Antón Alonso Ríos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antón Alonso Ríos
Placa de Antón Alonso Ríos en Camporrapado, Cortegada, Silleda..JPG
Placa na casa natal de Antón Alonso Ríos en Camporrapado.
Datos persoais
Nacemento 15 de agosto de 1887
Lugar Silleda
Falecemento 1980
Cónxuxe Oliva Rodríguez
Fillos Oliva, Chamor, Ombú e Celta
Actividade
Lingua Galego
Estudos Maxisterio

Antón Hipólito Alonso Ríos, nado en Camporrapado (Cortegada, Silleda) o 15 de agosto de 1887 e finado en Buenos Aires en novembro de 1980[1], foi un mestre, escritor, líder agrarista e político galego que presidiu o Consello de Galiza. Durante os tres anos que durou a Guerra civil fíxose pasar polo “Siñor Afranio” e foi mendigo, traballou nas colleitas e foi criado de casa. Conseguiu sobrevivir asemade que foi vendo como os seus amigos e compañeiros foron apresados, torturados e asasinados.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Casa natal de Antón Alonso Ríos en Camporrapado.

O seu pai, Manuel Alonso, era caldeireiro, polo que percorría as aldeas de Galiza de feira en feira ofrecendo os seus servizos. Até que un día, chegou á festa de Silleda e coñeceu a Matilde Ríos, de quen namorou e con quen casou. Co tempo puxeron no mundo doce fillos: sete homes e cinco mulleres. Manuel Alonso tivo que deixar o seu antigo oficio para pór unha tenda de ultramarinos, e pouco máis tarde abriu outras dúas tendas de ultramarinos en Silleda, onde Antón Alonso Ríos traballou como axudante no despacho dos negocios. Grazas á axuda de Vicente Fraiz Andón, director da Escola Normal de Santiago de Compostela, Antón cursou en Santiago de Compostela a carreira de Maxisterio. En 1906 terminou os estudos e foi nomeado profesor auxiliar da Escola Normal. Por razóns de saúde retornou a Silleda, onde se dedicou a traballar a terra.

En maio de 1908 imitou algúns irmáns e emigrou a Arxentina, de polisón no barco Aragón. En Buenos Aires revalidou o título de mestre, e ingresou como suplente nunha escola da capital. De aí pasou a exercer o maxisterio noutras escolas da provincia de Mendoza. Posteriormente, volveu a Buenos Aires, onde exerceu como director de escola e do 1913 ao 1920 de profesor de Historia no Instituto Politécnico.

A súa preocupación política e social foi medrando, de forma que no ano 1909 colaborou na fundación de Sociedad Hijos de Silleda, entidade que tiña como fin primeiro a creación de escolas. Alonso Ríos fixo visible xa a súa preocupación pola calidade do ensino nas escolas creadas polos emigrantes, e defendeu a idea de que estes centros funcionasen nun réxime de federación baixo programas comúns con profesorado escollido.

Alonso Ríos casou moi novo con Oliva Rodríguez, con quen tivo catro fillos: Oliva, Chamor, Ombú e Celta. Dende 1919 a 1931 Alonso Ríos levou a xerencia da Sociedad Científica Argentina, mentres que no tempo devagar cursou estudos na facultade de Filosofía de Buenos Aires.

O 24 de setembro de 1921 convocouse o I Congreso fundacional da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales. Ese día xuntáronse 12 sociedades galegas na rúa Bolívar 655 da Capital Federal. A Sociedade de Silleda, dirixida por Alonso Ríos, e a de Ponteareas, dirixida polo socialista Ángel Martínez Castro, colleron as rendas da Federación. Ao rematar o Congreso foi elixido Martínez Castro Secretario Xeral e Alonso Ríos director do xornal El Despertar Gallego, que comezou a editarse a partir do 1 de xaneiro de 1922. No interior da Federación convivían dúas correntes maioritarias, por unha banda, o sector vinculado ao Partido Socialista (Martínez Castro) e pola outra, os socialistas, que se definían galeguistas, onde estaban Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo e Blanco Amor, entre outros.

Segunda República Española, Primeira República Galega[editar | editar a fonte]

Coa proclamación da II República en 1931, a Federación enviou a Suárez Picallo, Pedro Campos Couceiro e Alonso Ríos para que os representase en Galiza.

En maio de 1931 foi elixido unanimemente presidente da Asemblea Republicana da Coruña para o estudo do Anteproyeito de Estatuto da Galiza. Alonso Ríos tamén aproveitou a escala en Barcelona para se entrevistar con Francesc Macià, e de volta a Galiza, fixo escala en Madrid, onde tivo un forte encontro con Casares Quiroga, a quen lle fixo chegar as opinións da emigración, facendo fincapé nos dereitos nacionais de Galiza, chegando a proclamar en Compostela a I República Galega o 27 de xuño de 1931, a cal durou unhas horas. Ao non saír elixido deputado en 1931 (posiblemente a causa dese mal encontro con Casares Quiroga) traballou como director da escola fundada polos emigrantes de Tomiño "Aurora del Porvenir".

Foi membro do Consello Directivo Provisional da Federación Provincial Agraria de Pontevedra, pola que se presentou candidato nas eleccións de febreiro de 1936, integrado na candidatura da Fronte Popular. Saíu elixido deputado e xuntouse ao grupo de deputados galeguistas, someténdose á disciplina do Partido Galeguista. Fixo un labor intenso a prol do Estatuto de Galicia.

Golpe de estado[editar | editar a fonte]

A nova da sublevación do 18 de xullo de 1936 chegou a Galiza pola mañá, e pola noite Alonso Ríos participou na formación dun comité de defensa da República en Tomiño. Recolleu carabineiros e concentrounos en Tui, co gallo de loitar contra os sublevados. Organizou a resistencia que protagonizou escaramuzas en Tui. Tras vagar varios días por distintos municipios, déronlle acollida, xunto a Guillermo Vicente (alcalde de Tui), nunha casa en Torroña, onde permanece agochado dende o 31 de xullo até o día 11 de agosto. Polo perigo de seren atopados, decidiron marchar varios días para volver outra vez o 14 de agosto, permanecendo até o 19 de agosto. Alí chegaron a saber que andaban na súa procura e que mesmo Pablo Bugarín (cacique xudicial de Tui) prometera unha recompensa de 50.000 pesetas a quen entregase (vivo ou morto) ou fixese coñecer o lugar onde se atopaba Alonso Ríos. Tras saber que lles estaban lambendo os calcaños, decidiron volver a marchar. Nese momento, Guillermo Vicente separouse de Alonso Ríos. Foi a derradeira vez que se miraron. Alonso Ríos, coa intención de ir a Asturias, camiñou polo monte até que atopou unha camposa axeitada, quedando dende o 20 de agosto até o 3 de setembro. Neste tempo decidiu facerse pasar por esmoleiro. Pasou por lugares como Gondomar, as Gándaras de Budiño, Budiño, Salceda de Caselas, As Neves, A Cañiza, Melón... comendo e durmindo en pousadas e pedindo esmola nalgunhas casas. Mais comezou a serlle difícil camiñar sen a documentación de pobre, xa que nalgunhas pousadas non lle deixaban entrar e xa lle tiñan feito algún interrogatorio.

O siñor Afranio[editar | editar a fonte]

Exposición no IES Manuel García Barros da Estrada sobre Alonso Ríos.

Para poder responder as preguntas e non ser descuberto comezou a argallar unha historia. Fíxose pasar por portugués, autobautizándose como Afranio de Amaral, nome dun naturalista brasileiro. Co nome elixido inventou todo o demais: nacera preto de Lisboa, e aos cinco anos, xunto co seu pai tamén chamado Afranio, foi percorrendo Portugal pedindo esmola. Despois pasaron a Galiza e despois de traballar nun lado e noutro o seu pai morreu cando el tiña sete anos. Dedicouse a traballar xunto cun telleiro da Guarda, até que nunha casa de Quiroga na que fixera un apaño o colleron de criado. Alí permaneceu até que o colleu a peste de 1918, tras o que decidiu botarse ó camiño a pedir esmola de novo. O seu pouco oficio de pobre e a súa xentileza provocou que a xente lle chamase "Siñor Afranio".

Dende o día 18 ao 29 de setembro estivo en Albarellos (Boborás). Despois de partir, tras pasar por varios sitios, foi acollido nunha casa en Sorribas (Forcarei). Alí mostráronlle interese por teren un patrón para gardar o gando e realizar diversos traballos máis. "Afranio", tras insistir en que lle deran o posto, foi aceptado traballando dous días de proba (1 e 2 de outubro). Alí pasou nove meses como criado da casa. Deseguida pasou a traballar nunha casa en Moreiras (Boborás), onde pasou un ano. Tras dous intentos frustrados, logra pasar a Portugal, onde tratou cun pastor para que lle fixera as xestións para o seu traslado ao Porto. Como a policía estaba outra vez sobre os seus pasos, un home que xa tiña axudado a pasar outros galegos e españois comprometeuse a axudalo, xa que o pastor levaríao a caer nas mans dos axentes de Oliveira Salazar. Agóchase nunha cova da serra da Peneda, onde pasou un mes. Despois disto chegou definitivamente ao Porto, onde pasou varios meses, e despois foi a Lisboa. Embarcou para Casablanca e de alí para Buenos Aires no Lipari. En Buenos Aires foi recibido como un símbolo do triunfo da resistencia.

Exilio[editar | editar a fonte]

Unha vez en América Alonso Ríos participa do galeguismo do exilio. En 1944 os únicos deputados galeguistas refuxiados en América (é dicir, Alonso Ríos, Castelao, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo) fundan en Montevideo o Consello de Galiza, cuxa presidencia ocupa Castelao e, tras a súa morte en 1950, o propio Alonso Ríos.

Coa chegada da democracia, en Galiza non se procede como en Cataluña e Euskadi (onde os seus representantes no exilio volven á súa terra como lexítimos presidentes).

Durante os últimos anos da súa vida, Alonso Ríos continuou participando activamente en todas as actividades patrióticas da colectividade, até a súa morte en 1980.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Noite i Amañecer de Galiza (1942).
  • Co pensamento na patria galega (Buenos Aires, 1942).
  • Da Saudade, Amor, Arte e Misticismo (1956).
  • A cultura Galega na súa dimensión americán (Buenos Aires, 1961).
  • Nidia.
  • Tratado da Velocidade.
  • O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte (Edicións Castrelos, 1979).

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Non obtivo o recoñecemento principal, xa que, non foi o primeiro presidente da Autonomía galega e ben podería selo como si o foi Josep Tarradellas no caso catalán ou Jesús María de Leizaola no caso vasco[2].

En 2008 Víctor Coyote filmou o documental Afranio interpretado por Luís Tosar[3][4][5].

En novembro de 2016 Tomiño por votación popular decidiu darlle o seu nome ao Instituto de Educación Secundaria (IES), agora IES Antón Alonso Ríos[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hoja Oficial del Lunes, 10-11-1980, p. 2.
  2. Xan Carballa (15 de decembro de 2006). "Antón Alonso Ríos, deputado, mendigo e presidente". El País. Consultado o 23 de outubro de 2017. 
  3. Alfonso Pato (27 de agosto de 2008). "Tosar, en la piel del 'Siñor Afranio'". El País. Consultado o 23 de outubro de 2017. 
  4. "Afranio". Play-doc. Consultado o 23 de outubro de 2017. 
  5. "Afranio". Consultado o 23 de outubro de 2017. 
  6. G. Porto (15 de novembro de 2016). "Cerca de 3.000 tomiñeses deciden cambiar el nombre a su instituto". Faro de Vigo. Consultado o 23 de outubro de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Castelao
 Presidente do Consello de Galiza 
1950 - 1980
Sucesor:
Derradeiro presidente