Palacio da Moncloa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palacio da Moncloa
Xornalistas agardando ás portas do Palacio da Moncloa nunha recepción de Rodríguez Zapatero no Nadal de 2006
Coordenadas40°26′37″N 3°44′13″O / 40.44361111, -3.73694444Coordenadas: 40°26′37″N 3°44′13″O / 40.44361111, -3.73694444
editar datos en Wikidata ]

O Palacio da Moncloa é un edificio situado ao noroeste da cidade de Madrid, no distrito de Moncloa-Aravaca. Desde 1977 é a sede central da Presidencia do Goberno de España e a residencia oficial do Presidente do Goberno e a súa familia.

Atópase cercado por todo un complexo gobernamental que inclúe, en torno ó Pazo orixinal e ós seus xardíns, edificios varios de máis recente construción, fundamentalmente a Vicepresidencia Primeira do Goberno e Ministerio da Presidencia, e as oficinas da Portavocía do Goberno, incluídas a Sala de Prensa e demais dependencias principais. Todos os edificios do complexo presidencial están comunicados entre si a través do búnker subterráneo que se construíu baixo o mandato de Felipe González como prevención de seguridade para o Goberno. Dentro do complexo, o Pazo e os seus xardíns están cercados e illados externamente do resto, a excepción do pequeno pavillón construído para albergar o Consello de Ministros e algúns despachos e salóns funcionais, e que se acha no recinto mesmo do Pazo.

O Pazo encóntrase, pois, situado no conxunto gobernamental denominado Complexo da Moncloa que está situado na Avenida Puerta de Hierro.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi construído en 1642 e pertenceu ó Vicerrei do Perú Don Melchor Antonio Portocarrero y Lasso de la Vega, 3º Conde de Monclova, de cuxo nome deriva o actual do pazo, que foi case destruído por completo durante a Guerra Civil española.

Anteriormente, a sede da Presidencia do Goberno localizábase no centro de Madrid, no Paseo da Castellana nº 3, desde onde a trasladou en 1976 o primeiro Presidente do Goberno da democracia moderna, Adolfo Suárez, fundamentalmente, e dada a súa reservada localización, por motivos de seguridade.

Vivenda presidencial[editar | editar a fonte]

Sala do Consello de Ministros, no Pavillón de Consellos.
  • Adolfo Suárez , o seu primeiro inquilino da democracia española, mandou construír unha pista de tenis, arranxar a piscina e encher a residencia de teléfonos.
  • Leopoldo Calvo-Sotelo Bustelo, ademais de eliminar todos os aparellos telefónicos e buscar un lugar preferente para o seu piano, habilitou a terceira planta con novas habitacións para os seus fillos, e quitou todos os cinciros que había na residencia.
  • Felipe González e Carmen Romero apenas tocaron a casa. Felipe González dicía que era coma un pazo de nata montada con toques de purpurina. Construíu a uns pasos da residencia un pequeno pavillón funcional onde se celebran os Consellos de Ministros todos os venres, así coma reunións informais de traballo ou encontros oficiais, e onde traballan a diario o Presidente e o seu equipo máis directo, nun contorno decorativo máis moderno e práctico, adornado con numerosos cadros de Miró e algunhas outras obras de arte moderna. Deste modo, González prescindiu de feito das dependencias funcionais da Presidencia no Pazo, que quedou reducido á función cotiá de residencia presidencial. Deste xeito, o antigo salón do Consello de Ministos recuperou a súa función de comedor principal, e se crearon novas estancias, coma o Salón de Columnas, localizado no patio principal do Pazo, que se cubriu para tal efecto. Adaptada a vivenda, González dedicouse con especial coidado ó xardín. Á parte da súa coñecida afección ós bonsáis e ás pedras talladas de Estremadura, cultivou unha pequena horta e, máis amplamente, implantou e cultivou belas especies vexetais que viñeron a complementar o conxunto dos xardíns do Pazo, coñecidos xa pola súa discreta elegancia.
  • José María Aznar, unha vez instalado, reformou e actualizou o uso residencial da segunda planta do Pazo, e mandou construír unha pista de padel e pintar todas as habitacións. Habilitou no terceiro andar unha sala de xogos para os seus fillos. Ana Botella sentenciou: "É inhabitable para unha familia normal".[Cómpre referencia]
  • José Luis Rodríguez Zapatero. A reforma máis radical veu de mans de Sonsoles Espinosa, muller do Presidente do Goberno, quen, pouco conforme co aspecto das estancias, recorreu a coñecidos decoradores que lle recomendaron substituír por completo o mobiliario por modernos e mobles de deseño actual. O resultado foi un ambiente ecléctico no que se conxugan as estancias orixinais dun contorno palaciano e institucional, cunha decoración moi moderna e escollida, en tons grises e brancos e, en definitiva, un ambiente de estilo internacional ou Bauhaus acomodado nun vello palacete neoclásico. Por último introducíronse numerosas obras de arte contemporánea e escultóricas, pero manténdose os mobles e obxectos singulares do conxunto clásico orixinal, do que cabe destacar a vella mesa de despacho do xeneral Narváez, regalada por Xoán Carlos I a Adolfo Suárez.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]