Manuel María Puga y Parga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Manuel María Puga y Parga, coñecido como Picadillo, nado en Santiago de Compostela en 1874 e falecido na Coruña o 30 de setembro de 1918, foi un escritor, gastrónomo e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Luciano Puga Blanco, naceu en Santiago por estar o seu pai desprazado nesta cidade, e foi bautizado o 23 de abril de 1874 en San Fiz de Solovio, mais marchou moi novo á Coruña.

Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, a Pardo Bazán e Picadillo.

Estudou dereito en Santiago de Compostela onde presentou a súa tese de grao "Fueros Nobiliaros" en 1895 e grazas a Cánovas del Castillo, amigo do seu pai, conseguiu ser nomeado a un posto para ó que non era necesario opositar na Dirección Xeral de Penais. Descontento co ambiente político e con saudades da terra volveu a Galiza onde casou con María del Carmen Ramón e foi xuíz en Arteixo. Comezou a escribir no xornal El Noroeste, co pseudónimo de Picadillo, chegando a ser tan popular que en 1913 escribiu un artigo "Quiero ser concejal" e comezou unha campaña para ser elixido concelleiro, facendo o 14 de outubro dese ano un chamamento: "Alocución a las vendedoras de la plaza de abastos":

Vós non votades pero tedes homes, fillos... a estes pedide, mandade... ata chegardes a requirir á zoca, que as coaccións na intimidade non teñen nada que ver coa lei electoral.[1]

Conseguiu ser nomeado candidato e saír electo, tomando posesión do cargo o 1 de xaneiro de 1914, e cando o alcalde Javier Ozores Pedrosa dimitiu, foi designado alcalde en outubro de 1915, aínda que por pouco tempo: co cambio de goberno foi deposto en só dous meses. Volveu a ser alcalde co ascenso ao poder do coruñés Eduardo Dato en xullo de 1917. A súa actuación durante a folga xeral do 13 de agosto de 1917 levouno a ser destituído na semana seguinte e a recibir unha homenaxe de 6.000 obreiros sindicados e un pergameo asinado polas 27 sociedades obreiras coruñesas.

Escribiu numerosos libros de gastronomía, incluíndo "La cocina práctica" en 1905, que tivo un grande éxito, e moitos outros libros de cociña así como numerosos artigos; foi enormemente popular no seu tempo como persoa e escritor, caracterizado polo sentido do humor e a defensa da vida popular tanto a nivel culinario, reivindicando o bacallau, as sardiñas e o lacón con grelos fronte ás copias da cociña francesa de moda na época, dicindo que unha das maiores experiencias da súa vida fora unha caldeirada comida nun barco de pesca. Non só aplicaba o humor á cociña senón tamén á política e a si mesmo:

Como el conta na súa Biografía política:

En 1882 era eu un señor que tiña 8 anos de idade e uns 75 quilos de peso[2]

Este peso excesivo (dise que chegou aos 275 quilos) era moi coñecido. Como conta Luís Antón del Olmet, veu un circo á Coruña onde se mostraba un home alemán que dicían era o mais gordo do mundo, mais a xente que o ía ver saia decepcionada: Manolo Puga era máis gordo[3]


Predecesor:
Javier Ozores Pedrosa
Escudo de A Coruña.svg
Alcalde da Coruña

1915
Sucesor:
Manuel Casás Fernández
Predecesor:
Manuel Casás Fernández
Escudo de A Coruña.svg
Alcalde da Coruña

1917
Sucesor:
Manuel Casás Fernández

Obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xosé Cermeño: Introdución a A cociña popular.... páx. 15.
  2. Biografía política, Tipografía Obrera Coruñesa, 1917, citado por Xosé Cermeño en: Introdución a A cociña popular...
  3. Semblanza incluída en Pote aldeano, citado por Xosé Cermeño en: Introdución a A cociña popular...