Ruínas de San Domingos
| Ruínas de San Domingos | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Pontevedra | |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||

As ruínas de San Domingos constitúen un dos seis edificios que forman o complexo do Museo Provincial de Pontevedra. Corresponde cos restos que permanecen en pé da igrexa gótica do que no seu día foi o convento de San Domingos.
Hoxe consérvase só a cabeceira porticada, con cinco capelas correspondentes ó brazo transversal do cruceiro. A entrada ó recinto faise polo extremo norte do cruceiro.
A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra iniciou en 1889 as xestións para a súa recuperación e declaración como Monumento Nacional, e utilizou as ruínas como sede da institución. Co tempo, en 1938, a Sociedade cedeu as instalacións ó Museo de Pontevedra e este converteu este espazo na súa Sección lapidar (arqueolóxica) e dedicouno á exposición permanente de sepulcros de persoeiros históricos pontevedreses, laudas gremiais e escudos heráldicos procedentes de enterramentos na propia igrexa e de casas nobres da cidade e da provincia.
Historia do convento
[editar | editar a fonte]Os dominicos chegaron a Pontevedra a finais do século XIII e fundaron o convento cara a 1281, na Moureira, no exterior da muralla que pechaba a cidade na Idade Media,[1] pero pronto se trasladaron ó lugar onde hoxe quedan os restos do edificio. As obras da cabeceira comezaron en 1304 ou 1305 pero a partir de 1380 substituíronse pola obra actual, que non se rematou ata o século XV. A finais do XVIII decidiuse reformar a igrexa mediante unha nova nave, neoclásica, que substituiría a antiga igrexa gótica. Esta reconstrución, que ía dirixir Álvarez Reguera, viuse fanada en 1835, cando o Estado aprobou a chamada desamortización de Mendizábal e puxo en venda as posesións das ordes relixiosas, incluída igrexa e convento de San Domingos.
O 8 de decembro de 1836 pecha o convento[2] e a partir deste momento o edificio entrou pouco a pouco nun longo proceso de ruína e deterioración progresivos. En 1840 a Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos de la Provincia de Pontevedra cedeuno ó Concello, que o dedicou a Casa de Asilo; posteriormente dedicouse a cárcere, hospicio, escola infantil, cuartel e teatro, pero sen realizar labores de mantemento que evitaran a progresiva ruína. Mesmo en 1846 aproveitáronse as pedras para pavimentar as rúas de Pontevedra, tal como o recolleu o historiador pontevedrés Claudio González Zúñiga:[3]
"Neste templo aínda se conservaban moitos sepulcros e lápidas cheas de inscricións, que hoxe poderían moi ben esclarecer e ilustrar algúns feitos escuros da historia daqueles séculos, pero unha man ignorante e ousada, arrincándoas daquel lugar para pavimentar rúas e prazas, privounos dos recursos que estas inscricións pudieran prestar á arqueoloxía".
En 1864 derrúbase a capela de San Xacinto, que estaba no extremo sur do cruceiro e, entre 1869 e 1870, a parte superior da torre que existía neste mesmo punto.

En 1874, o Concello comeza a considerar a demolición do convento, co obxectivo de ampliar o espazo dedicado a Campo da Feira (actual parque das Palmeiras), para o que conta co informe favorable da Comisión Provincial de Monumentos, que puña como condición respectar a antiga igrexa e algúns outros elementos de interese. A pesar desta limitación, o Concello aprobou en xullo de 1880 a demolición completa, decisión que provocou a reacción en contra da Comisión de Monumentos e de numerosos pontevedreses, que conseguiron deter as obras de demolición. O Concello volveuno intentar en 1889, pero a reacción social conseguiu de novo deter as obras; nesta ocasión a vontade de demoler as ruínas era tan firme que o concello xa incluíra nos seus orzamentos os ingresos previstos pola venda dos terreos resultantes.
Recuperación
[editar | editar a fonte]Aínda que a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra non se constituíu formalmente ata o 15 de agosto de 1894[5], baixo a presidencia de Casto Sampedro, xa desde anos antes levou adiante algunhas actividades en prol da conservación histórica e artística de Pontevedra. Canto ás actividades dirixidas á conservación das ruínas de San Domingos cómpre destacar a xuntanza que se celebrou nas propias ruínas o 16 de setembro de 1889[6], baixo a convocatoria do poeta Roxelio Lois Estévez, daquela director de O Galiciano, Manuel de la Fuente e o médico Xosé Casal, estes dous últimos delegados da Comisión Provincial de Monumentos. Esta xuntanza converteuse nunha especie de ocupación das ruínas, a piques de ser derrubadas definitivamente. Nesta xuntanza tomaron as ruínas como sede da Sociedade e procederon a limpalas de entullos e lixo e ó seu peche cun valado.
A consecuencia desta reivindicación foi a declaración como Monumento Nacional do que nese momento se conservaba das ruínas —o que hoxe podemos ver—, o 14 de agosto de 1895. San Domingos convertíase así no primeiro Monumento Nacional da provincia de Pontevedra.
Os debuxantes da Sociedade Arqueolóxica recolleron así o estado das ruínas nesa época:
- Enrique Campo, 1908.
- Federico Alcoverro, 1909.
- Alcoverro, 1909.
- Alcoverro, 1915.
"Precisamente un deses edificios sentenciados a unha lenta morte ao longo do século XIX e salvado no último momento do seu derrubamento total polo empeño de Sampedro e outros colaboradores foron as Ruínas de San Domingos, que se converteron deste xeito no «buque insignia» da Arqueológica, tanto polo seu valor histórico-artístico coma por seren o núcleo onde se concentraban e expoñían as coleccións de obxectos que a Sociedad conseguía rescatar do esquecemento"
En 1905 comezan as obras do Instituto de Pontevedra (actual IES Valle Inclán), a carón das ruínas, sobre o terreo que ocupaba o convento. Entón, a Sociedade Arqueolóxica solicitou que se lle reservase un espazo na planta baixa, pero a sala que lle deixaron era insuficiente para os fondos que necesitaba expor. En 1945 esta sala foi permutada por un pequeno patio e parte do soto do instituto.

En 2008, durante as obras acometidas polo concello para a construción dun aparcadoiro subterráneo na praza de España, descubríronse restos da cimentación da igrexa gótica e unhas 20 fosas do que sería o cemiterio exterior da mesma.
As ruínas como sección do Museo de Pontevedra
[editar | editar a fonte]A Sociedade Arqueolóxica disolveuse en 1938 e cedeu a xestión dos restos ó Museo de Pontevedra, que fora fundado en 1927. Como xa se dixo, o Museo de Pontevedra dedicou este espazo á exposición permanente de pezas pétreas relacionadas coa historia da cidade e provincia. No exterior exponse ó público non só as propias ruínas senón tamén sepulcros de persoeiros pontevedreses e laudas gremiais, algúns deles procedentes dos enterramentos que se realizaron na propia igrexa, e unha ampla colección de escudos heráldicos, procedentes das casas nobres da cidade e da provincia, cedidos polos propietarios ou herdeiros no momento do derrubo das mesmas ou adquiridos polo propio museo.
O espazo museístico está constituído, en primeiro lugar, polos restos conservados da propia igrexa:
- A capela central, maior. Sábese que estaba en construción en 1331 (a primeira do lado do Evanxeo data de 1360 e as dúas do lado da Epístola son de finais do XIV e principios do XV).
- Á esquerda da anterior, a capela de Santa María Madalena, rebautizada despois baixo a advocación ó Espírito Santo.
- Máis á esquerda, no extremo norte do cruceiro, a capela do Espírito Santo vella, máis tarde chamada de San Domingo de Suriano. Nesta capela está o sartego de Tristán de Montenegro.
- Á dereita da capela maior está a capela de San Pedro Mártir, rebautizada como capela do Bo Xesús.
- Á dereita da anterior, no extremo sur do cruceiro, a capela de San Tomé, chamada despois de Santo André.
Á dereita desta última estaba a capela de San Xacinto e a torre, derruídas entre 1864 e 1870, e a sancristía, xa fronte ás capelas. No muro da zona da sancristía pódese ver un rosetón que foi trasladado en 1895 desde a fachada norte (onde hoxe está o acceso ó recinto).[8] Xunto á sancristía sitúase a entrada á sala capitular, precedida por unha arquería que procede do antigo convento.[9]
Entre os sepulcros expostos destacan os de Paio Gómez de Soutomaior. Tamén estaba exposto o do seu fillo Sueiro, hoxe no Edificio Castelao do Museo.

A sala capitular foi ampliada e aproveitada para expor pezas máis sensibles, como capiteis, estatuas, tímpanos, baldaquinos etc. A entrada a esta sala faise a través dun arco construído coas doelas recuperadas da portada occidental da igrexa de San Bartolomeu o Vello, derruída en 1842. A reconstrución hipotética foi realizada baixo a dirección de Xosé Filgueira Valverde para construír unha portada con dúas arquivoltas, aproveitando sete doelas (seis anciáns músicos sedentes e un anxo) máis a cabeza de Cristo na clave inferior e tres anxos con filacterias ou un libro, na superior. Parece ser que na reconstrución se alterou a forma orixinal das esculturas e que a disposición non corresponde co arco de medio punto que se fixo senón que se trataría orixinalmente dun arco apuntado, máis propio da fábrica gótica do edificio de San Bartolomeu. [10]
No soto desta sala capitular habilitáronse algunhas estancias dedicadas á restauración, actividade que agora se realiza nos baixos do Edificio Castelao do Museo.
- Laudas gremiais, procedentes da igrexa de San Bartolomeu o Vello.[11]
- Baldaquino procedente do mosteiro de San Pedro de Dozón.
A Sociedade Arqueolóxica chegou a reunir unha importante colección de escudos heráldicos, que se expoñían tanto no interior do recinto como no xardín exterior, entre os contrafortes das capelas, ata un total de 64,[12] pero trala remodelación levada a cabo en 2016 retiráronse un bo número destes escudos, mantendo expostos unicamente 19 (nove fronte á sala capitular e 10 na antiga sancristía).
Ademais destes escudos recuperados doutras localizacións da cidade, as ruínas mostran outros cinco escudos encastrados nas paredes da igrexa.
- Escudo de Tristán de Montenegro. Procede das Torres de Montenegro, que se levantaban onda a basílica de Santa María.
Fotografías históricas
[editar | editar a fonte]- Hubert Vaffier, viaxes por España e Portugal de 1889 e 1890
- Hubert Vaffier, viaxes por España e Portugal de 1889 e 1890
- Pontevedra. Ruinas de Santo Domingo Benito Pérez Comercio [antes de 1906] E.J.G. París-Irún
- Balsa De La Vega, Rafael. [Catálogo – Inventario Monumental Y Artístico [Manuscrito] : Pontevedra]. 1907
- Otto Wunderlich, fotografía tomada entre 1929 e 1936
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nas inmediacións dunha das portas da muralla, que tomou o nome do convento.
- ↑ Rematada a exclaustración houbo intentos de restaurar o convento, pero non frutificaron.
- ↑ Claudio González Zúñiga: Historia de Pontevedra, o sea de la antigua Helenes, Pontevedra 1846, px. 59 (en castelán no orixinal) [ed. facsimilar da editorial Alvarellos, Lugo 1992].
- ↑ "Ruinas San Domingos 1879". Galiciana.
- ↑ A constitución da Sociedade foi, de feito, pioneira no panorama cultural galego: a Real Academia Galega naceu en 1905 e o Seminario de Estudos Galegos en 1923.
- ↑ No libro editado polo Museo de Pontevedra, Os debuxantes da Sociedad Arqueológica de Pontevedra (1995), Filgueira Valverde dá a data do 16 de setembro de 1886 (px. 10). Pero máis adiante, as autoras do capítulo dedicado á Sociedade Arqueolóxica, dan a data de 1889 (px. 31).
- ↑ Véxase o reverso manuscrito por F.B.B. en 1955.
- ↑ No Museo de Pontevedra consérvase un debuxo de 1879, da man de Federico de Guisasola, cando as ruínas aínda contaban co muro da fachada norte, co seu rosetón.
- ↑ A porta de acceso á sancristía era a portada principal da antiga igrexa de San Bartolomeu o Vello, derrubada en 1842.
- ↑ Teresa Moure Peña, 210-212.
- ↑ A terceira lauda, correspondente ó gremio dos carniceiros, está hoxe exposta no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
- ↑ Labras heráldicas del Museo de Pontevedra, 25.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ruínas de San Domingos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Messía de la Cerda y Pita, Luis Francisco: Labras heráldicas del Museo de Pontevedra. Ruinas de Santo Domingo. Deputación Provincial de Pontevedra, 1991.
- Valle Pérez, Juan Carlos (coord.): Os debuxantes da "Sociedad Arqueológica de Pontevedra". Museo de Pontevedra, 1995.
- Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) [1904]. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid: Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña). p. 410. ISBN 84-934081-5-8.
- Teresa C. Moure Peña: "Nuevas aportaciones al estudio de la escultura gótica en Galicia. San Bartolomé 'O Vello' de Pontevedra", en El Museo de Pontevedra LV, 2001, 193-222.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo de Pontevedra: edificios
- Ruínas de Santo Domingo, en Turgalicia
- Perea, Felipe: Ruínas del Convento de Santo Domingo (Pontevedra) blog, 27/12/2012 (en castelán).
- Dúas fotografías procedentes do Catálogo Monumental de la Provincia de Pontevedra, nas que se recolle a situación das ruínas en 1908 (en castelán).
- Conde, María: "Como se salvaron as ruínas", La Voz de Galicia, 6/1/2008, baseado nas Crónicas de San Domingos, de Alberto Fortes.
- Elena Larriba: "Los arqueólogos hallan veinte tumbas al pie de las Ruinas de Santo Domingo", La Voz de Galicia, 7/5/2008.