Belarús
Рэспубліка Беларусь (be) Республика Беларусь (ru) Беларусь (be) | |||||
Himno | My Belarusy (24 de setembro de 1955) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Belaya Rus (pt) | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Minsk | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Escindido de | Unión Soviética | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 9.155.978 (2024) (44,11 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua belarusa lingua rusa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 207.595 km² | ||||
Punto máis alto | Dzyarzhynskaya Hara (en) (345 m) | ||||
Punto máis baixo | Río Niemen (90 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Cronoloxía | |||||
Día festivo | Dia da Vitória (pt) (9 de maio) Dia da Independência da Bielorrússia (pt) (3 de xullo) Aninovo (1 de xaneiro) Día da Muller Traballadora (8 de marzo) Día Internacional dos Traballadores (1 de maio) Nadal (25 de decembro, 7 de xaneiro) Radonitsa (pt) (7 de maio) Día da Gran revolución socialista de Outubro (7 de novembro) Pascua cristiá (22 de marzo) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | presidencialismo | ||||
• Presidente | Alexander Lukashenko (1994–) | ||||
Órgano executivo | Governo da Bielorrússia (pt) | ||||
• Primeiro ministro | Raman Galowčenka (2020–) | ||||
Órgano lexislativo | Assembleia Nacional da Bielorrússia (pt) , (Escano: 174) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Court of Belarus (en) | ||||
Membro de | Tratado de ceos abertos Grupo de Fornecedores Nucleares (pt) Comunidade Econômica Eurasiática (pt) ../... 24+ | ||||
PIB nominal | 72.793.457.588 $ (2022) | ||||
Moeda | Rublo belaruso | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .by e .бел | ||||
Prefixo telefónico | +375 | ||||
Teléfono de emerxencia | 101, 102 e 103 | ||||
Código de país | BY | ||||
Sitio web | belarus.by | ||||
Belarús[1] (en belaruso: Беларусь, "Biełaruś", [bʲɛlaˈrusʲ] (AFI); en ruso: Белоруссия, "Belorussia"), oficialmente a República de Belarús[2], é un país sen saída ao mar de Europa Oriental. Limita ao norte con Letonia, ao norte e ao leste con Rusia, ao sur con Ucraína, ao leste con Polonia e ao leste e ao norte con Lituania. A súa capital é Minsk, e outras cidades de importancia son Brest, Hrodna, Homieĺ, Mahilioŭ e Viciebsk. Máis do 40% dos seus 207.600 km2 son bosques, e os sectores económicos de maior peso son as empresas de servizos e as empresas industriais.[3]
Até o século XX, os belarusos careceron da oportunidade de crear unha identidade nacional distintiva porque durante a historia os territorios da actual Belarús pertenceron a varios países diferentes, incluíndo o Principado de Polotsk, o Gran Ducado de Lituania, a República das Dúas Nacións, o Imperio Ruso. Logo da revolución rusa de 1917, Belarús declarou a súa independencia como a República Nacional Belarusa (1918-19), e posteriormente pasou a ser unha república constituínte da Unión Soviética, a República Socialista Soviética de Belarús.
As fronteiras actuais do país teñen a súa orixe en 1939, coa incorporación á república de territorios até antón pertencentes á Segunda República Polaca logo da invasión soviética de Polonia, en virtude dos termos do Pacto Ribbentrop-Molotov entre a URSS e o Terceiro Reich Alemán.[4][5] A nación e o territorio quedaron devastados logo da segunda guerra mundial, onde Belarús perdeu a terceira parte da súa poboación e máis da metade dos seus recursos económicos.[6] A república foi rehabilitada nos anos posteriores á guerra.
O Parlamento da República declarou a soberanía de Belarús o 27 de xullo de 1990, e trala caída da Unión Soviética, Belarús declarouse independente o 25 de agosto de 1991. Aliaksandr Lukašenka é presidente do país desde 1994. Durante a súa presidencia, Lukašenka continuou con políticas da era soviética, como a propiedade estatal da economía, a pesar das obxeccións dos gobernos occidentais. Segundo algunhas organizacións, as eleccións non son limpas, e os opositores políticos sofren forte represión.[7][8][9] Desde 2000, Belarús e Rusia asinaron un tratado para unha maior cooperación.
A maioría dos 9,5 millóns de habitantes de Belarús moran nas áreas urbanas próximas a Minsk ou nas capitais das outras rexións.[10] Máis do 80% da poboación son nativos belarusos, o resto compóñena minorías de rusos, polacos e ucraínos. Desde un referendo en 1995, o país ten dúas linguas oficiais, o belaruso e o ruso. A Constitución de Belarús non declara unha relixión oficial, aínda que a principal relixión no país é o cristianismo ortodoxo, mentres que a segunda máis popular, o catolicismo, ten un seguimento moito menor en comparación.
É un estado completamente chan (non supera os 300 m sobre o nivel do mar), dividido en tres zonas xeográficas ben diferenciadas: a do norte, poboada de lagos; a meseta boscosa central; e a parte sur, moi pantanosa e deshabitada, chamada pantanos de Prypett.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Belarús (en belaruso Bielaruś) significa literalmente Rutenia branca (Biel = Branco/a Rus -nome medieval que se daban os estados eslavos orientais xeralmente cun goberno monárquico que reunía a unha federación de "tribos"- ou Rusiya -Rusia-). Por este motivo ocasionalmente, especialmente cando se atopou baixo o dominio do tsarato ruso a rexión era chamada en español Rusia Branca. En canto á cualificación de "Branca" parece derivar da cor emblemática elixida para diferenciala do pobo dos rusos e dos ucraínos.
Ata 1991, o país denominouse de acordo coa forma en lingua rusa (Белоруссия, Belorússiya) mesmo na lingua propia do país, alternando alí coa local (Беларусь, Belarús), ambas as dúas relacionadas etimoloxicamente co nome medieval. Por esa razón, na meirande parte das linguas máis faladas do mundo o nome deste país baseouse tradicionamente no topónimo ruso: Byelorussia ou Belorussia en inglés, Biélorussie en francés, Bielorussia en italiano, Bielorrússia en portugués ou Bielorrusia en castelán. Noutras, como en alemán (Weißrussland), o topónimo é unha tradución crúa.
En 1991, canda a disolución da URSS e a independencia das repúblicas que a integraban, o Soviet Supremo da República Socialista Soviética de Belarús decretou que o nome do país había ser República de Belarús, tanto en belaruso coma en ruso (grafado Рэспубліка Беларусь, Respublika Bielaruś e Республика Беларусь, Respublika Belarus respectivamente). Dende entón, no eido diplomático, tódolos países empregan formas baseadas nesta forma oficial vernácula, incluída Rusia, sen prexuízo de que organismos reguladores dalgunhas linguas manteñan a vixencia das formas anteriores e mesmo as recomenden con base na tradición da propia lingua e rexeitando mudanzas ao abeiro de resolucións políticas.[11][12]
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Belarús.
A actual poboación eslava de Belarús estableceuse aí entre os séculos VI e VIII. Os primeiros eslavos orientais entraron en contacto cos varengos ou varegos e estiveron organizados baixo Rus, notablemente no principado de Pólatsk, na actual Belarús do norte.
Para o século XIII, os principados de Belarús foron gravemente prexudicados pola invasión dos cruzados bálticos. Os territorios belarusos pertenceron na maioría ao novo Gran Ducado de Lituania. A cidade de Voruta, cuxa localización é aínda descoñecida, foi a primeira capital deste estado. Este ducado tamén incluíu un número de territorios do Rus e Samoxicia. Non houbo discriminación contra ningunha das nacións ou relixións nin ningunha tensión maior entre eles e o seu pobo, todos gobernados polas súas propias rexións. Lingua oficial do Gran Ducado de Lituania foi o antigo idioma báltico (chamado lituano e ruteno).
O Gran Ducado ocupaba gran parte de Europa do Leste desde o Mar Báltico ata o Mar Negro no século XV. Desde o 2 de febreiro de 1386, cando o Gran Duque lituano Jogaila foi coroado rei de Polonia, o Gran Ducado uniuse con Polonia nunha unión persoal baixo un monarca. En 1569, Polonia e o Gran Ducado fundíronse no estado da Mancomunidade Lituano-Polaca. Esta unión permaneceu unida ata a constitución (que foi a primeira en Europa e segunda no Mundo ) de maio de 1791, a cal aboliu todas as subdivisións dos estados e fundiuse no reino de Polonia. Con todo, o novo estado foi anexionado despois pola Rusia Imperial, Prusia e Austria por mor das Particións de Polonia de 1795.
Tras a Revolución Rusa de 1917, ao final da ocupación alemá durante a primeira guerra mundial, o 25 de marzo de 1918, os belarusos declararon a súa independencia por primeira vez, pero a República Popular Belarusa (Беларуская Народная Рэспубліка) durou pouco e non puido seguir sendo independente. Na Belarús actual a independencia da BNR non é considerada un feito de importancia, pero a oposición ao presidente Lukašenka celebra o 25 de marzo anualmente.
En 1919, foi declarada a RSS Belarusa, que en 1922 se converteu nun dos membros fundadores da URSS.
Na segunda guerra mundial, Belarús foi a primeira república soviética en ser ocupada pola Alemaña nazi entre 1941 e 1944. Logo da derrota alemá, contoulla entre os membros fundadores da ONU en 1945, ofrecendo representantes separados dos da URSS.
A súa proximidade con Moscova obrigou a Belarús a converterse en destino de millóns de refuxiados, desprazados pola durísima política de recolocación de poboacións durante o goberno de Iosif Stalin.
Tras 20 anos de padecementos económicos, Belarús conseguiu converterse dun país agrícola a un industrial e de posuír un 90% de campesiñado a ostentar a maioría da súa poboación ocupada na produción industrial.
Ata 1985, os seus representantes votaron solidariamente cos dos rusos no Partido Comunista Soviético, pero logo comezou a tomar camiños independentes.
Belarús declarou a independencia da URSS o 27 de xullo de 1990 e se fixo efectiva no ano seguinte tras a caída definitiva do sovietismo. A continuación, o país asinou un importante acordo de cooperación económica coas tamén ex repúblicas soviéticas de Casaquistán e Uzbekistán.
O 8 de decembro de 1991, os líderes de Rusia (Boris Eltsin), Ucraína (Leonid Kravchuk), e Belarús (Stanislav Shushkevich) reuníronse en Belavezhskaya Pushcha (Belarús), para emitir unha declaración pola que a URSS foi disolta e substituída pola Comunidade de Estados Independentes (CEI).
Logo, Belarús converteuse nunha república independente tanto de Rusia como da CEI. O seu primeiro presidente, Aliaksandr Lukašenka, viuse cercado por acusacións de violacións aos dereitos humanos, ao que se sumou unha grave crise económica en 1998. A oposición boicoteou as eleccións de 2000, pero Lukašenka conseguiu ser reelecto no ano seguinte.
Goberno e política
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Goberno e política de Belarús.
Antigamente formaba unha das 15 Repúblicas Socialistas Soviéticas da URSS ata o ano 1991. Gozaba dun Soviet Supremo de 421 deputados, dos cales 319 eran belarusos, 69 rusos, 13 ucraínos, 4 polacos e 2 xudeus; deles, 292 eran membros do PCUS e 153 eran mulleres.
O 24 de agosto de 1991 proclamouse república independente, e o 17 de setembro tomou o nome de Belarús. Adoptou unha constitución democrática o 15 de marzo de 1994, pola que establecía a forma de goberno republicana presidencialista cun parlamento de 360 deputados (reducidos en 1995 a 198). Actualmente posúe unha cámara alta composta por 64 curuis, dos cales 56 son elixidos polas asembleas rexionais e 8 polo presidente da nación. A cámara baixa ou de representantes conta con 110 deputados.
O poder executivo é exercido por un presidente, un vicepresidente e un primeiro ministro.
A lingua oficial é o belaruso, polo menos en teoría, pois o ruso é cooficial novamente desde 1995; é unha incógnita o papel oficial das outras linguas faladas no territorio (como o polaco).
O 14 de maio de 1995 un referendo outorgou poderes ao presidente Aliaksandr Lukašenka para disolver o parlamento e aumentar o grao de integración económica con Rusia. Un novo referendo, o 24 de novembro de 1996, permitía unha nova constitución que incrementaba aínda máis os poderes presidenciais.
Organización político-administrativa
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Subdivisións de Belarús.
Actualmente Belarús divídese en 6 rexións chamadas voblasts (vobłasć), que levan o nome das cidades que serven de centro administrativo. Cada un dos voblast ten un poder lexislativo provincial, chamado oblsovet (Consello do oblast), que é escolleito polos residentes de cada voblast, e un Poder Executivo Provincial, elixido o xefe polo Presidente. Os voblasts subdivídense en raións (distritos). Tal como os voblasts, cada raión ten a súa autoridade lexislativa propia (raisovet) que son escolleitos polos seus habitantes, e unha autoridade executiva nomeada por poderes executivos máis altos. Dende o 2002, hai seis voblasts, 118 raións, 102 cidades e 108 asentamentos urbanos.[13]
A capital Minsk é unha rexión especial. A cidade de Minsk está dirixida por un comité executivo e ten unha carta da autonomía dada polo goberno nacional.[14]
- Minsk.
- Rexión de Brest - centro administrativo: Brest.
- Rexión de Homieĺ - centro administrativo: Homieĺ.
- Rexión de Hrodna - centro administrativo: Hrodna.
- Rexión de Mahilioŭ - centro administrativo: Mahilioŭ.
- Rexión de Minsk - centro administrativo: Minsk.
- Rexión de Viciebsk - centro administrativo: Viciebsk.
Xeografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Xeografía de Belarús.
A República de Belarús está situada ao leste do continente europeo, e rodeada por Rusia, Lituania, Letonia, Polonia e Ucraína. En concreto, atópase entre as latitudes 51° e 57° N, e as lonxitudes 23° e 33° L. A súa extensión de norte a sur é de 560 km, e de oeste a leste de 650 km.[15]
É un estado case completamente chairo: a súa máxima altura non chega a superar os 300 m.
O país divídese en tres rexións xeográficas ben diferenciadas: a do norte, poboada de lagos glacióxenos; a meseta boscosa central; e a parte meridional, moi pantanosa e completamente deshabitada chamada Pantanos de Prypett.
Existen en Belarús máis de 4000 lagos, pantanos e ríos que cobren o 20% da superficie do país.
Cidades
[editar | editar a fonte]Lista das 11 principais cidades de Belarús:
Principais cidades de Belarús | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Nome cirílico | Voblast | Poboación (2018)[16] | |
1 | Minsk | Мінск | Minsk | 1 982 444 |
2 | Homieĺ | Гомель | Homieĺ | 535.693 |
3 | Mahilioŭ | Магілёў | Mahilioŭ | 381.353 |
4 | Hrodna | Гродна | Hrodna | 370.919 |
5 | Viciebsk | Віцебск | Viciebsk | 370.298 |
6 | Brest | Брэст | Brest | 347.576 |
7 | Babrujsk | Бабруйск | Mahilioŭ | 217.546 |
8 | Baranavičy | Баранавiчы | Brest | 179.166 |
9 | Barysaŭ | Барысаў | Minsk | 143.051 |
10 | Pinsk | Пінск | Brest | 137.961 |
11 | Orsha | Орша | Viciebsk | 115.052 |
Clima
[editar | editar a fonte]O clima é moi diferente segundo se trate das rexións occidental ou oriental do país.
Ao oeste, na zona próxima ao Báltico, chove en abundancia e a temperatura é moderada. A zona leste, pola contra, é moi seca e padece grandes variacións de temperatura.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Belarús.
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Belarús sofre dous grandes problemas ambientais: a contaminación química da terra polo exceso de pesticidas, e unha continua e elevada taxa de radioactividade produto do accidente sufrido en 1986 pola central nuclear de Chernobyl (Ucraína).
Demografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Demografía de Belarús.
Belarús é etnicamente homoxénea: está poboada principalmente por belarusos (83,7%), rusos (8,3%), polacos (3,1%), ucraínos (1,7%) e outros (3,2%) (2009)[17].
A maioría dos indicadores demográficos son similares aos doutros países europeos, tales como a taxa de crecemento da poboación e a taxa natural de crecemento negativa.
Nos últimos doce anos a Igrexa greco-católica de Belarús cuadruplicou o número das súas parroquias, ata un total de 432, agrupadas en catro dioceses. O 80% da poboación profesa esta crenza (200). Tamén hai adeptos á Igrexa Ortodoxa, é a súa maioría os rusos.
O 69,5% dos habitantes teñen entre 15 e 64 anos de idade (2005) e o analfabetismo é sumamente baixo: soamente o 0,4% en 2003.
Deportes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Deporte de Belarús.
O actual personaxe ilustre de Belarús é o xogador do Arsenal Alexander Hleb.
Cultura
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cultura de Belarús.
O notable poeta belaruso Adam Mickiewicz, amigo de Frédéric Chopin e nacionalizado polaco, foi un dos principais líderes do movemento independentista polaco respecto de Rusia. Tamén podemos destacar a Yanka Kupala (Iván Dominikovich Lucevich) que foi o creador da lingua literaria belarusa.
Belarús ten catro sitios declarados patrimonio mundial, con dous deles sendo compartidos entre Belarús e os seus países veciños. Os catro son: O complexo do Castelo Mir; O castelo Niasvizh; a Belovezhskaya Pushcha (compartida con Polonia); e o Arco Xeodésico de Struve (compartido con Estonia, Finlandia, Letonia, Lituania, Noruega, Moldova, Rusia, Suecia e Ucraína).
A dieta típica dos belarusos inclúe o pan, as papas, o repolo e o porco. Os belarusos tamén tenden a comer pequenas porcións de comida na mañá aínda que se serven comidas moi abundantes ao xantar e cear. Algúns dos pratos máis amplamente servidos en Belarús inclúen a "kotleta po krestyansky", unha mestura de costela de porco servida en salsa de champiñóns; unha sopa chamada "shtchi" que inclúe chucrut, patacas e cebola frita; e o "kalachi". Aos invitados estranxeiros, sérvenlles pan de centeo cun chisco de sal nun lado e élles ofrecido nun pano tradicional, chamado "rushnik".
Data | Nome en galego | Nome local | Observacións |
---|---|---|---|
1 de xaneiro | Ano novo | Новы год | |
7 de xaneiro | Nadal da Igrexa Ortodoxa | Каляды праваслаўныя | |
8 de marzo | Día Internacional da muller | Міжнародны жаночы дзень | |
15 de marzo | Día da constitución | Дзень Канстытуцыі | Adoptado en 1994 |
1 de maio | Día do Traballo | Дзень Працы | |
9 de maio | Día da Vitoria | Дзень Перамогі | Denota a vitoria contra a Alemaña Nazi na segunda guerra mundial (Gran Guerra Patriótica) |
3 de xullo | Día da Independencia | Дзень Незалежнасьці | Adoptado en 1996 |
7 de novembro | Día da Revolución de Outubro | Дзень Кастрычніцкай рэвалюцыі | |
25 de decembro | Nadal da Igrexa católica | Каляды каталіцкія | |
Movible | Semana Santa Ortodoxa | Вялікдзень праваслаўны | |
Movible | Semana Santa católica | Вялікдзень каталіцкі | |
9 días logo da Pascua Ortodoxa | Día da conmemoración | Радуніца |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para belaruso.
- ↑ "Key facts about Belarus". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2020. Consultado o 3 de xuño de 2021.
- ↑ Belstat.gov.by (ed.). "Contents". Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2012. Consultado o 22 de xullo de 2014.
- ↑ Abdelal, Rawi (2001). National purpose in the world economy: post-Soviet states in comparative perspective. Cornell University Press. p. 131. ISBN 978-0-8014-3879-0.
- ↑ Taylor & Francis Group (2004). Routledge, ed. Europa World Year, Book1. p. 713. ISBN 978-1-85743-254-1.
- ↑ Axell, Albert (2002). Carroll & Graf Publishers, ed. Russia's Heroes, 1941–45. p. 247. ISBN 0-7867-1011-X.
- ↑ "Office for Democratic Institutions and Human Rights – Elections – Belarus". Consultado o 22/07/2014.
- ↑ "Belarus's election: What should the EU do about Belarus? | The Economist". 27 de decembro de 2010. Consultado o 22/07/2014.
- ↑ "Foreign Secretary expresses UK concern following Belarus elections". Arquivado dende o orixinal o 13/05/2011. Consultado o 22/07/2014.
- ↑ "World Factbook (2007) – Belarus – People". CIA. 2007. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2020. Consultado o 7 de novembro de 2007.
- ↑ "Беларусь или Белоруссия? Еще раз о том, как нам правильно называться". TUT.BY (en ruso). 2007-03-23. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2019. Consultado o 2019-05-13.
- ↑ "Bielorrusia". lema.rae.es. Consultado o 2019-05-13.
- ↑ Fernando Duarte Carvalho; North Atlantic Treaty Organization (2004). Defence Related SME's: Analysis and Description of Current Conditions. IOS Press. ISBN 1586034081.
- ↑ "About Minsk". Minsk City Executive Committee. Consultado o 3 de agosto de 2010.
- ↑ "Coordinates of the extreme points of the state frontier. Main Geographic Characteristics of the Republic of Belarus". Land of Ancestors. the Scientific and Production State Republican Unitary Enterprise "National Cadastre Agency" of the State Property Committee of the Republic of Belarus. 2011. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2013.
- ↑ "City Population – Einwohnerzahlen der Städte Weißrusslands". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2013. Consultado o 14 de maio de 2018.
- ↑ "Census 2009" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xullo de 2017. Consultado o 29 de xullo de 2018.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Belarús |