Xubilación

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Traballadores manifestándose en Francia por varias reivindicacións, entre elas, por un sistema de xubilacións e pensións máis solidario.

A xubilación é o acto administrativo polo que un traballador en activo, xa sexa por conta propia ou allea, pasa a unha situación pasiva ou de inactividade laboral, en particular ao chegar a unha idade establecida,[1] ou por enfermidade crónica grave ou incapacidade.

Obtén entón unha prestación monetaria para o resto da súa vida, a xubilación ou pensión.[1]

A lexislación laboral de cada país estipula condicións distintas ao respecto.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo deriva do latín iubilatio, "xúbilo".

Contexto[editar | editar a fonte]

Para compensar a perda de ingresos que se deriva do cesamento laboral, ao beneficiario da xubilación recoñéceselle unha prestación económica que adoita consistir nunha renda mensual. A prestación é vitalicia e só se extingue coa morte do interesado. A cantidade da prestación pode basearse en diferentes criterios: por exemplo, en relación á cantidade das cotizacións realizadas, e normalmente establécese a partir dunha determinada porcentaxe dos ingresos durante a vida laboral.

Nos sistemas públicos de xubilación, para acceder a unha xubilación é necesario cumprir requisitos de idade (xeralmente en torno aos 60-65 anos) ou acceder a unha xubilación anticipada por razóns de invalidez, ou por determinadas políticas económicas. Por outro lado, en caso de tratarse dun sistema contributivo (ver máis abaixo), o acceso adoita depender de ter cumprido cun mínimo de anos cotizados á seguridade social.

Pensións contributivas e non contributivas[editar | editar a fonte]

Cómpre distinguir dúas modalidades de pensión de xubilación: contributiva e non contributiva.

  • Pensión contributiva é a que se financia polas achegas efectuadas ao sistema polos propios traballadores a través das súas cotizacións, e as dos seus empregadores (achegas patronais).
  • Pensión non contributiva, é a destinada a aquelas persoas que non cotizaron o mínimo suficiente para beneficiarse e xerar dereitos na outra modalidade.

Futuro das pensións[editar | editar a fonte]

O envellecemento da poboación en moitos países debido ao incremento da expectativa de vida e a caída da taxa de fecundidade, xera tensións no financiamento dos sistemas de pensións contributivos na medida que se altera a proporción entre contribuíntes e beneficiarios. Neste marco, o envellecemento é en moitos casos parte dos fundamentos sobre a presunta necesidade de privatizar os sistemas de xubilación,[2] así como de reformalos nun sentido restritivo (comunmente mediante o incremento da idade de xubilación).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 xubilación no Dicionario da RAG.
  2. Banco Mundial. "Envejecimiento sin crisis: informe de banco mundial sobre investigaciones relativas a políticas de desarrollo". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2014. Consultado o 21 de decembro de 2020. 
  3. Torres Minoldo y Peláez. "EL ENVEJECIMIENTO DEMOGRÁFICO, ¿FINAL DE LA SEGURIDAD SOCIAL? ANÁLISIS EN ARGENTINA Y LATINOAMÉRICA" (PDF). Consultado o 21 de decembro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]