A Illa de Arousa
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Arousa | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.876 (2023) (696,57 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 7 km² | ||||
Altitude | 9 m | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde da Illa | Luís Arosa | ||||
Eleccións municipais na Illa de Arousa | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36626 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36901 | ||||
Sitio web | ailladearousa.es | ||||
A Illa de Arousa é unha illa e concello da provincia de Pontevedra, situada no interior da ría de Arousa. Segundo o IGE en 2021 tiña 4951 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é arousán/arousana e tamén Carcamán.
Poboación
[editar | editar a fonte]A poboación da Illa de Arousa mantense bastante estable nos últimos anos sobre os cinco mil habitantes[1].
Censo total, en 2015 | 4956 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 733 (14,79 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3246 (65,5 %) |
Maiores de 65 anos | 977 (19,71 %) |
Xeografía
[editar | editar a fonte]O concello da Illa de Arousa está formado polas illas Arousa (a de maior extensión), Guidoiros e Areoso.
A illa ten unha superficie de 7 km², acadando a súa maior altitude no Con do Forno (68 m). Desde setembro de 1985 está unida ao continente por unha ponte de 2 km.
Algunhas das súas praias son A Area da Secada, A Lavanqueira, O Vao, Camaxe, Carreirón, Espiñeiro e O Cabodeiro.
A illa ten catro peiraos: O Xufre (onde se comercializa o marisco e o peixe), Cabodeiro, Naval e O Campo. Hai tres paseos marítimos: O Campo, O Cantiño e o que vai do IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) á Area da Secada. É tamén de interese turístico o faro de Punta Cabalo.
As precipitacións danse en inverno e en outono e en menor cantidade en primavera; no verán as precipitacións son menores de 50 mm. En todo o ano danse máis de 1000 mm de choivas e é rara a vez que cae algunha nevada en inverno xa que a última foi no 1985. As temperaturas medias de inverno son de 10 °C e no verán de 21,5 °C, con máximas de 40 °C en agosto.
O miradoiro do Santo é o punto máis alto da illa dende onde se pode contemplar a vila e parte da súa contorna.
Historia
[editar | editar a fonte]A illa xa foi habitada nos primeiros tempos do Paleolítico (quedando mámoas na illa Guidoiro Areoso) e na idade de bronce, en épocas en que o nivel do mar era máis baixo. Da época romana quedan restos dunha vila preto da punta do Naso, e localizouse unha necrópole na praia dos Bufos.
No ano 912 a metade da illa pasou a pertencer ao mosteiro de San Martiño Pinario, da orde de san Bieito, trala doazón do bispo de Iria Sisnando. No ano 929 o rei Afonso IV fundou o mosteiro de San Xián.
No século XII, ante as invasións dos normandos, o arcebispo Xelmírez ordenou a construción de naves e torres para protexer a costa, converténdose a illa nun punto de encontro para as tropas.
A partir de 1845 desenvolveuse a industria de salgado e pesca da sardiña, chegando a haber sete factorías. En 1879 inaugurouse a fábrica de salgado Goday, a segunda implantada en Galicia.
Trala división territorial de 1833 converteuse en concello, pero en 1873 pasou a formar parte de Vilanova de Arousa, ao que pertenceu até 1996 agás entre 1935 e 1945, cando formou parte de Vilagarcía de Arousa. En 1996 volveu ser concello de seu, logo da presión social da veciñanza.
O 7 de outubro de 1934 tivo lugar a Independencia da Illa de Arousa que durou unhas horas.[2]
O 14 de setembro de 1985 inaugurouse a ponte que une a illa a terra, que dinamizou a economía da poboación. Até entón os desprazamentos tiñan lugar en pequenos barcos.
Tradicionalmente a economía estivo baseada na pesca e no marisqueo, pero actualmente está máis diversificada.
Cultura
[editar | editar a fonte]Patrimonio histórico-artístico
[editar | editar a fonte]- Restos arqueolóxicos prehistóricos (castro do Naso, Quilma, antas do Areoso, Tarais...)[3]
- Restos arqueolóxicos paleoromanos (praia do Naso, necrópole dos Bufos)
- Trazado medieval, do tempo de Afonso VIII de León e Galiza, entre as rúas do Castro e a Torre.
- Igrexa parroquial na Torre. O adro está posibelmente construído coa pedra da torre descrita por Martín Sarmiento, que acabou de tirar o vento no século XVIII.[4][5] Sarmiento atribuía o uso da torre ao aviso de piratas ou viquingos, segundo Manuel Gago Mariño, trataríase dun castelo, similar aos de vilas escocesas, vinculado ao foro real.
- Muíños de vento e marés.
- Patrimonio industrial vinculado á conserva (s. XIX e XX)
- Centro de Interpretación da Conserva (s. XXI)
Deporte
[editar | editar a fonte]Os maiores clubs deportivos da illa son o Céltiga Fútbol Club, fundado na década de 1920, os clubs de piragüismo e baloncesto (CB Dorna) nados da década de 1980, e outras seccións deportivas da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, impulsora tamén da revista Dorna de literatura galega e da Escola de Navegación Tradicional Dorna. No ano 2000 fundouse o CXR Arousa, participante e organizador de distintos eventos de ximnasia rítmica.[6]
Festas
[editar | editar a fonte]- Festa do Patrón: o 7 de xaneiro, San Xulián. Duran tres días, logo de Reis.
- Todos os Santos/ Día de Pedir/ Magosto/ Samaín: entre o 30 de outubro e o 2 de novembro é a festa de Defuntos, e consérvase a tradición de iren os rapaces a pedir polas portas unha esmoliña "polos defuntiños que van alá". As cabazas, que na Arousa se chaman botefas, tamén se facían antes de importar o Halloween e recuperar o Samaín (nome irlandés que se pronuncia Xauin). O magosto a princios de novembro adoita coincidir nesas datas.
- Entroido: o carnaval é unha das celebracións máis importantes na Arousa desde hai moito tempo, tendo noticias de comparsas dos anos 20 e 30, das que se conservan letras. Actualmente acode moita xente dos arredores, especialmente o luns de Entroido.
- Festas do Carme: as festas do verán duran cinco ou seis días, adicados aos quintos, a san Ramón, san Roque, santo Antonio, e á Virxe do Carme. O día do Carme é sempre un sábado, e celébrase normalmente a finais de xullo, variando a data para que coincida con mareas vivas, pois con marea alta celébrase a procesión marítima na que participan centos de embarcacións levando a arousáns e visitantes.
Festas gastronómicas
[editar | editar a fonte]- Festa da Navalla, o 27 de xullo
- Festa do Mexillón, o 1º domingo de agosto.
- Festa do Polbo, a 1ª fin de semana de setembro.
- Festa gastronómica do Mar, todas as fins de semana de agosto agás a 1ª (que é a do mexillón).
A Illa de Arousa na literatura e na cultura popular
[editar | editar a fonte]Un xentilicio popular aplicado ós veciños da Illa de Arousa é o de Carcamán [7]. Este apelativo xa fora recollido no Diccionario Gallego-Castellano da Real Academia Galega de 1913 e polo Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez de 1958, que documentan a súa orixe en Murguía [8]. Segundo explican, Carcamán era unha denominación galega para os contrabandistas e, en 1826, houbo unha partida de contrabandistas italianos que se fixeron fortes na illa, desde a que facían incursións nos lugares veciños.
- Na Arousa non hai mozas,/ en Boiro todas son vellas;/ vivan as de Santo Isidro/ que n’hai mozas como elas [9].
Un conto Finisterre da República dos sonhos de Nélida Piñón transcorre na illa de Arousa, sobre as vivencias co seu padriño arousán Ceferino Gondar [10]
O personaxe de Laura do libro O cervo na torre de Darío Xohán Cabana é oriunda da Illa de Arousa, pero ela descoñece que a illa desapareceu nunha explosión termonuclear.[11]
O escritor Valle-Inclán pasaba tempadas na illa e afirmou que naceu 'no medio da Ría de Arousa'.
Desde o ano 1976, celebráronse na illa varios festivais musicais, audiovisuais e de teatro, como o Arousa Folk, o Alén Rock, o Atlantic Fest, O mar nunha flor etc.
A obra "Memorias dun neno labrego" de Cándido Pazó, baseada no libro de Neira Vilas, foi estreada na illa.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da Illa de Arousa.
-
Fotografía de satélite da Illa de Arousa.
-
O porto do Campo.
-
Descargando mexillón.
-
Dornas na praia do Bao.
-
Posta de sol.
-
Placa altimétrica.
-
As mans do mar de Arousa (escultura de Lucas Míguez, 2007).
-
Bandeira da Illa de Arousa, Pontevedra.[12]
Parroquias
[editar | editar a fonte]Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Illa de Arousa | |
---|---|
Lugares da Illa de Arousa
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Illa de Arousa vexa: Lugares da Illa de Arousa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Consulta do padrón municipal → Seleccionar tódolos anos, total de sexos, total nacionalidade e concello da Illa de Arousa
- ↑ Un día para la independencia
- ↑ Riobó, Íñigo Mouzo (2019-02-08). "Xa podes coñecer todos os segredos dos dólmenes na coñecida como illa dos mortos, na ría de Arousa". Historia de Galicia. Consultado o 2023-08-19.
- ↑ "Ruta Padre Sarmiento". Ruta Padre Sarmiento. Consultado o 2023-08-19.
- ↑ "Mancomunidad de O Salnés - Rías Baixas - Galicia". osalnes.com. Consultado o 2023-08-19.
- ↑ "O Memorial Rodrigo Vázquez de ximnasia rítmica reúne hoxe 20 equipos en Vilanova de Arousa". LVG. 2023-04-30. Consultado o 2024-04-13.
- ↑ Carcamán: "Apodo garimoso para referirse á xente da Arousa" ("O colexio da Illa recolle máis de 200 voces que todo carcamán debe coñecer", en La Voz de Galicia, 11.05.2021).
- ↑ Dicionario de dicionarios.
- ↑ Fermín Bouza Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 170. No texto: n-hai. Santo Isidro de Posmarcos é unha parroquia de Pobra de Caramiñal.
- ↑ "Nélida Piñón e A Illa de Arousa". La Voz de Galicia (en castelán). 2005-07-02. Consultado o 2022-02-09.
- ↑ "Recensión de "O cervo na torre", de Darío Xohán Cabana".
- ↑ Decreto 175/2008, do 17 de xullo,D.O.G. núm. 160 (20 de agosto de 2008)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: A Illa de Arousa |