Xosé de Calasanz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé de Calasanz
Nome completoJosé de Calasanz y Gastón
Nacemento11 de setembro de 1556
Lugar de nacementoPeralta de la Sal
Falecemento25 de agosto de 1648
Lugar de falecementoRoma
SoterradoSan Pantaleo
NacionalidadeReino de Aragón
Relixióncatólico romano
Alma máterStudium Generale de Lleida, Studium Generale de Valencia e Universidade de Alcalá
Ocupaciónsacerdote católico, pedagogo e teólogo
Coñecido porConstitutions of the Pious Schools e Opera Omnia of Saint Josephy Calasanz
editar datos en Wikidata ]
La última comunión de San José de Calasanz, de Goya.

Xosé de Calasanz, nado en Peralta de la Sal o 31 de xullo de 1557 e morto en Roma o 25 de agosto de 1648, foi un pedagogo, relixioso e santo aragonés que fundou escolas destinadas á educación de nenos marxinados.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dos infanzóns Pedro de Calasanz e María Gastón, foi o sétimo e derradeiro dos seus fillos. Estudou Dereito, Filosofía e Teoloxía nas universidades de Lleida, Valencia e Alcalá de Henares. Coa oposición do seu pai, ordeonuse sacerdote en 1583 e desempeñou responsabilidades administrativas na diocese de Albarracín, Lleida e a La Seu d'Urgell. En 1592, trasladouse a Roma para medrar na carreira eclesiástica sendo preceptor dos sobriños do cardeal Marco Antonio Colonna, pero alí descubriu a dura realidade social do Trastévere. Impactado, abandonou as súas ambicións e adicou os seus esforzos á educación dos nenos que alí vivían na marxinación, na fame e na pobreza.

A súa primeira escola abriuna na parroquia de Santa Dorotea de Trastévere, que funcionou de xeito innovador como unha escola pública e gratuíta. Despois trasladouse a San Pantaleón. Desta iniciativa nacerían as coñecidas como Escolas Pías e a Orde de Clérigos Regulares Pobres ou pais escolapios. Xosé de Calasanz ensaiou novos métodos pedagóxicos para o estímulo e perfeccionamento na formación dos rapaces. Traduciu textos ás linguas vernáculas acabando co monopolio do latín no ensino. Preocupouse tamén pola formación física e a hixiene dos seus pupilos.

O seu interese pola ciencia propiciou a súa amizade con Galileo, vencello que non se truncou cando este foi condenado pola Igrexa. Cando en 1637 Galileo perdeu a vista, envioulle como secretario ao escolapio Clemente Settimi. Tamén tivo unha estreita relación co poeta e filósofo Tommaso Campanela que defendía unha sociedade comunista e se afastaba do pensamento escolástico, polo que foi apreixado e condenado pola Santo Oficio.

As frecuentes inundacións polas crecidas do Tiber e as nulas condicións hixiénicas facían aumentar a peste e outras doenzas nos suburbios. Alí tamén realizou unha obra de coidado e atención de enfermos para o que contou con colaboradores como Camilo de Lelis (San Camilo), que dirixía un grupo de voluntarios que expoñían á súa vida ao contaxio por mor de alimentar e sandar aos apestados.

A orde espallouse por Europa occidental e acollía tamén a nenos de familias xudías e protestantes, encontrando oposición nas clases acomodadas e sectores da xerarquía eclesiástica. Determinadas acusacións acabaron coa súa destitución. Foi apreixado e interrogado pola Inquisición que o meteu na cadea. Substituíno o seu acusador o padre Stefano Cherubini que tiña estreitas relacións no Vaticano, pero a súa congregación acabou sendo disolta na práctica polo papa Inocencio X.

Despois da súa morte rehabilitaríase a súa figura. O papa Alexandre VII volveu a autorizar as escolas pías. Foi canonizado por Clemente XIII.

Hoxe existen escolas pías en Asia, África e América. Pío XII proclamouno patrón das escolas cristiáns, o que se conmemora o 27 de novembro. A súa festa celébrase o 25 de agosto.