Ponteareas
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital de | |||||
Capital | Ponteareas | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 23.154 (2023) (185,23 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 125 km² | ||||
Altitude | 39 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcaldesa | Nava Castro (2023–) | ||||
Eleccións municipais en Ponteareas | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36860 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36042 | ||||
Páxina web | ponteareas.gal | ||||
Ponteareas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado. Segundo o INE en 2022 tiña 23.049 habitantes.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo actual Ponteareas é o resultado da fusión do nome composto Ponte de Areas e as súas variantes dos séculos XV-XIX que tendían a fusionar e logo eliminar a preposición "de". Toma o seu primeiro nome da medieval ponte dos Remedios. Cruza o río Tea continuando un antigo camiño que comunica coas parroquias veciñas, da que procede o segundo nome: Areas. Esta foi identificada por algún autor[1] como a "Aureas" recollida en latín na listaxe do Parochiale Suevorum[2] do século VI, da cal é difícil extraer a súa correspondencia cos topónimos actuais. No s. IX, o rei Afonso III anótaa tamén en latín como "Sancta Maria (...) Arenosium" e anotado a marxe "sancta maria de arenis"[3], moito antes da aparición da poboación de Ponteareas. Así, o significado da partícula que deu lugar a Areas é incerto aínda só consideranto o latín (areas, áureas, áreas coas súas distintas acepcións etimolóxicas) e á súa vez confúndese na historia coa veciña Arnoso (San Lourenzo) o cal leva máis tarde a propoñer unha raíz prerromana hidronímica en arn-[4] que completa as hipóteses consideradas (o culto ao Ares grego foi presentado tamén como unha posible etimoloxía hai décadas, mais logo foi refugada[1]).
Historia
[editar | editar a fonte]O territorio que hoxe delimita o concello de Ponteareas ofrece restos de antigas poboacións, como petróglifos da Idade de Bronce e castros da Idade de Ferro, dos cales o escavado e mellor estudado é o Castro de Troña, que se estima estivo habitado desde arredor do 450 a.C. e abandoouse no I d.C. A romanización deixou unha impronta probablemente en forma de minería aurífera, como indican algúns sitios aínda en investigación.
Da Alta Idade Media, na herdanza sueva rexístrase o nome de Áureas (adaptado do latín) na diocese de Tui, atribuída hipoteticamente á parroquia de "Áreas" (sic.)[3] e outras localidades amosan un nome de orixe sueva ou gótica coma Guláns e Guillade[5]. No ano 893, mentres avanzaba a Reconquista en Portugal, Afonso III ofrece as terras de Areas e a súa Igrexa de Santa María ao poderoso padrón Santiago ("donamus glorie uestre pro victu fratrum in loco uestro degentium et sustentatione pauperum seu peregrinorum adueniencium uel ibi conmorancium ecclesiam sce. Marie nobis iure debita que est fundata in uilla quam dicunt Arenosium [engadido á marxe "De sancta maria de arenis"] juxta fluuium Tena [río Tea] secus ripam Minei,..."[3]). No século XI constrúese o castelo de Sobroso en Vilasobroso (Mondariz) que limita con Ponteareas e na Baixa Idade Media acolleu a distintas casas nobiliarias como Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) e Diego Sarmiento, dinastía que serían os señores do Couto de Canedo e finalmente en 1483 recibe de Fernando I a concesión dun mercado mensual que dará orixe á vila de Ponteareas.
Ata 1833, conserva a organización herdada do antigo reino de Galicia, pertencendo a vila á xurisdición de Ribadetea e á provincia de Tui. Trala reforma liberal Ponteareas constituíuse como concello xa enmarcado na actual provincia de Pontevedra. As súas parroquias integrábanse daquela nas xurisdicións de Sobroso, con señorío do marqués de Sobroso; a de Oliveira, con señorío do bispo de Tui; e a de Salvaterra, con señorío do conde de Salvaterra.
Neste territorio, nos primeiros anos do século XIX, chegaron a funcionar concellos en Ponteareas, Guláns e Areas. Iniciado o proceso de constitución definitiva dos concellos actuais, dentro do Partido xudicial de Ponteareas, créanse o concello de Ponteareas, xunto cos de Mondariz, Setados (As Neves) e Salvaterra. Dende 1835 permanece inalterable na súa estrutura e delimitación xeográfica.
Poboación
[editar | editar a fonte]Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Censo total (habitantes) | 22.877 (2019) |
---|---|
De 0 a 15 anos | 3.681 |
Entre 16 e 64 anos | 15.111 |
Maiores de 65 anos | 4.085 |
Poboación de Ponteareas | |||||
---|---|---|---|---|---|
Ano | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 |
Homes | 11.214 | 11.186 | 11.146 | 11.091 | 11.068 |
Mulleres | 11.776 | 11.777 | 11.747 | 11.763 | 11.809 |
Total | 22.990 | 22.963 | 22.893 | 22.854 | 22.877 |
Situación xeográfica
[editar | editar a fonte]Ponteareas ten unha superficie de 125,56 km². Conta con 220 entidades de poboación repartidas en 24 parroquias. Sitúase no sur da provincia de Pontevedra, na comarca do Condado. Linda ó norte con Pazos de Borbén, ó leste con Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves, ó sur con Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e ó oeste con Mos e O Porriño e Mos.
Dada a súa localización, conta con dúas vías de comunicación importantes como son a estrada N-120 e a autovía A-52, conectando a vila cos centros máis importantes do seu redor: Vigo a 25 km, Pontevedra a 45, Ourense a 75 e Portugal a 12.
Goberno e política
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Eleccións municipais en Ponteareas.
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Nas eleccións municipais de 2015, converteuse en alcalde do concello de Ponteareas Xosé Represas Giráldez (BNG) despois de negociar e entrar en coalición co PSdeG-PSOE e A Riada do Tea (ARDT), conseguindo o voto favorable de 11 concelleiros (incluíndo un de EU-SON), fronte aos 10 desfavorables de PPdeG e ACiP. En 2019, volveu ser elixido alcalde, ostentando dito cargo ata a súa renuncia por enfermidade, sendo elixida en maio de 2021 como nova alcaldesa Cristina Fernández Davila (BNG).
En 2011 renovou alcaldía Salvador González (PPdeG) en minoría co apoio dos concelleiros dun novo partido: Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACiP), que non entraron no goberno.
En 2007 renovou a alcaldía Salvador González Solla, do Partido Popular, quen gobernou en coalición coa Unión Condado Paradanta de Nava Castro tralas eleccións de xuño de 2007. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do PP, son o Bloque Nacionalista Galego, a lista máis votada, cuxo actual portavoz no pleno é Roberto Mera, e o Partido Socialista Obrero Español con Francisco Candeira.
En maio de 2004, os cinco concelleiros do PP e os cinco de Unión Condado Paradanta mediante unha moción de censura déronlle a alcaldía de Ponteareas ao popular Salvador González Solla, quitándolle o mando ao socialista Francisco Candeira, quen lle puxera fin aos 35 anos de goberno do popular José Castro[6] ao gobernar co apoio de dous concelleiros do seu partido e cinco do BNG.[7]
A xunta de goberno, presidida pola alcaldesa Cristina Fernández Davila trala dimisión e pasamento de Xosé Represas en maio de 2021, está composta actualmente polos 9 concelleiros do BNG e os 3 d PSdeG. O resto da corporación municipal compóñena 5 concelleiros do PPdeG e 4 de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACiP).
|
- Alcalde electo: Francisco de Asís Candeira Mosquera (PSdG-PSOE).
- Tras unha moción de censura o 13 de maio do 2004 toma posesión como alcalde Salvador González Solla do PPdeG co apoio dos votos dos concelleiros de UCPA.
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[9] | |||||
Partido | Votos | % | Concelleiros | ||
BNG | 3.584 | 28,22 % | 6 | ||
PP | 3.319 | 26,14 % | 6 | ||
UCPA | 2.898 | 22,82 % | 5 | ||
PSOE | 2.352 | 18,53 % | 4 |
- Alcalde electo: Salvador González Solla (PPdeG).
Patrimonio
[editar | editar a fonte]- Castro de Troña, é un dos principais enclaves da cultura castrexa de Galicia, destacando polo seu privilexiado enclave e as súas importantes defensas. Nunha das súas vivendas conserva un petróglifo que representa unha serpe enroscada a xeito heráldico, símbolo do castro coñecido de antigo que inspirou varias lendas.[10]
- Sitio arqueolóxico do "Castro da Croa", sucesión de foxos á beira do río Tea insuficientemente estudados, aos que se lle asignou a función defensiva dun castro ou fortificación da idade de ferro, pero logo relacionouse cunha posible explotación aurífera[11], de confirmarse a hipótese, sería un bo representante das que se están a descubrir nesta década na conca do Miño[12][13].
- Ponte dos Remedios ou ponte de San Roque, ponte medieval que lle dá nome á vila. A súa orixe atribúese popularmente aos romanos, se ben isto non está confirmado.
- Ponte das Partidas, ponte medieval ao sur da vila sobre o río Tea na parroquia de Moreira.
- Pena dos namorados, situada na parroquia de Arcos forma parte dun conxunto natural de restos de bólas graníticas.
- Pena do equilibrio, forma parte do conxunto de bólas graníticas ás que tamén pertence a "pena dos namorados". Destaca por ser un enorme penedo situado enriba doutro en pleno equilibrio sen apoio de ningún tipo.
- Igrexas románicas:
- Castelo de Sobroso, situado no outeiro de Landín, dentro do distrito natural da Entidade Local Menor de Vilasobroso territorio orixinario do antigo Señorio de Sobroso, hoxe forma parte do veciño concello de Mondariz; dista sete quilómetros da Vila de Ponteareas, é unha propiedade mercada polo Concello de Ponteareas en Vilasobroso, no ano 1981 a Zita Teresa Carrera Ferreira, única herdeira de Alejo Carrera Muñoz,periodista veciño e natural de Vilasobroso, seu propietario dende 1923 a 1967 quen o restaurou -sen axuda do Estado- Destaca pola súa arquitectura medieval: ten muralla externa, estancias e torre da homenaxe. Foi escenario dos enfrontamentos entre Diego Sarmiento e Pedro Madruga ademais da revolta irmandiña no século XV.Ten unhas impresionantes vistas sobre o seu propio pobo -Vilasobroso- e máis de cincuenta pobos de Galicia ata a fronteira de Portugal. Hoxe as súas estancias albergan o Centro de Recuperación de Cultura Popular, cunha exposición permanente sobre indumentaria tradicional de grande interese.
- O convento franciscano de San Diego de Canedo é un complexo monástico relativamente moderno, construído no século XVIII a raíz da doazón do pazo de Canedo por parte de Diego Sarmiento de Soutomaior aos franciscanos que viron o seu orixinal convento destruído un século antes na guerra con Portugal.
Música
[editar | editar a fonte]A tradición musical popular ten unha boa representación neste concello, con dúas pezas tradicionais que levan o seu nome: un pasacalles[14] e unha muiñeira[15], así como muiñeiras doutras parroquias, como a de Santiago de Oliveira[16], e outras pezas coma o pasodobre de Guláns[17] ou a jota de Fontenla[18]. Seguen a cultivar esta tradición, entre outros, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (gañadora do Certame Galego de Bandas no ano 2014[19]) e a Banda de Música de Guláns.
A música culta ten como figura sobranceira ao compositor de zarzuelas e pasodobres Reveriano Soutullo, o que homenaxeou á súa vila natal co pasodobre "Puenteareas" e á cidade que o acolleu coa "Suite Vigo". O activo Conservatorio Municipal e o Auditorio hónrano co seu nome na vila de Ponteareas, na que tamén se lle dedicou unha céntrica rúa que pasa por un lateral do mencionado conservatorio e leva á casa consitorial, diante da cal hai un busto que o conmemora, así como unha placa na súa antiga casa a pouca distancia do conservatorio.
Respecto á música contemporánea, no concello xurdiron grupos coma SonDaRúa, Skandalo GZ, Rebeliom do Inframundo, GHZ, Chico López, Duke Sam, As Punkiereteiras e Flow do Toxo.
Festas e celebracións
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Corpus Christi de Ponteareas.
A festividade do Corpus Christi, o domingo seguinte ó xoves do Corpus, foi declarada en 2009 Festa de Interese Turístico Internacional.
-
A Orotava con Ponteareas
Sendeirismo
[editar | editar a fonte]Ponteareas conta dende o 2009 cunha ruta homologada de sendeirismo, o PR-G 120 "Roteiro dos Penedos da Picaraña", apta para o turismo de natureza. Partindo do barrio da Serra, na parroquia de Arcos, ascende ata a Picaraña e retorna ata a Serra, percorrendo varios penedos: Pena do Equilibrio, Penedo da Chispa, Penedo da Fonte Santa etc.
Ponteareas na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Como o sol reloce/ a Virxe de Pías/ no viaxe primeiro/ destas romerías [20].
- Vinme triste en Ponteareas,/ e da Cañiza a Melón,/ mais cheguei a Ribadavia/ e ensanchouse o corazón.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Ponteareas.
-
Igrexa de San Pedro de Angoares.
-
Casa do concello.
-
IES Pedra da auga.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Ponteareas
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Ponteareas vexa: Lugares de Ponteareas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Piñeiro Groba, Mariano; González Pérez, Clodio (1983). Historia de Puenteareas. Centro Cultural Municipal. ISBN 84-500-9173-X.
- ↑ "callaecia: parrochiale%20suevum". Consultado o 2015-12-08.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 López Ferreiro, Antonio (1983). "Documentos XXI a XXV". Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela. Imprenta del Seminario Conciliar Central de Santiago de Compostela.
- ↑ Bascuas López, Edelmiro (2006). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 9788497500265.
- ↑ Rodríguez Otero, Ramón (1997). La presencia sueva en el Condado. in Soberosum. Revista de Estudios del Museo Municipal. vol. 2.
- ↑ Ponteareas pendente dun pacto de goberno
- ↑ Atención especial aos oito concellos onde houbo moción de censura nesta lexislatura
- ↑ Eleccións municipais de 2003
- ↑ Eleccións municipais de 2007
- ↑ María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios. "Galicia Máxica". www.galiciamaxica.eu. Consultado o 07/12/15.
- ↑ "Inventario de Xacementos Arqueolóxicos" (PDF). www.culturagalega.gal. Consultado o 7/12/2015.
- ↑ Ogando, Elena (24/01/2014). "Galicia: el Dorado de Roma". Faro de Vigo. Consultado o 7/12/2015.
- ↑ Pillado, Neli (11/07/2013). "El IEM descubre quince minas de oro inéditas en la Serra da Groba". Faro de Vigo. Consultado o 7/12/2015.
- ↑ "Pasacorredoiras de Ponteareas". Consultado o 8-12-2015.
- ↑ "Muiñeira de Ponteareas — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
- ↑ "Muiñeira de Oliveira — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
- ↑ "Pasodoble de Guláns — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
- ↑ "Jota de Fontenla — Folkoteca Galega". www.folkotecagalega.com. Consultado o 8-12-2015.
- ↑ "La Banda de Música Xuvenil de Xinzo gana el octavo certamen gallego". Faro de Vigo (en castelán). 2014-11-19. Consultado o 2022-04-03.
- ↑ Refírese a Santa Mariña de Pías, unha parroquia de Ponteareas próxima á Franqueira. Vicente Risco: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979), 393.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ponteareas |