Virxilio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este é un artigo sobre o poeta clásico. Para o pintor, véxase Virxilio Fernández
Publio Virxilio Marón
Virgilio.png
Datos persoais
Nacemento 15 de outubro do 70 a. C.
Lugar Andes
Falecemento 21 de setembro do 19 a. C.(50 anos)
Lugar Brindisi
Actividade
Lingua Latín
Xéneros Poesía

Publio Virxilio Marón, en latín Publius Vergilius Maro, nado en Pietole o 15 de outubro do 70 a. C. e finado en Brindisi o 21 de setembro do 19 a. C., foi un poeta latino, considerado o maior poeta de Roma e do seu Imperio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de campesiños, naceu en Andes, localidade identificada tradicional, co actual lugar de Virgilio, en Pietole, ao pé de Mantua. Pasou os seus primeiros anos na súa localidade natal, mais ao chegar á adolescencia marchou para completar a súa formación. Estudou primeiro en Cremona e Milán, logo en Roma. Na capital rematou a formación en retórica e coñeceu importantes expoñentes da política e da literatura como Cornelio Galo, Alfeno Varo e Asinio Polión, introducíndose no círculo dos poetae novi. A esta época pertencen as súas primeiras composicións poéticas.

Deixando de lado a carreira forense, retirouse a Nápoles, a onde chegou en 48 a.C.. Nesta cidade fixose, xunto con Filodemo de Gadara, discípulo do filósofo epicúreo Sirón (de quen foi mesmo amante). Por resonancia do seu cognomen coa palabra latina virgo foi alcumado Parthenias (en grego virxe). Por entón comezou a guerra civil tralo asasinato de Julio Cesar, que tamén afectou moi directamente a Virxilio, quen ata viu peligrar as súas posesións, a causa da súa amizade con Octavio antes de que se convertese en Augusto.

Coñeceu a Mecenas, pasando a formar parte do seu círculo, que acollía a moitos literatos famosos da época. Tería contactos similares con Augusto, colaborando na difusión da súa ideoloxía política.

Despois de escribir a Eneida realizou unha viaxe por Asia Menor e Grecia coa fin de constatar a información que incluíra no seu poema. De regreso de estudos en Atenas morreu en Brindisi, onde chegou xa doente, vítima dunha insolación. Os seus restos foron inhumados en Nápoles, cerca da Gruta de Posillipo, onde hoxe está o Parque da Tumba de Virxilio (Parco della Tomba di Virgilio).

Obra[editar | editar a fonte]

Escribiu varias composicións poéticas durante a súa mocidade, que foran no Medioevo reagrupadas sob o nome de Appendix Vergiliana.

Entre o ano 42 a. C. e o 39 a. C. escribiu as Bucólicas, unha escolma de dez églogas que deixan ver os desexos de pacificación de Virxilio nuns poemas que exaltan a vida pastoril a imitación dos Idilios do poeta grego Teócrito.

Entre o 36 a. C. e o 29 a. C., compuxo, a instancia de Mecenas, as Xeórgicas, poema didascálico en catro libros, sobre os traballos no campo, destinado a proclamar a necesidade de restablecer o mundo campesiño tradicional en Italia.

A partir do ano 29 a. C., iniciou a composición da súa obras máis ambiciosa, a Eneida, que lle ocupou once anos. É un poema en doce libros que narra a historia de Eneas, dende a súa fuga de Ilión ou Troia ata a súa vitoria militar en Italia. A intención da obra era a de dotar dunha épica á súa patria e ligar a súa cultura coa tradición grega. Segundo Virxilio, Eneas foi o fundador da dinastía Xulia). Este poema quedou incompleto, sendo publicado por vontade do Emperador Augusto.

O verso perfecto de Virxilio foi eloxiado e considerado exemplar tanto entre os seus contemporáneos como na Idade Media e nos séculos seguintes. A Eneida foi tratada como un ensaio de filosofía e política, cando non era considerada a obra dun vidente. O esforzo dos renacentistas por unir o cristianismo coa cultura clásica encontrou en Virxilio a súa principal referencia.

Dante tomou a súa figura como unha das personaxes principais da súa obra Divina Comedia; representa a Razón, e axúdao a atravesar o infierno e o purgatorio. Por outra banda, Hermann Broch, na súa novela Der Tod des Virgil, narra os seus últimos días.[1]

Obras[editar | editar a fonte]

As principais obras de Virxilio son:

  • Bucolica ou Eclogae
  • Eneida
  • Georgica

O Appendix Vergiliana é un conxunto de obras menores bautizado así en 1573 por Scaligero e que foi atribuída a Virxilio dende a antigüidade. Porén, a súa autenticidade é dubidosa para os especialistas modernos. Recolle poemas como:Culex, Dirae, Aetna, Ciris, Catalepton, Cataleptum, Moretum, Copa, Elegiae in Maecentatem:

  • Culex ("Mosquito"), que alerta nun soño ao pastor que o matou que cando lle picou lle salvou a vida e por iso o mosquito é honrado cunha tumba polo home.
  • Dirae ("Maldicións"), pronunciadas polo amante dunha terra que tivo que abandonar arrebatada por uns veteranos do exército romano; a súa namorada Lydia é honrada por un poema de amor que leva o seu nome e un eloxio do campo onde ela vivía.
  • Aetna, consagrado ao volcán Etna.
  • Ciris, evocación da metamorfose en paxaro (Ciris) de Escila, filla do rei de Megara.
  • Catalepton, conxunto de poemas curtos, dos que algúns parecen obras de mocidade auténticas de Virxilio.[2]

Nunha fase posterior, engadíronse á colección:

  • Copa, poema que leva o nome dunha bailarina siria que invita a un viaxeiro ao pracer de vela bailar na súa casa.
  • Elegiae in Maecentatem, peza necrolóxica que refire as últimas palabras de Mecenas, dirixidas a Augusto.
  • Moretum, poema gastronómico que describe con detalle a preparación deste prato local da Galia Cisalpina.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hermann Broch: La muerte de Virgilio. Texto en castelán en Scribd.
  2. Virgilio: Catalepton. Texto latino na páxina web da Bibliotheca Augustana (Augsburgo).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Virxilio

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]