Día Nacional de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Manifestación a prol da autodeterminación no día de Galicia de 2005.

O Día Nacional de Galicia, coñecido tamén popularmente como Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia, Día da Patria ou Día da Patria Galega, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia publicado no DOG do 1 de xaneiro de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.

Historia e características[editar | editar a fonte]

As orixes desta celebración remóntanse a novembro de 1919, cando se celebrou en Santiago de Compostela a II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que acordan celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.[1] En 1924 o ditador Miguel Primo de Rivera foi designado delegado rexio na ofrenda ao apóstolo, ao que levou a algúns grupos a propor o cambio de día de Galicia ao 17 de decembro, data do axustizamento do mariscal Pardo de Cela.[2][3] A discusión aínda perduraba en 1930 cando a fin da ditadura permitiu de novo a celebración de actos galeguistas, como o mitin no teatro García Barbón o 25 de xullo dese mesmo ano.[2]

Durante a ditadura franquista, as sociedades galegas da emigración continúan esta convocatoria, e na Galiza o galeguismo concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval. Amais, durante esta época o día institucionalízase como festa oficial en toda España, baixo o nome de Día do Patrón de España, cun marcado carácter relixioso, aínda que trala transición deixou de ser oficial en todo o país. Asemade, seguían as conmemoracións no exilio, como a lectura do discurso Alba de Groria de Castelao en 1948.[2]

Período democrático[editar | editar a fonte]

En 1968 volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Compostela. Serán o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG) os que se manifesten de forma clandestina para conmemorar o Día Nacional de Galicia que remataban con fortes enfrontamentos coa policía franquista, e coa entrada na democracia seguíronse a prohibir as manifestacións da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e BN-PG, xermes do actual Bloque Nacionalista Galego. Até mediados dos anos oitenta non foi permitida a manifestación do Día da Patria con normalidade democrática, sendo hoxe o acto máis multitudinario de todas as celebracións que teñen lugar o 25 de xullo na capital galega.

Actos[editar | editar a fonte]

O Día Nacional de Galicia entréganse as medallas de Galicia, creadas en 1984,[4][5] e realízase unha ofrenda a Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.[6]

Os diferentes partidos nacionalistas da Galiza convocan manifestacións para ese día, baixo a denominación de Día da Patria, nas cales fan reflexións no tocante á situación política galega. O PSdeG realiza unha ofrenda floral no monumento a Castelao en Rianxo.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RODRÍGUEZ-POLO, Xosé Ramón (2009): Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo. Vigo: Xerais.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]