Placa na casa onde estaba a imprenta da Editorial Nós en Santiago de Compostela.Placa no edificio da rúa Real da Coruña no que se fundou a Editorial Nós.
A Editorial Nós foi unha casa editorial galega creada na Coruña,[1] concretamente no número 36 da rúa Real,[2] no 1927. Foi fundada e dirixida polo político e escritor galeguista Ánxel Casal. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a revista Nós. O seu nome completo era "Nós, pubricacións galegas e imprenta".[3] En palabras de Fernández del Riego, foi o principal centro de irradiación do mundo das nosas letras.
A revista Nós naceu en Ourense no ano 1920, mais a partir do número 16 comezou a se imprimir en Pontevedra na busca de menores custos. En novembro de 1924, Ánxel Casal, en colaboración con Leandro Carré Alvarellos, fundou a Editorial Lar. Máis tarde, desvencellouse desa iniciativa para fundar en 1927 a Editorial Nós, onde finalmente tivo cabida a revista. O 25 de novembro de 1927 publicou o primeiro título Historia sintética de Galicia de Ramón Villar Ponte[4]. En 1930 fundou o xornal republicano El Momento que, por falla de apoio, só durou 14 números e arrastrou case que á quebra á editorial Nós.
En 1931 trasladouse a Santiago de Compostela, onde permaneceu ata 1936. A imprenta estivo nun principio situada no número 20 da rúa das Hortas, na capital galega, se ben trasladouse posteriormente ao número 15 da rúa do Vilar. O derradeiro número repartido normalmente entre os subscritores foi o 137-138, correspondente a maio-xuño do ano 1935, pero saído o ano seguinte. Estaba no prelo outro número (139-144) que xa non chegou a publicarse por mor da Guerra Civil[5]
↑Mato, Alfonso (2007). Ánxel Casal, un editor para un país: catálogos de Lar e Nós(pdf). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega/Seminario de Estudos Galegos. p.17. ISBN978-84-96530-47-8. Consultado o 23 de decembro de 2018. 1924 Aos poucos meses de botarse a andar as Escolas do Insiño Galego, Casal faise cargo da iniciativa. Crea co bibliotecario das Irmandades, Leandro Carré Alvarellos, a editorial Lar, na que Carré será o director-propietario e Casal o administrador. O domicilio de Casal, na rúa Real, 36, 1º, será tamén sede da editorial Lar, da Irmandade coruñesa e das Escolas do Insiño Galego. [...] 1927 En agosto abandona a editorial Lar, que queda en mans de Carré, agora na rúa da Franxa, 34, baixo, e funda a editorial e imprenta Nós, que continúa no seu domicilio da rúa Real, 36, 1º.