Alexandre Bóveda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alexandre Bóveda
Alexandre Bóveda.jpg
Alexandre Bóveda Iglesias
Datos persoais
Nacemento 4 de xuño de 1903
Lugar Ourense
Falecemento 17 de agosto de 1936 (33 anos)
Lugar Poio
Organización Partido Galeguista
Profesión Perito mercantil

Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903[1] e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis novos nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.

Seminario de Estudos Galegos. Alexandre Bóveda Iglesias foi nomeado socio aitivo o 20 de outono do 1928, Sant-Iago, 28 de outono de 1931.

Logo participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un en 1924. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; porén Alexandre rexeitou a oferta e volveu a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto co faladoiro que presidían Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas. Ámbolos dous introducírono na política e noutros campos, como a Coral Polifónica de Pontevedra, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego (filla de Xerardo Álvarez Limeses), coa que casou o 20 de outubro de 1930 no Mosteiro de San Xoán de Poio e coa que tivo cinco fillos.

En 1930 convértese no primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. En 1928 e 1929 recibira unha bolsa da Deputación de Pontevedra para viaxar a Barcelona e Guipúscoa para estudar o funcionamento das Caixas de Aforros.

En 1932 participou na asemblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redacción do estatuto e na Asemblea de municipios que se creou para debatelo. En 1933 foi elixido membro do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall. O 20 de outubro de 1934 publicouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no outubro do ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.

Bóveda en Vigo en 1935.
…he resuelto que la ejecución del reo ALEJANDRO BOVEDA tenga lugar…

En 1936 participou na campaña electoral, á que acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra. Tralo Alzamento Nacional foi detido o 20 de xullo de 1936 acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:

Madrugada do 1.936

Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre.

P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós. -ás 5 e 1/4[2].

Está enterrado no camposanto de San Amaro.

Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo. Foi convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte celébrase actualmente o Día da Galiza mártir.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Busto en Pontevedra.  
Monumento a Bóveda na Caeira (Poio).  
Estatua en Pontevedra.  
Monumento no Parque de Catro Camiños, A Coruña.  
Monumento no Grove.  
Rúa adicada en Allariz.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Biografía na Enciclopedia Galega Universal.[Ligazón morta]
  2. Xerardo Álvarez Gallego. Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alexandre Bóveda Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Alexandre Bóveda

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]