Saltar ao contido

Casa Museo Rosalía de Castro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casa Museo Rosalía de Castro
A Matanza e Padrón Editar o valor en Wikidata
Logotipo
Imaxe
 Instancia de
 Epónimo
Cronoloxía
1951renovación
1971inauguración Editar o valor en Wikidata
Localización
 Situado en
 Código postal
15970 Editar o valor en Wikidata
 Enderezo
A Matanza, s/n Editar o valor en Wikidata
Recoñecemento
Ben de Interese Cultural de España
Data30 de agosto de 1974
IdentificadorRI-51-0003957
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
 Teléfono
+34 981-811204 Editar o valor en Wikidata
 Correo
Wikidata C:Commons

A Casa Museo Rosalía de Castro, tamén chamada Casa da Matanza, é unha casa museo situada na vivenda na que viviu Rosalía de Castro xunto co seu home Manuel Murguía e os fillos da familia desde 1883 ata a súa morte en 1885. Recolle distintas edicións das súas obras e diverso material seu, como fotografías ou recordos persoais. No segundo andar, recrea o ambiente da casa en tempos de Rosalía.

O museo é a sede da Fundación Rosalía de Castro e do Centro de Estudos Rosalianos, que teñen por obxecto divulga-la obra e a memoria da escritora.[1]

Rosalía de Castro instalouse na casa en 1883, e tras a súa morte en 1885 a familia marchou a outro lugar, co que a vivenda quedou baleira. Durante anos sucedéronse intentos de compra co obxecto de convertela en lugar de memoria da poeta,[2] moitos deles procedentes da diáspora galega en América.

En 1946 Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera Pérez, coa axuda da emigración na Arxentina, mercaron a casa con intención de cederlla ao Padroado Rosalía de Castro, que se constituíu en 1947. A primeira restauración, segundo proxecto de Manuel Gómez Román, levouse a cabo en 1951. Nese mesmo ano Gala Murguía de Castro visitou a casa acompañada de membros do Padroado.

En 1971 inaugurouse como casa-museo, con proxecto arquitectónico de Andrés Fernández-Albalat Lois e museístico de Xosé Filgueira Valverde. A casa quedou ao coidado de Maruxa Villanueva. Catro anos despois inaugurouse a casa para Maruxa Villanueva, hoxe arquivo da Fundación e unha sala de xuntas.

En 1985 inaugurouse o Auditorio, e en 1999 naceu o Centro de Estudos Rosalianos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A Casa da Matanza toma o seu nome da aldea da Matanza[3], na parroquia de Iria Flavia, concello de Padrón.

Edificacións

[editar | editar a fonte]

A Casa Museo componse arestora de catro edificios:[4] a Casa da Matanza propiamente dita, un auditorio, un arquivo rosaliano e a sala de reunións para a Fundación.

Escritorio na Casa da Matanza.

Trátase dunha edificación en cachote de granito, de dous andares, o superior con solaina. A súa musealización ven expresada en catro características:

  • Unha zona dedicada á Fundación, coa súa historia e fins.
  • Unha ambientación que, grazas aos obxectos cotiás, nos permite entender como era a vida nunha casa galega do século XIX.
  • Mobles e obxectos que fan lembranza de Rosalía: o escritorio, a cama...
  • Documentación e obras de arte que fan referencia á obra rosaliana e que amplían o seu mundo e dan contexto á súa obra: documentación, primeiras edicións, retratos, obras de arte...

Auditorio

[editar | editar a fonte]

O auditorio foi construído e inaugurado en 1985 segundo proxecto do arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois[5], e reformado en 2022, ten unha capacidade para 100 persoas.

En 1975 preparouse unha casa como vivenda de Maruxa Villanueva, a coidadora da Casa-Museo. Trala súa morte, en 2008 reformouse para ser aula didáctica. En 2015 transformouse no arquivo que é hoxe.

Encostada a estas dúas edificacións está o edificio de uso propio da Fundación: oficinas e sala de reunións.

Nun terreo lindeiro co da Casa está o Centro de Estudos Rosalianos para o que hai un proxecto de reforma[6].

O xardín

[editar | editar a fonte]

A casa ten tamén un amplo xardín[7], que noutrora foi horta, no que destacan distintas especies de árbores algunhas exóticas e outras cun forte compoñente simbólico. Entre outros, hai unha camelia, un loureiro, un loureiro real, un castiñeiro e un ombú. Dúas destas árbores foron incluídas en 2025 no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia: unha camelia hibrida creada na honra da poeta, a "Camelia de Rosalía de Castro",co número de catálogo 175A; e un loureiro probablemente fillo doutro diante do que se fixo unha das máis famosas fotos de Rosalía, chamado "loureiro dos poetas", co número 176A.

Vista da casa. Á esquerda, dándolle sombra ás dúas persoas sentadas, a figueira de Rosalía.

De entre todas destaca, pola súa ligazón coa obra rosaliana e polo uso simbólico que se lle dá, a figueira chamada "de Rosalía". Esta situada nun costado do patio principal, preto da casa, é un exemplar moi vello para o que é normal nesta especie, calcúlase a súa idade por enriba dos 150 anos. Tamén está incluída no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia,[8] con número de referencia 50A. No poema "Adiós ríos, adiós fontes" Rosalía canta:

Miña terra, miña terra,
terra onde me eu criéi,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantéi.

Destes versos nace o valor simbólico da árbore e o seu nome, mais non se refire á figueira da Matanza. Os versos son anteriores a 1863, cando se publicou Cantares gallegos, e Rosalía chegou á casa en 1883, polo que os versos de Rosalía poden ser só testemuño dunha "plantación literaria".

Cos fillos desta figueira orixinal a Casa de Rosalía exerce un xeito de diplomacia que lembra a presenza da poeta[9], recoñece os apoios recibidos[10] e reforza os contactos con outras institucións[11].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]