Badaxoz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 38°52′59″N 6°58′0″O / 38.88306, -6.96667

Badaxoz
Badajoz (en castelán)
Flag of Badajoz.svg Provincia de Badajoz - Escudo.svg
Collage de Badajoz.jpg
Badaxoz
Situación xeográfica
Badaxoz en España
Badaxoz
Badaxoz
Badaxoz en Provincia de Badaxoz
Badaxoz
Badaxoz
País España España
Comunidade Autónoma Estremadura Estremadura
Provincia Badaxoz
Comarca Terra de Badaxoz
Xeografía
Altitude 184 msnm
Superficie 1 470 km²
Poboación
Poboación 148 334 hab. (2008)
Densidade 100,91 hab./km²
Xentilicio Pacense, Badaxocense
Información
Código postal 06001 - 06012
Alcalde Francisco Javier Fragoso Martínez (PP)
Páxina web www.aytobadajoz.es

Badaxoz[1][2] (en castelán: Badajoz, en estremeño: Baajós, en galego antigo: Badallouce[3][4]) é unha cidade española, capital da provincia de Badaxoz, a máis meridional das dúas provincias de Estremadura. En 2008 tiña 148 334 habitantes.

Badaxoz está situado á beira do río Guadiana, e é a porta de entrada natural a Portugal desde a Meseta Central. Badaxoz é a cidade máis grande de Estremadura. Situada ó suroeste de España, conta cunha importante infraestrutura de estradas que a unen con cidades como Sevilla (a 200 km) ou a Autovía de Estremadura (A-5) que a une con Madrid (a 400 km) e Lisboa (a 200 km).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Badaxoz está situada no suroeste da península Ibérica e ao oeste da provincia que leva o seu nome, no límite con Portugal. O seu centro urbano dista un quilómetro da fronteira portuguesa de Caia que recibe o seu nome do río que, nesa zona, separa España de Portugal. En termos xeolóxicos, está emprazada na Submeseta Sur. Foi fundada a beiras do Guadiana sobre un cerro de calcarias paleozoicas, labrado polo río ata deixalo nun resalte de 60 metros de altura. Neste cerro, denominado La Muela, atópase a Alcazaba, un dos principais monumentos da cidade. O termo municipal de Badaxoz aséntase sobre chans derivados dos depósitos terciarios, que empastaron os relevos paleozoicos. A altitude do centro da cidade é de 182 metros, mentres que a altitude do municipio varía desde os 150 metros no último tramo no municipio do río Guadiana ata os 532 metros ao norte do mesmo, no pico Cancho de la Bandera, en Serra Luriana.

Clima[editar | editar a fonte]

De acordo coa clasificación climática de Köppen o clima de Badaxoz é mediterráneo (Csa), podéndose considerar mediterráneo continentalizado de acordo con outras fontes, por ter unha amplitude térmica notablemente maior que na costa mediterránea. Os invernos son relativamente fríos, con mínimas que chegan a baixar con certa frecuencia dos 0 °C e, por tanto, coas consecuentes xeadas. Por outra banda, os veráns son calorosos, con máximas que poden superar en ocasións os 40 °C. As precipitacións son ás veces irregulares, cunha media anual de certa consideración ao redor dos 500 mm. Os meses máis chuviosos son os de novembro e decembro. En cambio, os veráns adoitan ser secos con tan só algunhas precipitacións de carácter tormentoso xeralmente. No outono e primavera o clima é máis inestable que no resto do ano, producíndose con certa frecuencia tormentas. É frecuente, así mesmo, a aparición de numerosas néboas que poden ser persistentes, sobre todo no inverno, podendo durar en ocasións varios días seguidos sen levantarse, ao estar situada a cidade en pleno val do Guadiana.

Demografía[editar | editar a fonte]

Badaxoz contaba en 2015 con 149.892 habitantes, sendo a cidade máis poboada de Estremadura. A pesar de que é a cidade con maior número de habitantes de Estremadura, presenta unha densidade de poboación relativamente baixa (104,57 hab/km²), debido á extensión do seu termo municipal, un dos máis grandes de España, con 1440,37 km². Aínda así, ten unha densidade maior que a do conxunto español (99,89 hab/km²). En comparación co dato estremeño, case cuadriplica a súa media, situada en 2007 en 26,03 hab/km².

Debe terse en conta que, ademais do centro metropolitano, o seu termo inclúe pedanías, barrios e localidades de escasa poboación. Dos 26 núcleos integrados no municipio, só cinco superan os mil habitantes, sempre á marxe do centro urbano pacense.


Economía[editar | editar a fonte]

Instalacións de IFEBA

O sector servizos é o dominante na cidade. O comercio nútrese de clientes procedentes da provincia e de Portugal. Debido á importancia das devanditas relacións comerciais co país veciño, en 2006 inaugurouse a nova instalación da Institución Feiral de Badaxoz (IFEBA), xunto á fronteira do río Caya. Tamén representa un importante nó de comunicacións entre dous países, e está previsto a construción dunha Plataforma Loxística e a chegada do tren de alta velocidade. A cidade conta, así mesmo, cun aeroporto, situado a 14 km do núcleo urbano, ampliado en 2009, un Palacio de Congresos e un parque acuático e de lecer, Aqua Badajoz. O chan industrial da cidade atópase concentrado case na súa totalidade nun gran polígono industrial, El Nevero, situado xunto á A-5, o cal se atopa continuamente en proceso de expansión. Nel están instaladas empresas dos sectores máis variados. Ademais, hai outros chans industriais nos accesos á cidade e en pequenos polígonos en barrios como San Roque.

No verán de 2007, presentouse o proxecto de construción da nova sede da Caja de Badajoz, que comezou a edificarse en outubro de 2008. Trátase dun centro financeiro que conta cun edificio de 88 metros de altura, o que o converteu no edificio máis alto de Estremadura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pacense.
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 101. ISBN 84-8158-266-2. 
  3. "Pautas para un correcto uso da linguaxe" (PDF). Universidade de Vigo. Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  4. Grupo TALG / Instituto da Lingua Galega. "Badallouce". Dicionario de dicionarios do galego medieval. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.