Traxano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de mármore de Traxano en Xanten (Colonia Ulpia Traiana).

Marcus Ulpius Traiaunus, nado en Itálica, Bética, Hispania, no ano 53 e finado no ano 117, foi o primeiro emperador romano non italicus.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De familia senatorial, o seu pai xa fora senador en Roma. Foi o militar máis excelso da época do Imperio. Escomenzou a súa carreira militar en Hispania e Siria durante os reinados dos emperadores Tito e Domiciano. Investido pola tribunicia potestas e polo imperium proconsular, Traxano foi cónsul con Nerva no ano 98, e de feito o seu correxente. Á morte de Nerva, o 28 de xaneiro[1] dese ano foi nomeado emperador cando estaba de campaña na Xermania e tardou aínda ano e medio en ir a Roma, asegurando a raia, fixando o limes ou cadea de fortalezas defensivas na actual rexión de Franconia.

Home cordial e aberto, pero moi decidido na loita, a súa política foi moi diferente da dos seus predecesores. A súa permanencia en Roma foi máis ben curta e en estadías separadas (99-101, 102-105, 107-113). Inspirou os seus actos de goberno na ética estoica do ben común e da filantropía, como amosan as súas grandes obras públicas en Roma e Italia, a organización da anona, as axudas aos máis desfavorecidos, a obrigatoriedade dos senadores de mercar terras en Italia e explotalas, o que levou a un gran pulo no comercio e na agricultura, facendo obras no porto de Ostia, que se converteu no principal porto de exportacións do Imperio. Fomentou o desenvolvemento das institucións alimentarias e concedeu préstamos aos propietarios das terras para medrar as producións. No ano 114, o Senado concedeulle o título de optimus.


Cara a asegurar os territorios do Imperio, anexionou a Dacia (a actual Romanía) en dúas campañas. Na primeira, no ano 101, derrotou ao seu xefe Decébalo e tomou a súa capital, Sarmizegetusa. Unha segunda campaña no ano 105 rematou con todas as resistencias e no 107 Dacia foi incorporada ao Imperio como provincia imperial, achegando as súas notábeis riquezas en ouro e prata. Noutro lado do Mar Negro, conqueriu que os iberos, pobos montañeses do Cáucaso (máis ou menos a actual Xeorxia) recoñecesen a soberanía romana. Entre os anos 105-106 foron sometidos os nabateos, nos confíns da Arabia, e cuxa capital, Petra, era un nó moi importante das caravanas mercantís da época. Arabia (en realidade a península do Sinaí e o territorio ao oeste de Siria) foi incorporada ao imperio como provincia. Outra expedición dirixiuna contra os partos, tomando Armenia (114), invadiu o reino parto arsácida, expulsando do seu trono ao rei Cosroes, e poñendo no seu lugar o rei Partamaspates, disposto a facer unha política que non mancase os intereses de Roma. Traxano levou a guerra deica Mesopotamia, conquistando Babilonia, pero tivo que abandonar a zona diante do crecente poderío dos persas.

Columna de Traxano.
O Imperio Romano no momento da súa máxima expansión (117, ao final do reinado de Traxano)

No que se refire á política interior, aínda que os emperadores trataron de manter a importancia do Senado, a acumulación dos poderes en mans imperiais e o funcionamento lexislativo foron configurando un réxime monárquico de despotismo ilustrado, asistido por un órgano que recibía todas as honras, pero que ía acentuando o seu carácter unicamente consultivo. O Emperador atribuíuse o título de Procónsul de todas as provincias, incluídas as senatoriais, co que a súa autoridade sobre todos os territorios era plena. As leis deixaron de se aprobar co respaldo popular e promulgábanse por senatus consultum, ou como decretos do Emperador.

Traxano logrou un aceptable benestar xeral dos romanos, e instituíronse os alimenta. Os propietarios de bens inmóbeis, que eran moitos incluíndo as clases modestas, recibían préstamos a baixo xuro. Este acumulábase nun fondo para socorrer os nenos pobres. Esta iniciativa imperial foi imitada por moitas entidades privadas e a beneficencia nas súas diversas vertentes fixo paliar en grande medida os casos de máis extrema necesidade.

Traxano perseguiu os cristiáns, non tanto polas súas crenzas, o que sería absurdo nun Imperio onde se practicaban as máis diversas relixións, senón por negárense a seguir os preceptos da relixión oficial, sequera exteriormente, toda vez que o cumprimento de certas formalidades eran un signo de cohesión social e aceptación da orde vixente.

No ano 117, e mentres tornaba de unha das súas campañas orientais, sufriu unha parálise que acabou coa súa vida. Con el morría un dos mellores emperadores co que o Imperio Romano acadara nas súas conquistas a súa máxima extensión.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Julian Bennett Trajan: optimus princeps : a life and times. Routledge, 2ªed, 1997, páxina 322

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Imperio Romano

Segue a:
Nerva
Traxano
Precede a:
Adriano
Dinastía dos Antoninos