María Wonenburger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
María Wonenburger
WONENBURGER.jpg
María Wonenburger nunha homenaxe no 2011.
Datos persoais
Nacemento 17 de xullo de 1927
Lugar Montrove, Oleiros
Falecemento 14 de xuño de 2014
(86 anos)
Lugar A Coruña
Nacionalidade España
Fillos Julio Wonenburger
Actividade
Campo Matemáticas
Alma máter Universidade de Madrid
Universidade de Yale
Director de tese Tomás Rodríguez Bachiller
Contribucións e premios
Coñecido por Teoría de grupos
Premios honoris causa

María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014[1], foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e Canadá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Filla de Julio Wonenburger Canosa, descendente dun tataravó alsaciano, e de Amparo Planells, valenciana, realizou os primeiros estudos na Coruña, no Instituto Eusebio da Guarda. Afeccionouse tanto ó hóckey a patíns ou baloncesto como á música de Bach, ademais de estudar inglés ou alemán. Malia a vontade familiar de que estudase enxeñería para continuar co negocio familiar de fundición que tiña na Coruña, licenciouse en Matemáticas na Universidade Central de Madrid en 1950, onde tivo como profesor o matemático aragonés Julio Palacios. Alí doutorouse tamén cunha tese dirixida por Germán Ancochea e Tomás Rodríguez Bachiller.

América[editar | editar a fonte]

Formou parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fullbright (no 1953), o que lle permitiu ir á universidade de Yale, nos Estados Unidos. A súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos foi dirixida polo alxebrista Nathan Jacobson, e rematouna en 1957. O seu título era: On the group of similitudes and its projective group (Sobre o grupo de semellanzas e o seu grupo proxectivo). De volta en España traballou como investigadora no CSIC durante tres anos, en 1960 regresa ao estranxeiro, ao recibir unha bolsa posdoutoral da Queen University, de Ontario (Canadá). Alí dirixiulle a tese de doutoramento a Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora[2].

En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, á Universidade de Buffalo, e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983. Por enfermidade da súa nai regresou á Coruña no 1983, onde permaneceu en contacto afastado do mundo académico, colaborando con diversas institucións, como por exemplo, AGAPEMA.

Obra[editar | editar a fonte]

A investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie. Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén os automorfismos dos grupos de semellanzas inspirándose nos traballos anteriores de Jean Dieudonné, e aplicándoos a espazos vectoriais de dimensión maior ou igual ca seis.

Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses. Entre os seus doutorandos que traballaron neste campo dirixidos por ela estiveron o xa ementado Robert Moody, Stephen Berman, Bette Warren, Edward George Gibson ou Richard Lawrence Marcuson. María Wonenburger centrou posteriormente a súa investigación na clasificación dos grupos finitos e nas matrices de Cartan.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Homenaxe a María Wonenburger no parque de Santa Margarida na Coruña.

No 2007 a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.

Foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña en 2010, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor.

En xuño de 2012 foi inaugurada unha zona verde de máis de 10 000 metros cadrados en Montrove, Oleiros co seu nome. A matemática non puido acudir á inauguración por cuestións de saúde.[3]

O concello da Coruña adicoulle en outubro de 2014 unha rúa no polígono da Agrela.[4] e en xuño de 2015 inaugurou un monumento no parque de Santa Margarida[5].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]