Santuario de Santo André de Teixido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Santuario de Santo André
Teixido1.jpg
Santuario de Santo André de Teixido
Datos xerais
Tipo Capela
Advocación Santo André Apóstolo
Coordenadas 43°42′31″N 07°59′03″O / 43.70861, -7.98417Coordenadas: 43°42′31″N 07°59′03″O / 43.70861, -7.98417
Culto
Culto Igrexa Católica
Diocese Santiago de Compostela
Arquitectura
Construción Século XII
Estilo Gótico de tipoloxía mariñeira

O santuario de Santo André de Teixido é unha capela situada na parroquia de Teixido, no leste do concello de Cedeira. É un famoso lugar de peregrinación, e segundo o dito popular "vai de morto quen non foi de vivo".

Lenda do santuario[editar | editar a fonte]

Hai unha lenda de clara orixe popular que explica as orixes do santuario. A lenda parte sempre da chegada de Santo André ou dos seus restos a este punto de xeografía galega. Neste punto a lenda sepárase en dúas versións, na primeira, Santo André queixase ao Noso Señor do afastado e montesío do sitio que vai facer que ningún romeiro se achegue ata tan lonxe[1], ao que Cristo responde: Quédate eiquí, San Andrés,/que de mortos ou de vivos/todos te virán ver. Noutra versión, Santo André compárase co seu compañeiro de apostolado, Santiago, que ten templo grande, camiño de sona e miles de romeiros, mentres que el apenas ten fieis que lle recen. Tamén neste caso o Señor promete compensarlle o suposto aldraxe asegurándolle que han de ir de mortos os que non foron de vivos.

Peregrinación[editar | editar a fonte]

Indicativo do camiño de Santo André

Os romeiros tiñan o costume de botar unha pedra nos amilladoiros situados a ambos os dous lados do camiño (cóntanse ata 20 amilladoiros entre o lugar de Veriño de Abaixo e Teixido). As pedras do amilladoiro di a lenda que "falarán" no Xuízo Final para dicir quen cumpriu coa promesa de ir a Santo André.

A peregrinación a Teixido considérase[2] que se deu xa a partir da Idade do Ferro, cando a cultura castrexa. Porén, o primeiro rexistro da existencia de peregrinación dáse no ano 1391, no testamento dunha señora de Viveiro, que di[3] "mando ir por min en romaría a Santo André de Teixido, porque llo teño prometido, e que lle poñan no altar unha candea do tamaño dunha muller do meu estado"[4].

Na zona do Concello de Cotobade chámaselle Camiño de Santo André á Vía Láctea e dise que remata enriba da capela do santuario[5].

No santuario do San Andrés non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra.
Ramón Otero Pedrayo: Pelerinaxes I (1929)

O templo[editar | editar a fonte]

Historia[editar | editar a fonte]

A capela atópase situada na serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar.

O Pai Sarmiento refírese no ano 1703 a esta igrexa como pequena, vella e indigna na que, agás o retablo, non existía adorno algún.

O templo ten a súa orixe nun mosteiro do que se ten constancia da súa existencia desde o século XII, baixo a protección dos condes de Trava. En 1196 entregárono a orde de San Xoán de Xerusalén, que tiñan a súa base en Portomarín. Tempo máis tarde o templo pasou a mans dos Andrade de San Sadurniño (familia da que se conservan os seus escudos na fábrica, xunto coa cruz dos cabaleiros de Xerusalén e a lenda "D SAN IVAN").

Esta dupla dependencia do santuario configurouse como unha fonte de conflitos para o control das ganancias romeiras, como o longo litixio polos décimos entre os Andrade e o priorado de Portomarín. Contraditoriamente esta inestabilidade coincidiu cunha bonanza económica do santuario materializada na construción do retablo barroco en 1624, chegando á reedificación do presbiteiro no 1665 e a nave en 1785.

Descrición[editar | editar a fonte]

Atendendo a súa estrutura trátase dun templo gótico de tipoloxía mariñeira. O elemento que conserva máis antigo é o arco triunfal, de tipo apuntado.

As partes máis antigas corresponden á época dos Andrade: a ábsida que era inicialmente abovedada e a porta lateral composta por un arco conopial de tipo isabelino (propio do gótico tardío), e que debeu de servir de porta principal do templo desde o século XV ao XVIII.

Este deseño foi complementado coa construción da nova fachada e a torre campanario, rematada no 1781 grazas ao aumento dos beneficios produto da auxe romeira da época.

No ano 1970 descubríronse pinturas murais coa representación do martirio de Santo André.

Lendas e tradicións[editar | editar a fonte]

A alma do morto levada por familiares[editar | editar a fonte]

O que se ofreceu a Santo André e non foi de vivo, debe ir de morto, e para iso un xeito de cumprir coa romaría é coa axuda dos seus familiares vivos (normalmente dous) acompañando á alma do morto[6]. Antes de comezar a peregrinación, os parentes van o cemiterio onde se encontra a tumba do defunto, para convidar ao espírito do morto a facer a viaxe con eles.

Sanandresiños.

O pan de Santo André[editar | editar a fonte]

Co miolo do pan fanse "sanandresiños", figuras representativas da romaría. Inicialmente había 3 figuras: un home, unha muller e unha pomba. Hoxe en día son 5 as figuras representadas e son:

  • A man: protección para o amor, as boas compañías e a amizade.
  • O peixe: protección para o traballo e o sustento.
  • A barca: protección para as viaxes, a casa e os negocios.
  • O santo: protección para a saúde física e mental e a boa convivencia.
  • O pensamento: protección para os estudios, as probas e o sentidiño. Eficaz contra a envexa e o mal de ollo.

A fonte dos tres canos[editar | editar a fonte]

Á fonte dos tres canos, ou "fonte do santo", consultábanlle sobre se Santo André concedería ou non o que se lle pedía. Para iso, botábase un faragullo de pan. Se flotaba, era porque o santo atendería a súplica. Se asolagaba, non había esperanza. Segundo outra versión, se o faragullo de pan flotaba, o interesado volvería de novo a Santo André.

A herba de namorar[editar | editar a fonte]

A herba de namorar (Armeria pubigera) dáse nos arredores de Teixido, e dise boa para solventar os problemas de amores.

O ramo[editar | editar a fonte]

Unha das tradicións consiste en volver da romaría co ramo de Santo André. O ramo consiste nunha vara de abeleira, e atadas nela, varias poliñas de teixo. Ao ramo tamén se lle pón algo de "herba de namorar".

Cantigueiro ó Santo André[editar | editar a fonte]

  • A San Andrés de Teixido/ fun coa cesta na cabeza,/ fun por mar e vin por terra/ o santiño mo agradeza.
  • Fun ó santo San Andrés/ alá no cabo do mundo;/ sólo por te ver, meu santo,/ tres días hai que non durmo.
  • Fun ó santo San Andrés,/ fun alá e hei volver,/ quedoume a ñima mantilla/ no seu altar por coller.
  • Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada.
  • Indo para San Andrés/ seica me veu un agoiro,/ non puiden levar a pedra/ ó primeiro amilladoiro.
  • Meu divino San Andrés/ este ano alá non vou,/ pola falta de diñeiro/ moita xente se quedou.
  • Meu divino San Andrés,/ tellas do voso tellado,/ elas de lonxe parecen/ ouro fino amartelado.
  • Meu señor San Andresiño/ que está na alta ribeira,/ véñolle pedir, meu santo,/ a salvación verdadeira.
  • Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada.
  • O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar.
  • O San Andrés de Teixido/ está dereito na porta/ mirando para os romeiros/ como lle baixan a costa.
  • Pasei a ponte do Porco,/ paseille a man polo lombo,/ meu divino San Andrés/ o voso camiño é longo.[7]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Entrada ao santuario de Santo André de Teixido. 
Igrexa de Santo André de Teixido. 
Interior da Igrexa. 
Baixando aos cantís en Santo André
O lugar. 
Santuario. 
Cruceiro no adro. 
Detalle do cruceiro. 
Santo André de Teixido. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Antón Fraguas: Romerías e santuarios de Galicia
  2. Armada Pita, X. L.: «Cultos ancestrais e peregrinacións a Teixido», en Aulas no Camiño. Rutas Atlánticas (J. Leira ed.), Universidade da Coruña, 1997.
  3. Texto traducido a galego normativo.
  4. Véxase por exemplo a páxina web da Diocese de Mondoñedo-Ferrol.
  5. Alonso Romero, F.: Santos e barcos de pedra, Ed. Xerais, Vigo, 1991, p. 123.
  6. Filgueira Valverde, X. et al: Antropoloxía mariñeira. ISBN 84-87172-37-7.
  7. Fai referencia á Ponte do Porco, en Miño, sobre o río Lambre, que mandara construír Fernán Pérez de Andrade e no que había a figura dun xabaril.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]