Camino de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Camino de Santiago
Título orixinalCamino de Santiago. Guión para una película
Autor/aRamón Otero Pedrayo
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Guión para filme
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.2018
Páxinas144
ISBN9788491511755
editar datos en Wikidata ]

Camino de Santiago. Guión para una película é un texto literario en lingua castelá escrito por Ramón Otero Pedrayo. Foi publicado por Editorial Galaxia en 2018, en edición de Laura Tato Fontaíña.

Estrutura[editar | editar a fonte]

O guión comeza cun Preliminar no que fala da constitución do camiño de Santiago e a chegada a Galicia de peregrinos de toda Europa e de toda condición social, incluíndo personalidades como Carlomagno, Isabel de Portugal ou Francisco de Asís. Neste preliminar fala tamén da proliferación da arquitectura románica en Galicia.

A trama central consiste na pelerinaxe de Helena de Rethel e Daniel. Helena é unha moza da Lorena que estuda na Sorbona en París e vai a Compostela por dous motivos: porque o seu namorado morreu sen poder facer o camiño, e porque unha familiar súa fora a fundadora do mosteiro de Conxo. Daniel é un fidalgo sen recursos que estuda tamén na Sorbona. Ao chegaren a Compostela percorren a vila, e teñen ocasión de ver no pazo de Xelmírez a coroación do rei Afonso Reimóndez. Daniel fica en Compostela, e Helena regresa a París, mais volve a Compostela logo do paso de Almanzor e a destrución do sepulcro.

No remate conflúen peregrinos chegados de diferentes lugares, como Amadís de Gaula, Merlín, Guillerme X de Aquitania (que deu pé ao Romance de don Gaiferos) ou Guido de Borgoña.

No filme aparecen elementos da mitoloxía galega como a Santa Compaña ou a Raíña Lupa.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O guión foi un encargo de José Rodríguez de Vicente para a produtora Suevia Films, de Cesáreo González. O autor traballou no guión no outono de 1952, e estaba previsto iniciar a rodaxe en abril de 1953 baixo a revisión de Juan de Orduña, co obxecto de ter listo o filme para o Ano Santo de 1954.

O texto non foi aprobado por Javier María Echenique, Secretario Nacional da Propagación da Fe, xa que non servía como propaganda para o "ideal universalista" do réxime franquista.

O filme non chegou a rodarse, posiblemente polas dificultades técnicas para levalo a cabo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Tato Fontaíña, L. (2018): "Introdución". En Ramón Otero Pedrayo, Camino de Santiago. Vigo: Galaxia, 9-51.