Francisco de Trillo y Figueroa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Francisco de Trillo y Figueroa, nado en Ares en 1618 e finado en Granada en 1680 foi un poeta culteranista e historiador galego en lingua castelá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Trillo naceu en 1618 no Castelo de San Martillo de Padilla en Ares. En 1632 a súa familia trasladouse a Granada, onde frecuentou ambientes literarios e estableceu amizade co poeta Pedro Soto de Rojas, do que prologou o libro Jardín cerrado.

Seguiu a carreira das armas e foi soldado en Italia e posiblemente en Flandres, mais abandonou esta vida e volveu a Granada para dedicarse ás letras. Foi influído por Luis de Góngora e a estética do Culteranismo e consagrouse a traballos eruditos. Faleceu en Granada en 1680.

Obras[editar | editar a fonte]

Escribiu unha epopea culta, Neapolisea: poema heroyco y panegirico al Gran Capitan Gonzalo Fernández de Cordoua (Granada: por Baltasar de Bolívar y Francisco Sánchez, 1651), sobre a figura e fazañas de Gonzalo Fernández de Córdoba, o "Gran Capitán". O seu estilo culterano desgustou o crítico Marcelino Menéndez Pelayo. Ese estilo tamén se advirte en Poesías varias, heroicas, satíricas y amorosas (1652), colección que inclúe traducións de Anacreonte, composicións inspiradas na Biblia e unha Fábula de Leandro procedente de Ovidio. Foi tamén un poeta festivo e satírico ao estilo de Góngora. Consérvase unha Historia de Granada da súa autoría no Museo Británico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]