La Palma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Palma
Bandeira de La Palma

Mapa situacional da illa de La Palma
Localización nas Canarias
Situación
PaísEspaña España
Comunidade autónomaCanarias Canarias
ProvinciaSanta Cruz de Tenerife
ArquipélagoCanarias
MarOcéano Atlántico
Coordenadas28°24′N 17°31′O / 28.40, -17.52
Xeografía
XeoloxíaVolcánica
Superficie708,32 km²
Perímetro155,55 km
Punto máis alto2.426 m (Roque de los Muchachos)
Demografía
CapitalSanta Cruz de la Palma
Poboación83 458 hab. (INE 2020)
Densidade117,83 hab./km²
XentilicioPalmeiro/a
Lingua propiaCastelán

La Palma, cuxo nome histórico é San Miguel de La Palma, é unha illa española que fai parte do arquipélago das Canarias, situado no océano Atlántico fronte ás costas africanas. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife e a capital da illa é Santa Cruz de la Palma.

Desde 2002, La Palma é Reserva da Biosfera. É a terceira illa canaria, xunto con Lanzarote e El Hierro, á que a UNESCO recoñece con esta protección.

Descrición[editar | editar a fonte]

A illa ten unha superficie de 708,32 km² (9,45% do territorio canario) e unha poboación de 81.863 habitantes (INE 2018)[1].

Bosque dos Tilos

Para referirse aos seus habitantes utilízase o xentilicio palmeiro, en galego[2], e palmero, en castelán[3].

La Palma é unha illa de contrastes grazas ao seu desnivel, que vai do nivel do mar (océano Atlántico) ata os 2.426 m do Roque de los Muchachos, punto máis elevado da illa.

No terzo norte da Illa atópase unha gran depresión de orixe erosiva, que forma a Caldera de Taburiente, declarada Parque Nacional en 1954. Desde o centro da illa ata o sur, no chamado Cumbre Vieja, hai unha serie de volcáns, entre os que se atopan o de San Antonio, o Volcán de San Juan e o Teneguía (última erupción volcánica en 1971).

A illa tamén posúe o Parque Natural de Cumbre Vieja e o Parque Natural de las Nieves así como unha serie de entidades máis pequenas con menor grao de protección.

En 1983, a zona de El Canal y los Tilos foi declarada como Reserva da biosfera pola UNESCO, que, en 1997, se ampliou para formar a "Reserva da Biosfera de Los Tilos". Finalmente, en 2002 estendeuse a reserva a toda a illa coa denominación de Reserva da Biosfera de La Palma.

La Palma é unha das illas Canarias con maior superficie boscosa, na que destacan o piñeiro e a laurisilva. En canto á agricultura, os cultivos principais son o plátano das Canarias e a vide.

Actualmente, o municipio máis poboado é Los Llanos de Aridane, superando a Santa Cruz de la Palma, a capital da Illa.

Municipios[editar | editar a fonte]

La Palma está dividida nos seguintes 14 municipios:

Areais do Llano de las Brujas na Cumbre Vieja

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Vulcanismo[editar | editar a fonte]

La Palma, como o resto das Canarias, é unha illa de orixe volcánica. Cunha idade xeolóxica estimada en 2 millóns de anos, é unha das illas máis novas do arquipélago. A illa xurdiu dun volcán submarino situado a 4.000 metros baixo o nivel do mar. O edificio volcánico de La Palma posúe unha altitude de 6.500 metros,no que se atopan todos os tipos de pedras volcánicas. La Palma é a terceira illa máis alta do mundo en relación coa súa superficie, só superada por Pico nas illas Azores e por Fogo no arquipélago de Cabo Verde.

A illa divídese en dúas zonas climáticas ben diferenciadas mediante unha cadea de volcáns denominada Cumbre Vieja. Na zona sur da illa existen volcáns aínda activos. Dunha erupción en 1971, na punta meridional da illa, no municipio de Fuencaliente, xurdiu o volcán Teneguía, que segue estando no punto de mira dos científicos por seguir candente. A zona norte da illa está dominada pola Caldera de Taburiente, unha caldeira submarina creada por volcáns e a erosión, que emerxeu ata unha altura de 3500 metros. Esta caldeira é o maior cráter emerxido do mundo. Formouse por un violento desprendemento de terras que abriu a actual Caldera no que antes era un volcán. A caldeira mide 9 quilómetros de diámetro, 28 de circunferencia e 1.500 metros de profundidade. A única saída que presenta é o Barranco das Angustias, lugar polo que só se pode acceder a pé. Nela só residen dúas persoas encargadas das tomas de auga. En 1954 creouse o Parque Nacional da Caldera de Taburiente.

Atópase rodeada por picos de entre 1.700 e 2.400 metros de altitude, nos que está situada a maior altitude da illa, o Roque de los Muchachos, con 2.426 metros sobre o nivel do mar. Neste pico atópase o Observatorio do Roque de los Muchachos.

Erupcións históricas[editar | editar a fonte]

Os datos destas erupcións obtivéronse a través dos cráteres, os campos de cinzas e a lonxitude das coadas de lava.

A actividade volcánica é un risco constante. Aínda que está concentrada na zona sur da illa, existen teorías que predín que unha erupción podería volver inestable a zona occidental da illa e caer ao mar. Un estudo dos anos 90 descubriu que a Cumbre Vieja atópase chea de auga, debido á porosidade da pedra.

Teorías sobre un posible Tsunami[editar | editar a fonte]

Segundo esta teoría, defendida por varios científicos, unha erupción podería quentar a auga que se atopa dentro da Cumbre Vieja facendo que esta estourase. Na erupción de 1949 púidose comprobar como se abriu unha falla, o que apoia esta teoría. En caso de cumprirse, xeraríase un tsunami de proporcións xigantescas que alagaría as costas do Caribe, América do Norte, Europa e África[4].

Doutra banda, outros científicos estiman que o que pode suceder é que a zona occidental da illa se fragmente en partes pequenas, como ocorreu en 1949, sen chegar a xerar ningún tsunami[5].

Natureza[editar | editar a fonte]

Vexetación[editar | editar a fonte]

La Palma - Los Tilos

Debido á súa formación e localización, La Palma presenta unhas paisaxes únicas. La Palma tamén é coñecida polos sobrenomes "A Illa Bonita" e "A Illa Verde", debido á vexetación que a cobre. A illa non só recibe auga a través de precipitacións, senón que ademais o fai a través da chamada choiva horizontal. Os ventos alisios traen nubes cargadas de auga ata os cumes da illa, formando brumas que a vexetación, especialmente a laurisilva, condensa, producindo este fenómeno coñecido como choiva horizontal.

A illa divídese en distintas zonas de vexetación, desde os campos de lava aos bosques de laurisilva, pasando por zonas de vexetación mediterránea. Entre as plantas que crecen na illa, 170 son endémicas das Canarias, sendo as máis características o drago e a palmeira canaria.

Paisaxes[editar | editar a fonte]

As paisaxes da illa componse de tres cores, o negro do basalto, o vermello da tufo volcánico, o verde da vexetación e o azul do Atlántico. No norte existen barrancos profundos por onde discorre a auga depositada nos cumes. Na zona central atópanse bosques de piñeiros e laurisilva e na zona sur, zonas volcánicas debido ás recentes erupcións.

Protección do medio ambiente[editar | editar a fonte]

Centro de visitantes de Los Tilos

Desde 1983, o bosque de laurisilva de Los Tilos está catalogado como Reserva da Biosfera pola Unesco. En 2002 ampliouse esta declaración a toda a illa. La Palma foi a primeira illa canaria en albergar un lugar deste tipo. A illa tamén acolle o Parque Nacional da Caldera de Taburiente, así como outros espazos naturais protexidos.

Especies[editar | editar a fonte]

Entre as especies endémicas da illa sobresaen:

Historia[editar | editar a fonte]

Os "outros" nomes da illa[editar | editar a fonte]

Ao longo da historia, La Palma recibiu numerosos nomes. Pode que a Junonia Maior que aparece no texto de Plinio o Vello faga referencia á Palma. Tamén recibe o nome de San Miguel de La Palma. Os aborixes denominábana Benahoare (a miña terra). Actualmente son moi populares os sobrenomes de: A Illa Bonita, A Illa Verde ou A Illa Corazón.

Os aborixes[editar | editar a fonte]

Os primitivos habitantes de La Palma eran os benahoaritas, auaritas ou awaras. No momento da conquista estaba dividida en 12 cantóns. Os primeiros textos sobre La Palma datan da Baixa Idade Media (séculos XIV e XV). Aínda que faltan datos concretos ao respecto, calcúlase que a poboación entón rondaba os 4.000 habitantes. Os aborixes vivían fundamentalmente do pastoreo de cabras, ovellas e porcos, e colleitaban froitos e raíces, cos que elaboraban unha especie de fariña que chamaban "gofio", feita con raíces de fento e amagantesarbusto endémico canario—, que tostaban e moían.

División territorial prehispánica[editar | editar a fonte]

Aínda que dependendo das fontes os datos poden cambiar, aparecendo en ocasións subdivisiones internas ou distintos topónimos para designar un mesmo territorio, adoita aceptarse que os 12 cantóns ou partes en que se dividía a illa no momento da conquista eran:

Ao cantón correspondente a La Caldera chamábanlle "Aceró", que quere dicir "lugar forte e invulnerable", e o seu xefe chamábase Tanausú.

Ao contrario de Tenerife ou Gran Canaria, en La Palma non existía ningunha superestrutura por encima destas unidades. De feito este sistema de poder non é permanente e estas unidades ou comunidades podían estar dividas noutras máis pequenas (nas propias fontes do século XVI faise referencia a outras unidades como o "bando de Gazmira").

A conquista da illa[editar | editar a fonte]

En 1447 Guillén Peraza parte de La Gomera con tres naves e 500 homes, dirixíndose a conquistar La Palma. Tras desembarcar no cantón de Tihuya, onde reinaba o príncipe Echedey, produciuse unha terrible batalla onde os indíxenas derrotaron aos casteláns a pesar das súas primitivas armas (lanzas de madeira e pedras). O mesmo Guillén de Peraza faleceu durante os combates tras ser alcanzado por unha pedra.

O 29 de setembro de 1492 desembarcan en Tazacorte, na desembocadura de La Caldera, uns 900 homes ao mando de Alonso Fernández de Lugo, quen por medio de pactos, foron aos poucos sometendo a nove dos doce cantóns. Logo tiveron que librar a gran batalla de Timibúcar para vencer a resistencia dos cantóns aliados de Tedote e Tigalate, vencendo a Bentacayse, xefe de Tedote, e aos irmáns Jariguo e Garehagua, que compartían o poder en Tigalate.

Finalmente, tan só lles quedaba o cantón de Aceró para dominar a illa, pero alí foron rexeitados repetidamente por Tanausú e os seus homes. Tras os errados intentos dos casteláns por penetrar na Caldera, Fernández de Lugo mandou a Juan de Palma, parente de Tanausú xa cristianizado, para convencer a este de que saíse polo paso de Adamacansis para facer un pacto de cabaleiros. Tanausú, perante a insistencia dos adversarios e para evitar maiores sufrimentos ao seu pobo, accedeu a negociar e a asinar a paz, e por iso foi encontrarse con don Alonso. Un dos seus seguidores advertiulle que podía tratarse dunha emboscada, pero el seguiu adiante porque non podía concibir que Fernández de Lugo o enganase. Os casteláns atacárono, capturándoo xunto ao seu séquito no lugar coñecido hoxe como El Riachuelo, preto da Cumbrecita. Din que Tanausú deixouse morrer no barco que o levaba á península, xa que non quixo comer, cômo protesta pola traizón. A folga de fame levouno á morte mentres, segundo a lenda, pronunciaba constantemente a palabra vacaguaré, que significaría "quero morrer".

Volcán Teneguía, cuxa última erupción se produciu en 1971.

Unha vez concluída a conquista, coa incorporación da illa de La Palma á coroa de Castela, comezan a chegar a ela portugueses, casteláns e en menor medida mallorquinos, cataláns, italianos, flamengos etc., atraídos polas riquezas desta terra e polas políticas destinadas a favorecer o asentamento de poboación (que incluían vantaxes fiscais). Todas estas xentes, ademais de parte da poboación indíxena que perviviu tras a conquista, forman o tronco da poboación palmeira actual. Nas últimas décadas, a consecuencia do auxe do turismo, tamén se asentou poboación alemá na illa.

Tráfico de homes - Cana de azucre[editar | editar a fonte]

La Palma non ofreceu aos conquistadores riquezas de forma rápida. Non había nin ouro nin prata ou outras pedras preciosas. A única fonte de riqueza que atoparon os conquistadores casteláns eran os guanches como escravos. A pesar dunha carta papal de 1434, na que Uxío IV declaraba os canarios como xente libre, prohibindo o tráfico de homes na illa, unha gran parte da poboación autóctona terminou sendo reducida á escravitude. Algúns estudosos estiman que unhas 300 familias (1200 persoas) se librarían da escravitude. Estes palmeiros foron sendo bautizados e foron mesturándose cos conquistadores así como colonos portugueses e franceses, tras 1514, cando se lles equiparou en dereitos cos europeos. Antes de que se abolise o comercio de escravos na illa, Alonso Fernández de Lugo implantou unha nova fonte de riqueza, o cultivo da cana de azucre. Os territorios da illa foron divididos entre mercadores, agricultores e artesáns europeos. Desta forma, en 1508, Juan Fernández de Lugo vendeu os seus cultivos de cana de azucre así como reservas de auga en Tazacorte e Argual a un andaluz apelidado Dinarte; este vendeunos un ano máis tarde á Familia Welser, que os transmitiría ao belga Jakob Groenenberch (Jacobo Monteverde), que terminaría por venderllos ao seu compatriota Van de Valle.

Viticultura[editar | editar a fonte]

A partir de 1553, o cultivo da cana de azucre deixou de ser rendible debido á produción en masa proveniente de América Central e Suramérica. Moitas das plantacións pasaron a dedicarse á produción do viño. O viño de Malvasia producido polos chans volcánicos novos do sur da illa converteuse na principal exportación da illa. O principal cliente dos viños palmeiros foi Inglaterra. O esplendor do viño palmeiro durou ata o século XIX, cando houbo un declive provocado polo cambio de gustos dos consumidores. Con todo, aínda hoxe en día séguese cultivando e producindo viño de malvasía aínda que non sexa o viño preferido polas masas de consumidores.

Comercio americano e ataques piratas[editar | editar a fonte]

No século XVI recibiu La Palma, tras Antuerpen e Sevilla, o privilexio do comercio con América. O porto de Santa Cruz de la Palma converteuse enseguida nun dos portos máis importantes do Imperio Español. Esta nova fonte de riqueza atraeu á súa vez aos piratas que atacaban a illa para apropiarse dos tesouros chegados das Indias. François Leclerc e o seu grupo de piratas franceses tomaron a cidade en 1553 roubando todo o transportable e queimando o que non era posible transportar. Tras esa catástrofe foi preciso reconstruír as casas, igrexas e conventos da cidade, así como os seus fortes defensivos. Coas novas defensas, púidose repeler o ataque de Francis Drake de 1585. O comercio con América tamén xerou outra serie de actividades como os estaleiros. Santa Cruz de la Palma atraeu a moitos comerciantes estranxeiros, dándolle á localidade un aire internacional. As rúas con nomes estranxeiros son aínda hoxe testemuñas desa época. O declive comezou a mediados do século XVII debido a unha concesión de 1657 que obrigaba a todos os barcos con destino a América a rexistrarse en Tenerife. En 1778, Carlos III abriu todos os portos de España ao comercio con América, impedindo que Santa Cruz de la Palma se recuperase da crise económica na que se atopaba inmersa.

Seda, cochinilla e plátanos[editar | editar a fonte]

Sen a ameaza pirata, a vida en La Palma proseguiu o seu rumbo de forma tranquila. De cada crise económica sufrida, levantábase a illa, non por posuír riquezas minerais senón pola fertilidade da súa terra. Tras o cultivo da cana de azucre e da vide, pasouse á produción de mel, tabaco e seda. Desde principios do século XVI comezara a plantación de moreiras , converténdose La Palma nun foco de produción de seda. En 1830 introduciuse desde México o cultivo da cochinilla, un parasito das chumbeiratunera é o nome local— do que se extraía carmín. Co desenvolvemento das tinguiduras sintéticas en 1880, o cultivo da cochinilla deixou de ser rendible.[Cómpre referencia] Para saír desta crise introduciuse o cultivo do plátano impulsado por Elder e Fyffes, dúas compañías británicas en 1878.

Pobreza[editar | editar a fonte]

Mentres tanto, o pobo apenas se vía beneficiado coas riquezas que producía a illa. Aínda no século XIX, a maioría dos habitantes da illa vivían en casas de madeira con teitos de palla, debido aos altos custos que supuña levantar casas en pedra. Un dos principais problemas era a falta de bens de consumo. Debido ao monocultivo practicado na illa, faltaban terras onde cultivar gran para alimentar á poboación. Desde o século XVI tíñase que importar o gran, polo que se pagaban prezos moi altos. O párroco de La Palma pagou os seus impostos con millo, o que impulsou a poboación a facer o mesmo. A Inquisición ditou un anátema sobre toda a illa, provocando que durante varios anos non se practicase ningún enterro cristián. A pobreza no campo era tan grande, que en moitas familias os desnutridos e malvestidos homes e mulleres, como relatou o misioneiro Juan de Medinilla en 1758 nunha carta ao bispo, debido á falta de roupa debían acudir por quendas á misa dos domingos e festivos.

A Semana Vermella[editar | editar a fonte]

Ao producirse o levantamento militar de 1936, que daría lugar á guerra civil española, a illa da Palma resístese ao golpe e mantén a legalidade republicana ata o 25 de xullo, cando chega á cidade de Santa Cruz de la Palma a canoneira Canalejas. Este período de tempo será coñecido como a Semana Vermella.

O golpe militar fracasa nesta illa ao ser interceptada polo xefe de telégrafos a mensaxe dirixida polos golpistas ao comandante militar Baltasar Gómez Navarro, que debía dirixir o golpe en La Palma. Neses momentos era Delegado do Goberno na illa Tomás Yanes Rodríguez, de Esquerda Republicana. Ao chegar as noticias do golpe, a Fronte Popular declara a folga xeral, e fórmanse as milicias populares, pero a Delegación de Goberno non autoriza a toma do cuartel militar e trata de evitar sempre que as organizacións obreiras tomen demasiado poder (nese momento destaca a figura do comunista José Miguel Pérez, e nalgúns municipios como Tazacorte as organizacións comunistas teñen unha grande importancia). Á chegada da canoneira Canalejas, a Delegación do Goberno decide non ofrecer ningún tipo de resistencia armada e ordena desmobilizar as milicias populares, confiando en que o Goberno da República mandase reforzos, que o golpe fracasase e que a legalidade se restablecese en todo o Estado.

Ditadura e Democracia[editar | editar a fonte]

A guerra civil non se librou nas Canarias, pero a pesar diso si se sufriron as consecuencias da mesma. O período da posguerra, unido á crise económica producida, trouxo anos de penurias á illa. Debido á carencia de bens de importación, os palmeiros tiveron que basear a súa alimentación no plátano, xerando unha gran variedade de produtos derivados do mesmo como a fariña de plátano. Unha vez finalizada as posguerra, La Palma foi desenvolvendo a súa economía e infraestruturas aos poucos. Recuperáronse as exportacións do plátano e comezou a construción de estradas e canles para transportar a auga dos regatos aos campos de cultivo. A obra máis importante da época foi a construción da estrada do cume, que unía os municipios de Santa Cruz de la Palma e Los Llanos de Aridane a través dun túnel por baixo dos cumes da illa, acurtando bastante a duración do percorrido, unida á posta en funcionamento do aeroporto. Coa chegada da democracia, a economía da illa, fortemente dependente da agricultura do plátano, foise diversificando cara a outros sectores, especialmente o turístico, que constitúe hoxe en día o principal motor da economía canaria.

Administración[editar | editar a fonte]

La Palma, como parte da Comunidade Autónoma das Canarias, depende en función das distintas competencias, do Goberno de España, do Goberno das Canarias e do Cabido insular de La Palma.

Dirección Insular da Delegación de Goberno nas Canarias[editar | editar a fonte]

A cargo de Ana María de León Expósito desde 2018, é a institución encargada de representar ao Goberno de España na illa e de xestionar todas aquelas competencias que non sexan transferidas ao Goberno das Canarias. A sede da Dirección Insular atópase na avenida marítima de Santa Cruz de la Palma.

Cabido Insular da Palma[editar | editar a fonte]

Os cabidos, formados a partir da Lei de cabidos de 1912, son as formas gobernativas e administrativas propias das Illas Canarias e cumpren dúas funcións principalmente. Por unha banda, prestan servizos e exercen competencias propias da Comunidade Autónoma e por outra, son a entidade local que goberna a illa. O presidente do Cabido desde 2019 é Mariano Hernández Zapata, do Partido Popular.

Deputado do Común[editar | editar a fonte]

O Deputado do Común é o Defensor do Pobo nas Canarias. Desígnao o Parlamento das Canarias para a defensa dos dereitos e liberdades constitucionais no ámbito económico. A súa sede principal atópase na rúa O'Daly de Santa Cruz de la Palma. Non é un órgano administrativo exclusivo de La Palma, pois exerce as súas funcións no ámbito autonómico e conta con delegacións no resto de illas.

Relixión[editar | editar a fonte]

A maioría da poboación é católica. En cada localidade existe un santo patrón, cuxa festividade se celebra con romarías, festas e actos relixiosos. A patroa da illa é a Virxe das Neves cuxo santuario se atopa en Santa Cruz de la Palma. Cada cinco anos ten lugar a Baixada da Virxe, unha festa multitudinaria na que se leva a patroa en procesión desde o seu santuario á capital da illa.

Economía[editar | editar a fonte]

Actualmente cultívanse unhas tres mil hectáreas de plátano, ademais de cítricos, aguacate, verduras e uva, destinada á elaboración de viño. O traslado da auga dos cumes ás hortas faise a través dunha rede de galerías e canles. Unha fonte importante de ingresos, aínda que máis modesta, é o turismo, que se concentra nas localidades de Los Cancajos e Puerto Naos.

Industria e comercio[editar | editar a fonte]

Pequenas industrias e establecementos[editar | editar a fonte]

Ao contrario da agricultura, as manufacturas e a industria teñen unha presenza escasa en La Palma. Na illa existen algúns establecementos que transforman os produtos da terra en produtos de consumo. Tamén, grazas ao turismo, a industria da construción ten unha presenza cada vez maior na illa. Só existe unha fábrica, a fábrica de puros del Paso, con 300 traballadores, que produce grandes cantidades de cigarros. O mercado principal é o alemán. Tamén existen pequenos obradoiros de bordados e de sedas.

Comercio[editar | editar a fonte]

As exportacións principais de La Palma son as de produtos agrícolas. A pesar diso, a balanza de importacións e exportacións segue sendo negativa na illa, é dicir, impórtase máis do que se exporta. Entre os produtos exportados atópase o plátano, laranxas, limóns e produtos agropecuarios. As importacións principais, xeralmente do resto de España, son o petróleo, produtos de consumo e produtos mecánicos e eléctricos.

Turismo[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

En 1890 existían máis hoteis en La Palma que actualmente. No final do século XIX e principios do XX, moitos ingleses convalecentes visitaban a illa á busca de curacións. Unhas décadas máis tarde comezou o turismo moderno, tendo a súa cota máis alta nos anos 60. Nas décadas dos 70 e 80 reduciuse o número de turistas, afastándose a illa do turismo de masas que se estaba desenvolvendo na illa veciña de Tenerife. No final dos 80, coa ampliación do aeroporto comezaron a chegar voos chárter procedentes de varias cidades europeas.

Centros turísticos[editar | editar a fonte]

Cunha oferta de 7500 camas, en La Palma non se pode falar de turismo de masas. Exiten poucos hoteis grandes, posto que normalmente os turistas alugan apartamentos ou casas. Os alemáns conforman o 80% dos visitantes da illa. Na zona de Los Llanos de Aridane e El Paso existe unha importante colonia de residentes alemáns que escolleron a illa como o seu lugar de residencia permanente.

Perspectivas[editar | editar a fonte]

Non se pode predicir se La Palma seguirá sendo un lugar tranquilo con pouco turismo ou se sucumbirá ao turismo de masas. As autoridades (tanto do cabido como dos distintos concellos) e os grupos ecoloxistas, non se poñen de acordo sobre o número máximo de camas que podería soportar a illa. Algúns datos sitúano en 80 mil, aínda que os máis moderados só estiman 20 mil. Desde mediados dos 90 visitan a illa uns 140 mil turistas cada ano, dos cales 100 mil son alemáns. A agricultura segue sendo, con todo, a maior fonte de riqueza da illa. As praias de Los Cancajos e Puerto Naos ostentan a bandeira azul, o que garante un alto nivel de calidade.

Turismo rural[editar | editar a fonte]

Desde hai algúns anos, implantouse na illa o denominado Turismo Rural. Esta modalidade turística consiste na remodelación e modernización de casas antigas para convertelas en casas de hóspedes, respectando a arquitectura tanto interior como exterior. Este proxecto, financiado pola Unión Europea, axuda a preservar as paisaxes da illa, pois non permite construír nada novo, tan só se poden remodelar casas antigas.

Transportes[editar | editar a fonte]

Rede de estradas[editar | editar a fonte]

Ponte de Los Sauces

As estradas de La Palma forman unha rede de 1.200 quilómetros. Todas as estradas principais están asfaltadas e en bo estado, aínda que practicamente todas presentan moitas curvas, algunhas moi pechadas. Para acceder a algúns casaríos do norte hai que transitar por pistas de terra. Existe unha estrada de circunvalación da illa, duns 180 quilómetros. Estritamente, esta circunvalación está composta por dúas estradas, a LP-1 e a LP-2. A LP-1, circunvalación norte de 102,43 km, parte de Santa Cruz de la Palma e termina en Argual, pasando por (ou preto de) Puntallana, Los Sauces, Barlovento, Garafía, Puntagorda e Tijarafe. A LP-2, circunvalación sur, de 55,45 Km, parte de Santa Cruz de la Palma e termina no Porto de Tazacorte, pasando por (ou preto de) Breña Baja, Mazo, Fuencaliente, Los Llanos e Tazacorte. A LP-3, de 25,90 Km, tamén coñecida como carretera de la Cumbre, é unha estrada de montaña que atravesa a illa de leste a oeste pasando por dous túneles escavados baixo Cumbre Nueva. A súa orixe está a 3 km de Santa Cruz e finaliza no cruzamento de Tajuya (El Paso). A LP-4, de 47,84 km, estrada do Roque, sobe ao observatorio astrofísico do Roque de los Muchachos, baixando ata Hoya Grande (Garafía) pola vertente norte da illa. A LP-5, estrada do Aeroporto, de 3,8 Km. parte do barrio do Fuerte (Breña Baja), e acaba no Aeroporto de La Palma. A LP-20, vía exterior de Santa Cruz de la Palma, é unha circunvalación de 3,7 km que evita o paso polo centro urbano da capital, posúe 5 túneles que cos seus 1831 m de lonxitude constitúen o 49% do total da vía. A rede insular complétase con 47 estradas máis, de carácter secundario. A orixe de todas as estradas, punto quilométrico cero da illa, fíxase na rotonda de acceso ao porto de Santa Cruz (Glorieta de Blas Pérez González).

Transportes públicos[editar | editar a fonte]

Existen varias liñas de guaguas que unen as principais localidades da illa a distintas horas. Para coñecer detalles actuais sobre o servizo pódese acceder á páxina oficial dos Transportes Insulares La Palma.

Transportes marítimos[editar | editar a fonte]

A baía da capital foi usada como porto desde a conquista da illa. Actualmente parten transbordadores de Santa Cruz de la Palma para as demais illas, e unha vez por semana para Cádiz. O novo porto de Tazacorte posúe unha conexión semanal con Tenerife vía Santa Cruz de la Palma.

Transportes aéreos[editar | editar a fonte]

En 1950 entrou en servizo o Aeroporto de Buenavista, o primeiro aeroporto da Palma, que estaba localizado en Breña Alta. Con todo, debido aos problemas meteorolóxicos e á imposibilidade de amplialo para dar cabida aos novos avións motopropulsados, deixou de utilizarse en 1970, cando entrou en funcionamento un novo aeroporto na costa de Mazo. En 1987 o Aeroporto de La Palma pasou ao sexto lugar do arquipélago en número de operacións. Actualmente, Binter Canarias e Islas Airways realizan as conexións aéreas coas demais illas. Iberia ofrece conexións coa península e Transavia e outros operadores chárter e de baixo custo unen a illa con diversas cidades europeas.

Astronomía[editar | editar a fonte]

O Telescopio MAGIC, no Roque de los Muchachos

Debido á localización da illa e á altura que alcanza sobre o nivel do mar, construíronse numerosos telescopios no Observatorio do Roque de los Muchachos. A localización xeográfica, no medio do Atlántico, e o peculiar clima provocan a formación de nubes entre os 1.000 e 2.000 m de altura, que fan de espello e impiden que a contaminación luminosa das poboacións da costa dificulte a observación das estrelas.

Telescopios:

O DOT e o SST foron construídos para estudar o Sol.

Deportes[editar | editar a fonte]

Baloncesto[editar | editar a fonte]

Desde os anos 80 vénse practicando o baloncesto de forma masiva nos colexios da illa e alcanzou gran popularidade, especialmente entre a poboación nova. O principal equipo da illa e segundo mellor de toda Canarias é o Unión Baloncesto La Palma que xoga no Pavillón de Miraflores de Santa Cruz de la Palma e milita na liga LEB (2ª liga nacional). O C.B. Aridane milita en grupo B da liga EBA (4º nacional). Ademais hai outros equipos que xogan nas ligas rexionais e locais.

Deportes autóctonos[editar | editar a fonte]

En La Palma practícanse numerosos xogos autóctonos. Algúns proveñen de antigos métodos de traballo, como o Salto del Pastor, que é a forma que tiñan os pastores de descender desde os cumes, ou o Calabazo, que era a forma de pasar auga dunha canle a outra. Entre os deportes canarios practicados na illa, caben destacar os seguintes:

Loita canaria[editar | editar a fonte]

Unha loitada.

A loita desenvólvese dentro dun círculo, xeralmente de area, denominado terrero. Nel, dous loitadores enfróntanse agarrados intentando derrubarse. O organismo da illa que vela por este deporte é a Federación Insular de Loita Canaria, e ten a súa sede en Los Llanos de Aridane.

En La Palma existen 10 terreros distribuídos por nove municipios:

  • San Andrés y Sauces:
  1. Terrero San Andrés y Sauces
  • Santa Cruz de la Palma:
  1. Terrero Candelaria
  2. Terrero Benahoare
  • Breña Alta:
  1. Terrero Antonio García
  • Mazo:
  1. Terrero de Villa de Mazo
  • Fuencaliente
  1. Terrero JC Martín
  • El Paso:
  1. Terrero Tamanca-Las Manchas
  • Los Llanos de Aridane:
  1. Terrero Camilo León
  • Tazacorte:
  1. Terrero de Tazacorte
  • Tijarafe:
  1. Terrero de Tijarafe

La Palma posúe varios clubs que participan na Liga Rexional do Goberno das Canarias. Estes clubs son o Bediesta (de San Andrés y Sauces), o Candelaria-Mirca e Tedote (de Santa Cruz de la Palma), o Balta (de Breña Alta), o San Blas (de Mazo), o San Antonio (de Fuencaliente), o Las Manchas (de El Paso), o Aridane (de Los Llanos), o Tazacorte (de Tazacorte) e o Candelaria-Tijarafe (de Tijarafe).

Pau canario[editar | editar a fonte]

Demostración de Pau Canario.

O xogo do pau canario é unha arte marcial que se practica entre dous xogadores que, sen chegar a facer contacto co corpo do adversario, realizan un combate con paus. O xogo do pau, na súa orixe, non tiña carácter lúdico, senón que era un método de combate utilizado polos canarios precoloniais. Na illa de La Palma, existen dous clubs membros da Federación do Xogo do Pau, o Club Escola-El Paso e o Club Grupo Galguén. Estes clubs participan na Liga do Xogo do Pau, na que compiten equipos de La Palma, Tenerife, Lanzarote, Gran Canaria e Fuerteventura. Malia carecer de clubs, séguese mantendo a tradición en forma de exhibicións, especialmente nas festas relixiosas. O estilo vidal é orixinario de Garafía.

Bóla canaria[editar | editar a fonte]

Similar ao xogo francés da petanca, a bóla canaria practícase pouco na actualidade no resto de illas, pero en La Palma existen varios equipos e canchas. Basicamente consiste en sumar equipos mediante o lanzamento dunhas bólas que hai que deixar o máis cerca posible dun obxecto chamado mingue ou boliche. Xógase nun terreo rectangular de area ou terra de entre 18 e 25 metros de longo e un ancho de entre 3,5 e 6 metros. En La Palma hai afección a este xogo, participando activamente nas competicións celebradas tanto a nivel insular como rexional.

Deportes acuáticos[editar | editar a fonte]

As características xeográficas dos fondos mariños da illa, xunto coa gran calidade das súas augas, fan de La Palma un lugar especial para a práctica do submarinismo. Os fondos volcánicos de La Palma presentan barrancos e arcos de lava subterráneos. Nalgunhas zonas, debido á gran profundidade, practícase a apnea. Audrey Mestre obtivo o récord de profundidade (125 metros) fronte ás costas de Puerto Naos.

Outros deportes[editar | editar a fonte]

Ademais dos citados, na illa practícanse outros deportes dos que a seguinte é unha pequena relación:

  • Ciclismo: Durante o ano lévanse a cabo varias competicións de ciclismo, destacando a modalidade de ciclismo de montaña.
  • Motocrós: na illa hai varios circuítos, neles adoitan celebrarse probas habitualmente, algunhas delas valedoiras para o Campionato Rexional de Motocrós das Canarias.
  • Rallys de terra: durante todo o ano lévanse a cabo competicións de rally de terra en La Palma, algunhas delas son puntuables no Campionato de Rallys de Terra das Canarias.
  • Fútbol: O fútbol é o deporte por excelencia de La Palma, sendo ademais o que posúe un maior número de seguidores. Os tres equipos locais con máis afeccionados son o Club Deportivo Mensajero, a Sociedad Deportiva Tenisca en Santa Cruz e o Aridane en Los Llanos. No total hai 19 clubs federados. Estes equipos militan na categorías rexionais das Canarias posuíndo a federación tinerfeña de fútbol unha sede na capital da illa. En Santa Cruz de la Palma existe un club de fútbol sala tamén membro da federación.
  • Outros deportes minoritarios, que ademais exercen atracción entre os turistas, son o parapente, surf, sendeirismo e espeleoloxía. No caso da espeleoloxía, a súa práctica na illa evolucionou nos últimos 10 anos ata convertela nun dos referentes da actividade no arquipélago.

Festas[editar | editar a fonte]

Danza do Minué

Cada municipio de La Palma posúe as súas festas patronais, e mesmo hai festas independentes nalgúns barrios, como é o caso de Argual, no municipio de Los Llanos. Ademais diso, cada cinco anos ten lugar a baixada da Virxe das Neves desde o seu santuario ata a capital da illa. Durante estas celebracións, á parte da romaría que acompaña á patroa ata Santa Cruz e viceversa, fanse representacións da conquista da Illa, simulacións de rituais guanches e a Danza dos Ananos, a festa máis coñecida da illa, na cal uns ananos vestidos con traxes do século XIX desfilan polas rúas da capital practicando unha danza característica. A outra representación importante é o baile do Minué, no que se imita unha danza do século XIX. O folclore palmeiro é similar ao do resto das Canarias, exceptuando o baile do sirinoque, que é oriúndo da illa.

O Entroido é outra das festas que máis se celebran. A pesar de contar con todos os elementos característicos dos entroidos canarios (raíña do entroido, comparsas, charangas etc.) o entroido palmeiro destaca pola celebración dos Indianos. Esta festa, que ten lugar o luns do entroido, é unha burla aos indianos, é dicir, aos palmeiros retornados das Américas. Para a ocasión, todo o mundo disfrázase con traxes de encaixe e guayaberas de branco impoluto, da mesma forma que regresaban os adiñeirados emigrantes. Tras unha representación na que un barco de época chega ao porto cheo de indianos, cos seus papagaios, serventas (coñecidas como a negra Tomasa) e demais elementos característicos, comeza unha batalla campal de pos de talco polas rúas da capital ao ritmo do son cubano.

Tamén ten gran tradición a celebración do Día da Cruz o 3 de maio nas vilas da comarca leste da illa, no que se conmemora dobremente a fundación da cidade de Santa Cruz de la Palma, acaecida o 3 de maio de 1492 e a festividade da Cruz, para o que se enramallan e visten con xoias numerosas cruces repartidas por cada vila e barrio. É costume visitar as diferentes cruces na noite anterior.

Festas oficiais de toda a illa
Data Nome Notas
1 de xaneiro Aninovo
6 de xaneiro Día de Reis
1 de maio Día do Traballo
30 de maio Día das Canarias
25 de xullo Santiago Apóstolo Patrón de España
5 de agosto Nosa Señora das Neves Patroa da Palma
15 de agosto Asunción Celebración da Virxe da Candelaria (Patroa das Canarias)
12 de outubro Día da Hispanidade Festa Nacional de España
1 de novembro Todos os Santos
6 de decembro Día da Constitución
8 de decembro Inmaculada Concepción Patroa de España
25 de decembro Nadal

Gastronomía[editar | editar a fonte]

A gastronomía palmeira destaca por ser unha das máis elaboradas do arquipélago, especialmente no que se refire ás súas sobremesas, presentes na maioría das illas, e aos mollos.

Mouros e Cristiáns

Pratos principais[editar | editar a fonte]

  • Papas arrugadas (patacas engurradas)
  • Mollos vermello, verde e de coriandro
  • Mouros e Cristiáns
  • Sopa de garavanzos ou Garbanzas
  • Coello en salmorejo
  • Potaxe de Trigo
  • Escaldón

Sobremesas[editar | editar a fonte]

Bebidas[editar | editar a fonte]

  • Viño (especialmente o de malvasía e o de tea)
  • Ron de cana
  • Mistela
  • Parra

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Decreto 1458/2018, de 14 de diciembre, por el que se declaran oficiales las cifras de población resultantes de la revisión del Padrón municipal referidas al 1 de enero de 2018. 29 de decembro de 2018.
  2. "Dicionario - Real Academia Galega". academia.gal. Consultado o 2019-12-16. 
  3. ASALE, RAE-; RAE. "palmero, palmera | Diccionario de la lengua española". «Diccionario de la lengua española» - Edición del Tricentenario (en castelán). Consultado o 2019-12-16. 
  4. Martínez, Eduardo (2007-07-07). "Un tsunami que nace en La Palma". www.canarias7.es (en castelán). Consultado o 2019-12-16. 
  5. "Malletje". www.exitmundi.nl. Consultado o 2019-12-16. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]