Os camiños da vida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os camiños da vida
Autor/aRamón Otero Pedrayo
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
ColecciónLiteraria
Xénero(s)novela histórica
EditorialEditorial Galaxia
Páxinas360 páx
ISBNISBN 978-84-7154-724-8

Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.

Trama e estrutura[editar | editar a fonte]

Aínda que por motivos editoriais saíu do prelo en tres partes independentes, non pode ser considerada unha triloxía, senón unha única novela [1] que mostra a transformación da sociedade galega no século XIX, desde unha economía natural a unha baseada no comercio.[2]

I. Os señores da terra[editar | editar a fonte]

Índice de Os camiños da vida I. Os señores da terra.

A primeira parte, titulada Os señores da terra, comeza in medias res, cunha conversa entre o fidalgo D. Caetano (carlista) e o monxe de Oseira e axiña hai unha analepse para narrar a viaxe deste desde Oseira ata o pazo. Segue coa descrición do pazo e da familia dos Doncos, así como da organización da vida na aldea, que continuará no capítulo segundo coa descrición da paisaxe outonal, da vendima e diferentes personaxes aldeáns.

O capítulo terceiro é a presentación de D. Xosé María, representante da fidalguía liberal e no seguinte nárrase unha partida carlista fracasada grazas á intervención da milicia liberal organizada por D. Xosé María. O quinto céntrase sobre todo na figura do herdeiro de D. Caetano e o seu perverso carácter. O sexto reproduce o ambiente dos faladoiros na rebotica da vila: o exclaustrado (o monxe do inicio) conta a orixe de Oseira e a actual situación de decadencia dos ocupantes do pazo da Seara. Finaliza esta parte falando de D. Xosé María, o fidalgo da Pedreira, os seus amoríos, a casa que vai a menos e as fillas, Ramona e Rosalía.

II. A maorazga[editar | editar a fonte]

A segunda parte, A maorazga, vai ter a Ramona como figura principal. Comeza coa presentación do capitán Antonio Soutelo, que casará con Rosalía, deixando a Ramona soa no pazo co pai e remata o capítulo coa nova que lle chega a esta de que vai ter un sobriño. No segundo capítulo parece revivir o pazo da Seara grazas aos ruíns negocios de Farruco, o novo herdeiro, e os seus amigos da cidade. O capítulo terceiro narra os esforzos de Ramona por manter a casa para o sobriño Paio, de seis anos, que chega -xunto coa súa nai de loito- ao pazo. Poucos días despois chega o seu tío Adrián, fuxido, que relata a morte de Antonio e o fracaso da revolución de 1846 e o seguinte a decadencia total da familia dos Doncos.

Van pasando os anos e mentres Ramona administra o pazo e Adrián centra os seus desexos en que o seu sobriño sexa o que el non puido ser, Paio vai medrando e estuda na cidade. Cando volve á aldea o tío fálalle de estudar medicina. O capítulo final volve centrarse en Farruco, a súa disipada vida en Ourense, as irmás que lle pechan a porta do pazo, onde vai buscar xoias para vender ou pedir cartos, os seus amores con Bertha, unha fermosa moza ourensá…

III. O estudante[editar | editar a fonte]

A terceira parte, O estudante, céntrase en Paio, que xa acabado o bacharelato descobre un relato de Adrián polo que coñece o seu pasado e marcha para Santiago de Compostela decidido a estudar medicina para dirixir a salvación da aldea. Alí visita a tumba do pai, recibe longas cartas de Adrián e fai vida de estudante. O capítulo terceiro mostra a Ramona gobernando o pazo e pensando no sobriño, ademais de plasmar os cambios na aldea: a chegada da estrada, do tendeiro castelán, a decadencia dos señores dos pazos… Mentres, Paio fai amigos en Santiago e traballa no hospital, onde un enfermo (o pai de Xulia) dun pazo preto de Trasouto lle aconsella que vaia para Madrid.

No capítulo quinto chega Adrián a Santiago, moi avellentado, cóntalle o final do relato do seu pasado, peregrinan polas terras da revolución de 1846 e morre Adrián. No último curso coñece a Xulia, que vive en Madrid e namórase. Por veces fraquea a súa idea de futuro, soña cunha cátedra, con Madrid... Acaba o curso e segue dubidando que facer. No capítulo sétimo el xa está de médico en Trasouto e ten moito traballo desde o primeiro día. Segue coa idea de marchar a Santiago, mais non se atreve a dicirlles palabra ás vellas.

Narración[editar | editar a fonte]

Narrador[editar | editar a fonte]

O narrador principal é intradiexético, omnisciente e utiliza a terceira persoa para narrar a acción e describir paisaxes e personaxes.[3]

A este superpónselle en ocasións un autor implícito que explica o plan da obra ou fai comentarios sobre accións: Pola influencia que tivo na Galiza e na familia dos Soutelo, ten que figurar nesta novela, p. 205.

En determinados momentos da obra o narrador principal cédelle a palabra a algún personaxe, que se converte así en narrador secundario:[4]

  • O exclaustrado de Oseira, personaxe secundario, convértese en narrador omnisciente en terceira persoa ao relatar as orixes míticas de Oseira no capítulo sexto da primeira parte.[5]
  • Adrián Soutelo é outro personaxe que adoptará a condición de narrador testemuña que se limita a contar o que viu e oíu, recoñecendo o descoñecemento dalgúns feitos cando relata no pazo a revolución de 1846.[5] E en varias ocasións convértese en narrador protagonista para contar fragmentos do seu pasado.[6] No capítulo primeiro da terceira parte, O Coto de Ushna, Otero utiliza o recurso do manuscrito achado para que este mesmo narrador protagonista plasme parte das súas vivencias.[7]

Tempo[editar | editar a fonte]

O tempo da historia comeza coa noticia da desamortización de Mendizábal, en 1835-1837, traída ao pazo polo abade don Xacobe ao final do primeiro capítulo: Pois o tal decreto (…) pon en venda tódolos bens dos conventos e suprime tódalas congregacións de regulares, (p. 92-3) e remata coas noticias da Revolución de 1868: A república, fermosa, ideal (…) xurdía na escuridade do camiño (…). Os compañeiros, nas vilas, preparaban a revolución. (p. 352)

O tempo do discurso segue o esquema de novela realista lineal, o tempo pasa co decorrer das estacións e o traballo no pazo aínda que aparecen abundantes analepses, con frecuencia para coñecer o pasado dalgún personaxe:[8]

  • No capítulo terceiro da primeira parte retrocede á Baiona do século XVIII para narrar a infancia e mocidade de don Xosé María, e describe o esplendor da época grazas ao ouro que viña de América, as invasións na costa galega en 1772, a francesada en 1808…
  • No capítulo primeiro da segunda parte unha nova analepse serve para coñecer as causas do desterro de don Antonio Soutelo.[9] No terceiro outra para narrar a súa morte, etc.

E hai tamén unha prolepse no capítulo segundo desta segunda parte: ¿O remate do conto? Contábase inda baixiño no casino polo tempo da República e dos primeiros ministerios da Restauración (p. 200)

O relato das orixes de Oseira, en boca do exclaustrado, (cap. VI) “sitúanos plenamente nun plano mítico e nebuloso, completamente fóra do plano histórico en que se move toda a acción de Os camiños da vida”[10]

Todas estas rupturas da linearidade, xunto coa abundancia de descricións danlle á obra un ritmo marcadamente lento.

Espazo[editar | editar a fonte]

Casa museo de Otero Pedrayo en Trasalba.

Di Carballo Calero que "Os camiños da vida habería de ser un vasto mural que nos presentara a sociedade galega en trance de transformación”,[2] “a súa ambición é bosquexar a vida de Galicia desde a desamortización ás vísperas setembrinas, concedendo a atención debida ás ideas que movían os ánimos”.[11] Por iso o espazo privilexiado é o rural. Trasouto (trasunto de Trasalba), os pazos, os lugares dos arredores ou a paisaxe descrita de forma pormenorizada son o centro da narración, sobre todo ao principio da obra, como foron o eixo da Galiza campesiña sometida a grandes cambios nese momento, que aparecen simbolizados na apertura da estrada (capítulo III da terceira parte).

Os demais espazos aparecen moito máis desdebuxados: Ourense móstrase como un espazo insolidario e conflitivo, unha vila aínda dependente da aldea pero que mudará coa chegada dun novo sistema económico baseado no traballo asalariado e onde xorde a burguesía. Santiago de Compostela é o espazo cultural e supón o período de formación do Paio, visita a tumba do pai, coñece o amor, faise maduro para poder saír á terra cumprir a súa misión. Baiona é unha vila de beiramar antítese de Ourense, floreceu co esplendor da fidalguía, que se trasladaba voluntariamente a ela desde a aldea para protexerse dos ataques. É un mundo pasado no que pervivía a harmonía da aldea. París representa a cidade cosmopolita europea na que triunfaba a cultura, e Irlanda o nacionalismo identificado con Galiza.[12]

Personaxes[editar | editar a fonte]

Otero Pedrayo presenta unha sociedade estamental harmónica propia do antigo réxime formada polo clero, a fidalguía e as clases populares que se irá esfarelando coa mudanza a unha economía de mercado e a aparición da burguesía.[13] As personaxes son bastante planas, apenas algúns dos fidalgos están trazados cunha certa profundidade e para a súa caracterización Otero utiliza unha técnica de contraste[14] que facilita o recoñecemento dos trazos máis caracterizadores de cada un.[15]

Os dous vellos fidalgos, D. Caetano e D. Xosé María, representan a decadencia desta clase social, incapaces de conservar e gobernar o seu patrimonio, que contrastan por carácter (o medo é o que máis se destaca do primeiro, fronte á alegría e ganas de vivir do segundo) e ideoloxía (carlista / liberal).

Polo que respecta á xeración seguinte, os fillos de D. Caetano encarnan a decadencia definitiva da fidalguía, a súa desaparición; mentres que Ramoniña, Adrián Soutelo e Paio Soutelo representan “a fidalguía ideal”, protonacionalistas destinados a redimir Galiza,[16] aínda que nesta obra Paio desfaise en dúbidas e finaliza sen que quede claro cal vai ser a súa decisión. O clero aparece representado na súa vertente secular (don Xacobe, máis inculto, carlista) e regular (o exclaustrado de Oseira, máis culto, gañará a vida impartindo clases).

As clases populares, o campesiñado, apenas están individualizados, son como unha especie de coro popular que asiste ao paso da historia. A burguesía, clase emerxente, tampouco aparece individualizada, estes introducen o espírito mercantilista e monetarista que se opón á economía rural dos foros e rendas. Son vistos como xente de fóra, que nunca se integran e falan castelán (pp- 302-304).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Romero 1992, p. 37
  2. 2,0 2,1 Carballo 1975, p. 664
  3. Mariño 1990, p. 29
  4. González Fernández 1992, p. 30
  5. 5,0 5,1 Mariño 1990, p. 32
  6. Mariño 1990, p. 33
  7. Romero 1992, p. 43
  8. González Fernández 1992, p. 27
  9. Romero 1992, p. 53
  10. Mariño 1992, p. 39
  11. Carballo 1975, p. 665
  12. Romero 1992, p. 81-95
  13. Romero 1992, p. 60
  14. Mariño 1992, p. 44
  15. Mariño 1992, p. 46
  16. Quintana 1988, p. 72

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]