León, España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°35′56″N 05°34′01″W / 42.59889°N 5.56694°W / 42.59889; -5.56694

León, España
Bandera de León (ciudad).svg Escudo de León (ciudad).svg
Catedral de León vista clásica.jpg
Situación xeográfica
Leon, Spain location.png
País España España
Comunidade autónoma Castela e León Castela e León
Provincia León
Comarca Tierras de León
Xeografía
Altitude 838 msnm
Superficie 39,03 km²
Poboación
Poboación 131.680 hab. (2012)
Densidade 3.373,82 hab./km²
Xentilicio leonés/a
Información
Código postal 24001-24010
Alcalde Emilio Gutiérrez Fernández (PP)
Páxina web www.aytoleon.es

León (en leonés: Llión[1]) é a cidade capital da provincia de León situada na comunidade autónoma de Castela e León, localizada no noroeste da Península Ibérica en España. É atravesado polos ríos Bernesga e Torío.

O concello acada unha poboación de 135.059 habitantes (2007) e posúe unha área metropolitana de 204.212 habitantes, sendo así a 45º máis poboada do Estado español.

Naceu dun campamento militar romano da Legio VI Victrix, instalado na confluencia dos ríos Bernesga e Torío no 79 a. C.|79 a. C., o seu carácter de cidade consolidouse co asentamento definitivo da Legio VII Gemina no século I. Coa chegada dos musulmáns á Península, a cidade fica parcialmente despoboada. En 856 León recibe un novo impulso repoboador por parte do Reino de Asturias. Será García I quen en 910 converta a cidade de León na cabeza do máis importante reino cristián da Península Ibérica na época, dando inicio ao Reino de León, cuxa vixencia nominal chegou até o século XIX, mais dende a Plena Idade Media a cidade perdeu a importancia e empuxe de antano, en parte pola perda da súa independencia debida a unión da coroa leonesa e a castelá, definitiva dende 1301, constituíndo canda outros reinos e territorios a Coroa de Castela.

Historia[editar | editar a fonte]

As escavacións arqueolóxicas levadas a cabo durante os últimos anos na cidade de León poden precisar, con probas evidentes, que a súa orixe é romana. Pese que se lle atribue a fundación á Legio VII Gemina semella segura a hipótese de que a unidade que tomou parte nas Guerras Cántabras (29 a.C. - 19 a.C.) Legio VI Victrix xa precedera á Legio VII no lugar.

As evidencias arqueolóxicas que veñen a verifica-lo inicio do asentamento romano foron proporcionadas por escavacións efectuadas tanto no interior como fóra do actual recinto fortificado. As primeiras, ademais de testemuñar importantes vestixios da ocupación da Legio VII Gemina, permitiron determina-la existencia de dous campamentos precedentes. O máis antigo dataríase entre os últimos anos do século I adC e os comezos do seguinte século. Pouco tempo máis tarde erixiríase un segundo, perdurando ata practicamente a chegada da Legio VII Gemina.

O recinto ocupado pola Legio VII ten forma rectangular, a típica dun campamento romano ou castra de 570 a 350 metros, capacitado, por isto, para albergar unha lexión nas súas 20 hectáreas de superficie. Foi amurallado en dous momentos diferentes. O primeiro, representado por un muro de opus vittatum reforzado cun terraplén interno, debeu ser contemporáneo ou lixeiramente posterior ó establecemento da lexión, respondendo á tendencia xeneralizada de levantar, ou substituír progresivamente, as defensas dos recintos militares en terra e madeira por outras en pedra.

A segunda fortificación é a muralla con torres visible en varios puntos da cidade. Debeu de erguerse a finais do século III d.C. ou comezos do IV. Conserva 36 cubos, a metade dos que debeu incorporar inicialmente, ademais das oito torres que flanqueaban as súas portas.

O campamento contou, aló menos, cun acueduto que chegaba ó recinto polo noroeste, mais a súa orixe ou captación non se coñece. A súa cronoloxía habería que situala entre finais do século I e os comezos do século II.

As últimas intervencións permitiron coñecer algunha das características das edificacións dos campamentos. As máis completas aparecidas ata o momento son os restos das edificacións cos diversos espazos destinados ó aloxamento dos soldados.

Especial atención merecen as grandes termas situadas en boa parte baixo a catedral. Localízanse nas inmediacións da porta oriental do campamento, ó carón da Vía Principalis.

Unha escavación realizada no exterior do recinto amurallado, nas proximidades do seu ángulo surleste, permitiu descubri-los restos dunha galería abovedada, pero non puido asociarse cunha edificación determinada.

Restos dunhas pequenas termas apareceron recentemente no barrio de San Lorenzo, ó leste do recinto fortificado. A súa cronoloxía pódese establecer dun xeito amplo polos selos presentes nos seus muros. Todos portaban a inscrición Legio VII Gemina Felix, polo que nos indica que puideron construírse dende o 73 ou 74 d.C., sen supera-lo principado de Septimio Severo (193-211 d.C.), momento no que recibe o epíteto de Pía.

O entorno suburbano proporcionou ata o momento dúas necrópoles de inhumación de época tardía. As características dos enterramentos son similares en ambos casos, fosas delimitadas con ladrillos ou cantos e cuberta con ladrillos ou tellas a dobre vertente ou cha, etc. Existe tamén un sartego de laxas.

No período comprendido entre os séculos VI e VIII, a escaseza de evidencias arqueolóxicas, só localizadas en lugares concretos, proxectan unha imaxe carente de vitalidade urbana, cunha clara redución do espazo habitado, que semella concentrarse na zona sul. Ata agora, nada indica que poidamos falar dunha civitas, xa que se aprecia unha total continuidade coa etapa baixoimperial, o que nos indica que a presenza do poder visigodo foi nula ou mínima, reducida, quizais, o acuartelamento dalgunhas tropas.

A cidade foi conquistada polos musulmáns no ano 712. Cara o ano 846, un grupo de mozárabes tentou repoboa-la cidade, máis un ataque musulmán rematou con aquela iniciativa. No ano 856, co rei Ordoño I, produciuse un novo intento de repoboación, con éxito, e máis tarde no ano 914, Ordoño II, fíxoa capital do seu reino. Saqueada por Almanzor cara o ano 987, foi de novo reconstruída e repoboada con Afonso V, que lle outorgou o Foro de 1017, co que se regulou a vida económica da cidade e o funcionamento do seu mercado. Xurdiron, pois, barrios de artesáns e comerciantes que, a partir do século XIII, interviñeron no goberno municipal. Durante a baixa Idade Media, a gandería deu a cidade unha época de prosperidade. No século XVI iniciouse a súa decadencia económica e demográfica, que se mantería ata o século XIX. Durante o século XX o desenvolvemento da minaría do carbón converteríana nunha das cidades máis dinámicas da Península, situación que foi empeorando ó remata-lo devandito século, co declive da minaría.

Principais monumentos[editar | editar a fonte]

Os seus principais monumentos son a catedral gótica coñecida como a Pulchra Leonina que comezou a edificarse en 1205 e rematou en 1305, coas súas vidreiras e as tres portadas esculturadas, a basílica de San Isidoro, coas súas pinturas románicas, o Hostal de San Marcos, coa súa fachada plateresca. De estilo neogótico, a Casa de Botines do arquitecto catalán Antoni Gaudí. O Palacio de los Guzmanes contendo un patio de estilo prateresco. O casco vello contén restos das antigas murallas medievais e romanas. Son tamén destacables o denominado "barrio húmedo" e a Plaza del Grano. No ano 2005 foi inaugurado o Museo de Arte Contemporáneo (Musac).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O leonés carece de normativas ortográficas; o Concello de León utiliza o término Llión en lingua leonesa. Véxase aquí

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Secundino Serrano (Director del Equipo) (1991). Enciclopedia de León Volumen I. ISBN 84-920557-4-X. 
  • Secundino Serrano (Director del Equipo) (1991). Enciclopedia de León Volumen II. ISBN 84-920557-5-8. 
  • Francisco J. Martínez Carrión (Director del Equipo) (1990). León, Vida y Naturaleza. ISBN 84-86013-51-8. 
  • Ana Neira Campos, Tomás Mañanes, Santiago García (1997). Historia de León, Volumen I; Prehistoria-Edad Antigua-Edad Media I. ISBN 84-920557-7-4. 
  • Manuel Carriedo Tejedo, Carlos Estepa Díez, (1997). Historia de León, Volumen II; El Reino de León en la Edad Media. ISBN 84-920557-8-2. 
  • Jesús Fuentes Santamarta, Carmelo Lucas del Ser (1997). Historia de León, Volumen III; Edades Moderna y Contemporánea. ISBN 84-920557-9-0. 
  • Wenceslao Álvarez Oblanca, Secundino Serrano (1991). Crónica Contemporánea de León. ISBN 84-87469-10-08. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: León, España