España: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Elisardojm (conversa | contribucións)
→‎Deportes: quito negras non necesarias
m r2.7.3) (Bot: Engado: min:Spanyol
Liña 1.039: Liña 1.039:
[[mhr:Испаний]]
[[mhr:Испаний]]
[[mi:Pāniora]]
[[mi:Pāniora]]
[[min:Spanyol]]
[[mk:Шпанија]]
[[mk:Шпанија]]
[[ml:സ്പെയിൻ]]
[[ml:സ്പെയിൻ]]

Revisión como estaba o 10 de febreiro de 2013 ás 10:39

Artigos de calidade
Artigos de calidade
Este artigo é actualmente un candidato a artigo de calidade. Un artigo de calidade debe servir como demostración dos mellores traballos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.

Modelo:País España[1], oficialmente Reino de España[2], é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llivia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.

Ten unha extensión de 504.645 km², sendo o cuarto país cunha maior extensión do continente, despois de Rusia, Ucraína e Francia[3]. Cunha altitude media de 650 metros sobre o nivel do mar, é un dos países máis montañosos de Europa. A súa poboación é de 46.951.532 habitantes, segundo datos do padrón municipal de 2010.

De acordo a Constitución Española, o castelán ou español é a lingua oficial do Estado. Outras linguas son recoñecidas como cooficiais nas súas respectivas comunidades autónomas conforme os seus Estatutos de autonomía. As modalidades lingüísticas de España son un dos seus patrimonios culturais, obxecto de especial respecto e protección[1].

A economía española é a 12ª economía mundial en términos de PIB, por diante de Australia e de México, e segundo Eurostat, o PIB per cápita español situouse, en 2009, no 103% da media da Unión Europea, por diante de Italia.[4] Ademais, segundo o informe de 2010 da ONU, ten un índice de desenvolvemento humano de 0.863, o 20º maior do mundo, por diante doutros grandes países europeos, como Grecia, Italia o Reino Unido.[5]

España atópase no suroeste do continente europeo, e comparte fronteiras terrestres con Francia e co principado de Andorra ao norte, con Portugal ao oeste e co territorio británico de Xibraltar ao sur. Nos seus territorios africanos, comparte fronteiras terrestres e marítimas con Marrocos. Comparte con Francia a soberanía sobre a illa dos Faisáns na desembocadura do río Bidasoa e cinco facerías pirenaicas[6].

Historia

Artigo principal: Historia de España

Idade Antiga

Castro de Santa Trega, na Guarda, exemplo de castro celta do norte de España.

Os iberos foron os primeiros pobos dos que se ten constancia escrita de que ocuparon a Península Ibérica. Sábese que había poboacións protoiberas, polos restos arqueolóxicos atopados. Os gregos e fenicios foron os que deixaron os primeiros escritos, aínda que nunca entraron en contacto con eles. Os vascóns entrarían nesta categoría.

Actualmente, defínense os iberos polos seus trazos culturais. Segundo este criterio, os turdetanos ou túrdulos, que ocuparon as terras do antigo reino de Tartessos, considéranse iberos; mentres que, segundo criterios etnográficos ou lingüísticos, non o serían. A bibliografía sobre os iberos adoita achegar datos contraditorios e isto débese ás diferentes adopcións de criterios.

Teatro Romano de Mérida, en Badaxoz.

Sobre o ano 1200 a. C., tribos celtas, incluíndo probablemente cántabros e ástures, entraron na península polo norte e establecéronse en grande parte do seu territorio, asentándose e mesturándose cos iberos. As poboacións que ocupaban unha ampla franxa entre estes dous pobos coñécense como celtiberos. Semella que as montañas en que vivían os vascóns nunca foron completamente romanizadas, polo que considérase incerta a súa orixe, aínda que se barallou a posibilidade de que se tratase dunha poboación protoibérica. Moitos historiadores consideran hoxe en día [Cómpre referencia] que a vasconización foi tardía; os vascóns habitarían a zona da actual Aquitania, chegando á península a finais da Idade Antiga, ocupando o antigo solar dos caristios e várdulos.

Ao redor do ano 1100 a. C., os fenicios chegaron á península e fundaron, 80 años despois da guerra de Troia,[7] Gadir, a Gades romana, no que hoxe en día se atopa a cidade de Cádiz. A súa fundación sitúase no ano 1104 adC polo que é considerada a cidade da Europa Occidental de cuxa fundación se teñen referencias máis antigas, (tendo como referencia a fundación de Cartago sobre o século IX a. C.). Á vez, os gregos fundaron as súas colonias pola costa mediterránea de Iberia, nome que deron á península.

Busto do emperador Adriano, nado en Itálica, actualmente Santiponce, na provincia de Sevilla

Entre a primeira e segunda das Guerras Púnicas entre Roma e Cartago, os cartaxineses invadiron a península. As súas colonias máis importantes establecéronas na illa de Eivissa e en Cartagena, nome que fai referencia á nova Cartago e absorberon outras cidades inicialmente fenicias como Cádiz ou Málaga. Derrotada Cartago, Roma iniciaría unha paseniña ocupación da península, que se prolongaría ao longo de case 200 anos. Nas primeiras décadas da ocupación os romanos tiveron que facer fronte ao longo sitio de Numancia, cidade celtibera situada nas beiras do río Douro, nas proximidades da actual Soria, que se prolongaría por case 30 anos, e á guerra de guerrillas exposta polo caudillo lusitano Viriato. Trala morte de Viriato (139 a. C.), a loita dos pobos prerromanos contra Roma volveríase máis disgregada e esporádica, aínda que non remataría totalmente ata os tempos do emperador Augusto co relativo sometemento de cántabros e ástures. Relatos desta guerra atopámolos nas páxinas do cronista romano Catón. A ocupación culminaría co pleno dominio da península baixo o poder romano e a súa conversión en provincia baixo o nome de Hispania. O nome de Hispania deriva de Ispania e este á súa vez probablemente dunha palabra púnica, co significado de terra de coellos, aínda que hai outras posibilidades (ver Etimoloxía no punto 1 deste mesmo artigo). Por primeira vez aparece con sentido histórico en Tito Livio 59 a. C., que fala de Hispania e de hispani (hispanos, con sentido unitario).

Acueduto de Segovia, patrimonio da humanidade da UNESCO

Os habitantes de Hispania adoptaron a cultura romana, a súa lingua e as súas leis, adquirindo gran importancia dentro do imperio, posto que ata tres emperadores romanos, Traxano, Adriano e Teodosio, ademais do filósofo Lucio Anneo Séneca e outros personaxes importantes, naceron na península.

Casa do Século XV en Cuenca, España.

Idade Media

No ano 409, os suevos, alanos e vándalos invadiron a Península Ibérica. Poucos anos despois, no ano 416, os visigodos entraron en Hispania como aliados de Roma, botando aos alanos e vándalos da península quedando os suevos na Gallaecia.

A primeira idea de Hispania/España como país se materializa coa monarquía visigoda. Os visigodos aspiraban á unidade territorial de toda Hispania e conseguírona coas sucesivas derrotas aos suevos, vascóns e bizantinos. A unidade relixiosa viría coa reconciliación de católicos e arianos e cos concilios da Igrexa Visigoda, un órgano no que, reunidos en asemblea, o rei e os bispos de todas as dioceses do reino sometían a consideración asuntos de natureza tanto política como relixiosa, con vocación de lexislar en todo o territorio nacional. Así, San Isidoro de Sevilla na súa Historia Gothorum aledábase porque Suintila "foi o primeiro que posuíu a monarquía do reino de toda España que rodea o Océano, cousa que a ningún dos seus devanceiros lle fora concedida...". A monarquía visigoda estableceu ademais unha capital que centralizaba tanto o poder político como o relixioso en Toletum (actual Toledo). Con todo, o carácter electivo da monarquía visigótica determinou case sempre unha enorme inestabilidade política caracterizada por continuas revoltas e asasinatos.

O declive da monarquía visigoda comeza arredor do ano 689, cando o Islam chega á África máis noroccidental, e pouco tempo despois a guerra dinástica visigoda que enfrontaba os herdeiros do rei Vitiza co duque Rodrigo. Coa aparente usurpación de Rodrigo, os vitizanos chegan a un pacto cos exércitos musulmáns do norte de África, e así no ano 711, prodúcese un novo conflito bélico, a coñecida como batalla de Guadalete, no que as tropas vitizanas e musulmás lograron depor a Rodrigo. Con este episodio, comeza a entrada do Islam na Península Ibérica e a conversión da aristocracia visigoda en Hispania, converténdose esta nun emirato ou provincia do imperio árabe chamada Al-Ándalus con capital na cidade de Córdoba.

O Islam avanzou axiña polo sur da península. No ano 712 Toledo -a capital visigoda- caeu baixo gobernadores musulmáns. Dende entón, todas as cidades de Hispania foron capitulando, supoñendo a fin do período visigodo na Península Ibérica. Con todo, alén dos Pireneos, os visigodos resistiron algúns anos en máis na Septimania, ata o 719. A partir de entón, os exércitos do emirato, dirixiron os seus esforzos cara ao outro lado dos Pireneos, contra o reino Carolinxio. O noroeste da Península Ibérica, a antiga Gallaecia -especialmente a máis setentrional, foi porén a única entidade administrativa na que non penetrou o Islam. Descoñécese se a aristocracia galega, asturiana ou vasca mantivo algún tipo de vasalaxe nominal co emirato, ou simplemente era un territorio inicialmente alleo á expansión.

A muralla de Ávila, erixida na Idade Media.

No ano 718 na actual Asturias un nobre chamado Paio sublevouse contra os musulmáns. A sublevación fracasa e é detido. Cara ao 722 volvería intentalo tendo lugar o que a historiografía denominou a batalla de Covadonga, onde Paio e un grupo de ástures (entre os que se atopaban, segundo algúns historiadores, nobres visigodos; a orixe de Paio é tamén incerta[8]) venceron a unha expedición de castigo musulmá. Este feito serviría para marcar o momento de fundación do Reino de Asturias e dar comezo ao período coñecido como a Reconquista, entendido como o restablecemento do poderío cristián na Península Ibérica.

Na parte nororiental da península e na Septimania goda, os godos que fuxiran ao reino dos francos pediron axuda a estes. Así Carlomagno emprendeu unha serie de campañas militares coa intención de establecer un territorio de distensión militar, máis coñecido como marca. A Marca Hispánica constituíuse a comezos do século IX para evitar a penetración dos musulmáns no territorio do Reino dos Francos. Así foi como os francos dividiron ese territorio en diversos condados, onde señores feudais de orixe franca ou goda representaban o rei dos francos; tendo, xa que logo, un desenvolvemento algo diferente ao que experimentaron os reinos cristiáns ibéricos occidentais. Estes condados en pleno proceso de feudalización emanciparíanse de facto do dominio franco logo da crise carolinxia do século IX, ao empezar a transmitirse hereditariamente os condados; aínda que, ata 988, os condes de Barcelona renovaron o pacto de vasalaxe cos reis francos.

Interior da Mesquita-Catedral de Córdoba.

Os séculos VIII e IX significarían un crecente poderío musulmán na península, malia a oposición dos núcleos cristiáns do norte. A fins do século VIII, o omeia Abd al-Rahman I, fuxido de Siria, fai de Al-Andalus, no político, un emirato independente do Califato de Damasco.

Basílica de Santa María A Real de Covadonga, no Principado de Asturias.

No século X, Abd al-Rahman III converte Al-Andalus en califato independente de Damasco, xa con autonomía relixiosa e non só política, como ata entón. É unha época de puxanza cultural, grazas ás innovacións nas ciencias, as artes e as letras; cunha especial atención que dedicaron ao desenvolvemento das cidades. As cidades máis importantes foron Valencia, Zaragoza, Toledo, Sevilla e Córdoba. Esta, durante o século X, con Al-Hakam II, chegou a ser a maior cidade de Europa Occidental, contando con 500.000 habitantes, sendo o maior centro cultural da época. Con todo, a decadencia dos territorios musulmáns comezou no século XI, cando comezaron as loitas entre as distintas familias reais musulmás e o califato se desmembrou nun mosaico de pequenos reinos, chamados taifas.

Mentres tanto, preto dos Pireneos apareceron outros dous reinos cristiáns: o Navarra e o Aragón. Ao avanzar a expansión cristiá pola península, o que ata entón fora o reino de Asturias, coa súa capital fixada en Oviedo dende o reinado de Afonso II o Casto, transformouse no reino de León en 910 con García I ao repartírense os territorios de Afonso III o Magno entre os seus fillos. Anos despois, en 914, morto o rei, sobe ao trono Ordoño II de León, cuxo reino abranguía aos territorios de Galicia, Asturias e León, fixando definitivamente nesta cidade a súa capital e confirmando a súa supremacía como reino de León.

A Catedral de León, símbolo do esplendor da arquitectura gótica francesa española.

O avance das conquistas cara ao sur e a aglutinación ao redor de León dun territorio cada vez máis amplo trouxo consigo o nacemento de «subunidades» político-territoriais no seu interior: é o caso do Castela. Este será adquirido polo rei navarro Sancho III o Maior, quen o deixará á súa morte en herdanza ao seu fillo Fernando. Casado este coa irmá do rei leonés, formaría unha coalición navarro-castelá que, tras unha guerra e a morte do rei de León na batalla de Tamarón permitiríalle acceder ao trono deste. No entanto, á súa morte os territorios volverían ser repartidos entre os seus fillos: son o reino de León, o reino de Galicia, Castela, que tamén adquire o rango rexio e a cidade de Zamora. Ao longo dos séculos seguintes, estes territorios pasarán a mans do mesmo ou de distintos monarcas en sucesivas ocasións, conformando a Coroa de Castela, cunhas únicas Cortes. Os distintos territorios conservaban o seu carácter de reino e diversas particularidades xurídicas (o rei que aglutinaba baixo a súa coroa todos estes territorios titulábase Rei de León, de Castela, de Galicia... engadindo sucesivamente os dos novos territorios que se ían conquistando), sen que, con todo conservasen unha autonomía semellante á da Coroa de Aragón. Así mesmo, nacerá de León outra unidade territorial de grande transcendencia posterior: Portugal, que se constituirá como reino. Cabe sinalar, para rematar, como un dos momentos máis destacados os reinados de Afonso VI e Afonso VII en León a adopción do título de emperador, o primeiro como "emperador das dúas relixións", o segundo como "emperador de España".

O devir dos reinos cristiáns peninsulares nas décadas seguintes pasará pola constitución de catro unidades monárquicas: a denominada Coroa de Castela, concepto que implica a existencia dun só monarca sobre diversos e distintos reinos e territorios (León e a propia Castela, ademais de Galicia e outros); a Coroa de Aragón, que se constituíu mediante a unión dinástica en 1150 do reino de Aragón e o condado de Barcelona; o reino de Navarra e o reino de Portugal. Así como toda unha serie de reinos de taifa musulmáns.

No século XIII, a Coroa de Castela, a máis puxante das hispánicas, ampliou os seus dominios cara ao sur peninsular, mentres que a de Aragón engadiría os reinos de Valencia e de Mallorca co rei Xaime I o Conquistador, e posteriormente formarían parte desta Coroa: Sardeña, Sicilia e outros territorios do Oriente mediterráneo.

A finais deste período, 1402, e en competencia con Portugal, a Coroa de Castela iniciou a conquista das illas Canarias ata entón habitadas exclusivamente polos guanches. A ocupación inicial foi levada a cabo por parte de señores normandos que rendían vasalaxe ao rei Henrique III de Castela. Este proceso de conquista non concluiría ata 1496, sendo culminado pola propia acción da coroa castelá.

A rendición de Granada aos Reis Católicos, de Francisco Pradilla, reconstrución idealizada característica da pintura historiográfica española do século XIX.

Mentres na Coroa de Aragón, como resultado da gran mortalidade provocada pola epidemia da Gran Peste de 1348, así como das malas colleitas, que empezaron co ciclo de 1333lo mal any primer»), provocaron unha grande inestabilidade tanto social, como económica. Á morte do Rei Martiño I o Humano (1410), os representantes dos Reinos que constituían a Coroa de Aragón, elixiron no Compromiso de Caspe a Fernando de Antequera, da castelá Casa de Trastámara como futuro rei Fernando I en quen recaían por herdanza materna os dereitos dinásticos. Malia a revolta protagonizada polo Conde de Urgell, Fernando I foi coroado e comezou o reinado dos Trastámara na Coroa de Aragón. Logo da expansión polo Reino de Nápoles, no período de Afonso V, a Coroa de Aragón sufriu unha profunda crise provocada polas disputas entre Xoán II, fillo de Fernando de Antequera, e a Generalitat e o Consell de Cent (Consello de Cen), debida á detención do seu fillo e herdeiro Carlos de Viana, así como polas tensións das clases sociais entre a Busca e a Biga e as revoltas dos campesiños de "Remensa" que coincidiron coa Guerra Civil Catalá (1462 - 1472) acabaron de debilitar á xa débil Coroa aragonesa. Coa subida ao trono de Fernando o Católico, segundo fillo e herdeiro de Xoán II, (1479) as tensións sociais reducíronse, coa firma da Sentenza Arbitral de Guadalupe (1486) asentouse unha nova estrutura no campo catalán para acabar coa conflitividade do medio rural.

Idade Moderna

Artigos principais: Imperio Español, Casa de Austria, Casa de Borbón, Ilustración política en España
Monumento a Colón en Madrid

Ao final da Idade Media, co casamento de Isabel I de Castela e Fernando de Aragón, estas dúas coroas peninsulares aliáronse, conquistando o reino musulmán de Granada en 1492 e, posteriormente, o de Navarra en 1512 que continuou sendo un reino, acuñando moeda de seu e con aduanas no río Ebro ata as guerras carlistas do século XIX. Os reis navarros refuxiáronse nas súas posesións dos Pireneos e posteriormente converteríanse en reis de Francia.

Tamén comezaron unha política matrimonial con Portugal que culminou en 1580, cando Filipe II de España subiu ao seu trono, unindo por última vez baixo un mesmo soberano toda a Península Ibérica.

En 1492, decrétase a expulsión dos xudeus que non aceptasen a conversión ao cristianismo, imitando a Filipe IV de Francia. Cristovo Colón, en nome dos Reis Católicos, chega, por primeira vez, a América coas súas naves. Empeza a carreira pola exploración e conquista das terras americanas, á que se unirían posteriormente outros países como Portugal, Francia e Inglaterra comezando a colonización europea de América partindo a illas do Caribe ata mesoamerica a cargo de Francisco Hernández de Córdoba e despois Hernán Cortés. A Monarquía Española convértese, nun proceso iniciado ao final da Reconquista, na nación máis poderosa e influente do mundo. Durante o reinado dos Reis Católicos iníciase tamén unha tímida expansión norteafricana, conquistándose varias cidades, entre elas Melilla (1497).

Filipe II

Trala morte de Sabela a Católica, en 1504, a súa filla Xoana sucedeuna no trono de Castela. Xoana estaba casada con Filipe I, ao que chamaron o Fermoso, fillo do Archiduque de Austria e Emperador do Sacro Imperio Romano-Xermánico. Filipe morreu moi novo e a Xoana foi incapacitada por tola. O seu fillo Carlos I de España herdou as Coroas de Castela e Aragón, ademais do sacro Imperio Romano-Xermánico e as posesións da Casa de Borgoña. Na súa madurez, decide retirarse á vida relixiosa recluíndose no Mosteiro de Yuste (Cáceres) en 1556. O seu fillo Filipe II herdaría a Coroa Hispánica con todas as súas posesións e o seu irmán Fernando I de Habsburgo o Sacro Imperio Romano-Xermánico.

Mosteiro de El Escorial

Filipe II de España coróase rei de Portugal en 1580 co nome de Filipe I de Portugal. O ordinal «segundo» mantívoo para respectar a vía castelá (Filipe I de Castela foi Filipe o Fermoso). Durante o seu reinado prodúcense a grande vitoria de Lepanto en 1571 coa que se conseguiu frear a expansión dos turcos no Mediterráneo e a desastrosa aventura da Grande e Felicísima Armada en 1588.

España, e en maior medida Castela, dada a prohibición de comercio para a Coroa de Aragón, segue prosperando baixo a dinastía Habsburgo, grazas ao comercio coas colonias americanas; pero ao mesmo tempo sostén guerras contra Francia, Inglaterra e as Provincias Unidas.

Mapa anacrónico que amosa as áreas que pertencían ao Imperio Español nalgún momento durante un período de 400 anos.       O Imperio español na súa maior expansión territorial ao redor de 1790       Rexións de influencia (exploradas e/o reclamadas pero nunca controladas) ou colonias en disputa ou de curto control       Posesións do Imperio Portugués gobernadas por España entre 1580-1640 por anexión dinástica       Territorios perdidos en ou despois de 1717 pola Paz de Utrecht       Marrocos e Sahara Occidental 1884-1975

Cando o derradeiro rei da dinastía dos Habsburgo, Carlos II de España, morreu sen descendencia; Filipe de Borbón, sobriño neto de Carlos II e neto do rei de Francia, Luís XIV, sucedeulle no trono co nome de Filipe V de España, sendo aceptado e xurado por todos os territorios de España. Aos poucos anos de reinado, prodúcese a Guerra de Sucesión Española.

Entre 1707 e 1716, os Decretos de Nueva Planta de Filipe V suprimen ou reducen os foros e costumes dos reinos e territorios que loitaran contra el na Guerra de Sucesión.

Algúns queren ver nestes decretos unha unificación legal de España, pero, por unha banda, os decretos, ao seren diferentes para Valencia, Aragón (onde primeiro foi igual que o de Valencia, pero logo foi modificado), Baleares e Cataluña, afectaron de xeito diferente a cada territorio, e ademais, tanto Navarra como as Provincias Vascongadas e o Val de Arán, que non faltaran ao seu xuramento de lealdade a Filipe V, seguiron mantendo os seus foros. En 1713, España asina o Tratado de Utrecht co que perde as súas posesións europeas e, deixando de ser a primeira potencia mundial.

O resto do século XVIII, foi o século da Ilustración. Fernando VI e Carlos III, fillos e sucesores de Filipe V, fan unha política de renovación que modernizou España, no que se coñece como Despotismo Ilustrado. Neste século, aínda que España continúa sendo unha importante potencia, Francia e o Reino Unido pasan a ocupar un protagonismo cada vez maior na escena internacional.

Idade Contemporánea

Artigos principais: Guerra da Independencia Española, Guerra de Independencia Hispanoamericana, España durante a ocupación francesa, Restauración absolutista en España, Reinado de Sabela II de España, Revolución de 1868, Sexenio Democrático e Restauración borbónica en España
Situación do Imperio Español. En azul os territorios independizados na Guerra de Independencia Hispanoamericana

A Idade Contemporánea non comezou moi ben para España, en 1805, na Batalla de Trafalgar a escuadra hispano-francesa foi derrotada ante Gran Bretaña, chegando o fin da supremacía española nos mares mundiais a favor de Gran Bretaña, mentres Napoleón que tomara o poder despois de triunfares a Revolución Francesa, aproveitando as disputas entre Carlos IV e o seu fillo Fernando, ordenou o envío do seu exército contra España en 1808, impondo ao seu irmán Xosé I no trono. Iso ocasionaría a Guerra da Independencia Española, que duraría 5 anos. Nese tempo elaborouse a primeira Constitución española, unha das primeiras do mundo, nas denominadas Cortes de Cádiz. Foi promulgada o 19 de marzo de 1812, festividade de S. Xosé, polo que popularmente coñecíalla como A Pepa. Trala derrota das tropas de Napoleón na batalla de Vitoria en 1813; Fernando VII volvería ao trono de España.

Durante o reinado de Fernando VII a monarquía española experimentaría o paso do vello réxime ao estado Liberal. Coa súa chegada a España, Fernando VII derrogou a Constitución de 1812 e perseguiu aos liberais constitucionalistas, dando comezo a un ríxido absolutismo. Mentres tanto a Guerra de Independencia Hispanoamericana continuaba o seu curso, malia o esforzo bélico dos defensores da monarquía española, ao rematares o conflito unicamente as illas de Cuba e Porto Rico, en América, seguirían formando parte do territorio nacional de España, que ao rematar a década ominosa e co apoio liberal á Pragmática Sanción de 1830 á súa vez organizaríase novamente en monarquía parlamentaria. Deste xeito ambos os dous procesos revolucionarios deron orixe aos novos estados nacionais existentes na actualidade, e o final do reinado de Fernando VII sinala tamén a extinción do Absolutismo en todo o mundo hispánico.

A raíña Sabela II

A morte de Fernando VII abre un novo período de forte inestabilidade política e económica, o seu irmán Carlos María Isidro apoiado nos partidarios absolutistas, rebélase contra a designación de Sabela II, filla de Fernando VII, como herdeira e raíña constitucional, e contra a derrogación da Lei Sálica da dinastía Borbón, que impedía a sucesión de mulleres á coroa, estourando a Primeira Guerra Carlista. O reinado de Sabela II caracterizouse pola alternancia no poder de progresistas e moderados aínda que esta alternancia motívase máis por pronunciamentos militares de ambos os dous signos que por unha pacífica cesión do poder en función dos resultados electorais.

A revolución de 1868, chamada A Gloriosa, obrigou a Isabel II a abandonar España. Convocáronse daquela Cortes Constituíntes que se pronunciaron polo réxime monárquico e, a iniciativa do Xeneral Prim, ofrécese a coroa a Amadeo de Saboia, fillo do rei de Italia. O seu reinado foi curto polo cansazo provocado polos políticos do momento e o rexeitamento de importantes sectores da sociedade. Proclamouse a I República, que tampouco gozou de longa vida, aínda que si moi axitada: en once meses tivo catro presidentes (Figueras, Pi i Margall, Salmerón e Castelar); durante este convulso período producíronse graves tensións territoriais chegándose a producir fenómenos tan pintorescos como a declaración da cidade de Cartagena como "Cantón independente" e finalizou cos pronunciamentos dos xenerais Martínez Campos e Pavía, que disolveu o Parlamento.

A Restauración proclama rei a Afonso XII, fillo de Sabela II. España experimenta unha grande estabilidade política debida ao sistema de goberno preconizado polo político conservador Antonio Cánovas del Castillo. Baséase na quenda dos partidos Conservador (Cánovas do Castelo) e Liberal (Sagasta) no goberno. En 1885 morreu Afonso XII e encargouse a rexencia á súa viúva María Cristina, ata a maioría de idade do seu fillo Afonso XIII, nado trala morte do seu pai. A rebelión independentista de Cuba en 1895 induce aos Estados Unidos a intervir na zona e tralo confuso incidente da explosión do acoirazado Maine o 15 de febreiro de 1898 no porto de A Habana, declara a guerra a España. Coa derrota, España perdeu as súas últimas colonias (Cuba, Filipinas, Guam e Porto Rico) en ultramar.

Século XX

Artigos principais: Reinado de Afonso XIII, Ditadura de Primo de Rivera, Segunda República Española, Guerra civil española, Franquismo, Transición Española, Cronoloxía de España no século XX
Alfonso XIII e Miguel Primo de Rivera en 1930.

O século XX comeza cunha grande crise económica e a subseguinte inestabilidade política. Hai un paréntese de prosperidade comercial, propiciado pola neutralidade española na Primeira Guerra Mundial. A sucesión de crises gobernamentais, a marcha desfavorable da guerra no Rif, a axitación social e o descontento de parte do exército, desembocan no Golpe de estado do xeneral Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923. Estableceu unha ditadura militar que foi aceptada por grande parte das forzas sociais e polo propio rei Afonso XIII.

Durante a ditadura suprímense as liberdades e os dereitos. A difícil conxuntura económica e o crecemento dos partidos republicanos fai a situación cada vez máis insostible. En 1930, Primo de Rivera presenta a súa dimisión ao rei e marcha a París, onde morre ao pouco tempo. Sucedeulle na xefatura do Directorio o xeneral, Dámaso Berenguer; e, despois, por breve tempo, o almirante Aznar. Este período foi denominado Dictablanda.

Decidido a buscar unha solución á situación política e establecer a Constitución, o rei propicia a celebración de eleccións municipais o 12 de abril de 1931, estas deron unha rotunda vitoria ás candidaturas republicano-socialistas nas grandes cidades e capitais de provincia, aínda que o número total de concelleiros era maioritariamente monárquico. Houbo manifestacións organizadas esixindo a instauración da República, o que leva ao rei a abandonar o país. Unha vez o rei abandona as súas obrigacións proclámase a II República o 14 de abril.

Bombardeo de Gernika, durante a Guerra Civil Española.

Durante a República prodúcese unha grande axitación política e social, marcada por unha acusada radicalización de esquerdas e dereitas. Os líderes moderados son boicoteados e cada parte pretende crear unha España á súa medida. Durante os dous primeiros anos, goberna unha coalición de partidos republicanos e socialistas. Nas eleccións celebradas en 1933, triunfan as dereitas e en 1936, as esquerdas. A crecente onda de violencia inclúe queima de igrexas, a sublevación monárquica de Sanjurjo, a revolución de 1934 e numerosos atentados contra líderes políticos rivais.

O 17 de xullo sublévanse as guarnicións da África Española xunto con certas capitanías e cuarteis peninsulares os días vindeiros, dando comezo á Guerra Civil. España queda dividida en dúas zonas: unha baixo a autoridade do goberno republicano e outra controlada polos sublevados, na que o xeneral Francisco Franco sería nomeado Xefe de Estado. O apoio alemán e italiano aos sublevados, moito máis firme que o soporte da Unión Soviética e México á España republicana, e os continuos enfrontamentos entre as faccións republicanas, permitiron a vitoria dos sublevados o 1 de abril de 1939.

Franco e Himmler.

A vitoria do xeneral Francisco Franco supuxo a instauración dun réxime autoritario. O desenvolvemento dunha forte represión sobre os vencidos, obrigou ao exilio a miles de españois e condenou a outros tantos á morte ou ao internamento en campos de traballo e prision. A pesares de que Franco mantivo a España como país non belixerante na II Guerra Mundial, o seu non disimulado apoio ás potencias do Eixo conduciu a un illamento internacional de carácter político e económico. No entanto, os condicionamentos da guerra fría entre os Estados Unidos e a Unión Soviética e os seus respectivos aliados fixeron que o réxime franquista fose tolerado polas potencias "occidentais" e finalmente recoñecido polas mesmas rematando o seu illamento, por mor do seu recoñecido anticomunismo. Asínanse entón acordos cos Estados Unidos permitindo a instalación de bases militares conxuntas hispano-norteamericanas en España. En 1956, Marrocos, que fora protectorado español e francés, adquire a súa independencia e ponse en marcha un plan de estabilización económica do país. En 1969, Franco nomea a Xoán Carlos de Borbón, neto de Afonso XIII, príncipe de España, o seu sucesor a título de Rei. Malia o mantemento dunha férrea represión contra calquera oposición política, o desenvolvemento industrial e económico español resultou moi importante durante a ditadura.

O rei Xoán Carlos I
Primeira bandeira da democracia española. Foi oficial ata 1981 e o escudo é o que aparece na Constitución.

O ditador morreu o 20 de novembro de 1975. Xoán Carlos I é proclamado rei dous días despois. Ábrese entón un período coñecido como Transición. Culminará co establecemento dunha Monarquía parlamentaria en 1978, logo da renuncia aos seus dereitos históricos realizada por D. Xoán de Borbón, pai do rei. Tralas primeiras eleccións democráticas, Adolfo Suárez, do partido Unión de Centro Democrático (centro-dereita), foi elixido presidente de Goberno. Leva a cabo importantes reformas políticas e inicia as negociacións para a entrada de España na Comunidade Económica Europea. Dimite en 1981. Durante este período a banda terrorista vasca ETA comete un gran número de atentados, especialmente contra membros do exército e das forzas de seguridade, así como outros de carácter indiscriminado. Durante a sesión de votación de investidura do sucesor de Suárez, Leopoldo Calvo Sotelo (UCD), o 23 de febreiro (23-F), tivo lugar un intento de golpe de estado promovido por altos mandos militares. O Congreso dos Deputados é tomado polo tenente coronel Tejero. O intento foi abortado o mesmo día, tendo lugar a intervención do rei Juan Carlos en defensa da orde constitucional. En 1981 asínase en Bruxelas o protocolo de adhesión á OTAN, dando comezo ao proceso de integración na Alianza que termina na primavera de 1982, durante o goberno da UCD.

Distribución xeográfica do crecemento da poboación española ao longo do século XX

Nas eleccións seguintes (1982), venceu o Partido Socialista Obrero Español, con Felipe González como presidente do goberno. Manteríase no poder durante as tres seguintes lexislaturas. En 1986 España incorpórase á Comunidade Económica Europea, precursora da Unión Europea e nese mesmo ano celébrase un referendo no que se consulta ao pobo sobre a permanencia ou non na OTAN. O PSOE defendeu o si. En 1992 España aparece de forma rechamante no escenario internacional coa celebración dos Xogos Olímpicos en Barcelona, a declaración de Madrid como Cidade Cultural Europea e a celebración en Sevilla da Exposición Universal EXPO 92.

Durante este período produciuse unha profunda modernización da economía e a sociedade españolas, caracterizada polas reconversións industriais e a substitución do modelo económico tardofranquista por outro de corte máis liberal -o que conduciu a tres importantes folgas xerais-, a xeralización do pensamento e os valores contemporáneos na sociedade española, o desenvolvemento do estado das autonomías, a transformación das Forzas Armadas e o enorme desenvolvemento das infraestruturas civís. Con todo, houbo tamén unha situación de elevado desemprego e cara ao final do mesmo produciuse un importante estancamento económico, que non iniciaría a súa recuperación ata 1993 -cando a taxa de desemprego descendeu do 23% ao 15%-, e destapouse o caso GAL de terrorismo de estado.

As eleccións de 1996 deron a vitoria ao Partido Popular, con José María Aznar como presidente, cargo que exerceu durante dúas lexislaturas, obtendo nas eleccións xerais de 2000 a maioría absoluta.

Século XXI

O século XXI comeza cos efectos do 11 de setembro do 2001, que levaron a España a implicarse en dous conflitos: a ocupación de Afganistán e a invasión de Iraq. Este último conflito e a xestión do atentado do 11 de marzo de 2004 en Madrid provocaron un distanciamento entre o goberno e parte da opinión pública española. Todo isto desembocou na elección dun novo goberno do PSOE, tralas eleccións xerais celebradas o 14 de marzo de 2004.

O euro, moeda oficial na chamada «Zona Euro» de Europa dende 1999, converteuse na moeda de cambio oficial o 1 de xaneiro de 2002, reemprazando á peseta. Os cidadáns comezárono a empregar na vida cotiá, malia as protestas da subida encuberta dos prezos que supuxo o cambio de moeda. Entre 1993 e 2007 produciuse unha importante expansión da economía española, baseada fundamentalmente no sector da construción, que quedou ameazada polas consecuencias globais da crise hipotecaria de 2007 e a crise bolsista de xaneiro de 2008.

A finais do século XX España recibiu unha grande cantidade de inmigrantes de países latinoanoamericanos como Ecuador, Colombia, Arxentina, Bolivia, Perú ou a República Dominicana, así como de diferentes zonas de África, Asia e a Europa do Leste.

Mariano Rajoy, Presidente do Goberno de España desde 2011.

O forte crecemento económico de tipo expansivo que presentou o país dende 1993 requiriu dunha grande cantidade de man de obra. Segundo anunciou o director do Banco de España en febreiro de 2007, España poderíase situar como a sétima maior economía do mundo.[9]

O Partido Socialista Obrero Español gañou as eleccións celebradas o 14 de marzo de 2004, converténdose José Luis Rodríguez Zapatero no quinto presidente do goberno da democracia. Con Zapatero como Presidente do Goberno produciuse a retirada das tropas españolas que permanecían en Iraq. Iso ocasionou un considerable arrefriado das relacións diplomáticas cos Estados Unidos. Asínase a Constitución Europea e realízase o referendo da Constitución Europea, no que os cidadáns españois aproban o tratado. Tamén se aproba o matrimonio homosexual, entre outras reformas de carácter social prometidas no programa electoral dos socialistas.

O mércores 22 de marzo de 2006 a organización terrorista ETA anunciou o seu segundo alto o fogo, roto o sábado 30 de decembro dese mesmo ano coa colocación dunha furgoneta bomba na recentemente estreada Terminal 4 do Aeroporto de Barajas, atentado no que dúas persoas perderon a vida.

As eleccións do 9 de marzo de 2008 deron a vitoria de novo ao PSOE e renovaron o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Os socialistas gañaron os comicios con 169 escanos (5 máis que nas eleccións de 2004) fronte aos 154 do Partido Popular (6 máis que nas eleccións de 2004). Os partidos nacionalistas sufriron un importante descenso, agás CiU que mantivo os seus 10 deputados e o BNG que mantivo os seus 2. Esquerda Unida perdeu o seu grupo parlamentar propio no Congreso dos Deputados, ao obter soamente 2 escanos. As eleccións de 2008 consolidaron e reforzaron o bipartidismo[10]

Nas eleccións do 20 de novembro de 2011 resultou gañador o Partido Popular cunha maioría de 186 escanos, deste xeito Mariano Rajoy pasou a ser Presidente do Goberno de España. O PSOE, que vira gobernando ata entón, obtivo 110 deputados, sendo un dos peores resultados da historia deste partido. O goberno de Mariano Rajoy enfróntase nos seus primeiros meses de goberno á profunda crise económica na que se encontra o país e a un elevado número de parados.

Goberno e Política

Artigo principal: Goberno e política de España

División de poderes

O poder executivo fórmao un Consello de Ministros presidido polo Presidente do Goberno, que exerce como Xefe de Goberno. É o monarca quen propón ao Presidente do Goberno tras as eleccións xerais e quen o mantén no cargo mentres conserve a confianza do Congreso dos Deputados.

O poder lexislativo establécese nas Cortes Xerais, que son o órgano supremo de representación do pobo español. As Cortes Xerais componse dunha cámara baixa, o Congreso dos Deputados, e unha cámara alta, o Senado. O Congreso dos Deputados conta con 350 membros elixidos por votación popular, en listas pechadas e mediante representación proporcional elixidos por circunscricións provinciais, para servir en lexislaturas de catro anos. O sistema non é absolutamente proporcional posto que existe un número mínimo de escanos por circunscrición (3) e úsase un sistema proporcional levemente corrixido para favorecer as listas maioritarias (o Sistema d'Hondt). O Senado conta actualmente con 259 escanos, dos cales 208 son elixidos directamente mediante voto popular ,por circunscricións provinciais, en cada unha das cales elíxense 4 senadores, seguindo un sistema maioritario (3 para a lista maioritaria, 1 para a seguinte), excepto nas illas, Baleares e Canarias (nos que a circunscrición é a illa) e os outros 51 son designados polos órganos rexionais para servir, tamén, por períodos de catro anos.

O poder xudicial está formado polo conxunto de Xulgados e Tribunais, integrado por Xuíces e Maxistrados, que teñen a potestade de administrar xustiza en nome do Rei.

Ficheiro:Congreso de los Diputados, Madrid.JPG
Congreso dos Deputados, parte das Cortes Xerais, unha das cámaras que constitue o poder lexislativo.
Palacio da Moncloa, residencia oficial do Presidente do Gobierno, cabo do poder executivo.
Tribunal Supremo, culminación do poder xudicial.

Altas institucións do Estado

Pedro SánchezMariano Rajoy BreyJosé Luis Rodríguez ZapateroJosé María AznarFelipe GonzálezLeopoldo Calvo SoteloAdolfo Suárez

España é unha monarquía parlamentaria desde a súa Constitución de 1978.

En España, as chamadas Altas institucións do Estado son:

Articulan os poderes do Estado e equilibran as relacións de poder do mesmo.


Partidos políticos principais

De ámbito estatal (representados no Congreso ou o Senado) e por orde alfabética:

Defensa

Un AV-8 Harrier II no portaavións Príncipe de Asturias (R11).
Artigo principal: Forzas Armadas de España.

A responsabilidade da defensa nacional recae nas Forzas Armadas que teñen asignadas por medio do artigo oitavo da Constitución Española "a misión de garantir a soberanía e independencia de España defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional".

As Forzas Armadas Españolas dividíronse tradicionalmente en tres armas: Exército de Terra, Armada e Exército do Aire. A estas armas súmase a Garda Real, un corpo protocolario segregado que realiza labores fundamentalmente de seguridade.

España forma parte das nacións máis importantes do EUFOR, e do Eurocorpo, así mesmo ocupa unha posición destacada na estrutura da OTAN, na que ingresou en 1982. Ademais de ser a sexta flota naval máis poderosa[11] e posuír o corpo de Infantería de Mariña máis antigo do mundo.

Política internacional

Zapatero na Asemblea Xeral da ONU.

España forma parte de organizacións globais como as Nacións Unidas (desde o 14 de decembro de 1955), a Organización do Tratado do Atlántico Norte (desde o 30 de maio de 1982) e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico.

Forma parte de organizacións de ámbito europeo como a Unión Europea (desde o 1 de xaneiro de 1986), a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o tratado da Unión Europea Occidental e a Axencia Europea de Defensa.

Finalmente forma parte de organizacións que estreitan lazos históricos e culturais do vínculo transatlántico como a Unión Latina, a Comunidade Iberoamericana de Nacións, e a ABINIA.

O goberno español contribúe ao financiamento da ONU nun 2,52% do seu orzamento anual (2006)[12].

Organización territorial

España é un país organizado territorialmente en 17 comunidades autónomas e 2 cidades autónomas. O Título VIII da constitución establece a organización territorial do Estado en municipios, provincias e comunidades autónomas, estas con competencias para xestionar os intereses de seu cun amplo nivel de autonomía, poderes lexislativos, orzamentarios, administrativos e executivos nas competencias exclusivas que o Estado lle garante a través da Constitución e de cada Estatuto de autonomía. Malia non constituirse propiamente dito como unha Comunidade Autónoma, Navarra é considerada comunidade autónoma para todos os efectos, segundo a interpretación do Tribunal Constitucional. Navarra non se constituíu propiamente como Comunidade Autónoma, senón como unha Comunidade foral carente de Estatuto de Autonomía pero foros tradicionais.

Cada comunidade autónoma está formada por unha ou varias provincias, facendo un total de 50.

Dende o ano 2003 adoptouse a Nomenclatura das Unidades Territoriais Estatísticas, ou unidades NUTS, de tres niveis, con fins meramente estatísticos baseados nas normativas europeas e fixados polo Eurostat. As 50 provincias españolas e as dúas cidades autónomas atópanse clasificadas nos niveis NUTS-3; as 17 comunidades autónomas atópanse clasificadas nos niveis NUTS-2; e para os niveis NUTS-1 creáronse os grupos de comunidades autónomas.

Reclamacións territoriais e territorios en disputa

Posesións de España no norte de África

España reclama historicamente a retrocesión da colonia (actualmente Territorio Británico de Ultramar) de Xibraltar, aínda que se amosou favorable a fórmulas de soberanía compartida. A reclamación comezou dende o intre no que tropas angloholandesas tomaron a praza en nome do arquiduque Carlos durante a Guerra de Sucesión Española (1704), pasando posteriormente a mans británicas mediante o Tratado de Utrecht (1713). A reclamación, que incluíu operacións militares, foi particularmente intensa durante o século XVIII, minguando durante o século XIX e a primeira metade do XX, sendo levada polo goberno franquista ás Nacións Unidas durante a década de 1960. Alí, encadrada nos procesos descolonizadores, España obtivo o respaldo á súa postura ao recoñecer as resolucións ao efecto (2231 e 2353) que o proceso descolonizador debía respectar o dereito á integridade territorial de España e que os intereses, e non os desexos dos xibraltareños, debían ser respectados (Véxase Historia de Xibraltar). España non recoñece, con todo, a soberanía británica sobre o istmo que une o continente co penón.

Faro de Melilla

Por outra banda, Portugal non recoñece a soberanía española sobre a comarca pacense de Olivenza, cedida por Portugal a España mediante o tratado de Badaxoz (1801). As resolucións do Congreso de Viena son interpretadas de forma diverxente por ambos os dous países. Mentres que Portugal estima que aquelas obrigaban a España a devolver Olivenza, España opina que se trata dunha simple declaración de bos desexos, sen capacidade resolutiva, razón pola que Olivenza seguiu unida a España.

Tamén a soberanía sobre o deshabitado illote de Perejil atópase disputada con Marrocos. Aínda que desaloxada tras o incidente da illa Perejil (2002), por acordo entre ambos os países non se atopa asentada alí ningunha forza militar ou policial, sen que ningunha das partes renuncie ás súas pretensións de soberanía. Por outra banda, Marrocos reclama informalmente a cesión dos territorios de Ceuta e Melilla, así como as denominadas prazas de soberanía no continente africano. Algúns movementos irredentistas en Marrocos, como o partido Istiqlal, reclaman a inclusión no denominado "Gran Marrocos" das illas Canarias. [Cómpre referencia]

Independentismo

Existen en España diversos movementos políticos de signo independentista. Estes movementos danse en Cataluña, Galicia, Navarra e o País Vasco, onde existen partidos explicitamente independentistas como a Unión do Povo Galego, Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar ou EA, así como os seguidores da chamada esquerda abertzale que non se desvinculan de ETA (a súa última denominación formal é Batasuna, partido ilegalizado en España pero legal en Francia). Doutra banda, partidos como o BNG, PNV e CiU oscilan entre posturas autonomistas e abertamente independentistas.

Xeografía

Artigo principal: Xeografía de España.
Relevo de España peninsular e Baleares.

Situada en Europa Occidental, ocupa a maior parte da Península Ibérica e, fóra dela, dous arquipélagos (o das illas Canarias no océano Atlántico e o das illas Baleares no mar Mediterráneo) e dúas cidades, Ceuta e Melilla, no norte de África.

Ademais, consta de posesións menores non continentais como as illas Chafarinas, o peñón de Vélez da Gomera e o peñón de Alhucemas, todos fronte á costa africana. A illa de Alborán, as illas Columbretes, as illas Cíes e unha serie de illas e illotes atópanse fronte ás costas peninsulares.

En extensión territorial é o cuarto país de Europa, por detrás de Rusia (que é o maior, ata tendo en conta só o territorio contido en Europa), Ucraína e Francia, e o segundo da Unión Europea.

Os límites físicos de España son os seguintes: ao oeste, Portugal e o océano Atlántico; o mar Mediterráneo ao leste; o estreito de Xibraltar, océano Atlántico e mar Mediterráneo ao sur; e os Pireneos, xunto co golfo de Biscaia e o mar Cantábrico ao norte.

Clima

As Médulas, en O Bierzo (León).
Artigo principal: Clima de España.

España ten un clima moi diverso ao longo de todo o seu territorio. Predomina o carácter mediterráneo en case toda a súa xeografía. As costas do sur e mediterráneas teñen un clima denominado mediterráneo de costa que tamén posúe o Val do Guadalquivir: temperaturas suaves, precipitacións abundantes case todo o ano excepto no verán.

A medida que nos penetramos no interior o clima é máis extremo, atopámonos co clima mediterráneo continental, que abarca case toda a Península, temperaturas baixas no inverno, altas no verán e precipitacións irregulares (dependendo da posición xeográfica). Polo xeral, as comunidades occidentais reciben máis precipitacións que as orientais. Así pois, Galicia e o Cantábrico posúen un clima oceánico, caracterizado pola abundancia de precipitacións durante todo o ano especialmente no inverno, e unhas temperaturas frescas.

O clima de montaña pódese observar en altitudes altas, Cordilleira Cantábrica, Pireneos, altos puntos da Cordilleira Ibérica, Sistema Central e Cordilleiras Béticas, así como en altitudes altas en Canarias, onde se dan temperaturas baixas (invernos fríos ou moi fríos) e precipitacións xeralmente abundantes.

Deserto de Tabernas, en Almería

Os climas áridos ou semiáridos (menos de 300 mm anuais) atopámolos en certos puntos peninsulares do leste: Almería, famoso o deserto de Tabernas ou o Cabo de Gata (onde se rexistran menos de 200 mm anuais), Guadix (Granada), Murcia, Alacant e o Val do Ebro onde o efecto Föhn é o principal causante de tan baixas precipitacións.

O carácter subtropical é característico das Illas Canarias, cunhas temperaturas cálidas durante todo o ano e poucas precipitacións (máis abundantes nas illas occidentais). Con todo, este clima tamén se dá nas costas sureñas da península (Málaga, Granada e Almería), onde teñen temperaturas relativamente suaves durante todo o ano, aínda que as precipitacións son algo máis abundantes que nas Canarias.

Sistemas montañosos

O Teide, na illa de Tenerife, é o punto máis alto de España.
O Mulhacén, na provincia de Granada, o punto máis alto da Península Ibérica.
O Aneto, o punto máis alto dos Pireneos.
Artigo principal: Relevo de España.

O relevo de España caracterízase por ser bastante elevado, cunha altitude media de 660 metros, e montañoso se o comparamos co resto de países de Europa, coas excepcións de Suíza, Austria e os microestados de Andorra e Liechtenstein, cunha altitude media bastante maior. Na España peninsular, o relevo articúlase ao redor dunha gran Meseta Central que ocupa a maior parte do centro da Península Ibérica. Fóra da meseta, está a depresión do río Guadalquivir, situada no suroeste da península, e a do río Ebro, no nordés da mesma. Os principais sistemas montañosos son: Pireneos, sistema Ibérico, cordilleira Cantábrica, sistema Central e cordilleiras Béticas (Subbética e Penibética).

Montes de maior altitude
Posición Monte Sistema Provincia Altitude (m)
1 Teide Illas Canarias Santa Cruz de Tenerife 3.718
2 Mulhacén Cordilleira Penibética Granada 3.482
3 Aneto Pireneos Huesca 3.404
4 Veleta Cordilleira Penibética Granada 3.398
5 Posets ou Llardana Pireneos Huesca 3.375
6 La Alcazaba Cordilleira Penibética Granada 3.371
7 Monte Perdido Pireneos Huesca 3.355
8 Cilindro de Marboré Pireneos Huesca 3.328
9 Perdiguero Pireneos Huesca 3.321
10 La Maladeta Pireneos Huesca 3.308
11 Viñamala Pireneos Huesca 3.299
12 Balaitus Pireneos Huesca 3.146
13 Pica d'Estats Pireneos Lleida 3.143
14 Pico Viejo Illas Canarias Santa Cruz de Tenerife 3.135
Fonte: Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional (España)


Medio ambiente

Artigo principal: Medio ambiente en España.
Emisións de CO2 durante a década de 1994 ao 2004
FONTE: Ministerio de Medio Ambiente.

Desde o ano 1996 o índice incrementáronse as emisións de CO2 notablemente, incumprindo de longo cos obxectivos do Protocolo de Kioto sobre emisións xeradoras de Efecto invernadoiro e contribuíntes do Cambio climático. Os informes de medio ambiente suxeridos polas recomendacións de revisión do inventario español levados a cabo pola Secretaría da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (SCMCC) arroxan o seguinte resultado de dióxido de carbono (equivalente en gigagramos):

España é un país especialmente afectado polo fenómeno da seca: durante o período 1880-2000 máis da metade dos anos cualificáronse como de secos ou moi secos. Na década dos 80, sete anos consideráronse secos ou moi secos e cinco nos anos 90. O cambio climático preludia para España gravísimos problemas ambientais, agravando os trazos climáticos máis extremos.[13]

Segundo o premio nobel da paz, Al Gore, España é o país europeo máis vulnerable ao cambio climático.[14]

Doutra banda, Ban Ki-moon pediu a España un "liderado aínda máis activo" na loita contra o cambio climático.[15]

Demografía

Densidade de poboación de España (2008)
Artigo principal: Demografía de España.

España contaba con 46.951.532 habitantes ao 1 de xaneiro de 2010. A densidade de poboación, de 91,13 hab/km², é menor que a da maioría doutros países de Europa Occidental e a súa distribución ao longo do territorio é moi irregular: as zonas máis densamente poboadas concéntranse na costa e ao redor de Madrid, mentres que o resto do interior atópase moi debilmente ocupado.

En 2010, 2 cidades tiñan máis de 1.000.000 de habitantes, Madrid e Barcelona, seguidas de Valencia, Sevilla, Zaragoza e Málaga, con máis de 500.000. No mesmo ano, 55 cidades tiñan poboacións comprendidas entre os 100.000 e os 500.000 habitantes. Vigo, con 297.124 habitantes, é a primeira cidade sen rango de capital en poboación, seguida de Xixón, L'Hospitalet de Llobregat e Elx, todas elas situadas entre as 20 máis poboadas do país.

Principais cidades

Artigo principal: Lista de cidades de España.
Listaxe Cidade Pob. Provincia Comunidade Autónoma

Madrid

Barcelona

Valencia

Sevilla
1 Madrid 3.141.991 Madrid Comunidade de Madrid
2 Barcelona 1.604.555 Barcelona Cataluña
3 Valencia 786.189 Valencia Comunidade Valenciana
4 Sevilla 693.878 Sevilla Andalucía
5 Zaragoza 664.953 Zaragoza Aragón
6 Málaga 569.130 Málaga Andalucía
7 Murcia 439.889 Murcia Rexión de Murcia
8 Palma de Mallorca 400.578 Illas Baleares Illas Baleares
9 As Palmas de Gran Canaria 379.766 As Palmas Illas Canarias
10 Bilbao 345.141 Biscaia País Vasco
11 Alacant 328.648 Alacant Comunidade Valenciana
12 Córdoba 327.362 Córdoba Andalucía
13 Valladolid 303.905 Valladolid Castela e León
14 Vigo 294.098 Pontevedra Galicia
15 Xixón 274.290 Asturias Asturias
16 L'Hospitalet de Llobregat 252.171 Barcelona Cataluña
17 Vitoria-Gasteiz 243.918 Áraba País Vasco
18 A Coruña 243.870 A Coruña Galicia
19 Granada 237.540 Granada Andalucía
20 Elx 227.312 Alacant Comunidade Valenciana
21 Oviedo 221.870 Asturias Asturias Asturias
22 Cartagena 216.301 Murcia Murcia Rexión de Murcia
23 Badalona 215.654 Barcelona Cataluña Cataluña
24 Terrassa 215.214 Barcelona Cataluña Cataluña
25 Xerez da Fronteira 212.876 Cádiz Andalucía Andalucía
Censo 2015[16]

Distribución da poboación por illas

Artigo principal: Lista de illas de España.

As illas españolas máis poboadas no ano 2007 segundo o Instituto Nacional de Estadística eran:

  1. Tenerife - 886.033 hab.
  2. Mallorca - 846.210 hab.
  3. Gran Canaria - 829.597 hab.
  4. Lanzarote - 132.366 hab.
  5. Eivissa - 113.908 hab.
  6. Fuerteventura - 94.386 hab.
  7. Menorca - 86.697 hab.
  8. La Palma - 85.933 hab.
  9. La Gomera - 22.259 hab.
  10. El Hierro - 10.558 hab.
  11. Formentera - 7.957 hab.
  12. Arousa - 4.889 hab.
  13. La Graciosa - 658 hab.
  14. Tabarca - 105 hab.
  15. Ons - 61 hab.

Inmigración en España

Artigo principal: Inmigración en España.

Nos últimos anos España presenta unha considerable diminución na taxa de inmigración neta, deixando de posuír unha das maiores taxas de inmigración de Europa (en 2005, de 1,5% anual só superado na UE por Chipre) Na actualidade a súa taxa de inmigración neta chega só ao 0,99%, ocupando o posto n° 15 na Unión Europea. É ademais, o 9° país con maior porcentaxe de inmigrantes dentro da UE, por baixo de países como Luxemburgo, Irlanda, Austria ou Alemaña. No 2007, o 9,93% da poboación española era de nacionalidade estranxeira, mentres que no 2005 recibiu o 38,6% da inmigración extracomunitaria cara á UE, sobre todo de cidadáns de orixe iberoamericana, doutros países de Europa Occidental, de Europa Oriental e do Magreb. En 2009, un 12% da poboación residente é de orixe estranxeiro, cun maior número de romaneses (796.576 habitantes), marroquíes (710.401) e ecuatorianos (413.715). Os cidadáns da Unión Europea representan un 40,5% do total de cidadáns estranxeiros residentes en España.

Linguas

Artigo principal: Idiomas de España.
LINGUAS OFICIAIS
     Castelán ou Español (oficial e falada en todo o territorio)      Catalán / Valenciano (cooficial)      Galego (cooficial)      Éuscaro (cooficial)      Aranés (variante do Occitano, cooficial co catalán)
LINGUAS NON OFICIAIS
     Asturleonés      Estremeño      Aragonés      Fala (variante do galego)

O idioma oficial e o máis falado no conxunto de España, por un 99% da poboación, é o español ou castelán, lingua materna do 89% dos españois.[17]

Ademais fálanse outras linguas, que poden ser oficiais nas súas rexións de acordo coa Constitución ou os Estatutos de Autonomía de cada Comunidade Autónoma. Ordenadas por número de falantes, estas linguas son:

Tamén se falan patrimonialmente outras linguas ou dialectos románicas que non teñen estátus de lingua oficial:

Outras linguas autóctonas, non recoñecidas oficialmente e con poucos falantes son o portugués, falado en localidades fronteirizas de Estremadura, practicamente desaparecido; o bérber, falado na cidade autónoma de Melilla e o árabe, falado na cidade autónoma de Ceuta.

Economía

Fachada do Banco Español de Crédito, en Barcelona
Artigo principal: Economía de España.

España é actualmente a novena potencia económica mundial e chegou a ser a sétima, segundo o PIB nominal. Tradicionalmente España foi un país agrícola e aínda é un dos maiores produtores de Europa Occidental, pero desde mediados da década de 1950 o crecemento industrial foi rápido e pronto alcanzou un maior peso que a agricultura na economía do país. Unha serie de plans de desenvolvemento, que se iniciaron en 1964, axudaron a expandir a economía, pero a finais da década de 1970 comezou un período de recesión económica por mor da subida dos prezos do petróleo, e un aumento das importacións coa chegada da democracia e a apertura de fronteiras. Con posterioridade, incrementouse o desenvolvemento das industrias do aceiro, estaleiros, téxtiles e mineiras. Na actualidade, a terciarización da economía e da sociedade española queda clara tanto no produto interior bruto (contribución en 2005: un 67%) como na taxa de emprego por sectores (65%). Os ingresos obtidos polo turismo permiten equilibrar a balanza de pagamentos. Desde que España ingresou como membro de pleno dereito na Unión Europea as políticas económicas evolucionaron en función desta grande organización supranacional (PAC, IFOP, ...).

Agricultura

Viñedos da Rioxa.

A agricultura foi ata a década de 1960 o soporte principal da economía española, pero actualmente emprega só ao redor do 5% da poboación activa. Os principais cultivos son trigo, cebada, remolacha azucreira, millo, patacas, centeo, avea, arroz, tomates e cebola. O país ten tamén extensos viñedos e hortos de cítricos e oliveiras. En 2005 a produción anual (expresada en toneladas) de cereais foi de 14 millóns; dos cales 3,8 foron de trigo, 8,3 de cebada, 4 de millo e 126.100 t de centeo. A produción anual doutros importantes produtos era: 6,7 millóns de toneladas de remolacha azucreira, 2,6 millóns de patacas, 5,9 millóns de uvas, 3,9 millóns de tomates, case 3 millóns de laranxas, e algo menos de 1 millón de cebolas.

As condicións climáticas e topográficas fan que a agricultura de secaño sexa obrigatoria nunha gran parte de España. As provincias do litoral mediterráneo teñen sistemas de regadío desde fai tempo, e este cinto costeiro que anteriormente era árido converteuse nunha das áreas máis produtivas de España, onde é frecuente atopar cultivos baixo plástico. No val do Ebro pódense atopar proxectos combinados de regadío e hidroeléctricos. Grandes zonas de Estremadura están irrigadas con augas procedentes do río Guadiana por medio de sistemas de rega que foron instalados grazas a proxectos gobernamentais (Plan Badaxoz e regadíos de Coria, entre outros). As explotacións de regadío de pequeno tamaño están máis estendidas polas zonas de clima húmido e pola horta de Murcia e a horta de Valencia.

Cartel publicitario dunha compañía adegueira convertido nunha imaxe iconográfica do touro de lida.

Gandaría

En especial a ovina e a porcina, ten unha importante transcendencia económica. En 2005 a cabana gandeira contaba con 22,7 millóns de cabezas de gando ovino, 25,1 millóns de gando porcino, 6,5 millóns de gañado vacún, 3 millóns de gando caprino, 240.000 cabezas de gañado cabalar e 131 millóns de aves de curral. En España producíronse preto de 32 millóns de kg de mel no ano 2001.

Silvicultura e pesca

A cortiza é o principal recurso forestal de España e en 2001 a produción foi de 57.581 toneladas. A produción de polpa de papel e madeira dos bosques españois é insuficiente para cubrir as necesidades do país.

A industria pesqueira é menos importante hoxe para a economía española que en tempos pasados, a pesar de que ocupa os primeiros postos entre os países europeos tanto polo volume da súa flota como o das capturas. A captura anual ascendeu a 1,2 millóns de t en 2004 e estaba formada principalmente por atún, luras, pescada, sardiñas (Vigo e Isla Cristina), anchoas (portos do Cantábrico), caballa, pixota e mexillóns. Desde fai unhas décadas a acuicultura (mariña e continental) tivo un gran desenvolvemento, destacando a cría de dourada, robaliza, mexillón, troitas, rodaballo e salmón; a produción total en 2003 foi de 311.287 toneladas. A maior parte desta captura dáse en Galicia.

Minaría

Monumento ao mineiro en Riotinto, Huelva.

A minería española desde 1996 estivo marcada pola redución progresiva e obrigada na extracción de carbóns, un certo estancamento na minería metálica e o crecemento constante dos minerais e rocas industriais (celestina, sulfato sódico, sepiolita, fluorita, xeso, feldespato, xisto, mármore, granito...) cada vez con maior peso no sector mineiro. En 2003 a produción mineira anual (en toneladas) englobaba uns 20,6 millóns de carbón e lignito, 265.000 de mineral de ferro, 70.000 de concentrados de cinc, 2.000 de chumbo, 6,5 millóns de xeso, e 2.409.554 barrís de petróleo cru ao ano.

En 2001 os principais produtos mineiros enerxéticos foron o lignito e a hulla; entre os minerais metálicos destacou o cinc e entre as rocas e minerais industriais, a sal común e as arxilas especiais. As principais minas de carbón están en Asturias e no norte da provincia de León; os principais depósitos de mineral de ferro atópanse ao redor de Santander e Bilbao; Almadén (Cidade Real) foi moi produtiva na extracción de mercurio; e Andalucía destaca pola minería metálica, con máis da metade da produción do país.

Industria

En España prodúcense, entre outros, téxtiles, ferro e aceiro, vehículos de motor, produtos químicos, confección, calzado, barcos, refino de petróleo e cemento, destacando polo seu valor os sectores industriais da alimentación e bebidas e do material de transporte. España é un dos primeiros produtores mundiais de viño; a produción en 2003 foi duns 30 millóns de hectolitros. A industria siderúrxica, antes da súa reconversión da década de 1990, estivo concentrada en Bilbao, Santander, Oviedo e Avilés.

Enerxía

Central de enerxía solar en Sanlúcar la Mayor (Sevilla).
Parque eólico da Capelada.
Artigo principal: Enerxía en España.

O sector enerxético en España supón aproximadamente un 5% do Produto interior bruto do país, a súa importancia vai máis aló da súa participación na produción total, ao constituír un sector de carácter estratéxico do que necesitan todas as ramas da actividade económica, sendo a enerxía considerada necesaria para calquera clase de produción de bens e servizos. Un dos elementos máis destacados do sector enerxético en España, nos dous últimos séculos, foi a escaseza e pobreza dos recursos enerxéticos existentes no territorio nacional. Esta escaseza condenou tradicionalmente ao sistema enerxético nacional a unha situación de déficit e dependencia exterior. O grao de autoabastecemento exterior cífrase en 2008, nun 25% que se deriva dun consumo de enerxía primaria en 2008 de 142.070 quilotoneladas equivalentes de petróleo (Ktep), cun descenso do 3,1% sobre o de 2007 e una produción de só 30.348 Ktep.[20]

A demanda enerxética en España desde o ano 2002 foi crecendo en torno ao 3,5% anual, con algunhas variacións, como no ano 2003 cun crecemento próximo ao 7%. Cun incremento de consumo desde os 211.500 GWh do 2002 aos 253.600 do ano 2006.[21]

En 2003, o 48,9% da enerxía producida en España foi de orixe nuclear [Cómpre referencia] (16.422 Ktep ou miles de toneladas equivalentes de petróleo) e o 21,7% xerouse en centrais térmicas de carbón. A produción de enerxía hidráulica e doutras renovables, como a eólica e solar, aumenta de ano en ano.

Segundo un informe de Ernst&Young de outubro de 2008, España é o quinto país do mundo máis atractivo para investir en enerxías renovables, tras Estados Unidos, Alemaña, India e China.[22]

En enerxías renovables, España é o primeiro produtor de enerxía solar e o segundo de enerxía eólica do mundo.

Tras o "boom" de instalación de paneis fotovoltaicos en España durante o 2008, a potencia real de produción de enerxía solar podería chegar aos 3.130 MW, superando a Alemaña que era o primeiro produtor, segundo datos da Comisión Nacional da Enerxía (CNE)[23].

Desde fai uns anos en España é maior a capacidade teórica de xerar enerxía eólica que nuclear e é o segundo produtor mundial de enerxía eólica, despois de Alemaña, e chegou a ser o primeiro no 2003[24]. España e Alemaña tamén chegaron a producir en 2005 máis electricidade desde os parques eólicos que desde as centrais hidroeléctricas.

Turismo

Artigo principal: Turismo en España.
Cala Galdana, Menorca

España é o segundo país do mundo que recibe máis turistas estranxeiros, segundo datos da Organización Mundial de Turismo, tan só por detrás de Francia, e goza dunha cota do 7% do turismo mundial, por diante de Estados Unidos e Italia.

O turismo reportoulle a España 48.181 millóns de euros durante o ano 2006, o que supón un 4,7 por cento máis que en 2005, e sitúaa en segunda posición en ingresos económicos, por detrás de Estados Unidos, e por diante de Francia e Italia.

Entre xaneiro e decembro de 2006 recibiu un total de 58,8 millóns de turistas estranxeiros, un 4,5% máis dos rexistrados no mesmo período do ano anterior, segundo datos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Cataluña é o primeiro destino turístico de España. Os 15 millóns de turistas que recibiu supón un 25,3% do total das chegadas rexistradas en toda España, e representan un incremento do 6,9% respecto ao mesmo período do ano anterior.

Donostia-San Sebastián

O segundo destino turístico de España son as Illas Baleares, que recibiron 10,1 millóns durante o 2006, un 4,7% máis que o ano anterior. As Canarias, con 9,6 millóns de turistas (un 1,8% máis que o ano anterior) é o terceiro destino turístico por diante de Andalucía, que alcanzou os 8,5 millóns (un 2,3% máis), a Comunidade Valenciana, con 5,5 millóns (un 1,5% máis) e Madrid, que recibiu 3,9 millóns de turistas (un 14,7 % máis). Cabe sinalar que a capital española alberga a sede da Organización Mundial do Turismo.

Segundo as previsións da Organización Mundial de Turismo, a chegada de turismo estranxeiro a España crecerá unha media do 5% anual nos próximos vinte anos, o que fai prever que España recibirá 75 millóns de turistas estranxeiros no ano 2020, case 20 millóns máis que os recibidos no ano 2005.

Moeda e banca

Ficheiro:1 euro coin Es serie 1.png
Moeda de 1 euro de España

A unidade monetaria é o euro (aproximadamente, un euro cámbiase a 1,2 dólares estadounidenses) e emítese polo Banco de España, en coordinación co Banco Central Europeo. Desde o 1 de xaneiro de 1999, o euro vinculouse ao valor da peseta, cun cambio fixo de 166,386 pesetas por euro. O 1 de xaneiro de 2002, a peseta deixou de circular, sendo o euro a única moeda de curso legal, aínda que os cidadáns en posesión de pesetas sempre poderán cambialas por euros no Banco de España.

O país conta cun potente sistema bancario, con gran número de bancos comerciais e caixas de aforros, que en total alcanzan unha capitalización 79.770.000.000 €, o 6,50% do total mundial (datos de abril de 2008)[Cómpre referencia], e que lle sitúa o 4º do mundo, por detrás de Estados Unidos, Reino Unido e Suíza. Dous bancos españois sitúanse entre os 20 primeiros do mundo por capitalización bolsista: Santander Central Hispano (11º) e BBVA (19º)[Cómpre referencia]. As principais bolsas atópanse en Madrid, Barcelona, Bilbao e Valencia. Noutras cidades operan bolsines[25].

Exportacións a Importacións de
País Porcentaxe País Porcentaxe
Francia 19,3 % Modelo:GER 15,0 %
Modelo:GER 11,4 % Francia 14,5 %
Portugal Portugal 9,4 % Italia Italia 8,5 %
Reino Unido Reino Unido 8,5 % Reino Unido Reino Unido 5,8 %
Italia Italia 8,4 % Países Baixos Países Baixos 4,9 %
Estados Unidos de América Estados Unidos 4,0 % China 4,3 %
Países Baixos Países Baixos 3,1 % Bélxica Bélxica 3,7 %
Bélxica Bélxica 2,8 % Portugal Portugal 3,3 %
Outros 33,1 % Outros 40,0 %
Fonte: INE, 2005

Comercio exterior

En 2003, España importou produtos por valor de 210.860 millóns de dólares e as exportacións ascenderon a 158.213 millóns de dólares co cal España importa máis do que exporta.

Entre as principais importacións atopábanse combustibles minerais e lubricantes, maquinaria e equipos de transporte, petróleo, produtos manufacturados, alimentos, animais vivos e produtos químicos. Os principais produtos exportados son: maquinaria e equipos de transporte, alimentos e animais vivos, vehículos de motor, ferro e aceiro, téxtiles e artigos de confección. Os principais intercambios comerciais de España teñen lugar cos demais países da Unión Europea (destacando Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, os países do Benelux e Portugal), Estados Unidos e Xapón. Os ingresos por turismo, que en 2004 ascenderon a uns 37.250 millóns de euros, axudan a compensar o déficit da balanza comercial española; o número de persoas que visitaron o país nese mesmo ano foi duns 85 millóns.

Ciencia e tecnoloxía

Gran Telescopio Canarias, pertencente ao Instituto de Astrofísica de Canarias.

España está ben equipada en termos de infraestrutura tecnolóxica e industrial, habendo proliferado nos últimos anos os parques tecnolóxicos nas principais áreas industriais, así como ao redor das Universidades e Centros de Investigación e Desenvolvemento (I+D). Actualmente existen 41 parques tecnolóxicos (12 en funcionamento e 29 en proxecto). Nestes parques están establecidas 1080 empresas, 108 Centros de I D e 12 incubadoras. O gasto en I+D creceu fortemente nestes últimos anos. O novo Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento (2004-2007) prevé que o gasto alcance o 1,4% do Produto Interior Bruto en 2007.

Vivenda

Artigo principal: Vivenda en España.

España tiña un parque de 24.677.227 vivendas a finais do ano 2006, segundo datos do Banco de España, sobre un total de 16,03 millóns de fogares españois. Estas cifras indican unha media de 1,54 vivendas por fogar español. Segundo as mesmas fontes, o 85% das vivendas en España son de propiedade, e só un 15% gózanse en réxime de alugueiro.

O prezo medio da vivenda nova en España é de 2510 €/km² segundo datos da Sociedade de Tasación a 31 de decembro de 2005. O prezo da vivenda, con todo, varía ostensiblemente en función das comunidades autónomas e as capitais de provincia.

Transporte

Artigo principal: Transporte en España.
Avión A320 de Iberia, primeira compañía aérea de bandeira española, fundada en 1927.

España conta con 105 aeroportos situados nas distintas rexións, deles 33 son internacionais, onde operan máis de 250 liñas aéreas, sendo o máis importante o aeroporto de Madrid-Barajas. Tras a ampliación de Barajas, este pretende ser un dos aeroportos de conexión máis importantes do mundo e ter unha capacidade para 70 millóns de viaxeiros, case 30 millóns máis que no 2005. Barajas realiza un importante papel de "hub" ou conexión entre capitais de provincia e o estranxeiro. O aeroporto de Barcelona, non queda atrás, e tras a inminente inauguración da nova Terminal sur (T4 ou D) en 2008, será o segundo aeroporto do sur de Europa máis importante, con 60 millóns de pasaxeiros ao ano, uns 30 millóns máis que no 2005. Tamén, no 2012, seguirá a ampliación do aeroporto de Barcelona coa Terminal 5 ou E, que aumentará a capacidade do aeroporto ata os 75 millóns de pasaxeiros, uns 15 millóns máis que coas 4 terminais operativas. O terceiro aeroporto a destacar con diferencia é o aeroporto de Palma de Mallorca, con 23 millóns de pasaxeiros en 2007, concentrados basicamente nos meses de verán.

As vías e estacións da rede de largo ibérico son xestionadas por ADIF. Nelas ofrece os seus servizos a compañía ferroviaria estatal Renfe Operadora (que antigamente formaba con ADIF a compañía RENFE). Ademais, existen diversas redes de largo internacional (FGC) e algunhas liñas de largo métrico (FEVE). O sistema ferroviario español é fundamentalmente radial con centro en Madrid. A cidade de Barcelona permite conectar España con París, Zúric e Milán entre outras cidades europeas.

Tren de alta velocidade (AVE)

Os servizos de Alta Velocidade Española (AVE) prestados por Renfe Operadora reducen á metade o tempo de desprazamento en coche e alcanzan máis de 250 km/h. A velocidade máxima comercial dos seus trens é de 300 km/h e a súa velocidade punta é de 356,8 km/h. Para 2020 o Goberno de España ten previsto contar coa maior rede de alta velocidade ferroviaria do mundo, con 2.230 km, superando a países como Xapón ou Francia.[26]

A rede de metro está dispoñible en sete cidades: Alacant, Barcelona, Bilbao, Madrid, Sevilla, Valencia e Palma de Mallorca. Está en construción en cidades como Granada, Málaga e Xixón; e planificada para Córdoba, Santander e Zaragoza. A máis extensa e con maior número de pasaxeiros ao ano é a de Madrid (310 km; 616 millóns de viaxeiros), seguida pola de Barcelona (115 km; 480 millóns de viaxeiros).

A rede de estradas española está formada por uns 370.000 km. Esta rede comprende autoestradas de peaxe, autoestradas libres, autovías, estradas de dobre calzada e estradas convencionais. Nesta cifra non están incluídas as estradas e rúas no medio urbano, nin as estradas ou camiños agrícolas ou forestais. Pero referíndose a autoestradas soamente, ten unha rede que case chega aos 13.200 km. O plan de inversión do Goberno supón que España contará no ano 2010 cunha rede de autoestradas de máis de 13.000 km, converténdose nunha das máis amplas e modernas do mundo.

Un dos Ferrys que realiza o traxecto Algeciras-Ceuta.

Así mesmo, España goza de excelentes comunicacións marítimas con máis de 53 portos internacionais nas costas atlántica e mediterránea. Cabe destacar o porto de Algeciras, o único de España considerado de primeira orde mundial polo seu elevado movemento de viaxeiros e mercancías, así como o porto de Vigo, sendo tamén un dos máis activos en canto a tráfico de mercancías, capturas vivas de peixe e conxelados. O porto de Sevilla é o único de carácter netamente fluvial que existe no país, pois aínda que a cidade está no interior, ten saída ao mar a través do río Guadalquivir. O veciño porto de Cádiz é un punto estratéxico para o embarque de mercancías cara ao arquipélago atlántico das Canarias. O porto de Barcelona, por ser líder do Mediterráneo en tráfico de cruceiros, e o segundo en ámbito mundial, así como o porto de Tarragona.

Telecomunicacións

Palacio de Comunicacións na Praza Cibeles de Madrid.

Finalmente, España posúe unha boa rede de telecomunicacións; á extensa rede de cable de fibra óptica convencional hai que engadir unha das maiores redes de cable submarino e conexión vía satélite cos cinco continentes.

O operador maioritario en telefonía e acceso a Internet é a multinacional Telefónica, con sede en Madrid, que opera tanto en telefonía fixa como móbil, e procede do monopolio estatal da telefonía. Con todo, o mercado de telecomunicacións está aberto á competencia en todos os seus sectores desde a ruptura do monopolio, en 1994 para a telefonía móbil coa aparición de Airtel e en 1998 en fixa coa saída ao mercado de Retevisión.

En telefonía fixa e acceso a Internet, na actualidade existe un mercado de acceso por cable organizado por demarcacións na maior parte das cales opera ONO, ademais dalgunhas empresas de ámbito rexional nas súas respectivas demarcacións. Ademais, o operador dominante (Telefónica) está obrigado a permitir a terceiras empresas a prestación de servizos na súa rede mediante o alugueiro dos pares de cobre da súa propiedade e de espazo nas súas centrais.

En telefonía móbil, existen catro operadores con rede propia e un número considerable de operadores móbiles virtuais que se reparten un mercado no que, desde 2006, hai oficialmente máis liñas que habitantes. España é un dos países da Unión Europea con maior extensión e calidade de cobertura; segundo un estudo do Ministerio de Industria de 2006, o 98% do territorio español conta con cobertura GSM, por diante de países como Francia, Italia ou Alemaña.[27]

Relixión

Fachada da Catedral de Santiago de Compostela (A Coruña).
Artigo principal: Relixión en España.

O artigo 16.3 da Constitución Española vixente define o país como un Estado aconfesional: "Ningunha confesión terá carácter estatal". Con todo, garante a liberdade relixiosa e de culto dos individuos e asegura relacións de cooperación entre os poderes públicos, e todas as confesións relixiosas.

O catolicismo é a relixión predominante no país. A igrexa Católica é a única mencionada expresamente na Constitución, no mesmo artigo 16.3: "... e manterán as consecuentes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións". O 77,3% dos españois considerábanse católicos, segundo un estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas realizado en 2007. Seguindo aos católicos, os ateos ou agnósticos supón o 18,9% e outras relixións minoritarias o 1,7%.[28] No entanto, a porcentaxe de practicantes é moito menor. Segundo o mesmo estudo, só un 18,5% acode a misa de forma regular. Un 2,3 acode a misa varias veces á semana, e un 16,2 os domingos e festivos. Este grupo cumpre as disposicións da propia Igrexa católica sobre asistencia á eucaristía. Un 11,3 adicional acode algunha vez ao mes. Por outra banda, segundo un estudo do 19 de abril de 2005 do New York Times, só o 18% dos españois acode a misa de forma regular.

Fachada da Sagrada Familia, en Barcelona.

Entre os menores de 30 anos, esa porcentaxe redúcese ao 14%. O 46% dos mozos españois de 15 a 24 anos din ser agnósticos, ateos ou indiferentes, o que indica o declive da relixiosidade da poboación.

En canto a membros, a segunda relixión en importancia é a musulmá. Calcúlase que hai uns 800.000 fieis, procedentes fundamentalmente das recentes ondas de inmigración. Séguenlles os Testemuñas de Xehová con 103.784 fieis. Hai tamén varias igrexas protestantes, que suman preto de 50.000 seguidores (a estatística propia dos protestantes en España indica 1.200.000, dos cales 400.000 son españois e o resto son estranxeiros que residen en España máis de seis meses),[29] así como uns 20.000 mormons; pola súa banda, a comunidade xudía en España non supera os 15.000 fieis.

En España existe o concepto de relixión de notorio arraigamento, un status concedido polo Ministerio de Xustiza a través da Dirección Xeral de Asuntos Relixiosos tras o informe correspondente da Comisión Asesora de Liberdade Relixiosa. Alén do catolicismo, teñen o carácter de relixións de notorio arraigo as seguintes (por orden de acordo): protestantismo, xudaísmo, islam (todas dende 1992), mormones, testemuñas de Xehová e budismo, esta última aceptada en 2007.

Cultura

Artigo principal: Cultura de España.

Festas oficiais

O calendario de festas oficiais fíxase cada ano, dependendo da distribución semanal. O repertorio de festas comúns para toda España adoita elixirse de entre as seguintes;

Data Festa Observacións
1 de xaneiro Aninovo -
6 de xaneiro Epifanía Día dos Reis Magos
19 de marzo San Xosé (non é festivo en todo o país)
marzo ou abril
(Semana Santa)
Xoves Santo (non é festivo en todo o país)
Venres Santo -
Luns de Pascua É festivo en Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Navarra e País Vasco
1 de maio Día do Traballador -
25 de xullo Santiago Apóstolo Patrono de España para a Igrexa Católica Romana[30]
É festivo en Galicia, Comunidade de Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa
15 de agosto Asunción de María -
12 de outubro Festa Nacional de España Data do Descubrimento de América, Día da Hispanidade
e Festividade de Nosa Señora do Pilar
1 de novembro Día de Tódolos Santos -
6 de decembro Día da Constitución Data de aprobación da Constitución de 1978
8 de decembro Inmaculada Concepción Patrona de España para a Igrexa Católica Romana[31]
25 de decembro Día de Nadal Nacemento de Xesús


Ademais de nove festividades de ámbito nacional, cada Comunidade Autónoma pode fixar dous festivos, á parte do día da Comunidade Autónoma, e cada municipio outros dous, de tal forma que o máximo de días festivos en cada localidade non exceda de catorce.

Festividades relixiosas de ámbito público

Artigo principal: Semana Santa en España.

A relixión católica foi a predominante en España ao longo da Historia. Así pois, é significativo e transcendente o papel festivo que desempeñan nalgunhas cidades como Granada, León, Málaga, Sevilla ou Valladolid entre outras.

As festividades relixiosas de ámbito público que destacan son aquelas relacionadas coa Semana Santa (como as de Cartagena, Cuenca, Elx, Hellín, León, Lorca, Málaga, Salamanca, Sevilla, Valladolid e Zamora) e a Pascua, especialmente o Pentecoste e o Corpus Christi (como en Béjar, Ponteareas, Tarragona ou Valencia).

Arte

La Granja de San Ildefonso (Segovia).
Artigo principal: Arte de España.

Os diferentes pobos que pasaron por España ao longo da Historia, a situación fronteiriza da Península entre dous continentes con tradicións culturais moi diversas, o longo período de influencia política da monarquía hispánica, e a expansión da mesma no continente americano, determinaron que o acervo cultural, artístico e patrimonial de España sexa un dos máis ricos, variados e influentes de Occidente.

España foi berce de grandes autores en practicamente todas as disciplinas artísticas, sendo singularmente relevante a achega española ao campo da pintura, con xenios de signficación universal, como Velázquez, Goya ou Picasso, e da literatura, que deu os nomes imprescindibles de Cervantes, Quevedo, Galdós ou Lorca, entre outros moitos.

Patrimonio da Humanidade

Casas Colgadas, en Cuenca
Alcázar de Segovia
Baía da Concha, en San Sebastián
Muralla de Lugo
Acueduto de Segovia
Igrexa de Sant Climent de Taüll, en Lleida
Casco antigo de Cáceres

Cabe destacar que España é o segundo país do mundo, tras Italia, con máis monumentos Patrimonio da Humanidade. Na actualidade conta con 40, máis os Pireneos que comparte con Francia.

Patrimonio da Humanidade en España
Ano Nome Localización
1984 Parc Güell, Palau Güell e Casa Milà Barcelona
Mosteiro e Real Sitio de El Escorial El Escorial (Madrid)
Catedral de Burgos Burgos
Alhambra, El Generalife e Albaicín Granada
Centro histórico de Córdoba Córdoba
1985 Monumentos de Oviedo e do Reino de Asturias Asturias
Cova de Altamira e Arte rupestre paleolítico do Norte de España Santillana del Mar (Cantabria)
Asturias, Cantabria e País Vasco
Cidade vella de Segovia e o Acueduto Segovia
Cidade vella de Santiago de Compostela Santiago de Compostela (A Coruña)
Cidade vella de Ávila e igrexas extra-muros Ávila
1986 Arquitectura mudéxar de Aragón Aragón
Parque Nacional de Garajonay La Gomera (Santa Cruz de Tenerife)
Cidade vella de Cáceres Cáceres
Cidade histórica de Toledo Toledo
1987 Catedral, Reales Alcázares e Arquivo de Indias Sevilla
1988 Cidade vella de Salamanca Salamanca
1991 Mosteiro de Poblet Vimbodí i Poblet (Tarragona)
1993 Conxunto arqueolóxico de Mérida Mérida (Badaxoz)
Real Mosteiro de Santa María de Guadalupe Guadalupe (Cáceres)
Camiño de Santiago Galicia, Castela e León,
A Rioxa, Navarra e Aragón
1994 Parque Nacional de Doñana Almonte e Hinojos (Huelva) e Aznalcázar (Sevilla)
1996 Cidade histórica fortificada de Cuenca Cuenca
Lonxa da seda de Valencia Valencia
1997 Palau de la Música Catalana e Hospital de Sant Pau Barcelona
As Médulas Carucedo (León)
Mosteiros de San Millán de Yuso e de Suso San Martín de la Cogolla (A Rioxa)
Pireneos-Monte Perdido Bielsa, Broto, Fanlo, Puértolas, Tella-Sin e Torla (Huesca)
1998 Arte rupestre do Arco Mediterráneo da Península Ibérica Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha,
Cataluña, Comunidade Valenciana e Murcia
Universidade e recinto histórico de Alcalá de Henares Alcalá de Henares (Madrid)
1999 Eivissa, biodiversidade e cultura Eivissa (Illas Baleares)
San Cristóbal de la Laguna San Cristóbal de la Laguna (Santa Cruz de Tenerife)
2000 Sitio Arqueolóxico de Atapuerca Ibeas de Juarros (Burgos)
Palmeiral de Elx Elx (Alacant)
Igrexas románicas catalanas de La Vall de Boí La Vall de Boí (Lleida)
Muralla romana de Lugo Lugo
Conxunto arqueolóxico de Tarraco Tarragona
2001 Misterio de Elx Elx (Alacant)
Paisaxe cultural de Aranjuez Aranjuez (Madrid)
Construcións, arte e historia de Aragón Aragón
2003 Conxuntos monumentais renacentistas de Baeza e Úbeda Baeza e Úbeda (Xaén)
2005 Portal da Natividade da Sagrada Familia e Cripta da Colonia Güell Barcelona
2006 Ponte de Biscaia Portugalete e Getxo (Biscaia)
2007 Parque Nacional do Teide Tenerife (Santa Cruz de Tenerife)
2009 Torre de Hércules A Coruña
2009 Minas de Almadén Almadén (Cidade Real)


Tauromaquia

Praza de touros de Málaga.

En boa parte de España consérvase a tradición de realizar diversos espectáculos taurinos, tales como encerros ou corridas de touros, que son obxeto de moitas festas populares, como os populares Sanfermines de Pamplona.

As prazas de touros con maior afluencia, así como transcendencia na tempada taurina son a de Las Ventas en Madrid, a Monumental en Pamplona, e La Maestranza en Sevilla, así como a praza de touros de Valencia. Outras prazas destacadas son La Monumental en Barcelona e as prazas de touros de Córdoba, Málaga, Bilbao, Zaragoza e San Sebastián.

Existen por outra banda grupos antitaurinos que consideran que o toureo é unha práctica cruel e o encadran dentro da tortura animal , fundamentándoo en que atenta contra os dereitos dos animais, e que non pode ser considerada nin unha manifestación cultural, artística nin deportiva.[32]. Nas Canarias están prohibidos os espectáculos taurinos e en Cataluña no ano 2010 prohibiuse a celebración das touradas, por vía parlamentar. Así mesmo, algúns municipios de Galiza, un dos territorios do Estado con menor afección á tauromaquia,[33] aprobaron mocións prohibíndoas, como son os casos de Cangas do Morrazo, Vedra, Dodro, A Pobra do Brollón e Teo.[34]

Deportes

A selección española de fútbol celebra a consecución do Campionato Europeo de seleccións nacionais de 2008.
Artigos principais: Deporte en España e Fútbol en España.

O deporte en España é dominado, principalmente, polo fútbol (desde o século XX), o baloncesto, o ciclismo, o tenis, o balonmán, e polos deportes de motor, sendo o atletismo o máis practicado. Hoxe en día, España, é unha potencia mundial no ámbito deportivo, sobre todo desde os Xogos Olímpicos de 1992 na cidade de Barcelona, que promocionou gran variedade de deportes no país. España é tamén unha potencia mundial nas artes marciais, especialmente karate, taekwondo e judo.

España tivo campións do mundo en deportes tan dispares como: fútbol sala, padel, balonmán, hóckey patíns, waterpolo, vea, karate, judo, taekwondo, boxeo, tenis, atletismo, ximnasia, trial, enduro, tríatlon, natación, windsurf, golf, motociclismo, rally, ciclismo e, máis recentemente, Fórmula 1, baloncesto e fútbol.

En España celébrase anualmente no verán a Volta ciclista a España.

En 2010 España gañou a Copa Mundial de Fútbol FIFA de seleccións nacionais, tras vencer 1-0 a Holanda na final, converténdose na oitava selección mundial que consigue esta competición.

Medios de comunicación

A televisión é o principal medio de comunicación do país, con seis canles analóxicas de ámbito estatal e varias de ámbito autonómico. As principais canles do país son La 1, La 2, Antena 3, Cuatro, Telecinco e laSexta. Tras efectuarse en 2010 o «apagamento analóxico», o único sistema de transmisión do sinal é o dixital. A este respecto, existen tanto canles de pago como canles gratuítas.

Os principais xornais de pago non deportivos de circulación nacional son El País e El Mundo, ós que se suman ABC, La Razón, Público e La Vanguardia e La Gaceta; ademais dos gratuítos 20 minutos, Qué! e ADN. Na prensa deportiva destacan Marca e As.

En canto a emisoras de radio cabe destacar RNE, Cadena SER, Cadena COPE, Onda Cero e Punto Radio como radios xeralistas nacionais, e Los 40 Principales ou Cadena 100 como radios temáticas.

En canto ao Terceiro Sector da Comunicación (medios de comunicación sen ánimo de lucro, principalmente locais, e dedicados a dar un servizo á súa comunidade) moitos deles están agrupados na Rede de Medios Comunitarios,[35] con sede en Cuac FM (A Coruña).

Notas

  1. 1,0 1,1 Título preliminar da Constitución española
  2. Nas outras linguas oficiais: en castelán: Reino de España; en catalán: Regne d'Espanya; en éuscaro: Espainiako Erresuma; en aranés (occitano): Regne d'Espanha
  3. Casaquistán e Turquía teñen parte do seu territorio en Europa e son maiores que España, ao igual que Rusia. Tívose en conta só a parte europea dos países con todo a parte do seu territorio en Europa.
  4. "GDP per inhabitant in the member states - First estimates for 2009." (PDF). 2010. Consultado o 2010.  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  5. "Informe sobre Desenvolvemento Humano 2010" (PDF). 2010. Consultado o 2010.  |first1= sen |last1= in Authors list (Axuda)
  6. Ditas facerías non son estritamente un acordo de co-soberanía, xa que afectan a territorio español, se non un acordo de aproveitamento compartido dos recursos.
  7. Así o afirma, por exemplo, Veleyo Patérculo en Historia Romana 1:2,1-3 e Tito Livio en Historia de Roma desde su fundación (ISBN 978-84-249-1428-8).
  8. Joseph Pérez, Historia de España, ISBN 84-8432-091-X, pg.39:
    A resistencia aos sarracenos enmarcouse nesta tradición de resistencia ao estranxeiro, quenquera que fose, por parte de grupos montañeses afeitos a viviren illados, espontaneamente remisos a todo poder procedente do exterior. Uníronselles nobres visigodos fuxitivos da derrota do reino de Toledo e dirixidos por Paio (segundo unha tradición, os musulmáns encargaron a Oppas, bispo de Sevilla, que gañase para a súa causa a Paio, un nobre visigodo refuxiado en Asturias). É o que suxiren algúns historiadores.
  9. El País, ed. (1 de febreiro de 2007). "España es ya la séptima economía mundial, según el Banco de España". 
  10. http://www.elpais.com/articulo/espana/Zapatero/repite/victoria/fuerza/elpepuesp/20080310elpepunac_1/Tes Zapatero repite vitoria con máis forza
  11. Main Armed Forces in the World
  12. PAYMENTS TO THE UN REGULAR BUDGET FOR 2006
  13. Ministerio de Medio Ambiente de España
  14. http://www.ecoticias.com/detalle_noticia.asp?ide=27235
  15. http://www.ecoticias.com/detalle_noticia.asp?ide=27582
  16. INE 2015.
  17. Eurobarómetro 243: Os europeos e as súas linguas
  18. Artigo 7 do Título I do Estatuto da Comunidade Valenciana
  19. Artigo 6 do Estatuto de Autonomía de Cataluña
  20. Secretaría de Estado de Energía. La energía en España 2008 (PDF). Centro de Publicaciones, Ministerio de Industria, Turismo y Comercio. ISBN 978-84-96275-86-7. Consultado o 5 de xaneiro de 2010. 
  21. Informe anual do ano 2006 de Rede Eléctrica Española
  22. España, no G-5 das renovables
  23. europapress.es
  24. belt.es, eco2site.com
  25. Bolsines
  26. «España terá en tres anos a maior rede de AVE do mundo, según Zapatero», El País, 15/02/2007
  27. El Mundo, 17 de setembro de 2006: "Hacia la cobertura telefónica total"
  28. Barómetro do CIS. Abril 2007
  29. Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas de España - FEREDE
  30. Santiago o Maior, Apóstol-mártir (Patrón de España), Diócesis de Málaga. Consultado o 12 de outubro de 2007.
  31. Santoral, Arquidiocese de Madrid. Consultado o 12 de outubro de 2007.
  32. Dez razóns para terminar coas touradas
  33. Un estudo de Gallup de 2002-2006 reflicte que o 86% dos galegos rexeitan ou aborrecen as touradas.
  34. Teo, quinto concello galego en abolir as corridas de touros, nova en El Progreso o 29 de xullo de 2010.
  35. A Rede de Medios Comunitarios en España

Véxase tamén

Outros artigos

Modelo:Países e Territorios do mar Mediterraneo

Modelo:Link FA Modelo:Link FA Modelo:Link FA Modelo:Link FA