Saltar ao contido

Afonso III de Oviedo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Afonso III de Asturias»)
Modelo:BiografíaAfonso III de Oviedo

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Adefonsus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento852 Editar o valor en Wikidata
Lugo, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de decembro de 910 Editar o valor en Wikidata (57/58 anos)
Zamora, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturapanteón real da catedral de Oviedo Editar o valor en Wikidata
Monarca do Reino de Galicia
866 – 910
← Ordoño I de OviedoOrdoño II de Galicia e León → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióngobernante Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloRei de Galicia Editar o valor en Wikidata
FamiliaDinastía ástur-leonesa Editar o valor en Wikidata
CónxuxeXimena Garcés Editar o valor en Wikidata
FillosGarcía I de León, Ordoño II de Galicia e León, Froila II Editar o valor en Wikidata
PaisOrdoño I de Oviedo Editar o valor en Wikidata  e Nuña Editar o valor en Wikidata
IrmánsLeodegundis Ordoñez
Odoario Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGran Enciclopedia Galega Silverio Cañada
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Alfonso III. Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1521266 WikiTree: Asturias-27 Find a Grave: 104306991 Editar o valor en Wikidata

Afonso III alcumado o Grande, nado no 852[1] e finado en Zamora o 20 de decembro de 910, foi rei de Galiza entre os anos 866 e 910.[a] Fillo de Ordoño I, foi o derradeiro rei da Galiza altomedieval que reinou desde a cidade de Oviedo. A súa autoridade viuse severamente cuestionada en múltiples ocasións ao longo do seu reinado. Por este motivo foron creadas na súa corte as chamadas crónicas asturianas (Albeldense e de Afonso III), textos que lexitimaban o rei ligando a súa xenealoxía coa dos derradeiros monarcas visigodos.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nado en Lugo, segundo algún dos seus biógrafos,[14] Afonso foi criado na corte de Oviedo. Con só dez anos de idade, en 862, foi asociado ao trono polo seu pai e, nese mesmo ano, aparece asinando como rei (Adefonsus rex)[15] nun documento que confirma a ampliación do señorío da igrexa de Santiago.[16] Será precisamente durante o seu reinado cando principie unha ambiciosa reforma da catedral de Santiago de Compostela, que el mesmo consagrará o 6 de maio de 899.[17]

Revoltas nobiliarias

[editar | editar a fonte]
Afonso e Ximena no Libro dos Testamentos (Oviedo)

Afonso subiu ao trono en 866, trala morte do seu pai Ordoño. De xeito case inmediato, o conde de Lugo Froila Xemúndiz rebelouse contra el, proclamándose rei en Oviedo. Isto obrigou a Afonso a buscar refuxio na parte oriental do reino, lugar do que só puido regresar meses despois, cando Froila foi asasinado polos seus partidarios.

Retomado o control do reino tivo que liderar unha campaña militar para enfrontar unha nova revolta, esta vez nos territorios vascóns. É probábel que para asegurar a pacificación da zona contraese matrimonio, no ano 873,[18] con Ximena Garcés, filla do rei de Navarra.[19] Deste casamento nacerían varios fillos, tres deles: Ordoño II, García I e Froila II, chegarían a ser tamén monarcas do reino.[20]

Non foron estas as únicas rebelións que tivo que enfrontar Afonso, un rei cuxa lexitimidade foi posta a proba de xeito continuado. Algúns exemplos son: o levantamento de Flacidio, conde de Lugo en 874;[21] A conspiracións dos seus irmáns no ano 876. Un deles, Bermudo, mantívose en rebeldía durante sete anos desde a cidade de Astorga;[22] A conxura do nobre Hermenexildo Peres e a súa dona Iberia do 886;[23] ou a revolta do conde galego Vitiza entre os anos 887 e 895.[20]

A continua sucesión de levantamentos nobiliarios explícase pola resistencia presentada ao proceso de centralización e expansión da autoridade rexia que tiña lugar na altura. Por este motivo, foi creado na corte ovetense un novo artefacto ideolóxico: o neogoticismo. Un ideario que lexitimaba o rei Afonso inventando unha liña xenealóxica que o emparentaba con Rodrigo, o último rei visigodo.[24] Alén diso, funcionaba tamén como xustificación política para a "reconquista" de territorios na Hispania musulmá. Neste contexto escribíronse as denominadas crónicas asturianas: a Albeldense e a Crónica de Afonso III, uns textos de enorme influencia sobre a historiografía posterior.

Expansión territorial

[editar | editar a fonte]
Bispados do reino galego en tempos de Afonso III: Braga (metrópole), Dumio, Porto, Tui, Ourense, Iria (Compostela), Lugo, Britonia (Mondoñedo) e Astorga.[25][b]

As revoltas non foron na época patrimonio exclusivo do reino cristián. Tamén o emirato cordobés se achaba nun período de inestabilidade interna, no que abundaban as sublevacións e as convulsións políticas. A desunión entre os musulmáns foi aproveitada para a expansión militar dos dominios cristiáns. Así, se no comezo do reinado de Afonso III a liña fronteiriza apoiábase nas prazas fortes de Tui, Astorga, León e Amaia Patricia, no final chegaba até as beiras do río Mondego, e desde Simancas seguía o curso do río Pisuerga até os territorios burgaleses do Arlanzón.[28]

Nestes anos foron fortificadas cidades como Astorga, León e (sobre todo) Zamora. E, mentres no oriente peninsular se mantiñan as fronteiras, na fachada atlántica, as mesnadas dos magnates galegos avanzaban con decisión cara ao sur. Fitos destacados do avance foron a conquista do Porto polo conde Vímara Peres, en 868. Feito que moveu as fronteiras cristiáns até a liña do río Douro creando un novo señorío: o condado portucalense; e a conquista de Coímbra polo conde Hermenexildo Goterres, en 878, estendendo o reino até o río Mondego. O conde Hermenexildo asumiu tarefas de goberno nos novos territorios conquistados, e ocupou anos máis tarde o cargo palatino de mordomo real. Unha das súas fillas, Elvira, casou no ano 900 con Ordoño, fillo do rei, quen pasaría nos dominios dos Goterres gran parte da súa mocidade.[29]

O avance das fronteiras cara ao sur peninsular motivou o traslado de funcións militares e políticas desde antiga capital Oviedo ata unha cidade máis ao sur, Legio (León). A cidade de León, supoñía un importante enclave estratéxico, pois alí confluían dúas importantes rutas: por unha banda a vía que unía Braga con Bordeos, e por outra a ruta da prata, que chegaba a Galiza dende Hispania, pasando polas cidades de Sevilla e Mérida. Do mesmo xeito que acontecera con Oviedo, o feito de que carecera de bispo e señor feudal -non así a veciña Astorga- facía daquel antigo asentamento militar romano un lugar axeitado para a nova corte real. A cidade galega de León[30][31][32] converteuse pois a comezos do século X na nova capital do reino[33][34].

Derrocamento e morte

[editar | editar a fonte]
Representación imaxinaria do rei Afonso III (século XIX)

Pouco antes do ano 910 Afonso III sufriu unha nova tentativa de derrocamento, esta vez a mans do seu fillo primoxénito, García. Casado con Munia -filla do conde castelán Munio Fernández-, García encabezou a conxura instigado polo seu sogro e apoiado pola propia raíña Ximena. Opostos á tentativa situáronse Hermenexildo Goterres e a alta nobreza da Galiza nuclear, tradicionalmente hexemónica na corte.[29] Após un período de inestabilidade, Afonso III deixou finalmente o poder, herdando García o reino e facendo efectivo o definitivo traslado da sede rexia desde Oviedo a León. En resposta ao golpe de estado, o 7 de xuño de 910, os magnates galegos reuníronse en asemblea en Lugo, proclamando a Ordoño II rei privativo da Galiza nuclear (a actual comunidade autónoma galega máis o norte de Portugal).[35] Outro dos fillos de Afonso, Fruela retivo o control da histórica sede ovetense e da franxa litoral cantábrica.

O 20 de decembro desde mesmo ano, con 62 anos cumpridos, faleceu Afonso III na cidade de Zamora.[18] Os seus restos foron sepultados na Catedral de Astorga, para ser trasladados posteriormente á igrexa de Santa María de Oviedo e, xa no século XVII incorporados ao panteón real da Catedral de dita cidade.

  1. Malia que a historiografía tradicional adoita presentar a Afonso como rei de Asturias, o rei non aparece referido nunca deste xeito,[2] e tampouco existe un reino de tal nome entre a documentación histórica medieval.[3]
    Polo contrario, os textos da época sinálano inequivocamente como rei de Galicia:
  2. Nesta versión da crónica Albeldense non aparecen as dioceses de Oviedo e León, territorios incluídos nos bispados de Britonia e Astorga. Porén, existen outras versións da crónica que si as inclúen,[26]. Para algúns estudosos isto é debido a interpolacións posteriores, toda vez que a catedral de Oviedo data do século IX e a de León do X.[27]
Referencias
  1. Carriedo Tejedo (1993). p.139
  2. Fletcher, Richard A. (1984). "Appendix C". Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF) (en inglés). Oxford: Oxford University Press. p. 319. ISBN 0198225814. Alfonso III normally styled himself, in his charters, simply Adefonsus rex 
  3. Besga Marroquín, Armando (2011). "El problema del nombre (y de la naturaleza) del Reino de Asturias". Letras de Deusto (en castelán) 41 (130): 154. el nombre "reino de Asturias" no aparece en la documentación de la época (..) la fórmula regnante in Asturias (..) sólo fue una forma de datar los documentos 
  4. Murado López, Miguel-Anxo (2013). Outra idea de Galicia. Debate. p. 60. ISBN 978-84-9992-346-8. Adefonsus regi Gallaeciarum 
  5. Vigil, Ciriaco Miguel (2003) [1887]. Asturias monumental, epigráfica y diplomática (en castelán). Maxtor. p. 57. ISBN 84-9761-086-5. Adefonso glorioso regi Gallitiarum 
  6. Campión, Arturo (1925). "Los orígenes de la Monarquía Navarra" (PDF). Revista internacional de los estudios vascos (3): 241–288. Regnante Rege (..) Adefonssus in Gallecia 
  7. Santos Coco, Francisco (ed.). Historia Silense (1921 ed.). p. 36. Ordonium (II) insignem militern Aldefonsus Pater, Magnus et Gloriosus Rex vivens Galliciensium provinciae praefecerat 
  8. González García, Alberto (2014). La proyección europea del Reino de Asturias: Política, Cultura y Economía (718-910) (PDF). p. 247. Carolus rex princeps et Adefonsus rex Galliciarum, filius Ordinis regis, contemporanei fuerunt amicitiasque maximas, dum vixerunt, ad invicem habuerunt 
  9. Risco, Manuel (1796). España Sagrada (en latín). XL: Antiguedades de la ciudad y s.ta iglesia de Lugo. Madrid. pp. 384–392. 
  10. Conde, Jose Antonio (1844). Historia de la dominación de los árabes en España (en castelán) 1. p. 330. (Alfonso III el Magno) rey de Galicia 
  11. Gómez-Moreno, Manuel (1917). Desglose de “iglesias mozárabes” (en castelán). Centro de Estudios Históricos. Junta para Ampliación de Estudios. pp. 105–140, en 107. Adefonso hijo de Ordoño, rey de Galicia 
  12. López Carreira 2005, p. 228: “García fillo de Afonso, rei dos galegos”, “Ordoño fillo de Afonso, rei dos galegos”, “García fillo de Afonso desacatara o seu pai, rei de Galicia”, “Ordoño fillo de Afonso, rei de Galicia”.
  13. López Carreira 2005, p. 203.
  14. Cotarelo Valledor (1933). p.67
  15. López Ferreiro, Antonio (1899). "Apéndice IV". Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela II. 
  16. López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa a. m. iglesia de Santiago de Compostela 2. p. 153. 
  17. López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela II. p. 191. 
  18. 18,0 18,1 Carriedo Tejedo (1993). p.145
  19. Carriedo Tejedo (1993). p.143
  20. 20,0 20,1 Peres Vigo, Alexandre (2022-09-21). "Afonso III e Xemena. Os restauradores da Gallaecia". Nós Diario. Consultado o 2022-09-29. 
  21. Cotarelo Valledor (1933). p.204
  22. Cotarelo Valledor (1933). p.244
  23. López Ferreiro, Antonio (1899). Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago de Compostela II. p. 176. 
  24. López Carreira (2005). p.191
  25. Chonicon Albeldense. Ano 881. Braga metrópole, Dumio, Porto, Tui, Ourense, Iria, Lugo, Britonia e Astorga (Quarta prouintia Galliciam: Bracara metropoli, Dumio, Portucale, Tude, Auriense, Yria, Luco, Uittania et Asturica) 
  26. Chonicon Albeldense (PDF). Ano 881: Item notitia episcoporum cum sedibus suis. (Sé rexia (Oviedo), Braga, Lugo, Dumio, Mondoñedo (Britonia), Iria (Compostela), Coimbra, Lamego, Ourense, Porto, León, Astorga) 
  27. Barbosa Álvares, José Manuel (2021). A evolução histórica dos limites da Galiza. Através Editora. p. 149. 
  28. López Teixeira (2010). pp.133-134
  29. 29,0 29,1 Ermida Meilán, Xosé Ramón (2022-09-22). "Ordoño II e Elvira Mendes. Uns reis galegos en loita contra Castela". Nós Diario. Consultado o 2022-10-05. 
  30. Risco, Manuel (ed.). España Sagrada. p. 429. Ano 874: Diploma nº6. Colección Documental da Catedral de León: "in civitate quo uocitatur Legio, in territorio Gallecie / Na cidade chamada León, no territorio de Galicia 
  31. Sáez, Emilio (ed.). Colección documental del Archivo de la Catedral de león (775-1230):I (785-952) (1969 ed.). Ano 946. Diploma nº192. Colección Documental da Catedral de León: "in Legione de Galletia / en León de Galicia 
  32. del Bosco, Stefano (S.XII). Il martirologio della Certosa. apud Legionem, Gallaeciae urbem" / "en León, cidade de Galicia 
  33. Conde, Jose Antonio (1844). Historia de la dominación de los árabes en España 1. p. 406. Medina Leionis capital de Galicia 
  34. Ibn Hawqal. Romani Suay, ed. Configuración do mundo (PDF) (1971 ed.). p. 63. […] frente as dúas cidades galegas de Zamora e León. León é a residencia do seu soberano. 
  35. Álvarez Álvarez, César. "Ordoño II". Real Academia de la Historia (en castelán). Consultado o 2022-10-05. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Os reis e as raíñas da Galiza.
Afonso III e Xemena. Os restauradores da Gallaecia.
(Nós Diario, 21.09.2022)

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Reino de Galicia

Segue a:
Ordoño I
Afonso III de Oviedo
Precede a:
García I
Dinastía dos Ramírez (842-910)