Novela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Manuscrito da obra Maxina ou a filla espúrea, considerada a primeira novela en lingua galega.

Unha novela é unha obra literaria narrativa. Enténdese por novela un relato complexo en prosa, normalmente extenso, que narra unha acción ficticia e expón relacións, accións e condutas humanas. Ata onde debe chegar a extensión é obxecto de disputa, como o é a complexidade que debe ofrecer a trama ficticia que a sustenta.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Como no castelán e no portugués, o termo novela galego procede do italiano novella, onde a palabra refería cada un dos relatos breves contidos en obras tales coma o Decameron (1353). Tanto o antigo francés novelle (mod. nouvelle) coma o italiano novella proceden do nominativo plural latino novella refeito como singular. No latín a forma singular, novellus derivaba de novus 'novo'. O inglés novel foi importado a través do francés antigo, con desprazamento acentual (de forma aguda para grave).

A evolución semántica no galego, castelán, catalán e inglés é semellante. Comeza facendo referencia a contos ou relatos de curta extensión para acabar referindo un xénero de ficción no que se integran obras narrativas de extensión considerable. Este sentido actual da palabra correspóndese co do francés roman, portugués romance e italiano romanzo. Dada a necesidade de diferenciar os dous xéneros literarios hoxe téndese a falar de novela longa, a novela por antonomasia, e de novela curta.

Características[editar | editar a fonte]

En xeral o termo refire toda obra literaria en prosa de carácter ficticio no que domina a narración tecida a partir de personaxes e accións enmarcados nun relato máis ou menos complexo. En toda novela hai unha trama ou asunto principal que pode ter varias subtramas e uns protagonistas que evolucionan ó longo da historia que se narra. Alén do predominio da narración como forma do discurso, a interacción entre os personaxes e o medio en que actúan constrúese a base de descricións e diálogos.

A orixe[editar | editar a fonte]

As orixes da novela áchanse na riquísima literatura oriental e tardohelenística (do séc. II d. de C.), aínda que algúns estudiosos consideran que é un desenvolvemento do xénero épico. A tradición de obras épicas -producidas normalmente en verso- na cultura occidental retrotráese a Ilíada e Odisea de Homero na literatura grega e á Eneida de Virxilio na romana. Os antecedentes máis antigos localízanse tamén no Oriente Próximo. A Epopea de Gilgamesh que refire lendas sumerias é do século VII a.C.

En todo caso, as características determinantes do xénero novelístico na literatura occidental aparecen con antelación á propia aparición da palabra e constitúen o resultado dunha combinación de varios xéneros e tradicións literarias. Ademais da épica, a ficción grega e latina en prosa amosa tanto unha vea crítica e satírica (o caso do Satiricón de Petronio) como unha vea heroica e amatoria (o caso de Dafnis e Cloe de Longo). A tradición medieval do conto de xénese oral, que terían o correlato escrito e literario na novela (curta) serían o terceiro esteo da tradición novelística moderna que comezaría propiamente a partir do realismo da novela picaresca de feitío popular e da fantasía das novelas de cabalerías, herdeiras dos romances, épicas e narracións cabaleirescas medievais.

Tipoloxías[editar | editar a fonte]

A novela é o reino da liberdade de contido e de forma: xénero proteico e aberto, tamén o máis cultivado e metamorfoseado con problemas de límite con outras formas verbais e non verbais: ensaio, reportaxe, cine, collage,...

Proteica na multiplicidade de formas e puntos de vista que presenta ó longo da historia, a novelá amósase inesgotable tanto nas súas posibilidades narratolóxicas coma na súa capacidade de suxestión e interpretación do mundo.

Clasificar este xénero supón ademais da necesaria amplitude de miras, encarar a diversidade de criterios de clasificación empregados polas distintas tipoloxías propostas:

  • Atendendo ó contido, as novelas poden ser:
    • de aventuras: Nela predomina o interese pola acción. Relata sucesos extraordinarios, accións perigosas, e emocionantes, xeralmente nun escenario insólito ou exótico.
    • bizantina: narra viaxes nas que se suceden aventuras complicadas, separacións e encontros de personaxes, recoñecementos casuais, cun ton de sucesos extraordinarios.
    • costumista: describe as formas de vida cotiá dun grupo social: costumes, personaxes típicos...
    • histórica: reflicte máis ou menos fielmente o ambiente, os caracteres, os acontecementos dunha época histórica, mesturando a ficción con acontecementos históricos.
    • pastoril: de forma convencional e artificiosa, reflicte a vida, idealizada e irreal, duns pastores, que pasan as súas horas nunha paisaxe tópica.
    • picaresca: con forma autobiográfica, un narrador protagonista de orixe dubidosa relata a súa vida de adversidades, nun desexo continuo de saír da miseria.
    • social: diminúe no posible a descrición de vidas individuais, substituíndoas por unha colectividade. A súa actitude é crítica, con afán de denunciar situacións, ambientes e modos de vida dun grupo.
    • de cabalerías: a que conta xestas dos cabaleiros andantes.
    • de ciencia ficción: a que, inspirándose nos progresos da técnica, narra cousas extraordinarias do futuro.
    • policíaca: a que se basea nun crime e no seu esclarecemento.

Hai que engadir a esta lista outras tipoloxías que toman como criterio o estilo da obra e entón fálase de novela realista, naturalista, existencial, etc. ou os argumentos:psicolóxica, de tese,...

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Galilibros
O Galilibros ten un manual sobre: Novela