Seminario de Estudos Galegos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
AQUÍ NACEU
O SEMINARIO
DE ESTUDOS GALEGOS
XII-X-MCMXXIII

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha institución creada en 1923 polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores.

Creación[editar | editar a fonte]

Anteproyeito de Estatuto da Galiza (1931), íntegro en pdf.

Antón Losada Diéguez tivo a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, unha función que a universidade galega da época, a de Santiago, non cumpría ó desenvolver programas académicos alleos á realidade, á historia e á cultura galegas. Fórmase, pois, na casa de Losada en Pontevedra a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas.

Paralelamente, como conta Lois Tobío Fernández, en 1923, Wenceslao Requejo Buet proponlle a un grupo de estudantes de primeiro de Dereito formar un grupo "cos que se interesasen por problemas de cultura, arte, literatura e historia principalmente, algo así como unha tertulia ou ateneo"[1]. Nese grupo, que primeiro collería xente como Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Manuel Magariños ou Lois Tobío Fernández, estenderíase despois a estudantes maiores (Fermín Bouza Brey, Romero Cerdeiriña...) e aos profesores, como Armando Cotarelo Valledor. De feito, foi Cotarelo quen lle deu o nome de Seminario de Estudos Galegos, que foi como pasou á historia.

Nunha xuntanza celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño (Ames), na casa onde vivira Rosalía de Castro, onde participan estes nove estudantes recollendo a tradición da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, acordan a creación do seminario. Ós poucos días, o 23 de outubro, intégranse nel boa parte da intelectualidade galeguista que se movía ó redor da revista Nós e asinan a acta fundacional no domicilio de Armando Cotarelo Valledor. Porén Lois Tobío sinala que Losada Diéguez non se sumou ao seminario nese momento inicial, senón pouco despois, canda o Grupo Nós, Castelao, Antón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, Leandro Carré Alvarellos ou Gonzalo López Abente.[1]

No escudo, deseño de Castelao, a tipografía discorre sobre dous círculos concéntricos que xiran arredor dun cáliz con cinco estrelas e unha pomba, coas lendas SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS · COMPOSTELA e DEUS · SCIENTIA · GRATRESQUE · GALLÆTIÆ.[2]

Nos anos seguintes incorporaríase a maior parte de intelectualidade galeguista, dende o arquiveiro do concello de Santiago de Compostela, Pablo Pérez Costanti, ata o arcebispo Manuel Lago González, pasando por Ramón María Aller, Federico Maciñeira ou Xesús Carro.

Consolidación[editar | editar a fonte]

En 1925 Cotarelo trasládase a Madrid e a presidencia pasa a Salvador Cabeza de León. Comezan tamén a recibir axudas económicas e en 1927 empezan a publicar os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, que editará Ánxel Casal e que recompilará as publicacións da institución. Con anterioridade os seus produtos editábanse a través da Real Academia Galega. O local do Seminario estaba situado nos baixos do Colexio Maior San Clemente[3].

Obxectivos e estrutura[editar | editar a fonte]

Alexandre Bóveda foi nomeado socio aitivo o 20 de outono do 1928, Sant-Iago, 28 de outono de 1931.

O programa do Seminario fíxase os seguintes obxectivos: "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos".

Filgueira Valverde foi nomeado socio aitivo o 3 de novembro do 1923, Sant-Iago, 28 de Outono de 1931.

O SEG estaba estruturado en doce seccións e utilizaba como método de traballo os equipos interdisciplinarios e aínda que non todos os traballos feitos estiveran en galego, é certo que foi o SEG quen por primeira vez utilizou a lingua galega de xeito significativo para facer traballo científico. As doce seccións e os presidentes das mesmas son as seguintes:

Xoaquín Lourenzo foi nomeado socio aitivo o 1º de Maio do 1926, Sant-Iago, 14 de Xaneiro de 1932.

Disolución[editar | editar a fonte]

En 1936 o SEG, tras trece anos de actividade, foi desmantelado polo novo réxime xurdido do 18 de xullo. En 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Tobío Fernández, Lois: As décadas de TL, Ediciós do Castro, 1994, pp. 123-126
  2. Díaz, Xosé: "As liñas da conciencia. Castelao ilustrador e deseñador" p. 235 en Boletín da RAG n.º 375, 2014.
  3. Tobío Fernández, Lois: As décadas de TL, Ediciós do Castro, 1994, p. 131
  4. Ayán, Xurxo: «Saudades do Seminario» 1/7/2010.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]