Irmandades da Fala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carné das Irmandades da Fala de 1917, asinado por Vilar Ponte.

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüísmo en galego.

Orixe[editar | editar a fonte]

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?”

Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), por Antón Vilar Ponte[1].

Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. O 5 de xaneiro de 1916 Antón Vilar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.

A proposta foi ben acollida por diferentes sectores ideolóxicos, aínda que serían dúas as tendencias principais, a de orixe tradicionalista de Antón Losada Diéguez e a liberal demócrata.

Historia[editar | editar a fonte]

O 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Vilar Ponte como Primeiro Conselleiro.

A Nosa Terra foi voceiro das Irmandades entre 1916-1932

De seguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela, o 28 de maio dese mesmo ano de 1916, presidida por Luís Porteiro Garea[2], e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba. En 1917 nacen as irmandades en Ferrol, Melide, Vigo, Mondoñedo e Baralla, e en 1918 as da Estrada, Vilagarcía, Betanzos, Ortigueira, Muxía e Lugo[3]. Nos seguintes anos seguen creándose outras até un total de 28; e a maioría delas elaboraban Boletíns[4]. Nestas agrupacións locais foron integrándose persoeiros como Aurelio Ribalta, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas ou Xoán Vicente Viqueira. Na agrupación de Ourense integráronse ao pouco persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Co tempo, tamén se fundaron agrupacións na emigración, entre elas en Madrid, na Habana e en Bos Aires.

O 26 de abril de 1916 celebrou o primeiro acto público, en conmemoración dos fusilamentos de Carral. As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da cultura e da lingua galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais, xogos florais, exposicións, etc., pero pronto comezaron a manifestarse tamén iniciativas de carácter máis político, como amosa o feito de presentaren en 1918 dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados námobolos dous casos[5]. Manuel Lugrís Freire redactou o que foi himno orixinario das Irmandades:

Na fala gallega vive

a ialma da nosa terra;
a redención de Galicia
nos seus acentos latexa.

Pobo que o seu verbo esquece
é traidor á natureza;
como irmáns todos falemos

a nobre fala gallega.
Manuel Lugrís Freire[6]
Antón Vilar Ponte foi un intelectual sobranceiro na historia contemporánea galega.

O 14 de novembro nace o órgano oficial das Irmandades, A Nosa Terra, dirixida por Vilar Ponte e escrita integramente en galego, que naceu xa con 2.000 subscritores. En febreiro de 1917, Lois Porteiro Garea deu un mitin no Casino Republicano da Coruña, que supuxo o paso á actividade política do movemento, salto que tería fulminantes consecuencias, como o abandono dos elementos que só estaban interesados nun rexionalismo cultural e a perda de apoio da prensa da Restauración. A Nosa Terra deixouse de imprimir no obradoiro de La Voz de Galicia e este xornal converteríase no seu principal adversario. En novembro de 1917, unha delegación galeguista, encabezada por Porteiro, Ribalta e Peña Novo foi convidada a Barcelona para a Semana Galeguista que organizaba a Lliga Regionalista de Cambó. En setembro de 1917 colaborou coa Lliga para concorrer ás eleccións parlamentarias de febreiro de 1918, presentando candidaturas na Coruña (Antón Valcárcel) e en Celanova (Luís Porteiro), aínda que non foron elixidos.

No ano 1918, o xornal madrileño El Debate organizou na Coruña unha Semana Rexionalista, na que participaron as Irmandades e na que quedaron patentes as súas diferenzas respecto doutros movementos rexionalistas galegos, ao declararse nacionalistas, federalistas e progresistas.

A I Asemblea Nazonalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 e contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por unhas 60 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Desta Asemblea saíu o "Manifesto Nazonalista que supuxo a superación definitiva do rexionalismo e que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a Guerra Civil. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.
Manifesto da I Asemblea Nazonalista.

Nas eleccións a Cortes celebradas en 1919 non presentaron candidaturas e mesmo recomendaban a abstención, aínda que a agrupación da Coruña defendeu logo a tese de participar nas municipais de setembro dese mesmo ano. Ante esta discrepancia, convocouse a II Asemblea Nacionalista en Santiago de Compostela (novembro de 1919), asemblea na que se definiron as dúas opcións políticas cada vez máis diverxentes, representadas polas Irmandades da Coruña, por unha banda, dirixidas por Peña Novo, e polos nacionalistas como Risco, Vilar Ponte, Castelao e outros.

Nesta II asemblea decidiuse conmemorar o Día de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.

En 1920 Vicente Risco publicou o ensaio Teoría do nacionalismo galego, verdadeiro ideario das Irmandades. Nesta obra postúlanse os trazos diferenciais históricos, xeográficos e culturais que lle dan a Galicia o status de nación[7].

A III Asemblea realizouse en Vigo no mes de abril de 1921.

Na IV Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte en febreiro de 1922, as Irmandades esgazaron: a Irmandade da Coruña e algunhas pequenas da comarca mantiveron as formulacións orixinais, mentres que o resto das agrupacións constituíronse na Irmandade Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco e que propugnaba a creación dun partido de corte nacionalista desde o que participar nun estado federalista e conseguir a autonomía pero mantendo o abstencionismo electoral limitándose á propaganda e organización ata que se consolidase, por situarse fóra do sistema os seus detractores acusárono de culturalista e apoliticista [8].

Vicente Risco foi un activo membro das Irmandades.

Pola súa banda, a Irmandade da Coruña, dirixida por Alfredo Somoza e Ánxel Casal, seguiu a editar A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. En 1923 convocaron a V Asemblea Nacionalista, que mantén a liña promulgada en 1918 e elixe a Peña Novo como primeiro Conselleiro.

A fracción representada por Risco participou nas eleccións municipais convocadas por Primo de Rivera en 1924, conseguindo o nomeamento de Vilar Ponte, Losada Diéguez e o propio Risco.

Coa fundación do Partido Galeguista, disólvense as Irmandades da Fala

Entre 1929 e 1930 produciuse a reorganización das Irmandades. Vilar Ponte abandona as posicións de Risco e reintégrase na Irmandade coruñesa e, xunto a Casares Quiroga, constitúe a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), desde a que asistirá á proclamación da II República e ás eleccións das Cortes Constituíntes (xuño de 1931); simultaneamente, outra agrupacións locais adoptan diferentes nomes. O 27 de abril de 1930, o grupo ourensán de Risco celebra a VI Asemblea Nacionalista, na Coruña, coa presenza das distintas tendencias das Irmandades, e acordan crear un Partido Autonomista Republicano Agrario, que nin sequera chegou a nacer.

Por fin, resurxen algunhas agrupacións locais (entre elas a de Pontevedra, dirixida por Castelao), e convócase a VII Asemblea Nacionalista, celebrada en Pontevedra en decembro de 1931. Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo, constituíndose deste xeito o Partido Galeguista e a disolución das Irmandades.

A Irmandade da Coruña non se disolveu como tal, senón que modificou o seu estatuto para constituírse en Delegación do PG e mantivo a súa vida até 1936, aínda que moitos dos seus membros fundadores (Alfredo Somoza, Federico Zamora ou Arturo Taracido) non militaron xa nela senón que seguiron na ORGA-FRG. Victor Casas deixou a ORGA en novembro de 1931, Suárez Picallo non entrou no PG até 1933 e Antón Vilar Ponte até marzo de 1934.

Afiliación[editar | editar a fonte]

A fins de 1916 as 6 irmandades locais contaban con 200 afiliados, pero en novembro de 1918 xa eran 13 irmandades e 700 afiliados, a máis importante a da Coruña con arredor de 350 afiliados. En 1919 permanecían 500 afiliados e en 1924 só quedaban 200. Despois da ditadura de Primo de Rivera produciuse o renacer das Irmandades, que chegaron a 16 agrupacións e 700 afiliados en 1929, sendo xa 46 en 1931.

A maior parte dos membros das irmandades estaba constituída por intelectuais e profesionais liberais.

Ideoloxía e programa político e económico[editar | editar a fonte]

Dicionario bilingüe das Irmandades da Fala

A composición ideolóxica dos homes que compuxeron nun principio as IF era ben variada, nela cabían desde republicanos como Antón Vilar Ponte e demócratas radicais como Lois Porteiro, e o primeiro Xaime Quintanilla, rexionalistas liberais como Uxío Carré Aldao, rexionalistas tradicionalistas como Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero, Felipe Gil Casares, xaimistas como Antonio Valcárcel e social-católicos como Luís Peña Novo. Van ser os sectores máis liberais e progresistas os que doten ás IF dun claro contido nacionalista fronte ó rexionalismo dos sectores máis conservadores que acabarán marchando ou sen alcanzar relevancia dentro das Irmandades, coa excepción de Antón Losada Diéguez.

No congreso celebrado en novembro de 1918 na cidade de Lugo, as Irmandades marcaron o seu programa político:

  1. Obxectivos prioritarios:
    1. Autonomía integral para Galicia.
    2. Autonomía municipal.
    3. Ingreso de Galicia na Liga das Nacións.
    4. Busca dunhas bases para facer posible un federalismo con Portugal.
  2. Obxectivos para Galicia:
    1. O poder lexislativo encomendábase a un Parlamento galego, elixido directamente polo pobo.
    2. O poder xudicial estaría sempre desenvolvido por cidadáns galegos.
    3. Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
    4. Cooficialidade do castelán e do galego.
    5. Igualdade de dereitos da muller.
    6. Supresión das Deputacións Provinciais.
    7. Lexislación social nas competencias que se estimasen non exclusivas do Estado.
    8. Toda a potestade docente.
    9. Administración (non construción) dos ferrocarrís.
    10. Fixación da cota de forzas que se estimasen precisas para manter a orde no país.
    11. Control da política económica, non excluídos os bancos.
    12. Substantividade do dereito foral galego.
    13. Recuperación por parte dos pobos dos montes comunais.
    14. Soberanía estética de Galicia, que conservase nas construcións o estilo digno e propio de cada marco xeográfico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Vilar Ponte, Antón, Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional, A Coruña, Voz de Galicia, 1916; o texto tirouse de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 142
  2. Fernández del Riego, F.: Historia da literatura. Editorial Galaxia, 1984, px. 123. ISBN 8471544628.
  3. LÓPEZ BERNÁRDEZ, Carlos, As Irmandades da Fala, o soño dun teatro galego en Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa; tirado de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 133
  4. http://www.ull.es/publicaciones/latina/a/16rosa.htm A prensa nacionalista galega, Dra. Rosa Cal
  5. Piñeiro, R.: "Importancia decisiva da Xeración Nós", en Grial nº 59 (xaneiro, febreiro, marzo de 1978), p. 11.
  6. Campos Villar, X.: "A evolución ideolóxica de Manuel Lugrís Freire", en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 2007. p. 45-53.
  7. VV.AA., Lingua e literatura II bacharelato, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 154,
  8. Justo G. Beramendi e Xosé Manuel Seixas (1996) O nacionalismo galego, Vigo:A Nosa Terra, páx. 132-133

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Irmandades da Fala

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo 1999.
  • RISCO, Vicente, Teoría do nacionalismo galego, ed. crítica de J. Beramendi, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2000.
  • VV.AA., Prosa política no tempo das Irmandades da Fala, Vigo, Asociación Socio Pedagóxica Galega, 1996
  • VILAR PONTE, Antón, Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional, A Coruña, La Voz de Galicia, 1916.
  • VILAR PONTE, Antón, Pensamento e sementeira (escolma de artigos), Buenos Aires, Ediciones de Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires, 1971.
  • Beramendi, Justo (1991). A vida e a obra de Ramón Villar Ponte. ISBN 978-84-7492-508-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]