Sebastián González García-Paz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sebastián González García-Paz
Nacemento26 de maio de 1908
 Pontevedra
Falecemento5 de agosto de 1967
 Pontevedra
SoterradoCemiterio de Santo Amaro de Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónarqueólogo e historiador
PaiBernardino González Paz
IrmánsDaría González García
OrganizaciónSecretario Xeral do Seminario de Estudos Galegos
Na rede
Galiciana: 261053 Dialnet: 2118309
editar datos en Wikidata ]

Sebastián González García-Paz, nado en Pontevedra o 26 de maio de 1908[1] e finado na mesma cidade o 5 de agosto de 1967, foi un historiador e arqueólogo galego, secretario do Seminario de Estudos Galegos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador, Gonzalo López Abente, Pura González Varela (muller de Lugrís), Celia Brañas Fernández, Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugía. Sentados Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra.[2]

Fillo de Bernardino González Paz e de Ceferina García, foi irmán de Enrique e Daría González. Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Fixo o doutoramento en Filosofía e Letras en Madrid (1930), coa tese El colegio de San Clemente de Pasantes de Compostela. Regresou a Compostela e obtivo a praza de auxiliar da Sección de Arte e tivo ao seu cargo as cátedras de Arqueoloxía e Historia da Arte. En 1931 conseguiu unha bolsa para ampliar os estudos de prehistoria e estivo en Francia e Alemaña. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos, do que foi membro do Consello Director e para o que logrou uns locais no edificio de Fonseca, onde se instalaron a biblioteca e o museo de etnografía. Participou xunto a Florentino López Cuevillas no proxecto de catalogación dos castros galegos e escavou, entre outros, os castros de Montealegre (Domaio), Santa Trega, Taboexa e San Cibrao de Las. Formou parte das Irmandades da Fala e asistiu á asemblea que se organizou na Coruña; máis tarde ingresou no Partido Galeguista. Foi membro correspondente da Real Academia Galega.[3]

Trala guerra civil española, e como consecuencia da súa pertenza ás Irmandades da Fala e ao Partido Galeguista, exiliouse en Porto Rico, onde foi decano da Universidade de Porto Rico, posto desde o que fomentou a fundación do Coro Universitario, do Museo da Universidade, do Seminario de Estudos de Porto Rico e dun centro de Escavacións Arqueolóxicas. Polo seu traballo, o claustro nomeouno decano de estudos, reitor interino e senador vitalicio.

Xulgado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas, foi condenado en 1940 a inhabilitación absoluta, seis anos de desterro a máis de douscentos quilómetros de Santiago de Compostela e o pago de cinco mil pesetas.[4]

Obras[editar | editar a fonte]

  • La Universidad de Santiago: el pasado y el presente, 1934 (en colaboración con Ciriaco Pérez Bustamante).
  • Sobre Domingo de Andrade, 1935.
  • Sobre plateros pontevedreses, 1965.
  • Pontevedra a fines del siglo XVI: tres dibujos desconocidos, 1965.

Artigos[editar | editar a fonte]

  • "La población de Nueva España en el siglo XVI", (1928), en Boletín de la Biblioteca Menéndez Pelayo, con Ciriaco Pérez Bustamante e Pura Lorenzana.
  • "O tesouro de Foxados", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, volume VI, ano 1933-1934, con Xesús Carro.
  • "Noticias de las exploraciones arqueológicas en los castros de Borneiro y Baroña", en Boletín da Universidade de Santiago de Compostela (1933).[5]
  • "La juventud del padre Rufo", en Extramuros (1963), da Universidade de Porto Rico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fraguas Fraguas, Antonio (1968). "Sebastián González García-Paz. Notas da súa vida e do seu tempo". Grial (Galaxia) (21): 334–357. 
  2. Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
  3. "Membros correspondentes da Academia". Real Academia Galega. 
  4. BOE, 2-3-1940, p. 1111.
  5. El patrimonio histórico de la Universidad de Santiago de Compostela

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]