Baía da Concha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°19′10″N 1°59′44″O / 43.31944, -1.99556

A baía nunha vista satélite da cidade.

A baía da Concha (en éuscaro: Kontxako badia) é unha pequena baía situada na costa española do mar Cantábrico, fronte á cidade de Donostia. Como indica o seu nome posúe forma de cuncha, e alberga dúas praias (Ondarreta e La Concha) e unha illa, a illa de Santa Clara.

Orixe xeolóxica[editar | editar a fonte]

A baía ocupa o espazo comprendido entre os montes Igeldo (oeste) e Urgull (este). Segundo estudos xeolóxicos, a primitiva baía abarcaba desde o monte Igeldo ata o monte Ulía, que pecha a praia de Zurriola polo leste, xa que o actual monte Urgull puido ser, con toda probabilidade, unha illa. Desta forma, a primitiva baía, cunha liña de praia de máis de 3000 metros de lonxitude, abarcaba as tres praias da cidade e dúas illas. Posteriormente, e cos sedimentos acumulados na desembocadura do río Urumea, formouse un pequeno istmo que uniu a illa de Urgull a terra firme, converténdose está nun monte. Así quedou formada a actual baía, cuxa forma de cuncha sería consolidada coa construción do paseo.

Praias[editar | editar a fonte]

A baía da Concha desde o monte Igeldo.

A liña de praia da baía ten unha lonxitude aproximada de 2000 metros, dos cales 1400 corresponden á praia da Concha e os 600 restantes á praia de Ondarreta. A distancia aproximada da praia da Concha á illa de Santa Clara é de algo máis de 1000 metros. Debido á súa pecualiar configuración, as augas da baía adoitan ser mansas, aínda que os cambios de marea son frecuentes e afectan en gran medida ao largo das praias, que poden chegar a desaparecer por unhas horas.

Paseo marítimo[editar | editar a fonte]

O Palacio de Miramar está situado no punto de separación entre as praias de Ondarreta e La Concha, en pleno centro do paseo que bordea a baía.

O paseo marítimo que bordea a baía da Concha está composto de varios tramos con nomes distintos. Comezando polo extremo oriental, nas saias do monte Urgull, o paseo recibe o nome de Paseo Nuevo. Tras este, o paseo discorre polo pequeno porto pesqueiro da cidade, e posteriormente e á altura do edificio do Concello comeza o Paseo da Concha, probablemente o máis famoso de España. Ao longo deste paseo e ata o final da baía atópase a famosa varanda da Concha, deseñada por Juan Rafael Alday e instalada na década de 1910. No Paseo da Concha atópanse os elementos arquitectónicos e ornamentais máis destacados do paseo que bordea a baía: unhas características farolas situadas ao comezo da rampla de baixada á praia da Concha, dous grandes reloxos, os edificios do balneario da Perla e a Real Casa de Baños. Avanzando en sentido oeste alcánzase o Paseo de Miraconcha, que finaliza no Palacio Real de Miramar. O paseo recibe entre Miramar e o Peite do Vento o nome de Paseo de Ondarreta, xunto ao cal hai uns xardíns. O paseo marítimo ao bordo da baía finaliza, como se dixo, no conxunto escultórico de Peite do Vento, deseñado polo escultor donostiarra Eduardo Chillida.

Vista nocturna da baía da Concha.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]