Antonio Tenreiro Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Tenreiro Rodríguez
Cantones pastor.jpg
Fachada do Banco Pastor, a súa obra máis coñecida.
Data de nacemento 5 de xaneiro de 1893
Lugar de nacemento A Coruña, Galicia Galiza
Data de falecemento 31 de maio de 1972
Lugar de falecemento A Coruña
Nacionalidade España Español
Alma máter Universidade Politécnica de Madrid
Ocupación Arquitecto
editar datos en Wikidata ]

Antonio Tenreiro Rodríguez, nado na Coruña o 5 de xaneiro de 1893 e finado o 31 de maio de 1972, foi un dos principais arquitectos galegos do século XX. O seu estilo comezou no eclecticismo para logo evolucionara cara á art déco e ao racionalismo.

A súa obra máis coñecida é a sede do Banco Pastor da Coruña.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e mocidade[editar | editar a fonte]

Antonio Tenreiro naceu o 5 de xaneiro de 1893 nunha familia de propietarios dunha fábrica de curtidos en Pontedeume (Provincia da Coruña), fillo de Ramón Tenreiro Fernández e de Matilde Rodríguez Pastor, irmán do escritor e político Ramón Tenreiro Rodríguez.

Cando contaba con 8 anos faleceu o seu pai, ficando baixo a tutela do seu tío materno, Ricardo Rodríguez Pastor. Ricardo era unha persoa destacable dentro da sociedade intelectual e empresarial da época, ocupando cargos como presidente do Banco Pastor ou conselleiro do Banco de España. Antonio iniciou en 1913 os seus estudos na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid en Madrid, finalizándoos en 1919. Nesta etapa coñeceu ao que foi o seu socio durante toda a súa carreira, o valenciano Peregrín Estellés.[1]

Inicios profesionais[editar | editar a fonte]

Casa Barrié.

En 1919 estabeleceu o seu estudio na rúa Benito Gutiérrez de Madrid, con encargos modestos. O ano seguinte gañou xunto con Emilio Moya o concurso de proxectos para a Casa de Correos-Telégrafos de Lugo, onde se instalou.[2] Cando seu tío Ricardo e seu curmán Pedro Barrié de la Maza lle engargaron o proxecto da sede do Banco Pastor en 1920, trasladouse, con Peregrín Estellés, definitivamente á Coruña.[2] Foi nese mesmo ano cando tamén casou con Mathilde Brochón Reinmann, coa que tivo catro fillos: Rosa (1921), Antonio (1923, arquitecto e pintor), Magdalena (1925) e Ramón (1928).[3]

Na década de 1920 e nos anos da Segunda República Española proxectou algunhas das súas obras máis coñecidas, inicialmente dentro do estilo eclecticismo, como o edificio do Banco Pastor, que ao finalizar a súa construción era o máis alto do Estado español. Influído pola Escola de Chicago, destaca polas formas clásicas e neobarrocas do estilo Beaux Arts, que o propio Tenreiro definiu como "Barroco modernizado", e a aparición de elementos e detalles propios da art déco.[4] Tamén desta época é a casa Barrié, finalizada en 1926, na que Tenreiro optou por unha obra máis europea, un estilo francés, e cunha frescura nova no deseño dos detalles lonxe da ortodoxia Beaux Arts.[5] De 1925 é o proxecto da casa Bailly, no Graxal (Cambre),[6][7] a carón da N-VI, actualmente en estado de ruína ante o abandono das administracións locais e autonómicas. En 1928 recibiu a Lexión de Honra francesa.

A partir de 1929 o seu estilo variou, aparecendo elementos do expresionismo, que se aprecian no edificio da Sociedade de Seguros Mutuos, situado na praza de Pontevedra da Coruña, no que destacaban os contrafortes a chanzos da súa fachada. O edificio foi derribado en 1976.[8] Tamén se observa a mestura do expresionismo co art déco noutros deseños da época como no seu proxecto para a igrexa de San Pedro de Mezonzo que non se chegou a construír.[9]

En 1930 foi nomeado arquitecto municipal da Coruña, e nesta década realizou, entre outros, os proxectos do Cine Savoy, na rúa Real (derribado en 1966), do mercado de Santo Agostiño, da Casilla-Biblioteca "Menéndez Pidal", nos xardíns de Méndez Núñez, e a estación de servizo en Catro Camiños (demolida en 1997),[10] nas que se pode contemplar unha transición do déco á Modernidade.

Casa Bailly, no Graxal

O 9 de outubro de 1931 fundou canda outros 9 arquitectos a delegación na Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de León. A acta da sesión comeza así:

Convocados por D. Antonio Tenreiro para celebrar Xunta Xeral, os Arquitectos da provincia da Coruña, con obxecto de constituír a delegación nesta provincia do Colexio Oficial de Arquitectos de León...

A partir da guerra civil[editar | editar a fonte]

No 1936 estalou a guerra civil española. Pola nacionalidade francesa da súa muller e a súa distinción coa lexión de honor, o cónsul francés dispuxo os requisitos necesarios para a súa evacuación, mais Antonio decidiu permanecer na Coruña. O seu cuñado foi fusilado en Paracuellos. En 1937 Antonio Tenreiro Rodríguez foi suspendido do seu cargo como arquitecto municipal e expedientado pola súa militancia republicana. A representatividade das familias Pastor-Barrié de la Maza e Tenreiro Arias impediu a suspensión total do exercicio, pero non evitaron a súa retirada dos cargos públicos, a confiscación da fábrica de curtidos familiar, a expropiación de numerosas propiedades e a mingua substancial do seu patrimonio. Finalmente, a Xunta Superior de Depuración condenouno, en 1942, a seis anos de inhabilitación para cargos públicos, directivos e de confianza. A partir dese momento viuse frecuentemente obstaculizado nos primeiros anos da ditadura, tendo incluso que firmar o seu socio Estellés algunhas das súas obras, como o Gran Cine de Ortigueira.[11]

Mais todo isto non evitou que proxectase, en 1940 a cidade cultural “Generalísimo Franco”, hoxe campus universitario de Riazor da Universidade da Coruña e cidade escolar, do que realizou edificios como a Escola de Náutica, a Escola de Comercio ou o Conservatorio de Música (que non foi construído).[12] En 1942 deseñou o mercado da praza do Conde en Pontedeume trala demolición do pazo dos Andrade.[13]

Nesa época presentou un proxecto alternativo da igrexa de san Pedro de Mezonzo. O feito de presentalo en solitario (sen Estellés) e ofrecéndoo de forma gratuíta enténdense como un intento de ser recoñecido polos medios católicos e de dereitas nun momento en que a súa situación era complicada.[14] O proxecto, no que se aprecia a evolución dende o eclecticismo cara ao expresionismo que se vivía na arquitectura relixiosa de Europa, era de maior calidade arquitectónica que o finalmente realizado.[15]

Ao finalizar a década, foi rehabilitado polo alcalde Alfonso Molina como arquitecto municipal da Coruña.[16]

O seu último gran proxecto foi o Arquivo do Reino de Galicia no Xardín de San Carlos, en 1952, de estilo ecléctico segundo o gusto da época.[17] En 1963 abandonou o cargo de arquitecto municipal e morreu o 31 de maio de 1972.

Premio Coruña de Arquitectura[editar | editar a fonte]

En outubro de 2006 o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia outorgoulle, na súa primeira edición, o premio Coruña de Arquitectura á súa familia, que fora creado en conmemoración do 75º aniversario da delegación coruñesa, onde o alcalde da cidade, Javier Losada, prometeu que lle ía poñer á praza que está en fronte do colexio de Labaca o nome do arquitecto,[18] o que se fixo en 2012.[19]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Agrasar 2002, pp. 136-140
  2. 2,0 2,1 Agrasar 2002, p. 45
  3. Agrasar 2002, pp. 140-1425
  4. Agrasar 2002, pp. 50-51
  5. Agrasar 2002, pp. 52-58
  6. Vázquez, Sara (23 de agosto de 2015). "Las casas Bailly, desprotegidas". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 6 de decembro de 2015. 
  7. Agrasar 2002, p. 153
  8. Agrasar 2002, pp. 66-68
  9. Agrasar 2002, pp. 74-78
  10. Homenaje a una estación de servicio con mucha solera
  11. Agrasar 2002, p. 119
  12. Agrasar 2002, pp. 120-125
  13. Agrasar 2002, pp. 79-83
  14. Agrasar 2002, pp. 74-78
  15. Agrasar 2002, p. 78
  16. Agrasar 2002, p. 148
  17. Agrasar 2002, pp. 126-133
  18. Antonio Tenreiro dará nombre a una plaza tres años después de lo anunciado
  19. Una plaza en honor al arquitecto Antonio Tenreiro

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Agrasar, Fernando, ed. (2007). Antonio Tenreiro 1893-1972 (en castelán). COAG. ISBN 978-84-96712-08-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]