Marcel Proust

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Marcel Proust
Marcel Proust 1900.jpg
Marcel Proust no ano 1900.
Datos persoais
Nacemento 10 de xullo de 1871
Lugar París, Flag of France.svg Francia
Falecemento 18 de novembro de 1922
(51 anos)
Lugar París, Flag of France.svg Francia
Actividade
Lingua Francés
Xéneros Novela, ensaio, crítica.
Marcel Proust signature.svg

Valentin-Louis-Georges-Eugène-Marcel Proust, nado en París o 10 de xullo de 1871 e finado na mesma cidade o 18 de novembro de 1922, foi un escritor francés que cultivou tanto a novela coma o ensaio. A súa obra máis coñecida e Á busca do tempo perdido[1] (en francés À la recherche du temps perdu), unha colección de sete novelas escritas entre 1908 e 1922 e publicadas entre 1913 e 1927; das sete, as tres últimas son póstumas. Traballou na obra ata a extenuación e morreu de esgotamento por mor dunha bronquite mal curada.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Marcel Proust naceu en París, no barrio de Auteil (o actual distrito 16.to)). Foi o fillo maior dun prestixioso médico, Adrien Proust, famoso epidemiólogo francés, profesor na Facultade de Medicina de París e conselleiro do goberno en materia de sanidade, e de Jeanne Clemence Weil, xudía alsaciana neta dun antigo ministro de xustiza, quen, posuidora dunha vasta cultura, foi determinante en canto á vocación literaria de Proust; a ela dedicou este o seu máis intenso afecto durante toda a súa vida.

A característica fraxilidade e hipersensibilidade de Proust provén desde o mesmo nacemento e primeiros anos, polo que medrou entre continuas atencións da súa nai:

O neno (...) naceu tan débil que o pai temeu que non sobrevivise. Aplicáronselle toda clase de remedios. Tiña os signos dunha intelixencia e unha sensibilidade precoces, pero a súa saúde permanecería delicada.[2]

Por outra banda, Adrien e Jeanne tiveron un segundo fillo, Robert, nacido en 1873, que, a diferenza de Marcel, satisfixo os propósitos do seu pai respecto do futuro profesional da súa prole, pois foi un ciruxano exitoso, polo que Proust puido esquivar ben pronto a presión familiar e converterse desde ben pronto nun home de letras.

A familia de Proust acostumaba viaxar desde Auteil ata a casa dos seus tíos Amiot e Elisabeth Proust, irmá de Adrien, na tempada de Pascua. A casa atopábase en Illiers, o pobo do pai, a uns 25 quilómetros de Chartres. Mentres que en Auteuil, cerca do Bois de Boulogne, ademais de en Cabourg e en Trouville inspiraríase Proust para crear o Balbec da À la recherche..., Illiers foi o modelo para o imaxinario Combray. Tanto é así que, en 1971, Illiers foi rebautizada Illiers-Combray en honor de Proust, e alí acoden, case en procesión relixiosa, os fieis proustianos a tomar unha cunca de con madalenas para recordar a famosa pasaxe de Pola banda de Swann.[1]

Marcel, neno débil, sufría especialmente durante a primavera, pois o polen liberado polas flores nos primeiros días da estación provocáballe crise de asma. Cara a 1880, cando contaba só nove anos, Proust sofre a súa primeira crise de gravidade ao volver dun paseo polo Bois de Boulogne xunto aos seus pais: afógase e a respiración non lle volve, o seu pai creo morto e só in extremis logra salvarse. Como consecuencia, as visitas a Illiers redúcense ata o punto de suspenderse, o que fixo a Proust ver a Illiers sempre como un paraíso perdido. A súa asistencia ao colexio resultou irregular; nin alí nin logo no liceo Condorcet sería considerado un estudante de demasiado proveito.

Adolescencia e xuventude[editar | editar a fonte]

Marcel Proust fotografado en 1887, á idade de 15 anos.

Cursou a ensinanza secundaria no Liceo Condorcet, obtendo escelentes cualificacións e desenvolvendo a súa vocación polas letras. No ano 1889, tras cumprir o Servizo Militar en Orléans, comezou a asistir a clases na Universidade da Sorbona e na École Livre de Sciences Politiques. Nestes anos descartara a opción da carreira diplomática decantándose finalmente pola literatura, e entrando a traballar durante un tempo na Biblioteca Mazarino de París. Frecuentou os salóns literarios da princesa Mathilde, Madame Strauss ou Madame de Caillavet, onde coñeceu a Charles Maurras, Anatole France ou León Daudet entre outros.

En 1894, publicou Les plaisirs et les jours, unha recompilación de poemas en prosa que prologou Anatole France, retratos e narracións nun estilo decadentista; o libro pasou case desapercibido e aportou a Proust unha reputación de mundano e diletante que non se desvaneceu ata a publicación dos primeiros volumes da obra À la recherche du temps perdu. Fixo amizade con Robert de Montesquiou, e grazas a el introdúcese entre 1894 e 1900 nos círculos dos salóns máis aristocráticos. A partir do verán de 1895, emprendeu a redacción dunha novela co título póstumo Jean Santeuil, o nome do protagonista, unha colección de fragmentos pero non unha obra terminada, na que evocou todo o caso Dreyfus, no que tomou parte activa. Estudou o esteta inglés John Ruskin, intelectual que prohibira que se traducisen os seus libros en vida; ao morrer Ruskin en 1900, Proust púxose a traducir ao francés La Bible d'Amiens e Sésame et les lys . Con esta intención, emprendeu varios "peregrinacións ruskinianas" no norte de Francia, en Amiens e sobre todo a Venecia. Máis adiante, distanciaríase del afirmando que apreciar unha obra porque un determinado escritor fala dela é pervertir a arte: hai que estimar a obra en si mesma.

Trala morte da súa nai en 1905 agraváronse os problemas de asma, caendo tamén nunha profunda depresión, foi esta a época na que decidiu escribir unha das súas obras capitais, À la recherche du temps perdu, un ciclo novelesco que concibiu como a historia da súa vocación, tanto tempo postergada. Anteriormente escribira para Le Figaro diversas parodias de escritores famosos (Balzac, Flaubert...) e comezara Contre Sainte-Beuve, a cabalo entre a novela e o ensaio e con pasaxes que despois pasarían a À la recherche du temps perdu.

A primeira obra da serie, Du côté de chez Swann, foi publicada en 1913 e costeada por el mesmo ante o desinterese dos editores. O segunda entrega, À l'ombre des jeunes filles en fleur, foi editada en 1918 e tivo unha gran acollida, gañando o Premio Goncourt. O resto de volumes da serie foron publicaos de maneira póstuma entre 1922 e 1927 polo seu irmán, Robert.

O recoñecemento da crítica non foi inmediato, xa que o primeiro tomo foi rexeitado por varias editoriais, entre elas Nouvelle Revue française (NRF), pois ollando o manuscrito, o escritor André Gide, só atopou historias de salón recompiladas por un snob.[Cómpre referencia] André Gide lamentaríase sempre do seu erro. En xaneiro de 1914, André Gide escribiu unha soada carta dirixida a Marcel Proust:

"Dende hai varios días non abandono o seu libro; énchome nel con deleite, mergúllome nas súas páxinas. Triste de min! Por que me resulta tan doloroso amalo tanto?... Rexeitar este libro quedará para sempre como o máis grave erro da NFR, e (como teño a vergoña de ser en gran parte o responsábel disto) unha das tristezas, dos remorsos máis dolorosos da miña vida..."

Á busca do tempo perdido[editar | editar a fonte]

Principais personaxes de Á busca do tempo perdido.

Comezada en 1909, Á busca do tempo perdido, consiste en 7 volumes que suman máis de 3.000 páxinas e 2.000 personaxes. Graham Greene cualificou a Proust de o máis grande novelista do século XX, e W. Somerset Maugham referiuse á súa novela como a mellor obra de ficción ata a data. Pola súa banda, Virginia Woolf afirmou: Se eu puidese escribir así!. En España, Azorín foi grande admirador de Marcel Proust.

A novela, que Proust, comparou coa estrutura dunha catedral gótica, é unha reconstrución dunha vida a través dunha memoria involuntaria. O tempo ao que se refire Proust é o tempo vivido, pero non lineal senón a través do recordo coas súas digresións, saltos e lagoas, polo que a novela adquire unha estrutura labiríntica. O estilo xeral da novela de Proust é unha sintaxe bastante complexa, un léxico amplo, unhas frases longas e coa oralidade sometida ao estilo literario.

Quizais a maior dificultade que atopa o lector desta obra sexa a extensión de moitas das súas frases, cheas de múltiples incisos e sen apenas algunha pausa na que o lector poida recuperar o bafo. A máis longa de todas elas ten unha lonxitude de varios metros.

Obras[editar | editar a fonte]

Tomo VI (La prisonière) de Á busca do tempo perdido (1923).
  • Les plaisirs et les jours (1896)
  • La mort des cathédrales (A morte das catedrais, 1904)
  • À la recherche du temps perdu (Á busca do tempo perdido[3], 1913-1927)
    • Du côté de chez Swann (Polo camiño de Swann, 1913)
    • À l'ombre des jeunes filles en fleur (Á sombra das rapazas en flor, 1919)
    • Le côté de Guermantes (O mundo de Guermantes1921-1922)
    • Sodome et Gomorrhe (Sodoma e Gomorra1922-1923)
    • La prisonière (A prisioneira, 1923)
    • Albertine disparue (A fuxitiva, 1927)
    • Le temps retrouvé (O tempo recuperado, 1927)
  • Pastiches et mélanges (1919)
  • Chroniques (1927)
  • Jean Santeuil (1952)
  • Contre Saint-Beuve (1954)
  • Correspondencia, recompilación en vinte e un tomos por Philip Kolb (1971-1993)
  • Chardin et Rembrandt (2009)
  • Le Mensuel retrouvé (2012)

Traducións[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "La Voz ofrece mañá «Pola banda de Swann», de Marcel Proust" (en español). 2 de outubro do 2005. Consultado o 4 de xaneiro do 2016. 
  2. Georges Cattaui, « Proust », Dictionnaire des auteurs Laffont-Bompiani, t. III, 1990, p. 793 (ISBN 2221501748).
  3. Nome empregado na tradución a galego da obra

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marcel Proust
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Marcel Proust

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]