Habsburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Casa de Austria")
Bandeira da monarquía dos Habsburgo; tamén usada durante o imperio austríaco durante o Ausgleich de 1867.
Brasón dun emperador Habsburgo mostrando a variedade dos seus territorios.

A Casa de Habsburgo (Hapsburg; tamén chamada a Casa dos Austrias foi unha das familias máis importantes da Historia de Europa. A familia ten a súa orixe no século XII e o nome deriva de Habichtsburg, o castelo do falcón, a súa morada oficial, construído no 1020, na Suíza.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A casa de Habsburgo subiu por primeira vez ó trono imperial con Rodolfo IV, que reinará sobre o Sacro Imperio Romano-Xermánico de 1273 a 1291 como Rodolfo I. No 1278, trala derrota e morte do Rei da Boemia Otokar II na batalla de Dürnkrut (no Marchfeld), o emperador obtivo os ducados da Austria e da Ístria, que deu ós seus fillos.

Deste xeito foi como Rodolfo I, rei dos romanos (1273-1291) e conquistador da Austria e da Ístria, cuxas terras doou para os seus dous fillos no 1282, iniciando o dominio da familia sobre Austria. Morto Rodolfo I, os Habsburgos, non puideron manterse no poder do Sacro Imperio. Alberto, o seu fillo, sucedeuno no 1298 como Alberto I, máis foi asasinado no 1308. Afastados pola poderosa Casa de Luxemburgo, os Habsburgos foron excluídos dos asuntos do Imperio. Cando a Bula de Ouro (constitución selada de ouro, dada polo soberano do Sacro Imperio) fixou en 1356 os sete principes electores do Emperador, os Habsburgos non estiveron na lista. As súas terras suízss estaban ameazadas pola nada Confederación Helvética. Polo outro lado, a conquista da Carniola no 1335, do Tirol no 1363, dunha parte da Ístria no 1374 e do Trieste no 1382 consolidará o ducado da Austria, base do seu poder.

Segundo o costume xermánico, os territorios dos Habsburgos foron repartidos entre os diversos membros da familia. No 1379 separouse unha pola Albertina e outra Leopoldina, o cal terminará recollendo en 1490 a herdanza completa. Estas divisións provocaron conflitos, enfraquecendo o poder dos príncipes e reforzando o das Dietas locais que, cada vez máis dominadas pola nobreza, comezan a elaborar a súa administración propia.

A extinción da Casa de Luxemburgo permitiu ós Habsburgos recuperar a coroa imperial. A elección de Alberto II no 1438 e a de Frederico III no 1440 marcarán o inicio dunha presenza duradeira no poder do Sacro Imperio.