Afonso V de Aragón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afonso V de Aragón
Rei de Aragón, Rei de Valencia, Rei de Mallorca,
Rei de Sardeña, Rei de Nápoles e Rei de Sicilia
Conde de Barcelona, Conde de Rosellón e Cerdaña e Conde de Urgell
Arms Aragon-Sicily (Template).svg
Alfonso-V-el-Magnanimo.jpg
Retrato del monarca Alfonso V, rey de Aragón, por Juan de Juanes (1557, óleo sobre táboa, 115 x 91 cm, Museo de Zaragoza).[1]

Coroación 1416
Nacemento 1396
Medina del Campo, Castela
Predecesor Fernando I de Aragón
Sucesor Xoán II de Aragón (Aragón)
Fernando I (Nápoles)
Consorte María de Castela
Descendencia Vexase Descendencia
Proxenitores Fernando I de Aragón
Leonor de Alburquerque

Afonso V de Aragón, nado en Medina del Campo, Castela en 1396 e finado no Castel dell'Ovo, Nápoles o 27 de xuño de 1458, chamado o Magnánimo e o Sabio,[2] foi, entre 1416 e 1458, rei de Aragón, de Valencia (Afonso III), de Mallorca (Afonso I), de Sicilia (Afonso I), de Sardeña (Afonso II) e conde de Barcelona, Rosellón, Cerdaña e Urgell, e entre 1442 e 1458, rei de Nápoles (Afonso I).

Era o fillo primoxénito do rexente de Castela Fernando de Antequera (que posteriormente foi rei de Aragón co nome de Fernando I), e da condesa Leonor de Alburquerque. Pertecía, por tanto, á Casa de Aragón.[3] por ser neto de Leonor de Aragón (xa que a dignidade real aragonesa podía transmitirse por liña feminina),[4] e á liñaxe Trastámara por ser neto de Xoán I de Castela.

O 28 de xuño de 1412 convértese en herdeiro ao trono da Coroa de Aragón cando seu pai foi proclamado rei tras o chamado Compromiso de Caspe e, tres anos máis tarde, o 12 de xuño de 1415, na catedral de Valencia, contraeu matrimonio coa súa prima a infanta de Castela María, filla de Henrique III de Castela e de Catarina de Lancaster.

O 2 de abril de 1416, tras o falecemento do seu pai, sucédeo como rei de Aragón e dos demais reinose* condados dos que era titular.[2]

Faleceu o 27 de xuño de 1458 en Castel dell'Ovo, Nápoles, e está soterrado nos Sepulcros Reais do Mosterio de Poblet.

Sucedeuno como rei de Aragón o seu irmán Xoán, e como rei de Nápoles o seu fillo natural Fernando.

Política interior[editar | editar a fonte]

Escudo de armas do rei Alfonso V de Aragón O Magnánimo como cabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro, á que accedeu tras o seu sétimo capítulo de Gante, 1445. Lenda: TRÈS HAÙT ET TRÈS EXCELLENT ET TRES PÙISSANT PRINCE DON ALPHONSE, ROY D'ARRAGON V. DÙ NOM. 'Moi alto e moi excelente e moi poderoso príncipe don Afonso, rei de Aragón V do nome.'

Cataluña[editar | editar a fonte]

Nas Cortes de 1419 Afonso tivo un enfrontamento cando a nobreza catalá formou unha liga de baróns, vilas e cidades reclamando ao rei que reducira o elevado número de membros da nobreza castelá nomeados para cargos de goberno, o que fixo que o monarca reducira e reorganizara a Casa Real.

En 1448, Alfonso V dita desde Nápoles, onde instalara a Corte, unha provisión que permitía aos campesiños (pagesos) reunírsense* nun sindicato para tratar a supresión dos malos usos. Os propietarios das terras opuxéronse á medida e fana fracasar. O problema volverá porén en 1455, cando Afonso dita a coñecida como "Sentenza interlocutoria" na que suspende as servidumes e os malos usos, medida que en 1462, xa reinando Xoán II de Aragón, provocara a primeira guerra remensa.

Castela[editar | editar a fonte]

Xoán II ocupaba o trono castelán desde 1406, tras a morte do seu pai Henrique III, quen no seu testamento, e debido a que ao acceder ao trono Xoán só contaba con pouco máis de un ano de idade, dispuxera que a rexencia do reino a desempeñaran a súa viúva Catarina de Lancaster e o infante Fernando de Trastámara.

Ao ser coroado Fernando rei de Aragón no Compromiso de Caspe (1412), deixou aos seus fillos, os Infantes de Aragón Xoán II de Navarra e Henrique, como os seus lugartenentes en Castela para que defenderan os seus intereses.

En 1419, Xoán II de Castela alcanza a maioría de idade e pretende librarse da influencia dos Infantes. Tras o golpe de Tordesillas e o fracasado cerco do castelo de La Puebla de Montalbán a finais de 1420, delega todo o poder no novo Condestábel de Castela Álvaro de Luna, o que dará lugar a unha longa e intermitente guerra civil entre dous bandos: o primeiro formado por don Álvaro e a pequena nobreza, e o segundo intagrado ormado polos Infantes de Aragón e a alta nobreza, apoiados por Alfonso V desde Aragón.

Porén, o enfrontamento que xorde entre os propios infantes polo poder provoca que a influencia aragonesa en Castela corra perigo, polo que Afonso V, que se encontraba en Nápoles, decide retornar á península en 1425 onde, tras acusar a Álvaro de Luna de usurpador do goberno, logra reconciliar aos seus irmáns os infantes e, aínda que consigue nun primeiro momento, en 1427, que o Condestábel de Castela sexa desterrado a Cuéllar, non puido evitar o seu retorno vencedor ao ano seguinte.

Afonso V, entre 1429 e 1430, enléase nunha guerra contra o seu primo Xoán II de Castela e a política do valido Álvaro de Luna para apoiar aos seus irmáns os infantes pero, cando ambos os bandos se encontraban cerca de Jadraque fronte a fronte para entablar batalla, a intervención persoal da raíña castelá María de Aragón, irmá de Afonso V, evitona*.

En 1432 Afonso retorna a Italia e, en 1436, asina a paz con Castela mediante un tratado no que os infantes abandonaban o reino castelán a cambio de percibir rendas anuais.

Política exterior[editar | editar a fonte]

Mapa da Coroa de Aragón en 1443.

Sicilia[editar | editar a fonte]

O antipapa Benedito XIII investira a Fernando I de Aragón como rei de Sicilia en 1412, quen nomeou ao seu fillo Xoán como lugartenente xeral da illla. Ao falecer Fernando I, os sicilianos intentaron que o seu trono fora ocupado por Xoán, polo que a primeira medida de política exterior que tomou Afonso V foi acabar con esas ansias independentistas. Reclamou a presenza do seu irmán Xoán na Corte e enviouno, xunto ao seu outro irmán, Henrique, para que lle axudara na loita que mantiñaa* por facerse co poder en Castela.

Sardeña[editar | editar a fonte]

Desactivado o perigo independentista siciliano, o seguinte obxectivo de Afonso foi a illa de Sardeña, territorio sobre o que a coroa aragonesa reivindicaba a súa soberanía desde que en 1297 o papa Bonifacio VIII concedera a illa en feudo a Xaime II de Aragón, e que nese momento se encontraba inmersa nunha rebelión instigada polos xenoveses.

Representación heráldica do rei Afonso V no Armorial ecuestre del Toison d'Or. París, Bibliothèque de l’Arsénal, ms. 4790, f. 108r, miniatura n.º 228.[5]

Afonso dirixiuse á illa á fronte dunha escuadra de 24 galeras que levantou áncora, en maio de 1420, desde Los Alfaques con dirección a Alguer coa intención de someter as cidades que se rebelaran. A chegada da frota fixo que os rebeldes se someteran sen presentar ningunha resistencia.

Córsega[editar | editar a fonte]

Desde Sardeña, Afonso dirixiuse coa súa escuadra á illa de Córsega onde logro tomar a cidade de Calvi e puxo sitio á cidade de Bonifacio.

Nápoles[editar | editar a fonte]

Afonso V abandonou o sitio de Bonifacio en 1421 cando recibiu a petición de axuda de Xoana II de Nápoles ante o sitio que estaba sufrindo por parte das tropas de Luís III de Anjou, mandadas por Muzio Attendolo Sforza. O monarca aragonés acode en axuda de Xoana que, en agradecemento, adóptao como fillo e herdeiro e o nomea duque de Calabria e, tras fixar a súa residencia en Nápoles Afonso nomea rexente de Aragón á súa esposa María.

Armas de Afonso V.

Os sucesivos éxitos militares e políticos de Afonso V no escenario mediterráneo levantaron o receo do duque de Milán Filippo María Visconti quen, aproveitando o arrefriamento das relacións entre a raíña Xoana e Afonso cando este fixo deter ao primeiro ministro napolitano e amante de aquela, alentou unha revolta encabezada por Sforza que obrigou a Afonso a refuxiarse, o 30 de maio de 1423, na fortaleza napolitana de Castel Nuovo até que a chegada dunha frota aragonesa de 22 galeras lle permitiu recuperar Nápoles e obrigar a Xoana a buscar refuxio en Aversa e despois en Nola onde revogará a adopción de Afonso e nomeará como novo herdeiro a Luís de Anjou.

Tras recibir noticias da Península acerca das dificultades que atravesaban os seus irmáns no seu enfrontamento con Castela, e ao necesitar reforzos económicos e militares para continuar coa súa política de expansión, Afonso decide deixar Nápoles ao mando do seu irmán Pedro e, tras destruír o porto de Marsella en territorio dos Anjou, retorna aos seus reinos peninsulares onde permanecería até 1432.

A ausencia de Afonso de Italia permite ao duque de Milán conquistar, en 1423, Gaeta, Procida, Sorrento e Castellammare; e tras poñer sitio a Nápoles, permitir a Francesco Sforza tomar a cidade en 1424, obrigando a Pedro a buscar refuxio en Sicilia.

Afonso V retorna a Italia en 1432, pero debe pospoñer a toma de Nápoles debido á liga militar que, co apoio do papa Uxío IV e do emperador Sexismundo, forman Venecia, Florencia e Milán, e que lle obriga a asinar en 1433 unha tregua de dez anos con Xoana II de Nápoles.[6][7]

Retrato de Afonso V de Aragón, de Mino da Fiesole.

A tregua permite a Afonso fixar a súa atención en África, onde xa en 1432 dirixira unha expedición militar contra a illa de Xerba. O seu interese reanúdase en 1434 cunha nova expedición a Trípoli; poré, as mortes dos seus rivais napolitanos fai que a súa atención volva a centrarse en Italia.

En efecto, en 1434 falece Luís III de Anjou, polo que a raíña Xoana nomea novo herdeiro ao trono de Nápoles ao irmán de aquel, Renato. Porén, ante a morte de Xoana ao ano seguinte, o papa Uxío IV non dá a sua aprobación, polo que Afonso ve chegado o momento de conquistar Nápoles. Acompañado dos seus irmáns Xoán, Henrique e Pedro toma a cidade de Capua e pon sitio a Gaeta en cuxo auxilio acudiu unha frota xenovesa que derrotaría á aragonesa na batalla que se desenvolveu o 4 de agosto de 1435 fronte á illa de Ponza e na que foron feitos prisioneiros o propio rei e os seus irmáns Xoán II de Navarra e Henrique, que foron entregados ao duque de Milán Filippo María Visconti.[2]

En 1436 o duque liberou a Xoán de Navarra, que regresou á Península e substituíu á esposa de Afonso V como rexente do reino de Aragón, polo que María quedou unicamente á fronte do principado catalán. De contado Afonso negocia a súa liberdade, e chega con Visconti a un acordo polo que ambos os dous asinan unha alianza que lle permitirá a Afonso volver a conquistar Capua e Gaeta en 1436 e poñer sitio a Nápoles, no que faleceu o seu irmán Pedro en 1438.

Tras tomar varias cidades en Calabria, incluíndo Cosenza e Brisignano, Afonso entrou triunfalmente en Nápoles o 23 de febreiro de 1443, obtendo o recoñecemento do papa Uxío IV a cambio de que Afonso e apoiara no seu enfrontamento cos Sforza.

Afonso non regresaría nunca máis aos seus estados peninsulares da Coroa de Aragón, establecendo a súa Corte na fortaleza de Castel Nuovo, que mandou remodelar ao arquitecto mallorquín Guillermo Sagrera.

Política cultural[editar | editar a fonte]

O Cancioneiro de Stúñiga. Manuscrito belamente iluminado que recolle a poesía da corte napolitana de Afonso V de Aragón.

Alfonso V pode considerarse como un xenuíno príncipe do Renacemento, xa que desenvolveu un importante mecenado cultural e literario que lle valeu o sobrenome de "o Sabio", e que convertería a Nápoles no foco principal da entrada do humanismo renacentista no ámbito da Coroa de Aragón. Protexeu a humanistas destacados, como Lorenzo Valla, Giovanni Pontano ou Antonio Beccadelli. Froito deste mecenado foi un círculo de poetas de cancioneiro cuxa obra recolle o Cancioneiro de Stúñiga.

A súa devoción cara os clásicos foi excepcional. Nas súas propias palabras dixo: «os libros son, entre os meus conselleiros, os que máis me agradan, porque nin o temor nin a esperanza lles impiden dicirme o que debo facer». Dise igualmente que Afonso detía ao seu exército en piadoso respecto ante o lugar de nacemento dun escritor latino, levaba a Tito Livio ou a César na súas campañas e o seu panexirista Panormita non consideraba unha incríbel mentira o dicir que o rei curou dunha enfermidade cando se lle leron unhas páxinas da biografía de Alexandre Magno escrita por Quintus Curtius Rufus.

Outros feitos[editar | editar a fonte]

Medalla de prata de Afonso V (1449), por Pisanello.

Tivo contactos diplomáticos co imperio de Etiopía. En 1428 recibiu unha carta de Yeshaq I de Etiopía, entregada en man por dous dignatarios, na que lle propoñía unha alianza contra os musulmáns, selada por un dobre matrimonio, o do infante Don Pedro coa filla de Yeshaq, a condición de que este levara a Etiopía a un grupo de menestrais. Non está claro se Afonso respondeu a esta carta nin en que termos, aínda que unha mensaxe enviada en 1450 ao sucesor de Yeshaq, Zara Yagob, escribiu que estaría encantado de envialos se se lle garantía a súa seguridade, xa que nunha ocasión anterior toda unha partida de trece dos seus súbditos pereceran na viaxe.

O seu reinado acaba con dúas novas guerras: unha contra o seu primo e cuñado, Xoán II de Castela, entre os anos 1445 e 1454, e outra contra Xénova, que se iniciou en 1454 e continuou até a súa morte, ocorrida o 27 de xuño de 1458 no Castel dell'Ovo ('Castelo do Ovo') (Nápoles). En 1671 Pedro Antonio de Aragón, vicerrei de Nápoles, obtivo o permiso para trasladar desde alí os restos de Afonso V o Magnánimo e depositalos nos Sepulcros Reais do mosteiro de Poblet. Construise* unha tumba cun gran pedestal xunto aos sepulcros reais, no cruciero*, no lado do Evanxeo. Só queda na actualidade (ano 2007) a base ou pedestal restaurado.

Antepasados[editar | editar a fonte]

Descendencia[editar | editar a fonte]

En 1408 Afonso comprometeuse con María de Castela (1401-1458), filla de Enrique III o Doente, e prima súa. O matrimonio celebrouse na catedral de Valencia o 12 de xuño de 1415. Non tiveron descendencia.[2]

Da súa relación con Giraldona de Carlino, tivo tres fillos naturais:

  • Fernando (1423-1494), o seu sucesor no reino de Nápoles co nomre de Fernando I.
  • María (1425-1449), casada con Lionel, marqués de Este e duque de Ferrara.[8]
  • Leonor.

Sucesión[editar | editar a fonte]

Nas coroas de Aragón, Sicilia e Sardeña, sucedeulle o seu irmán Xoán. O reino de Nápoles quedou para o seu fillo bastardo Fernando.[2]

Predecesor:
Fernando I
thum
Rei de Aragón, Valencia, Mallorca, Sicilia e Sardeña
Conde de Barcelona

1416 - 1458
Sucesor:
Xoán II
Predecesor:
Renato I
Arms of Ferdinand I of Naples.svg
Rei de Nápoles

1442 - 1458
Sucesor:
Fernando I

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha en ceres.mcu.es, colecciones en red del Ministerio de Cultura de España.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 De Capmany y de Montpalau, Antonio (1792): Compendio cronológico-histórico de los soberanos de Europa. Primera Parte. Capítulo: "De los reyes de Aragón. Casa de Castilla", páx. 413.
  3. Fernando de Trastámara foi proclamado rei de Aragón o 28 de xuño de 1412 como Fernando I, quen o 5 de agosto entrou en Zaragoza, onde xurou o seu título perante as Cortes xunto ao seu fillo Afonso, futuro Afonso V o Magnánimo, que o fixo como herdeiro á Coroa de Aragón. En palabras de José Ángel Sesma:
    O breve reinado de Fernando I non supuxo de ningunha maneira unha nova etapa para a Coroa, nin sequera se pode falar dun cambio de dinastía. A Casa Real de Aragón seguirá no trono, polo menos durante o século XV.
    J. A. Sesma Muñoz, El Interregno (1410-1412). Concordia y compromiso político en la Corona de Aragón,Zaragoza, Institución «Fernando el Católico» (CSIC), 2011, páx. 224. ISBN 978-84-9911-143-8
  4. Véxase Alberto Montaner Frutos, El señal del rey de Aragón: Historia y significado, Zaragoza, Institución «Fernando el Católico», 1995, páxs. 24-25; Ana Isabel Lapeña Paúl, Ramiro II de Aragón: el rey monje (1134-1137), Gijón, Trea, 2008, páx. 184; Ernest Belenguer, «Aproximación a la historia de la Corona de Aragón», en Ernest Belenguer, Felipe V. Garín Llombart y Carmen Morte García, La Corona de Aragón. El poder y la imagen de la Edad Media a la Edad Moderna (siglos XII - XVIII), Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior (SEACEX), Generalitat Valenciana y Ministerio de Cultura de España - Lunwerg, 2006, páx. 26; Adela Mora Cañada, «La sucesión al trono en la Corona de Aragón», en El territori i les seves institucions historiques. Actes de les Jornades d’Estudi. Ascó, 1997, vol. 2, Barcelona, Pagés (Estudis, 20), 1999, vol. 2, páxs. 553-556 e Carlos Laliena Corbera y Cristina Monterde Albiac, En el sexto centenario de la Concordia de Alcañiz y del Compromiso de Caspe, coord. por José Ángel Sesma Muñoz, Zaragoza, Gobierno de Aragón, 2012, páx. 5.
  5. Alberto Montaner, «La problemática del número de elementos en las armerías medievales: diseño frente a representación», Miguel Metelo de Seixas e Maria de Lurdes Rosa (coord.), Estudos de Heráldica Medieval, Lisboa, Instituto de Estudos Medievais; Centro Lusíada de Estudos Genealógicos e Heráldicos, 2012, páxs. 125-142; cfr. esp. páx. 130, fig. 2. ISBN 978-989-97066-5-1.
  6. Lafuente y Zamalloa, Modesto (1852). Historia general de España. pp. 300–301. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 
  7. Alzog, Johannes Baptist e De la Fuente, Vicente (1895): Historia eclesiástica o adiciones a la Historia general de la Iglesia, Volume 2. Barcelona: Librería religiosa, pp. 470-471.
  8. Ortiz de la Vega, Manuel (1856): Los héroes y las grandezas de la tierra, Tomo 6, p. 90.

Véaxse tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]