII.

Etapa no goberno[editar | editar a fonte]

Nomeado Ministro da Guerra no goberno provisional da xa formada Segunda República, o 14 de abril substitúe a Niceto Alcalá-Zamora como presidente do goberno provisional (outubro do mesmo 1931), debido á dimisión de Alcalá-Zamora por cuestións de tema relixioso.

Como presidente do goberno de coalición republicano-socialista leva a cabo as principais reformas programadas no proxecto republicano: Reforma do exército, Reforma Agraria, Reforma da Ensinanza etc. Tivo tamén oportunidade de publicar o seu drama La Corona. Todas estas cuestións políticas, conxuntamente coa tensión social que existía en grande parte do país, tráenlle consigo moitos problemas, sobre todo co exército e coa Igrexa. Finalmente os Sucesos de Casas Viejas, Castilblanco e Ernedo motivaron o seu cese por parte do presidente da República Niceto Alcalá-Zamora.

Goberno da CEDA[editar | editar a fonte]

O 19 de novembro de 1933, triunfa nas eleccións a coalición formada polo Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux e a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) de José María Gil-Robles, o que trae por consecuencia a retirada da política de Azaña durante a duración deste goberno de coalición. Nesta época volve a súa faceta de escritor e editor. Neste ano escribe os libros: Una política e En el poder y en la oposición.

Tras este distanciamento coa política, funda en 1934 o partido Izquierda Republicana, xurdido da unión de Acción Republicana co Radical-Socialista, liderado por Marcelino Domingo e a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) liderada por Santiago Casares Quiroga.

En 1934 teñen lugar en Asturias e Barcelona distintos sucesos revolucionarios. Azaña, acusado de ser o ideador destes sucesos é encarcerado no destrutor Sánchez Barcáiztegui, situado no porto de Barcelona, máis tarde, o xuíz Salvador Alarcón o absolveu dos cargos deixándoo en liberdade.

Etapa de presidente[editar | editar a fonte]

O 16 de febreiro de 1936, gaña as eleccións a coalición de partidos de esquerda que se denominou Frente Popular, sendo encargado Azaña de formar novo goberno. Tras a destitución de Alcalá-Zamora, é nomeado Presidente da República de 10 de maio de 1936.

O comezo da guerra civil, e tras inútiles intentos por convencer as forzas republicanas dos perigos da desunión, suponlle un duro golpe moral. O 18 de xullo de 1938, pronunciou un soado discurso ante as Cortes reunidas en Valencia, baixo o lema "Paz, Piedad, Perdón".

Tomada Barcelona polas tropas de Franco o 26 de xaneiro de 1939 e Xirona o 5 de febreiro dese mesmo ano, retirase a Francia, e alí, o 27 de febreiro presenta a súa dimisión como Presidente da República, sendo substituído por Diego Martínez Barrio.

Exilio[editar | editar a fonte]

Refuxiado en Rosellón, con media Francia ocupada polo exército alemán, é vixiado polos axentes do réxime de Franco, que o pretenden prender e devolvelo a España. Finalmente deciden detelo. Porén, o embaixador de México, Luís Rodríguez, perante o réxime de Vichy, consegue liberalo e trasladalo ao Hôtel du Midi, en Montauban, onde varios refuxiados españois se refuxian, alí, nese mesmo hotel, avellentado e esgotado, morreu na habitación 11 o 4 de novembro de 1940.

O mariscal Pétain prohibiu que fose soterrado con honores de Xefe de Estado, soamente accedeu a que o seu féretro fose cuberto coa bandeira española, coa condición de que fose a bicolor do lado nacionalista, pero de ningún modo a da República. O embaixador de México decidiu que fose soterrado coa bandeira mexicana. Segundo conta nas súas memorias, o embaixador díxolle ao mariscal francés:

"Lo cubrirá con orgullo la bandera de México- Para nosotros será un privilegio; para los republicanos, una esperanza, y para ustedes, una dolorosa lección".
"Cubrirao con orgullo a bandeira de México- Para nós será un privilexio; para os republicanos, unha esperanza, e para vostedes, unha dolorosa lección"

Obra[editar | editar a fonte]

  • Azaña, Manuel (1997). Diarios, 1932-1933. Los Cuadernos robados. Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-868-4. 


Predecesor:
Niceto Alcalá-Zamora
 Escudo de la Segunda República Española.svg
Segunda República Española
Presidente da República Española
 
1936-1939
Sucesor:
Ninguén
(Ditadura de Francisco Franco)
Predecesor:
El mesmo como Presidente do Goberno Provisional
 Escudo de la Segunda República Española.svg
Presidente do Consello de Ministros de España
 
1931-1933
Sucesor:
Alejandro Lerroux García
Predecesor:
Manuel Portela Valladares
 Escudo de la Segunda República Española.svg
Presidente do Consello de Ministros de España
 
1936
Sucesor:
Augusto Barcia Trelles

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez, V. (2004). "Manuel Azaña e Eduardo Blanco Amor. Epistolario inédito (1935-1944)". Grial (163): 57–73. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]